Anotacións nº 21-22: “Do algo”, por Tristan Garcia

Anotacións sobre literatura e filosofía, nº 21-22, xaneiro de 2020
Tristan Garcia, Do algo

Número duplo que inclúe íntegro un dos ensaios fundamentais da filosofía contemporánea. Neste ensaio, Tristan Garcia desenvolve o primeiro principio da súa ontoloxía plana: deixar que todas as cousas o sexan de igual xeito, concibir o “algo” como o ser máis feble que poida ser concibido. O interese dunha ontoloxía coma esa é permitir elaborar unha metafísica para deixar atrás o construtivismo e o relativismo da tardomodernidade, unha metafísica que permita á vez a orde dos obxectos e impida a súa absolutización.

“Propoño, daquela, unha ontoloxía e unha metafísica nin clásica nin moderna, tampouco posmoderna, que reclasifique os obxectos sen xerarquizalos en absoluto, que abstraia as cousas sen deixar que varíen unhas en relación coas outras: non son absolutista, tampouco relativista. Tento facer xogar, mediante o pensamento, a planitude das cousas contra a orde dos obxectos e a orde dos obxectos contra a planitude das cousas.

A planitude do mundo serve, entón, de liña de medida para encontrar o senso das diferenzas, das relacións de orde e da clasificación dos obxectos no mundo. Mais a orde de clasificación e de acumulación, de progreso dos obxectos pode ser en todo momento curtocircuitada pola planitude do: “calquera cousa é igualmente algo”, o que permite á vez a orde dos obxectos e impide a súa absolutización.”

Interésalle levar ata o final a liberalidade e o igualitarismo ontolóxicos latentes na época moderna. A súa proposta, como parte do que denomina as ontoloxías liberais, entre as que sitúa os neomeinonxianos, a OOO de Graham Harman, o realismo modal e tamén o hipercaos de Quentin Meillassoux, o múltiple de Alain Badiou e o irreducionismo de Bruno Latour, consiste en levantar acta do fracaso da concepción dun ser máximo, dun ser tan forte que incluiría a súa propia negación, para para poder rexeitar así a renuncia moderna.

“A ontoloxía é un xogo colectivo dos seres pensantes pola cal se realiza unha impulsión liberal —no senso da “liberalidade”, da xenerosidade, e non do liberalismo político— que nos leva a deixar ser igualmente todo o que se presente, a abrir o posible ata o punto no que rache. Igual que se fan en física as probas de fluidificación dos materiais, para probar a súa elasticidade, a ontoloxía efectúa probas de fluidificación sobre o posible levando así á concepción dun maximum do posible mediante a concepción dunha cousa mínima.” (“L’être le plus faible possible”, Multitudes, vol. 65, no. 4, 2016, pp. 42-50).

O ensaio de Tristan Garcia que incluímos neste número duplo de Anotacións sobre literatura e filosofía continúa despois desenvolvendo unha “operación de desdeterminación máxima da existencia”. A cuestión é: ¿ata onde se poden suprimir as determinacións á existencia sen obter, como consecuencia, unha existencia indeterminada que xa sería a existencia de nada? Para finalizar coa concepción da soidade ontolóxica e do pensar dobre.

 

Traducido do francés por Carlos Lema

76 páxs.

Edición non venal en PDF
Descarga gratuíta

Sumario
9, 1. Algo entre as cousas, algo contra as cousas — 13, 2. Ontoloxía liberal e epidemia de cousas — 25, 3. Ralentizar ou acelerar a cousificación — 29, 4. Restrición ontolóxica forte, restrición ontolóxica feble — 33, 5. O ser máis feble posible — 37, 6. Operación de desdeterminación — 43, 7. A soidade ontolóxica — 55, 8. Pensar dobre: cousa e obxecto

 


Apoie as publicacións en acceso aberto.

A Fundación Euseino?, unha organización non lucrativa independente,
agradece a súa contribución.


SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

 

 

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave