“Decálogo da novela”, por Iván García Campos

“Maleta”, fotografía de Alfredo Castelos

 

Despois do “Decálogo da novela” publicado por Carlos Lema hai uns meses en euseino.org, o novelista Iván García Campos proponnos o seu propio decálogo para pensar cal é a función da novela hoxe e como se debe enfrontar o escritor ao feito de “para que”, “como” e “por que” escribir unha novela. As razóns polas que ler e escribir ficción. ¿Que esperar dunha novela? ¿Que importancia ten a historia que conta? ¿Que manda na novela, a arte ou a persuasión? ¿As novelas apréndennos algo? ¿Ler ficción debe distraer ou perturbar? ¿Cal é o valor —que non o prezo— dunha novela? Neste artigo, o autor de O viaxeiro perfecto introdúcenos na arte de narrar como forma de estar no mundo.

 

A narrativa como disciplina artística

1) Espera. Hai un aspecto desacougante en como ás veces nos achegamos ás novelas. Nese carácter didáctico e utilitario que por veces lles outorgamos. Dicimos de tal novela que ensina sobre a vida en parella; doutra, que nos amosa como a dor pode ser un estímulo na vida, e así. Coma se os autores lles ensinasen cousas aos lectores. En realidade, ningunha novela debería poder resumirse nunha lección de ningún tipo. A novela é sen un porqué e, mesmo sen ese porqué, é indispensable que exista: non nos deberían de entregar ningún saber, senón un lugar de incerteza, curiosidade e espera.

2) Incerteza. Unha novela debería ser unha máquina de suxerir preguntas, de posibilitar a aparición dun ou varios presentimentos, en ningún caso de convencer a ninguén de nada. Unha novela é un libro vivo cando o lector, despois de a ler, acaba tendo máis incertezas ou facéndose máis preguntas sobre a vida das que se facía antes.

3) A arte é unha disposición. Os bos argumentos xamais perden o tempo argumentando. Que cada pasaxe estea cargada de sentido.

4) Complexidade. Escribir é escoller un anaco de realidade e multiplicar ou espallar esa experiencia. Coller un anaco finito, unha pequena experiencia da vida, para ampliala na propia mente, ou na allea. Dese xeito, a novela ten moito que ver coa complexidade; con captar a complexidade da vida, o incerto, e tratar de facelo sinxelo, aparentemente certo. Afacerse a que cando un escribe “eu”, en realidade fale de todos nós. O escritor escribe sempre dende un cadro patolóxico que ignora.

5) O inminente. As narracións deberían semellar ilimitadas, desordenadas e azarosas porque o mundo que intentan relatar o é. Saber escribir sobre o que está vibrando ao redor, aínda que a colectividade non o capte.

6) Feitos e ideas. Tanto a ficción concibida a partir dun feito histórico coma a ficción elaborada a partir dun feito da imaxinación procuran ver o que non acontece no acontecemento. Saír do interior dos feitos. Crear é desequilibrar. Na arte, todo depende da execución e da intención que acompaña á narración. Unha idea non fai unha novela.

7) O momento estético. O obxectivo de todo novelista é deter artificialmente o movemento, a vida, de xeito que cen anos despois, cando un lector lea de novo, os personaxes se volvan a mover. Isto acádase moito mellor dende o presente estético que apelando ao pasado estético. Escribir sobre o pasado estético é o opio do escritor de ficción.

8) Nin distraer nin aprender. Máis que para distraer, a novela debería servir para espertar. Non é narrador quen simplemente escribe, senón quen o fai cun certo talante e sobre a base de certos principios. Non se nos debería esquecer que a novela, a literatura en xeral, é unha actividade intelectual vencellada á reflexión e á sensibilidade.

O escritor debería de ofrecer unha obra ao público pero non para acomodarse a el senón para desequilibralo no grao que sexa. O escritor debería saber que dalgún xeito o lector sabe e que non fai falla aprenderlle.

9) Imperativo. O valor da actual narrativa ha depender, en todo caso, da profundidade e o sentido artístico dos que hoxe escriben. De manter a curiosidade pola experiencia da arte e do real. E de actuar sempre baixo un imperativo: “Escribe sempre de xeito que se creen posibilidades novas”.

10) Preguntarse polas razóns para ler e escribir ficción. A ficción fai máis visible a realidade. Unha realidade sen ficción non é entendible e case non existe. A través da ficción cuestionamos e interrogamos o mundo.

Outros artigos sobre a novela en euseino.org

“Do ‘novum’ e da novela”, por Roberto Abuín

“A ficción ficticia”

“A novela, xénero literario moderno”

A posición nihilista: o nihilismo literario”

“A filosofía no obxecto retórico novela-máquina”

“A novela-máquina: enerxía, operador e materia”

“En resposta a Harold Bloom: ¿que é “radicalmente novo”?”

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s