“O que non percibimos (ou si?) da música de Satie”, por Nicasio Gradaille

O pianista e músico Nicasio Gradaille achégase dun xeito orixinal á obra do compositor Erik Satie. Cun senso do humor sutil, no que o coñecemento non abafa a capacidade de dar a entender o que a música non di, o que a música suxire, Gradaille comenta as anotacións que o compositor francés deixou escritas nas partituras. O xogo que se establece é entre son e significado, saíndo o primeiro deles triunfante; é dicir, a materialidade do son non precisa dunha persoa oínte que lle dea senso porque ten senso de seu. A música, a das musas e a das esferas ou planetas, escóitase no cosmos desde o tempo sen tempo da ancestralidade. Erik Satie sabíao e por iso se preguntaba “oídes cantar o coello?”

“Os dez meirandes, núm. 3, mocidade, grupo 4”, por Hilma Af Klint

Música escrita e interpretación musical

A música é unha arte que necesita de alguén que medie entre o creador ou creadora (compositor, compositora) e o destinatario final (o, ou a, oínte). Ese mediador é o, ou a, intérprete. Será esta figura quen faga realidade a música que, cando non se toca nin se canta, só existe nun papel: a partitura. Os intérpretes teñen, por tanto, a misión de trasladar as intencións do compositor ao público. E para levar a cabo con éxito tal misión deben facer un traballo duplo: por un lado, de recepción (ou entendemento) e, por outro, de transmisión (ou comunicación). O primeiro, o entendemento, consiste en tratar de entender a partitura, de entender as intencións do compositor (o que precisa dun estudo teórico do contexto). O segundo, en tocar (ou cantar) a partitura tentando facer chegar a quen escoite a música todas esas intencións do compositor, para o que é necesario o control da técnica instrumental ou vocal.

En todo caso, o compositor sempre trata de deixar claro na partitura todas as súas ideas musicais (harmonías, melodías e ritmos) e expresivas. Para estas últimas hai a tradición de escribir palabras ou frases en italiano, tales como con molta espressione, dolente, piacevole… Frases coas que o creador axuda ao intérprete a darlle sentido ás corcheas e semicorcheas para que este, por medio da suxestión (ou sensibilidade), poida emocionar o público. A persoa oínte recoñecece os códigos empregados para que unha melodía soe triste ou, pola contra, chea de ledicia. Simplemente con ver a cara e a xestualidade dun bo intérprete se pode captar o carácter da música.

Pero hai un compositor que introduciu nas súas partituras frases que non se axustan a códigos estereotipados e que non está claro que poidan influir no resultado final da súa música. Ou si? Trátase de Erik Satie (1866-1925).

Erik Satie foi un compositor francés alleo ás correntes musicais do seu tempo. Compuxo moitísimas pezas pequenas para piano (entre as que a Gymnopédie 1 destaca pola súa enorme popularidade), algunhas obras para orquesta e o ballet Parade, en colaboración con Jean Cocteau e Pablo Picasso, cumio da súa creación. Foi un gran amante dos cabarets parisinos (en Le Chat noir compuxo moitas das súas obras para piano), foi membro da secta Rosa-Cruz e foi un escritor prolífico que deixou escritos moi mordaces, coma os que aparecen no libro Mémoires d’un amnésique.

Como compositor foi o primeiro en suprimir as barras de compás nas súas partituras (práctica moi extendida na escritura musical das vangardas das décadas de 1950 e 1960) e son moi comentadas entre os pianistas as frases tan audaces que deixou escritas nas súas partituras. Frases que, dicía el mesmo, estaban escritas para afectar a psicoloxía do intérprete pero que este non as podía dicir ao público verbalmente. Mágoa que quen escoite algunha das súas pezas non poida saber os comentarios que deixou escritos Satie en determinadas pasaxes, enchéndoas dun sentido único, e que son realmente xeniais dende o punto de vista expresivo. Como o intérprete, cando toca estas pezas, pode suxerir pero non falar, a persoa oínte non chega a coñecer esas frases cargadas de gran sentido do humor e, por tanto, non percibe (ou si?) o seu sentido, as máis das veces irónico.

Sirva de exemplo o seu ciclo de 20 pezas para piano Sports et Divertissements, de 1914, no que describe as diversas formas de ocio da burguesía da súa época e no que encontramos moitos exemplos dese tipo de anotacións. Abre o ciclo un Coral para quitar o apetito, no que hai dúas frases escritas entre as notas musicais. A primeira delas, “rabudo e malhumorado”, podemos considerala, en certa medida, convencional. O intérprete sabe como transmitir ese estado de ánimo ao público. A segunda é máis problemática, aínda que é moi expresiva e suxestiva: “escrito pola mañá, en xaxún”. Como debe trasmitir isto o intérprete? Se a persoa oínte soubese que este coral foi escrito pola mañá, co estómago baleiro, non había ter outra noción da música?

Semellantes situacións danse con frases dese tipo nas restantes pezas. Na segunda, O bambán, o pianista le na partitura: “é o meu corazón o que así se abanea; non lle dá vértigo; que pequenos son os seus pés; quererá voltar ao meu peito?” E frases semellantes aparecen en todas as restantes pezas. Así, na peza A caza lese “oídes cantar o coello?; vaia voz; o moucho dá de mamar aos seus fillos; o reiseñor está no seu niño; o xabaril vai casar; eu fago caer as noces a tiros de fusil”. No Picnic, describe a situación: “todos trouxeron tenreira moi fría; leva vostede un bonito vestido branco; vaites, un aeroplano; non, home, é un temporal”.

En O tenis, deixa escrito: “play?; yes; un bo saque; que pernas tan bonitas ten; ten un nariz estupendo; servicio perdido; game!” Estas frases van sempre situadas en momentos concretos da partitura, en momentos en que a música e a palabra parecen chegar a unha total simbiose. Pero ao non compartilas o intérprete co auditorio, non está este último deixando de captar unha parte importante da expresividade da música? Ou será que abonda co impacto psicolóxico que fan esas frases no pianista (en palabras do propio Satie) para que o público capte a esencia da música cando esta soa? Esa pregunta fágoma eu moitas veces e sempre me ven a mesma resposta: eu seino?

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s