Baseado na obra de Guy Debord La Societé du spectacle e mais no seu Rapport sur la construction des situations et sur les conditions de l’organisation et de l’action de la tendance situationniste internationale, ofrecemos esta reflexión co gallo do Día do Libro; reflexión para a que tamén nos inspiramos no ensaio “Glosse in margine ai Commentari sulla società dello spettacolo“, de Giorgio Agamben.
♦
A literatura xa non se le
Hoxe en día, a literatura xa non se le senón que se cuantifica. Con esa finalidade, empréganse dous sistemas baseados nas ideas de valor de uso e valor de cambio. O sistema mercantil, que adxudica valor ás obras literarias e á súa autoría en función do número de exemplares vendidos, e o sistema da sona, que outorga valor segundo a maior ou menor difusión que persoas autoras e obras acadan e dependendo da esfera social na que a antedita difusión se produza. A sociedade do espectáculo.
Ambos os sistemas réxense pola noción dun máis ou un menos, valor cuantificable pola súa equivalencia simbólica medida á súa vez en diñeiro. Tanto a figura autorial coma a obra basean a súa primacía non nunha unidade literaria de valor senón nunha medición simbólica en útimo termo puramente mercantil, o diñeiro. De aí que os premios literarios se xerarquicen en función da contía dineraria coa que están dotados e tamén, coma é o caso do Premio Goncourt en Francia actualmente dotado con 10 euros, pola difusión e sona que fan acadar, sona e difusión que en último termo se acaba medindo en valor mercantil cuantificable en capital acumulado.
A figura autorial, un trasunto alicerzado na idea modernamente consensuada de suxeito, é a base tanto da produción coma do consumo de literatura. Polo tanto, a satisfacción producida pola obra literaria está permanentemente sometida á satisfacción subxectiva. O valor literario non existe fóra do valor da produción e consumo de subxectividade. ¿Consumo ostentoso ou consunción tardomoderna na que o suxeito se produce e se consome a si mesmo?
O valor é un medio de intercambio simbólico na economía dineraria. O diñeiro é o seu símbolo e medida. Ao non se chegar a identificar completamente este centro inmaterial, no que o produto do traballo —a obra— se desdobra nun valor de uso e nun valor de cambio, a obra transfórmase nunha fantasmagoría que simultaneamente cae e non cae baixo o simbolismo dinerario.
Por esa razón, é sobranceiro o xesto co que Guy Debord funda xusto nesa “pegada flagrante” a súa análise da sociedade do espectáculo. Ese “converterse en imaxe”, en símbolo e valor, só é a derradeira metamorfose da mercadoría. Un punto de indiferenza entre a vida e a arte, entre a vida e a literatura, momento no cal ambas as dúas sofren ao tempo unha metamorfose decisiva.
Prodúcese a redución da vida humana e do seu medio social e cultural a criterios puramente cuantitativos, algo que se agrava no contexto dunha sociedade que soamente pode concibir a calidade de xeito simbólico, é dicir, como unha simple imaxe, como un reflexo cuantitativo transformado en diñeiro pois xa hai ben tempo que a calidade non medible desapareceu da vida empírica dos seres humanos sendo substituída pola cuantificación medible.
Isto implica a imposición da inanidade cultural ao levar ao terreo da economía, do puro mercantilismo, toda a calidade, todo o valor non cuantificable da literatura. A obra literaria queda así reducida a unha simple fantasmagoría valorada en función do diñeiro que reporta a quen a produce e a distribúe como mercadoría da sociedade do espectáculo.
Mais, ao contrario do que a sociedade do espéctaculo proclama, toda obra —todo traballo— é un fragmento de vida subtraído ao contexto da vida individual —da vida subxectiva—, un retrinco de arte substraído á neutralidade da estética: praxe pura. Nin valor de uso nin valor de cambio, nin valor simbólico nin valor mercantil, tampouco experiencia biográfica nin acontecemento impersoal, a obra literaria é a ruína da mercadoría pois permite que nunha situación cristalice a igualdade na relación entre as persoas.
Porque a lingua non é apropiable, non pertence a ninguén, é impropia. Logo a literatura é das persoas todas. Ese é o seu valor, o de amosar o que nos iguala.
