Arturo Casas

Arturo Casas (A Coruña, 1958) é un teórico da literatura e profesor da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.

Como investigador atendeu varios campos, entre os cales se atopan a obra de Rafael Dieste e os seus núcleos de acción cultural e política, o pensamento estético-literario contemporáneo, a teoría do poema, a intervención e o acto críticos, os estudos sistémicos, a metodoloxía da historia literaria e a poesía do século XX. Entre setembro de 2008 e setembro de 2009 mantivo o blogue Lándoas, do que publicou posteriormente unha selección titulada Alusión (Galaxia, 2011).

Como poeta é autor de Sombra de unidade (Sociedade de Cultura Valle-Inclán, 1990), Pedra de Nadir (Espiral Maior, 1995), Momentum (Sotelo Blanco, 1997) e Atrás, pasaxe (Amastra-N-Gallar, 2011). Da súa obra como investigador, cómpre salientar Rafael Dieste e a súa obra literaria en galego, (Galaxia, 1994), Bibliografía sistemática de teoría literaria, (Universidade de Santiago de Compostela, 2002), Antoloxía consultada da poesía galega 1976-2000 (Tris Tram Editor, 2003) e Procesos da historiografía literaria galega. Para un debate crítico (Venecia, Edizioni Ca’ Foscari, 2021).

É editor das bases de datos poesiagalega.org (2014) e Poesía no espazo público (2016). É autor de artigos e capítulos de libros cuxa relación completa figura na súa páxina web académica.

En euseino.org
“Decálogo da crítica literaria. Pesos e medidas”, euseino.org, 30 de novembro de 2021.