Laboratorio de Produción Literaria

O Laboratorio de Produción Literaria (LaPLit) vai desenvolver, con carácter permanente, unha serie de cursos, coloquios e encontros con autoras e autores, coa finalidade de apoiar e estimular a produción literaria en todos os seus ámbitos.

Como nun proceso continuo de produción dedicado á literatura, á escritura e ao pensamento xorde o Laboratorio de Produción Literaria (LaPLit), denominado así en homenaxe ao Laboratorio de Formas creado por Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo e seguindo tamén o exemplo do LabOnt, o Laboratorio de Ontoloxía de Maurizio Ferraris na Universidade de Turín e do LabLit, o Laboratorio de Literatura da Universidade de Standford.

O LaPLit, coa coordinación xeral de Xosé Monteagudo, está formado por tres gabinetes:

Cursos e obradoiros


Curso de ficción narrativa

Escribe a túa novela ou os teus relatos con
Xosé Monteagudo

Rematado o prazo de matrícula. O curso iníciase o sábado, día 29 de xaneiro de 2022, ás 10 horas, na sede da Fundación Euseino? en Vigo.


Gabinete de Poesía

Dirixido por Chus Pato.

Sección Urania

Urania. Poetas en diálogo con Chus Pato

Unha publicación que recolle o diálogo de Chus Pato con poetas actuais. En formato electrónico (PDF) e acceso aberto.

O diálogo recollido en cada número de Urania tamén se ha realizar de xeito presencial, como unha actividade do Gabinete de Poesía que se desenvolve na sede da Fundación Euseino? en Vigo.

Ademais, en formato presencial ou a través de videoconferencia, hase realizar un seminario sobre a súa obra impartido polas poetas participantes.


Números publicados

Urania 1. Chus Pato dialoga con Xenaro da Silva sobre o poemario O pintor cego.


Proximamente

Urania 2. Oriana Méndez en diálogo con Chus Pato. Publicación en acceso aberto, conversa presencial e seminario sobre o poemario Interna.


Cursos e obradoiros


“Pensar a poesía dende a ciencia”

Curso en liña a cargo de
Genaro da Silva

19 e 26 de marzo, sábado, de 11,30 a 13, 30 horas.

Curso en liña “Pensar a poesía dende a ciencia” a cargo de Genaro da Silva, poeta e doutor en biodiversidade e ecosistemas. Realizado por videoconferencia en 2 sesións de 2 horas cada unha. Matrícula en achega única de 15 euros.

O pensamento científico e o pensamento poético acostuman suporse máis afastados do que realmente poderían estar. Sendo ciencia e poesía formas de coñecemento, diverxen nos seus modos de proceder e nos seus posibles obxectivos. Nas dúas sesións da que constará este curso, procurarase esvaer parte destas diferenzas comunmente asumidas, tratando de pensar o proceso de escritura dende algunhas ideas matemáticas e biolóxicas: dende a etoloxía ata a neuroloxía, pasando polo caos e a entropía, pretendendo abrir posibilidades na hora de acometer o proceso de produción e recepción poética. 

O curso será impartido por Genaro da Silva, doutor en biodiversidade e ecosistemas e autor, entre outros títulos, de Flor Negra (Chan da Pólvora, 2018) e o recente O pintor cego (Officium Lectionis, 2021), sobre o cal se pode ler unha longa conversa con Chus Pato no primeiro número da revista Urania.


Gabinete de Orixinais

Consultoría e edición literarias

Un servizo para persoas que escriben orixinais literarios (narrativa, poesía, ensaio, teatro), dedicado a asesoría e preparación de orixinais de cara á súa presentación a editoriais, a premios ou á súa publicación.


  • Informe de lectura. Con asesoramento dun lector profesional sobre o seu orixinal.

Informe completo e honesto sobre cada un dos aspectos do seu orixinal (acabado ou sen rematar) para axudar a definir os aspectos febles ou para completalo nas súas carencias.

Solicite unha opinión profesional e pormenorizada sobre o seu orixinal de Narrativa, Poesía, Ensaio, Teatro. Reciba unha orientación clara e precisa para envialo a un premio ou presentalo nunha editorial.


  • Preparación de orixinais e edición.

Revisión da organización do material literario. Con proposta de novos desenvolvementos ou modificacións do existente se fose preciso.

Proposta de modificacións: nivel de organización, nivel de recursos literarios e estilo, nivel de títulos, nome de personaxes, lugares, etc.

Corrección ou modificación do punto de vista (en narrativa), da poética implícita (en poesía).

Proposta de supresións de partes do orixinal e suxestión de engádegas, desenvolvemento de partes existentes e reescritura.

  • Consulte as tarifas ou solicite orzamento:

Contacte connosco para solicitar información