Coleccións


Casabranca

Casabranca é a liña editorial que Euseino? dedica á filosofía. Unha colección creada e dirixida por Carlos Lema para difundir e promover a filosofía e o pensamento non dogmático en idioma galego.

Desde 2022, Mario Losada é o seu editor e coordinador.

Consultar títulos


m-Talá. Obra completa de Chus Pato, vol. extra

En xullo do ano 2000, publicábase m-Talá, sexto poemario de Chus Pato. Vinte anos despois, publicamos en Euseino? Editores a súa edición crítica.


Onocrótalo

Onocrótalo é unha colección de álbums ilustrados dirixida a todas as idades, incluídos os primeiros lectores. A súa finalidade é achegar a arte contemporánea a un lectorado que, non necesariamente familiarizado coas linguaxes artísticas, gusta das formas, das cores e da maneira en que se relacionan. Onocrótalo sérvese da sorpresa e admiración perante a arte para provocar a reflexión e estimular o pensamento.

Libros elaborados por pintoras, artistas plásticos, escritoras e pensadores. Libros que, coma obxectos encontrados, espilen o pensamento e o pracer dos sentidos. Libros para gardar… no papo.

Colección creada e dirixida por Beatriz Fraga.

Consultar títulos


Rúa do Lagarto

Rúa do Lagarto é a colección de Euseino? dedicada á literatura.

Fundada en decembro de 2012 por Beatriz Fraga e Carlos Lema, o seu título inicial foi o primeiro libro publicado baixo o selo de Euseino? Editores.

Desde o número 2, Berta Dávila é a editora e a directora da colección.

Un lugar para o que se escribe nos lindes, unha colección para a literatura aparentemente menor. Non aspira á rotundidade das grandes avenidas planificadas de xeito preciso senón á factura parcial das calellas que se constrúen a si mesmas co pasar do tempo. Celebra o que a uniformización da literatura entendida como mercadoría censura: o inacabado, a brevidade, o ambiguo e o indeterminado.

Consultar títulos


Rúa do Sol

Rúa do Sol é a colección que Euseino? Editores dedica ao pensamento sobre a representación, as artes e a teoría artística. Música, artes decorativas, pintura, literatura … A colección combina a edición dixital (PDF e libro electrónico) co libro impreso.

Os libros en acceso aberto levan a cor maxenta na cuberta. Unha das catro cores básicas da cuadricromía na imprenta moderna.

Consultar títulos


Termos e condicións das publicacións
Para facilitar o traballo das persoas voluntarias do equipo editorial e preservar a coherencia das diferentes liñas do catálogo de Euseino? Editores, ao acceder á publicación dunha obra (libro, artigo, entrevista, tradución, etc.), as autoras, autores, tradutores e tradutoras aceptan implicitamente os criterios de edición (lingüísticos, tipográficos, etc.) empregados nas publicacións da Fundación Euseino? segundo decisión desta última e agás acordo previo noutro senso.