O realismo da Paixón

“O Deus aldraxado, tal é a tese inicial, ha ser o Deus que fracasou. Co mundo, non é quen de cumprir a intención digna de Deus… non se esnaquiza contra o mundo desque o crea senón que soamente se esnaquiza nel: ese é o tema da Paixón. Sexa quen sexa ese personaxe sufrinte e morrente, o ‘Fillo do home’ e o ‘servidor de Deus’… ninguén sabe exactamente o que significa cada un deses atributos: nel, Deus é abandonado por si mesmo. E podemos engadir tamén o porqué.

No horizonte das indicacións bíblicas: porque permitira que a morte se introducise no mundo e, segundo Paulo, como consecuencia do pecado. De maneira máis adaptada ao texto orixinal: porque o Creador esixía da súa ‘imaxe e semellanza’ que renunciase a ser como era el mesmo. Desde aquela, tentación e limitación van á forza unha a carón da outra para se converter na contradición dunha única e mesma existencia. Non había necesidade de tentador, de serpe baixo a árbore dos froitos do coñecemento… o iniciador desta criatura predispuxéraa á autopresunción. Lutero tiña razón cando, na décimo sétima das súas teses, a titulada “Contra a teoloxía escolástica” (1517), afirma: en virtude da súa natureza, o home non pode querer que Deus sexa Deus (Non potest homo naturaliter velle deum esse deum); polo contrario, el deséxase a si mesmo como Deus e como Deus do Non-Deus (Immo vellet se esse deum et deum non esse deum). Non se trata de ateísmo senón do desexo de ocupar a posición do Deus único, para a cal a sinxela reivindicación do ¡Eu tamén! non había abondar. A rivalidade só pode ser absoluta.

No comezo da Biblia, o Deus do Xardín do Edén non é aldraxado nin o tempo de duración dun eón do mundo. Sérvese do medio máis sinxelo, aquel que xa utilizara ‘ao grande’ cando a creación do mundo: a finitude. Ao expulsar o ser humano do Xardín do Edén, quítalle o máis importante medio de subsistencia da súa rivalidade. Na ilusión de ser ‘á imaxe de Deus, segundo a súa semellanza’, prometido polo Eritis sicut dii!, saído da boca da serpe coma se da mesma teimosía se tratase, o ser humano perde o alimento da árbore da vida, queda entregado ao seu carácter mortal. A morte non é algo inventado, unicamente queda ceiba da acción do seu antídoto.

O ser humano non vai renunciar á disposición que está nel mesmo: querer ser coma Deus. Mais só vai poder perseguir esa finalidade ao prezo das monstruosidades da súa historia. A combinación da semellanza á imaxe de Deus e de prazo mortal nun mundo de medios limitados de autoconservación e de gozo de si implica o fracaso da Creación.”

Hans BlumenbergLa Passion selon saint Matthieu, páxs. 19-20, París: L’Arche, 1996.

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s