Revisión do ano 2020

Ao comezar 2021, propoñemos unha selección do publicado en euseino.org durante o ano pasado. Trátase de revisitar artigos e temas, lembrar o que quedou pendente de ler e ofrecer a quen le a posibilidade de relacionar asuntos, trazar puntos e liñas de coincidencia, considerar o publicado coa perspectiva acumulativa que a súa mesma lectura fornece.

[Os artigos pódense ler completos ao calcar no seu título ou na ligazón co rubro “Siga a ler”.]

 

Febreiro

“Decálogo da novela”, por Carlos Lema

O autor deste decálogo achéganos unha proposta para pensar cal é a función da novela hoxe. Unha reflexión que pretende situarnos perante ese xénero narrativo, os seus pros e os seus contras, o que condiciona a novela e o que a libera. ¿De que xeito a novela forma parte da realidade? ¿Ten a novela responsabilidade respecto da verdade? ¿Como se ve comprometida a novela? ¿Cal é a relación entre o obxecto retórico novela e os suxeitos lectores e autoras? ¿Ten dignidade a novela? ¿Hai algunha razón para ler e escribir novelas? Abofé que, cando menos, a novela debería situarnos perante unha posibilidade, a da gratuidade da arte, a mesma gratuidade pola que as cousas existen: a da dignidade pura, non contaminada pola utilidade ou o cálculo na intención primeira do artista.

[Siga a ler]


Abril

Kant e Glück: un aniversario compartido

Segundo conta Louise Glück no seu poema “Afterword” (“Epílogo“), ela e Immanuel Kant comparten data de nacemento: 22 de abril. A poeta norteamericana en 1943, o filósofo en 1724.

“¿Era eu aquela persoa? Unha cativa mais tamén
unha exploradora para quen a senda está de repente clara, para quen
a vexetación se separa…
E, máis alá, xa non afastada da vista, aquela exaltada
soidade que Kant se cadra experimentou
no seu camiño cara ás pontes…
(Compartimos o aniversario.)”

Ese é o motivo de que propoñamos hoxe a lectura dunha pasaxe da obra de Kant e de tres poemas de Glück.
[Siga a ler]


Maio

Un poema inédito de Chus Pato

Publicamos un poema inédito de Chus Pato xunto coa gravación da súa lectura, realizada pola propia poeta. O título triplo corresponde ás tres partes do poema, cada unha delas escrita arredor dos sons dun silabario, dunha palabra inaudita e do Stalker.

Entrementres, estamos a preparar edición de m-Talá coa que se vai conmemorar o vixésimo aniversario da súa publicación. Sairá publicado este outono como un volume extra do que ha ser a Obra completa da poeta.

[Siga a ler]

A forza das cousas

Escribe Simone de Beauvoir en La force des choses II, “¿Por que hai cousas que desexo dicir e outras sepultar? Porque son preciosas de máis (se cadra sagradas) para a literatura. Coma se só a morte, só o esquecemento estivese á altura de certas realidades.

¡Quen me dera poder escribir soamente cando bebo, ou animarme un pouco cando escribo! ¡Que houbese unha maneira de facelos cadrar! …

[Siga a ler]


Xuño

O amor moderno en “Into Dust”, de Mazzy Star

Suxeito e obxecto de amor na música lixeira

No artigo Amor, pedra, rima escribiamos sobre o poema “Amor, tu vedi ben”, de Dante, que nos levaba a unha reflexión verbo da representación dese movemento da alma que é o amor. Nese poema, o amor convertíase na metáfora da auga conxelada, petrificada e así e todo translúcida que fai posible a transposición do espiritual ao obxectual, do sentimento á cousa mediante o uso da literatura.

Na música moderna, pola contra, a representación metafórica do amor evita toda materialización, foxe da cousificación do obxecto do amor, para convertelo en algo espiritual, evanescente, nunha presenza ida que sempre suxire esa transcendencia inalcanzable que caracteriza a modernidade como algo permanentemente serodio, como unha tardomodernidade que non chegou a gozar de sazón. Por iso, as cancións de amor da música lixeira son, en realidade, cancións de desamor nas que a unión, se se produce, sempre é no pasado e acaba convertida en po.

[Siga a ler]

“Decálogo da novela”, por Iván García Campos

Despois do Decálogo da novela” publicado por Carlos Lema hai uns meses en euseino.org, o novelista Iván García Campos proponnos o seu propio decálogo para pensar cal é a función da novela hoxe e como se debe enfrontar o escritor ao feito de “para que”, “como” e “por que” escribir unha novela. As razóns polas que ler e escribir ficción. ¿Que esperar dunha novela? ¿Que importancia ten a historia que conta? ¿Que manda na novela, a arte ou a persuasión? ¿As novelas apréndennos algo? ¿Ler ficción debe distraer ou perturbar? ¿Cal é o valor —que non o prezo— dunha novela? Neste artigo, o autor de O viaxeiro perfecto introdúcenos na arte de narrar como forma de estar no mundo.

[Siga a ler]


Xullo

“Decálogo da novela”, por Diego Ameixeiras

Por proposta de Iván García Campos, que queda ao coidado desta nova sección de euseino.org, continuamos a serie do “Decálogo da novela agora coa colaboración de Diego Ameixeiras, ao que han seguir outros e outras novelistas. O autor de A crueldade de abril continúa a reflexión sobre o xénero novelístico e a función que ese tipo de ficción exerce na literatura actual. A relación entre realidade fáctica e realidade ficcional, a transmisión do tempo do escritor ao tempo da narración, a responsabilidade de quen escribe e a súa relación cos que o antecederon no xénero e cos que, como lectores, o seguen en busca desa teoría do inexplicable que é toda novela, son algúns dos asuntos deste novo decálogo.

[Siga a ler]

¿Crise do realismo ou crise do modernismo?

Notas sobre o estado actual da literatura

O discurso modernista érguese a partir dunha unidade maior, a unidade do libro. O modernismo, como todo humanismo, é unha cultura do libro. A poesía modernista é a da relixión do libro, a fundada por Mallarmé. O discurso do modernismo é o discurso libresco, a materia principal da literatura modernista é a literatura como historia, como coñecemento. Libros sobre libros. Un palimpsesto. Por iso a filoloxía é a base do humanismo. A recuperación, fixación e estudo das obras grecolatinas iníciao. Os literatos modernistas, coma os filólogos renacentistas, escriben sobre libros.

[Siga a ler]


Agosto

Autoridade e música poética, 1

Oíndo Auden segundo Seamus Heaney

En 1987, o poeta Seamus Heaney publicou o artigo “Sounding Auden” na London Review of Books. A revista recuperou hai pouco este ensaio no que Heaney explora a relación entre o tipo de autoridade poética que W. H. Auden buscaba e logrou e o que se pode describir como a súa música poética. Un asunto que nos parece de importancia abonda na situación actual do xénero poético como para deternos a glosalo aquí. Dado que consideramos necesaria unha defensa da concepción da poesía como representación, o papel dos elementos sonoros na poesía e o seu efecto resulta fundamental. A poesía na súa materialidade, como representación ligada aos esforzos relacionados coa eufonía e a eurritmia, ou coa súa buscada ausencia, coa orde das palabras, co ton, a altura e o nivel da dicción. As anáforas, as aliteracións e a literalidade da poesía. Mesmo no nivel mínimo da articulación fónica, a poesía é algo material.

Por “autoridade poética”, Heaney entende os dereitos e o peso engadido a unha voz non soamente pola súa relación coa verdade do dito senón tamén como unha virtude da súa tonalidade. Un tipo de oscilación sonora que consegue chegar á fondura auditiva e, a través dela, a “outras partes da nosa mente e natureza”. Por música poética hanse entender os maiores ou menores efectos de linguaxe describibles e a forma pola que se consegue e se mantén unha tonalidade determinada.

[Siga a ler]


Setembro

Autoridade e música poética, e 2

Neste artigo, continuamos e rematamos o publicado anteriormente en Autoridade e música poética, 1. Desta volta, concentrando a nosa lectura do ensaio “Sounding Auden”, de Seamus Heaney, na relación de W. H. Auden co modernismo, unha relación que, malia os puntos de contacto, acaba por ser unha crítica, e noutra parella fundamental: arte e vida. Para rematar na poesía como representación do vencello entre Forma e xustiza.

[Siga a ler]


Outubro

“Cando arde a casa”, por Giorgio Agamben

Recentemente publicado polos nosos colegas de Quodlibet, a editorial que inspira a Euseino? Editores desde o inicio da nosa actividade, difundimos agora en galego un artigo de Giorgio Agamben, excepcional tanto no seu contido coma na súa forma. Nel ábrense paso ideas que botan luz sobre o significado da vida plena, sobre a vellez e a soidade, sobre a necesaria ou innecesaria salvación. As máquinas e a tecnoloxía están moi presentes. Tamén os seres humanos reducidos á súa pura existencia biolóxica. E, a carón desta visión crítica, en absoluto acomodaticia, xorde a vida sentida como tal: “Sentirme vivir faime a vida posible, aínda que estea pechado nunha gaiola. E nada hai tan real coma esa posibilidade.” Aparece a salvación libre do dominio da historia: “Cómpre arrincar a salvación do seu contexto histórico, atopar unha pluralidade non histórica, unha pluralidade como camiño de saída da historia.” E, ao cabo, a filosofía e a poesía: “Queda, na casa que arde, a lingua. Non a lingua senón as inmemoriais, prehistóricas, débiles forzas que a custodian e a lembran, a filosofía e a poesía.”

[Siga a ler]

“Decálogo da novela”, por Xosé Monteagudo

Continúa a serie do Decálogo da novela, desta volta cunha achega de Xosé Monteagudo. O autor de Todo canto fomos propón unha concepción do xénero novelístico como aproximación ao inesperado e ao descoñecido, a aquilo que o relato agocha e, debido a ese mesmo ocultamento, tamén axuda a albiscar. A perspectiva, o estilo e o conflito trazan na novela as marcas da singularidade. A novela asolaga a consciencia de quen le, invade tempo e lugar, subsume a realidade nesoutra realidade que é a ficción.

[Siga a ler]


Novembro

“Decálogo da novela”, por Santiago Lopo

Novo “Decálogo da novela”, desta volta a cargo de Santiago Lopo. O autor da Diagonal dos Tolos parte dunha idea da novela como universo de seu, irresistible e exacto. Un poliedro de mundos. Ficcións ousadas, atrevidas, mesmo prohibidas, que retorcen prexuízos ao aproveitar a potencia significativa dos grafemas. Arriscada, hipnótica e liberadora, a novela é coma unha faísca estelar cunha duración propia e unha materia que, igual ca os astros, acubilla séculos. Vidas que se subsomen na memoria, a novela acaba sendo espéculos e miraxes, unhas poucas escenas, algún personaxe, ¿unha lección? Ao cabo, a ficción narrativa permanece pola súa propia metamorfose infinita.

[Siga a ler]


Decembro

“Decálogo da novela”, por Antonio Piñeiro

A sección “Decálogo da novela” achéganos a proposta de Antonio Piñeiro. O autor de A través do fume intenta asediar o que chama “obxecto-fenómeno” da novela; como un historiador, descré da novela non dependente do suxeito que a produce. Piñeiro elévase, agatuña polo monte do idealismo literario para chegar a ese punto do sublime onde o estilo é todo porque é fenómeno: visión cambiante dun suxeito que só entende a realidade como reflexo, ou flexión, de si. A itinerancia deste decálogo lévanos á negación da novela. Exercicio do nihilismo modernista, ou visión a través da néboa dunha percepción que se flexiona —a brincadeira da prega, cadáver da filosofía do século XX— e flúe —o tamén cadáver filosófico do “devir”. A deformación é unha forma ao tempo que deixa de selo. A novela nin sequera xénero literario é. A novela, segundo o noso escritor, é algo voandeiro e volátil que só existe porque no seu voo acaba batendo con quen, tras o choque, se converte no seu autor. Por accidente, ou acaecer (¿ereignis, événement?). A novela non é un feito, a obra literaria non se fai —heideggerianamente, cae.

[Siga a ler]

“m-Talá” segundo a crítica literaria

Nestes primeiros días de decembro, publicáronse as primeiras recensións da nova edición de m-Talá, de Chus Pato, ademais de darse a coñecer a Tabela dos Libros coas recomendacións dos críticos literarios.

As dúas recensións publicadas son as de Armando Requeixo no suplemento dominical do Diario de Ferrol e a de Xosé Manuel Eyré no blog Ferradura en Tránsito II. A importancia da crítica literaria, non soamente na difusión dunha obra senón na súa intelección é ben grande; ao estarmos nós a prol da interpretación, pois deixamos atrás os lamentos sobre a limitación da representación e a desconfianza respecto da linguaxe, consideramos que a crítica é esencial como literatura (como defensa da literalidade, das palabras e da orde na que se colocan) e como pensamento (as ideas a partir das cales se interpreta unha obra, as ideas a partir das cales se escribe unha obra).

[Siga a ler]

 

[Pode acceder ao resto dos artigos en “Arquivo”, na parte inferior desta páxina web. Recomendamos tamén un tipo de consulta diferente, empregando para iso as “Etiquetas” situadas tamén ao pé da páxina. Grazas pola súa lectura.]

 

SaveSave

SaveSave

SaveSave

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s