Un poema inédito de Chus Pato

Publicamos un poema inédito de Chus Pato xunto coa gravación da súa lectura, realizada pola propia poeta. O título triplo corresponde ás tres partes do poema, cada unha delas escrita arredor dos sons dun silabario, dunha palabra inaudita e do Stalker.

Entrementres, estamos a preparar edición de m-Talá coa que se vai conmemorar o vixésimo aniversario da súa publicación. Sairá publicado este outono como un volume extra do que ha ser a Obra completa da poeta.

 

 

 

Os sons dun silabario – O son dunha palabra que nunca escoitei – O son do Stalker

 

: : : : antracita
: : : : beladona               purpúrea
: : : : carbúnculo
: : : : dixitais
: : : : estraloque
: : : : deixa que se acheguen
: : : : gorxa
: : : : pentaloxía timúrida                Herat
: : : : itifálico —pedra alta— limia/lascaux
: : : : K
: : : : L : : : : M
: : : : arco de medio punto que abeira paseantes sorprendidos por chuvias imprevistas

nenúfar

palabra que usamos para indicar a flor que recibe ese nome. Calquera turista interesada pode visitar na Orangerie “As ninfeas” de Monet. O edificio da Orangerie está preto do Jeu de Paume, o Jeu de Paume é un frontón e indica entre outras cousas que os territorios de Nafarroa Beherea, Lapurdi e Zuberoa pertencen ao Estado francés. Calquera turista ou emigrante limiao en París, poñamos na década dos corenta do século pasado, podería traducir o título desta pintura por “As auganas de Monet”. Augana é a palabra que os e as limiás usaban, se cadra aínda o fan, para sinalar un nenúfar cando na Antela florecían. Nós, nacidas no ano da desecación, nunca as vimos, moito nos prestaría escoitar a alguén vivo ou defunta pronunciar “augana” e de vez ver cos ollos da lembranza o referente flotando sobre as augas 

: : : : letra que abeira pegureiros das chuvias de abril e das tronadas de maio
: : : : segundo apelido do meu pai
: : : : primeiro apelido do meu pai
: : : : emiratos ¿aínda está viva?
: : : : a constelación do Stalker

As casas son dúas, rodeadas por un bosque, e nelas cúmprense os desexos recónditos. Nunha delas o heroe esgana a unha muller posuída, de regreso crúzase coa constelación do Anticristo e dá en considerar que a raposa, o corvo e a cerva tamén poden ser redimidos. O Stalker sae dos límites da fraga ou “natureza primixenia”, os corpos das mulleres queimadas ao longo do tempo van cara á montaña. Benaventuradas.

: : : : Stalker
: : : : Tarkovsky
: : : : u
: : : : uve de vitoria / arado
: : : : uve dobre / punta de frecha / arado
: : : : incógnita
: : : : camiño que se bifurca
: : : : Zona

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s