Dirixido por
Xosé Monteagudo
A situación na que vive toda persoa que escribe pero aínda non acadou unha difusión pública para a súa obra é sempre complexa. Por unha banda, está convencida de que posúe capacidade para escribir ficción narrativa e sente que facelo é unha das súas maiores arelas. Por outra, non pode deixar de pensar que precisaría de alguén, fóra do seu círculo máis próximo de relacións, capaz de analizar e valorar o que escribe, con imparcialidade e desde un punto de vista literario. Entre a paixón persoal e a carencia desa análise externa, desenvólvese o seu labor literario.
Conscientes dese feito, no LapLit da Fundación Euseino? poñemos en funcionamento este Club de Escritura. Un lugar de encontro para as persoas que escriben narrativa de ficción, onde os orixinais se comparten con outras persoas en situación similar e con idénticos intereses. Ao mesmo tempo, o escritor Xosé Monteagudo lerá todos os traballos para ofrecer unha análise narrativa rigorosa e fornecer a quen escribiu cada un deles suxestións que lle permitan aproveitar todo o seu potencial literario.
Partindo de experiencias anteriores, o Club de Escritura basea o seu funcionamento na relación que, en grupos reducidos, se establece entre os participantes. En procura dun proceso de escritura baseado na práctica e nunha aprendizaxe dinámica e motivadora dos recursos literarios.
Obxectivo do Club de Escritura
Escribir ficción narrativa
Mediante a práctica de diferentes técnicas narrativas e coa escritura de orixinais que serán valorados e comentados polo novelista Xosé Monteagudo, este Club de Escritura ten como finalidade que as persoas participantes nel descubran e perfeccionen o seu estilo literario, permitíndolles acadar a seguridade necesaria para tirar a máxima eficacia ao seu talento narrativo.
Baseado na participación en grupos reducidos. Con xuntanzas presenciais unha vez ao mes (sábado, ás 10 horas da mañá) que han ter lugar na sede da Fundación Euseino? en Vigo. Complementadas con recursos e permanente contacto informático entre os membros de cada grupo e co coordinador. Con grupos homoxéneos, nos que se poidan establecer interaccións participativas que contribúan ao progreso das persoas participantes.
Cota de inscrición inicial de 50 euros e mensualidades de 20 euros.
Inscribirse no
Club de Escritura
Cota de inscrición: 50 euros.
Un pagamento ao inciarse a participación no club.
Máis 20 euros cada mes a partir de setembro de 2022.
Calcar no seguinte botón
para cubrir o formulario e
completar o proceso de inscrición.
O Club de Escritura funcionará durante todo o ano agás os meses de xullo e agosto. As súas actividades vanse iniciar en setembro de 2022.
Lugar das xuntanzas: sede da Fundación Euseino? na rúa de México 37 de Vigo: ver no mapa.