“Decálogo da novela”, por Santiago Lopo

 

“Integrae naturae speculum”, Robert Fludd, 1617

 

Novo “Decálogo da novela”, desta volta a cargo de Santiago Lopo. O autor da Diagonal dos Tolos parte dunha idea da novela como universo de seu, irresistible e exacto. Un poliedro de mundos. Ficcións ousadas, atrevidas, mesmo prohibidas, que retorcen prexuízos ao aproveitar a potencia significativa dos grafemas. Arriscada, hipnótica e liberadora, a novela é coma unha faísca estelar cunha duración propia e unha materia que, igual ca os astros, acubilla séculos. Vidas que se subsomen na memoria, a novela acaba sendo espéculos e miraxes, unhas poucas escenas, algún personaxe, ¿unha lección? Ao cabo, a ficción narrativa permanece pola súa propia metamorfose infinita.

Sección coordinada e editada por Iván García Campos. En semanas vindeiras, novos decálogos escritos por novelistas. A novela pénsase desde a novela, a ficción tamén é reflexión.

 

Un poliedro infinito

1) Libre, coma un big-bang de grafemas. A novela nace dunha explosión creativa e polimorfa que forma un universo de seu.

2) Nutritiva, coma pexego prohibido. Téntanos dende a árbore veciña. Irresistible ao noso padal. Regálanos coñecemento do mundo e instrúenos na ciencia do ben e do mal.

3) Precisa, coma astrolabio de Hipatia. Conta moito con pouco. Non conterá erros de cálculo para evitar que naufraguemos na lectura.

4) Evocadora, coma unha nube á deriva. Fainos soñar espertos. Grazas a ela gabeamos por novos mundos ou apalpamos experiencias xa vividas.

5) Diferente. Alemá e de Camelle. A novela será ousada, esencial e alegal. Xogará cos nosos referentes e retorcerá os nosos prexuízos.

6) Aberta, coma o holograma dun poliedro infinito. Cada nova interpretación enriquecerá a súa potencia significativa, insuflándolle vida.

7) Hipnótica, coma tambor de vodú. Creará adicción. Cambiará o noso ritmo cardíaco. Mergullaranos nunha danza enigmática e descontrolada.

8) Arriscada, coma unha galopada infantil. Sen autocensura. Unha carreira instintiva, liberadora e despreocupada.

9) Inspiradora, coma unha semente na auga. Influirá e modelará, a miúdo sen sabelo, o imaxinario colectivo, a estética futura, as obras vindeiras.

10) Imperecedoira, coma unha áncora vital. A súa mensaxe sobrevivirá o paso dos séculos. As súas imaxes ficarán ocultas na nosa memoria ata que salte a faísca. Ese día lembraremos o plano do tesouro e volveremos á illa.

 

Decálogos da novela anteriormente publicados

“Realidade e compromiso na ficción narrativa”, por Carlos Lema
“A narrativa como disciplina artística”, por Iván García Campos
“Unha teoría do inexplicable”, por Diego Ameixeiras
“A novela como forma de vida”, por Xosé Monteagudo

Outros artigos sobre a novela en euseino.org

“Do ‘novum’ e da novela”, por Roberto Abuín

“A ficción ficticia”

“A novela, xénero literario moderno”

A posición nihilista: o nihilismo literario”

“A filosofía no obxecto retórico novela-máquina”

“A novela-máquina: enerxía, operador e materia”

“En resposta a Harold Bloom: ¿que é “radicalmente novo”?”

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s