“Imaxinación e percepción no álbum ilustrado”, por Beatriz Fraga

A propósito de “A nena de xeo”, de Anxos Sumai e Minia Regos

Anxos Sumai é unha das voces máis singulares da narrativa galega contemporánea. Ao longo dos anos escribiu unha obra marcada pola fondura narrativa, pola atención á memoria e pola exploración dos espazos íntimos. En títulos como A lúa da colleita e Así nacen as baleas amosou unha escritura que sabe deter o tempo e escoitar o latexo do invisible. A súa prosa é sutil, sensorial, feita de silencios e de ecos.

Mais hoxe cómpre salientar tamén outro xesto: o da súa xenerosidade ao ceder o seu arquivo persoal á Fundación Euseino?. Grazas ao labor de dixitalización e catalogación feito polas persoas voluntarias e en prácticas (ás que agradecemos o seu labor) dos documentos que confiou ao Arquivo Euseino? e que forman o Fondo Anxos Sumai, apareceron obras que permanecían gardadas, latentes, coma se esperasen o momento axeitado para saír á luz. Entre elas estaba esta historia que hoxe presentamos. Poderiamos dicir que A nena de xeo emerxeu do arquivo coma unha peza conservada nun glaciar: intacta, poderosa, lista para ser lida.

Esta publicación ten tamén un significado especial dentro do catálogo de Euseino?, pois A nena de xeo é o cuarto álbum ilustrado publicado na colección Onocrótalo. Antes dela chegaron Lica (no 2017 e reimpreso no 2018), Mondas (no 2019 que vai pola terceira reimpresión) e Aventuras espaciais de T e Roni (no 2021). Agora, con este cuarto álbum, consolídase unha liña editorial que defende o álbum ilustrado como espazo de creación literaria e artística. Cada un destes títulos foi abrindo camiño; A nena de xeo continúa e afonda nesa dirección.

Ilustración de Minia Regos para “A nena de xeo”, de Anxos Sumai.
Diálogo colaborativo entre literatura e arte

E se esta obra nos chega convertida nun álbum ilustrado é tamén grazas ao diálogo creativo coa ilustradora Minia Regos. Cunha traxectoria xa recoñecida no ámbito da ilustración, Minia Regos publicou diversos traballos nos que a delicadeza da liña e o coidado da cor abren universos cheos de matices. As súas imaxes non acompañan simplemente o texto: interprétano, amplíano, respiran ao seu carón.

En A nena de xeo, Minia Regos consegue dar vida á nena do glaciar a través de imaxes que parecen fráxiles e, ao mesmo tempo, profundamente expresivas. Hai nelas unha contención que dialoga coa palabra escrita, unha luz que se filtra entre o branco e o azul, unha atmosfera que fai visible o frío —non só o frío físico senón tamén o dos sentimentos. As ilustracións funcionan como unha segunda voz narrativa, unha voz silenciosa que amplía plasticamente a escritura de Anxos Sumai.

Porque estamos, non o esquezamos, diante dun álbum ilustrado de autoría. E os álbumes ilustrados constitúen hoxe un dos espazos máis fértiles da creación literaria e artística. Neles, palabra escrita e imaxe non manteñen unha relación subordinada senón dialóxica. A linguaxe do álbum ilustrado é unha linguaxe híbrida, onde cada páxina é unha unidade de sentido construída pola interacción de códigos.

Imaxinación e percepción

Neste punto, pode ser iluminador lembrar que para que se produza o proceso de imaxinación é necesaria a existencia dun equivalente da percepción, algo que substitúa o obxecto ausente e permita que a consciencia o imaxine. No álbum ilustrado, a imaxe é presenza que remite a unha ausencia, materia que convoca o invisible.

Entre escritura e ilustración establécese un espazo de tensión creadora onde a persoa lectora é convidada a completar, a interpretar, a imaxinar.

En A nena de xeo, esta tensión é especialmente vizosa. A palabra de Anxos Sumai suxire, insinúa, deixa ocos. A imaxe de Minia Regos ocupa algúns deses ocos mais abre outros novos. Así, quen le —nena ou adulto— convértese en colaboradora da experiencia estética. Non recibe unha historia pechada senón un territorio narrativo que debe percorrer.

Cómpre salientar o coidadoso traballo de Raquel da Riba na maquetación do libro, equilibrando a composición tipográfica e as imaxes e dándolle harmonía e ritmo.

Un xesto de confianza

Celebramos, pois, non só a publicación dun libro senón a continuidade dun proxecto editorial que medra con coherencia e ambición; a confluencia de varias formas de creación: a escritura que emerxe da memoria e do arquivo; a ilustración que transforma a palabra en visión; e a persoa lectora que, grazas a ese encontro, activa a súa propia capacidade de imaxinar.

Que este libro, nacido dun xesto de confianza e coidado, siga agora o seu camiño nas mans de quen o lea. Que cada páxina sexa un glaciar que se abre, un espello onde recoñecer as nosas propias fraxilidades e fortalezas. E que a nena de xeo, coa súa aparente quietude, nos lembre que ás veces é no frío onde agroma a máis intensa e cálida das vidas.

Un álbum ilustrado límpido e inimitable

Publícase “A nena de xeo”, de Anxos Sumai

Con ilustracións de Minia Regos

O regreso de Anxos Sumai á literatura cunha obra nova que volve sorprender pola límpida e iluminadora capacidade de narrar. A autora de Anxos da gardaAsí nacen as baleas (Premio Repsol e Premio San Clemente, 2007) e A lúa da colleita (Premio García Barros, 2013), escritora senlleira e narradora dunha orixinalidade e estilo inesquecibles, vólvenos engaiolar cun mundo narrativo inimitable. Acompañada polas ilustracións de Minia Regos, ambas as dúas acaban por configurar un libro cheo de matices e suxestións sobre a infancia, o emprego literario da imaxinación e a súa pegada nunha narrativa que nos devolve a capacidade de mirar dun outro xeito a realidade.

Nun recanto do gran Glaciar onde só se escoitan estalidos, murmurios de xeadas e o tenue ruído das fendas que se abren paso entre os montes brancos, nace Catarina, unha nena de xeo.

A aparición inesperada dun agasallo fortuíto da natureza, en forma de froito, racha a rutina e presaxia un cambio inusitado na vida da protagonista. A imaxinación literaria de Anxos Sumai unida ás asombrosas ilustracións de Minia Regos dan forma a este libro. Xuntas elaboran unha narración que esperta a curiosidade e convida a deterse para gorentar as súas páxinas.

En A nena de xeo, Minia Regos consegue dar “vida” á nena do glaciar a través de imaxes que parecen fráxiles e, ao mesmo tempo, profundamente expresivas. Hai nelas unha contención que dialoga coa palabra escrita, unha luz que se filtra entre o branco e o azul, unha atmosfera que fai que as ilustracións funcionen como unha segunda voz narrativa, unha voz silenciosa que amplía plasticamente a escritura de Anxos Sumai.

Entre escritura e ilustración establécese un espazo de tensión creadora onde a persoa que le é convidada a completar, a interpretar, a imaxinar.

Un álbum para mirar devagar, agardar a que se derreta nas mans… e deixar que rexurda na lembranza.

Consiga o seu exemplar nas librerías colaboradoras ou recíbao directamente no seu domicilio a través da ligazón:

A nena de xeo

Col. Onocrótalo
280 x 200 mm
Tapa dura
48 páxs. Impreso en cor.
PVP 19 euros


Publícase o cómic “Aventuras espaciais de T e Ronni”

O libro de Maks é a descuberta dun novo debuxante

A colección Onocrótalo, dedicada á expresión plástica contemporánea mediante a publicación de álbums para todas as idades, tira do prelo o seu terceiro título, Aventuras espaciais de T e Ronni, cómic que é o primeiro libro de Maks, un novo e precoz autor.

Gobernando o seu peculiar vehículo espacial, T e Ronni lánzanse á aventura para se enfrontar con enxeño a perigos e situacións extraordinarias. Nesta viaxe iniciática, ou periplo do heroe, os protagonistas han percorrer longas distancias e loitarán con calquera obstáculo que atopen no camiño.

A través dunha linguaxe ateigada de humor, empregando a metaficción como estratexia narrativa, neste cómic o valor das palabras é tan importante coma o das imaxes. A distribución das viñetas inflúe no resultado da acción, dándolle dinamismo á historia. Rachando a barreira entre a loita interna que comporta o crecemento e a realidade, este álbum ofrece exemplos de solucións temporais, en clave de humor, ás dificultades que apremian no decurso do relato. Igual ca un conto de fadas moderno, a mensaxe é que, se un non foxe e se enfronta ás situacións inesperadas, e a miúdo inxustas, chega a dominar todos os obstáculos erguéndose á fin victorioso.

Maks fai que nos poidamos identificar con estes dous personaxes que, coma un cabaleiro e o seu escudeiro, non temen enfrontarse a nada nin a ninguén. O libro inclúe dúas historias cos mesmos protagonistas, dúas pequenas pílulas de humor que nos permitirán recuperar o sorriso. Reparar nos pormenores e saborear a forza e o poder das onomatopeas vai permitir que os protagonistas saian da dimensión do papel dándolle plasticidade á historia.

Escrito e debuxado por Maks, o autor amplía a capacidade engaioladora da ficción para permitir ademais unha lectura divertida e o desenvolvemento do pensamento visual, a mirada que leva ao sentido.

Aventuras espaciais de T e Ronni

280 x 200 mm
Tapa dura
48 páxs.
PVP 17 euros [16,32 + 4% IVE]

Compra con tarxeta