“Narrativas XXI: o novo paradigma”, por Xosé Monteagudo

Cara a unha renovación da materia literaria

No século XX, na historia da literatura, e singularmente no xénero narrativo, o primeiro cuarto anunciou boa parte do paradigma estético que marcaría os tres cuartos restantes. Así ocorreu coa publicación as obras do modernismo literario, tales coma o Ulises, O proceso, Der Zauberberg (“A montaña máxica”) ou A señora Dalloway, que adiantaban correntes que adquirirían o seu predominio nas décadas seguintes. Mais, que está a acontecer no século XXI? Ocorre o mesmo nesta nova centuria? Tendo en conta que está preto de cumprirse xa ese primeiro cuarto do século, cabe preguntarse se un similar movemento estético non se estará a producir tamén na narrativa do século XXI.

Comezando polo máis difundido das letras occidentais (de cuxo canon participa a literatura galega) dos últimos vinte e dous anos, convén analizar o contexto non literario no que se producen esas obras, para ver en que medida hai circunstancias susceptibles de influír na narrativa actual. O contexto, no que ten de singularidade respecto do precedente, está marcado en gran medida pola revolución tecnolóxica e, en particular, pola eclosión das manifestacións públicas do individual, que comezaron polos blogues e continuaron moito máis masivamente coas redes sociais, no que aqueles e estas supoñen de predominio da subxectividade e de amplitude e inmediatez da Realidade (ou das realidades, por mellor dicir). O que a Internet representa para o coñecemento de feitos, persoas e acontecementos históricos e actuais outórgalle á narrativa unha amplitude de campo descoñecida en épocas anteriores. Dito doutro xeito: todo o particular contén a semente para converterse en universal mediante as posibilidades de difusión que conteñen as novas tecnoloxías.

A narrativa, e seguramente o resto dos xéneros literarios e incluso das artes, non son eidos alleos a este feito. Do mesmo xeito que a fotografía empurrou a arte pictórica cara ao abstracto e a aparición do cine reduciu as descricións da realidade física no xénero da narrativa, as posibilidades de difusión que implican as novas tecnoloxías están cambiando o paradigma literario da ficción en dous sentidos que, desde o meu punto de vista, teñen directa relación co que acabo de expoñer: o predominio da subxectividade e o relato da realidade. Ningunha desas correntes xurdiu nestas primeiras dúas décadas do século XXI, xaora, pero ambas atopan neste tempo un predominio descoñecido en etapas anteriores.

A potencia da autoficción

A expresión da subxectividade autorial ten unha longa tradición na narrativa mais algún dos elementos que a caracterizan neste século son diverxentes respecto do anterior. A diferenza principal está en que na narrativa actual xa non cómpre a nota do extraordinario para construír o relato literario da experiencia individual. Pola contra, a individualidade, lonxe de expresarse nos feitos excepcionais, procura unha entidade de seu na percepción do cotiá e na conseguinte manifestación do eu. O que importa desde o punto de vista literario non é agora o relato de realidades senlleiras nas que participe o narrador senón a dimensión pública do cotiá, ficcionalizando a singularidade de quen escribe, de xeito que se esvaezan os límites entre a ficción e a realidade. A mestura de ambos os dous planos envolve os elementos da ficción nas roupaxes da realidade (de aí a autoficción), dando como resultado unha novela cuxa verosimilitude está ancorada tamén no carácter real dos feitos relatados. Aínda que é talvez na literatura francesa onde máis abondosamente se están a producir obras propias desta corrente (cos nomes de Annie Ernaux, Christine Angot ou Delphine de Vigan, entre outros), o exemplo se cadra máis ilustrativo desa corrente é o de Karl Ove Knausgaard e a súa voluminosa obra Min kamp (“A miña loita”), composta por seis volumes nos que o narrador (identificable, aparentemente, co autor) conta a súa experiencia vital previa aos coarenta anos. Unha experiencia nada excepcional, agás no que ten de construción da personalidade literaria dentro dun ámbito de feitos correntes pero que converte o común e cotiá en materia literaria de primeiro nivel como resultado da percepción persoal que o escritor manifesta no seu contacto con esa realidade. A autoficción para a ser, así, unha corrente que eleva a categoría literaria o relato do eu autorial. Un eu autorial que, por suposto, está elaborado cos recursos narrativos propios da ficción (reelaboración da experiencia persoal) pero que asemade se proxecta e pretende ser percibido como una expresión fidedigna da realidade fáctica de quen escribiu a novela.

O valor literario da realidade

A outra corrente, a do relato real, emparentada con esta, ten que ver coa forma na que os feitos se converten en materia literaria. Fronte á concepción clásica da literatura (que segue e seguirá a producir abondosos froitos, por outra banda), na que os actos e sucesos constituían só a materia prima desde a cal se elaboraba a ficción pero na que a compoñente ficticia absorbía e integraba nela o elemento real, na concepción última da narrativa o acontecemento ou a persoa que interveu nel toma carta de natureza como elemento primordial do literario. Unha vez máis, non estamos diante dunha novidade absoluta, se consideramos que o precedente máis destacado desta corrente foi escrito hai máis de cincuenta anos (In Cold Blood, “A sangue frío”, de Truman Capote). Mais a preponderancia e a forma de elaboración da materia real na novela do século XXI confírelle unha dimensión e unhas características que non tiña o precedente. Neste novo rumbo da novela, o carácter real do argumento constitúe o principal elemento configurador dunha dimensión literaria que se completa co punto de vista narrativo que vertebra a historia. Sucesos e personaxes do pasado ou do presente transfórmanse en literatura grazas á mirada de quen escribe sobre eles. L’Adversaire (“O adversario”), de Emmanuel Carrère, publicado no ano 2000, quizais sexa o primeiro exemplo desta corrente que, nas dúas décadas seguintes, coñeceu múltiples e variadas manifestacións en toda a xeografía occidental. A separación doutros xéneros coma a reportaxe ou a biografía non sempre resulta nidia (de aí tamén que haxa quen prefire falar de xénero híbrido para encadrar as obras desta corrente) pero a diferencia substancial con aqueles, creo eu, está no enfoque eminentemente ficcional que teñen as novelas deste tipo. Do que se trata non é tanto de ser fiel aos feitos reais, ou á traxectoria toda de quen interveu neles, coma de construír unha realidade autónoma (eis a esencia do literario) que non oculta nin disfraza a orixe do relatado. Máis alá da correspondencia coas datas e os nomes, un acontecemento ou persoa real, na medida en que é sometido a un tratamento novelesco coas técnicas propias da ficción narrativa, é unha creación propia de quen a escribiu. Como ocorre con toda obra literaria, a historia que conta a novela non é unha fonte fidedigna do ocorrido pero pode axudarnos a entender máis profundamente un feito ou a unha persoa, da mesma maneira que calquera outro tipo de obra de ficción contribúe a ampliar a nosa comprensión da realidade circundante.

O punto común compartido por ambas as dúas correntes (a autoficción e a ficción de feitos ou persoas reais) é a recorrencia explícita a unha dimensión extraliteraria. Quen escribe unha obra deste tipo actualiza unha vez máis as técnicas literarias e os temas que forman parte da historia da literatura. Quen a le non se pode desprender da consciencia de que tras o relato está a realidade, outorgándolle a este unha entidade maior ca a dunha simple ficción. Así cabe entender, pois, que desde as dúas marxes do literario, autoría e lectorado, na miña opinión, se estea dando neste comezo do século XXI un paso máis na evolución do paradigma estético da novela como xénero.

Máis apuntamentos sobre a beleza

[Continuación do artigo “Apuntamentos sobre a beleza” (8-VII-2019), desta volta centrado na repetición e na representación como medios de acceso á beleza.]

 

O ideal

[…] De aí que o fracaso se vencelle co progreso pois o primeiro, ao non cumprir a acción totalmente, ao non acabala, abre a posibilidade da repetición tal como Kierkegaard a entendía, como a asunción do fracaso do actual e a súa conseguinte perda no tempo, ou fixación do virtual nunha representación.

Ese é o motivo polo que o ideal se afasta do actual. A representación enténdese como fixación, como repetición do intento de acceder ao senso, e esa repetición do fracaso para dotarse de senso anula a virtualidade propia da idea como esforzo, é dicir, como punto de partida, non como posición gañada. O carácter transcendental da representación anula o carácter da acción como ese esforzarse en algo, logo o ideal queda situado no punto inaccesible do eterno, xa que o acceso ao senso queda necesariamente asimilado ao acceso á salvación e ao seu carácter de consumación do actual, na súa subsunción no sen tempo.

Tránsito de Venus 1874-Henry Russell

 

Estadio relixioso

A repetición é a persistencia no ser, tendo en conta que a materia é a primeira que persiste ao ser aquilo polo que existe algo e non nada. A persistencia é o que Kierkegaard denominou “repetición”. Así, o estadio relixioso é aquel en que cada cousa persiste na súa irredutibilidade.

Niso consiste a divindade de todas as cousas. Iso é o que as religa, o que as volve relacionar coa materia, coa súa persistencia.

Nese senso, a representación é un tipo de repetición.

A idea do Bo

Tocante á idea do Bo (sen relación coa noción moral de Ben), ese esforzarse en aceder ao senso tamén é un esforzarse en fracasar pois é no carácter de ser obxectos do devandito esforzo onde podemos atopar o significado do que é Bo en-si.

Iso non nos sitúa diante de esperanza ningunha, soamente, como obxectos desa capacidade de esforzo que fai a materia do mundo ao crearnos, colócanos perante a ignorancia. A de non saber en que consiste precisamente ese mundo que nos forma. Situados fronte a el, seica o único que podemos facer é deixar que ese mundo nos encontre.

Nese fin que ti describes atinadamente como “saciar a fame” é onde entraría a idea de Repetición. Pódese saciar a fame unha vez e logo ter que volvela saciar outra. De feito sempre é así, logo ese fin non é tal fin nin leva a nada máis ca a repetición: a asunción do fracaso do actual e a súa conseguinte perda no tempo, ou fixación do virtual nunha representación. Como un senso e dirección [que] se pode recuperar despois de experimentar a súa ausencia.

[Dun correo de Carlos Lema a Mario Losada, 8 de abril, 2019]

Senso ausente

” […] sabio na maneira de rachar co amor perdido e, se cadra, sabio en facer desaparecer a promesa falsa doutro tipo de amor. Necesita un equilibrio estable. Poida que necesite facer as paces co feito de abandonar a súa namorada, ou se cadra precise manter acesa a chama dun amor vivo. Semella demasiado feliz e, ao cabo, sabe que ela o liberou ao casar con outro home. Mais pode ser unha arroutada, non o sabemos.

En calquera caso, necesita volver a unha vida viable, a unha ‘repetición’ que remate coa súa mágoa.

[…]

No mellor dos casos, a repetición sería a esperanza de recuperar o amor. Nun caso non tan ideal, a esperanza sería a de ‘superar’ o vencello para, desde ese punto de vista, quedar libre de culpa. En xeral, o que suscita a Repetición é a posibilidade de recuperar un senso e unha guía para a vida sen deixar de padecer por carecer deles.”

“Introduction” de Edward F. Mooney,
in Soren Kierkegaard, Repetition, páxs. VIII-IX

Amor lembrado

“O amor lembrado é o único amor feliz, segundo di un autor.* Está absolutamente atinado se un lembra o primeiro que fai desgrazada unha persoa. A repetición do amor é o único e verdadeiro amor feliz. Coma a lembranza, non está derramado pola esperanza, tampouco pola marabillosa ansiedade da descuberta, moito menos aínda pola tristeza do lembrado. No canto diso, gózase da certeza do momento.”

Soren Kierkegaard, Repetition and Philosophical Crumbs,
Oxford, Nova York: Oxford World Classics, 2009, páx. 3

* un autor: o autor é o mesmo Kierkegaard. Contrario á opinión de que un amor perdido é un amor ‘desgrazado’, Constantine [pseudónimo de Kierkegaard] alude ao punto de vista expresado no primeiro volume de Enten-Eller, nas ‘Diapsalmata’, como consecuencia de que nesa vida triste a única felicidade chega a través da memoria —no presente, nada permanece connosco tempo abondo para facernos felices.

[N. dos E. in Soren Kierkegaard, Repetition, páx. 3]

Presente e futuro

“Leibniz: o filósofo alemán do século XVIII afirmaba que o presente contén o futuro: logo o futuro é unha ‘volta’ ou unha ‘repetición’ (dalgún aspecto) do presente.”

[N. dos E. in Soren Kierkegaard, Repetition, páx. 3]

A beleza dos obxectos eternos

“Ademais, prescindindo da presenza real das mesmas cousas noutras ocasións, toda ocasión real está posta dentro dun reino de entes interconectados alternativos. Este reino ponse ao descuberto por todas as proposicións falsas que caiba formular de antemán para significar esa ocasión. É o reino das suxestións alternativas cuxo punto de apoio na ‘actualidade’ transcende toda ocasión real.” (Whitehead, A. N., Science and the Modern World, New York: The Free Press, 1967, p. 156)

Este parágrafo establece unha base metafísica para harmonizar os diferentes tipos de experiencia. Do mesmo xeito que coa xustificación da epistemoloxía, a orientación é realista: as posibilidades non realizadas dos obxectos eternos son reais, non construcións ficticias proxectadas por unha subxectividade na realidade obxectiva. A subxectividade, que é actividade sintética, “prehende” esas posibilidades en determinados tipos elevados de experiencia, coma a arte, a literatura ou a crítica. Hai unha idealidade máis alá da repetición de realizacións pasadas que é accesible aos eventos temporais porque é “dada” obxectivamente.

Mario Losada, “Os obxectos eternos”

Finalidade sublime

Kierkegaard abominaba da mediación e guindou pola borda a Regine Olsen. Despois, a Repetición foi imposible. Ou todo o contrario, aínda é posible se somos conscientes de que precisamos a representación, de que a presenza é moi limitada e de que a representación, como mediación, é a que permite a Repetición que buscamos.

A Infancia do teu poema é iso, unha representación que repite. Hai nel certo determinismo da orixe, a orixe é importante porque durante toda a vida o que facemos é elaborar unha mediación para relacionarnos con esa orixe, esa mediación é a representación e a súa finalidade sublime é modificar a orixe mediante a liberdade de representarnos dun xeito que nos distancia do orixinal, do común.

[Dun correo de Carlos Lema a Roberto Abuín, 3-II-2019]

Dor

Unha das consecuencias polas que a dor é tal reside en que incapacita para o pensamento.

Por iso as relixións se basean na dor. A xenreira que Kierkegaard lle tiña á cristiandade viña de aí, da afección desta última pola dor. Chégase ao derradeiro dos tres estadioso estético, o ético e o relixioso— como resultado da superación da dor. Precisamente iso é a repetición, volver a vivir calquera experiencia, tamén a amorosa, sen padecemento.

Abandonarse

“A Tonje prestáballe o seu curso, tiña unha chea de amigos que ás veces nos viñan ver mais normalmente encontrábase con eles fóra da casa. Eu acompañábaa, aínda que non habitualmente. Fora alí para escribir, era miña derradeira oportunidade, en dous anos ía facer os trinta, se iso era o que quería conseguir tiña que esforzarme. A diferenza dos outros sitios nos que vivira, case non tiña relación ningunha con Volda. Erguíame pola tarde, escribía toda a noite, deitábame pola mañá e arelaba a noite, cando podería volver escribir. De cando en vez, ía en bicicleta ao pequeno centro da vila mercar CDs ou libros mais incluso o pouco tempo que empregaba niso me parecía un sacrificio grande, algo que en realidade non facía por gusto propio. O que descubrín durante eses meses foi a forza da rutina e o poder da repetición. Cada día, facía exactamente o mesmo, así non tiña que desbaldir enerxía ningunha e podía entregarlla toda á escritura. Toda aquela enerxía saía da mesma fonte, tres páxinas nun día, en cen días convertíanse en trescentas e, nun ano, en máis de mil.”

Karl Ove Knausgaard,
Some Rain Must Fall. My Struggle: Book 5,
Londres, Vintage, 2016, páxs. 607-608

Orde

A orde é relativa aos obxectos eternos, polo que, de acordo co principio ontolóxico, as entidades actuais son as razóns últimas da orde. Hai unha ordenación primordial e eterna dos obxectos eternos na ‘natureza primordial de Deus’, que é por iso ‘fonte de toda orde’. Deus, que é inmanente ao mundo temporal, ‘axusta’ en cada caso a orde primordial á orde derivada do mundo actual de cada entidade actual. A orde que observamos no universo, desde a humilde repetición de forma nunha serie das entidades actuais sucesivas que compoñen un obxecto persistente (por exemplo, un electrón durante un lapso de tempo) ata as leis físicas ilustradas por tales series e as súas relacións sistemáticas coas demais series, coma a xeometría elemental do espazo-tempo, atopa a súa razón nas entidades actuais que compoñen en cosmos e ás que a orde se aplica.

Mario Losada,
“O concepto metafísico de orde na ‘filosofía do proceso’
de A. N. Whitehead”, tese de doutoramento,
Universidade de Santiago de Compostela, 2018, páxs. 28-29

O inaudito

A música está concibida para a repetición, é representación mesmo cando é inaudita.

 

A ficción ficticia

Consideracións intempestivas sobre a novela

O ficticio na novela non é a propia ficción. A novela é un tipo de representación e, como tal, non ten obriga ningunha de acceder á verdade. Mais existe como tal representación, logo é real.

Como obxecto que representa. Ese é o senso no que a ficción narrativa é real. Non como presenza encarnada dunha verdade senón todo o contrario. Por iso, a ficción ha de ser unha presenza adiada. A representación non require presenza, de aí que permita a acción da reflexión, a distancia do lector, daquel que “recolle” e “escolle”. A ficción representada é o obxecto real da novela, non o é a verdade. Mais, ¿pode haber novelas falsas, ficcións que nos queiran engaiolar facéndose pasar por novelas auténticas?

Neste artigo pretendemos reflexionar sobre esa ficción ficticia. ¿É a daquelas novelas que se someten á verdade, a daquelas que cuestionan a súa realidade ao someterse á historiografía? ¿A das que se deixan asoballar pola actualidade para procurar convencer? ¿Ou é a daqueloutras que explican a vida de quen as escribe, que nos transmiten a súa maneira de percibir e entender o mundo? ¿A novela ha de ser a narración dunha experiencia ou algo absurdo e fantástico sen aspiración de recrear a realidade? ¿Debe ser a ficción un medio de acceder ao mundo ou unha maneira máis de transmitir unha verdade? ¿Cal é o papel do novelista, debe ser o dunha testemuña fiel ou pode finxir, enganar e seducir con tal de conseguir os seus fins? ¿Cales son estes? ¿Cal é a ficción real, cal a ficticia?

Coa finalidade de reformular e desenvolver estas cuestións, neste artigo recollemos escritos de autores diversos, textos éditos e inéditos, opinións… consideracións que por algunha razón, oculta ou manifesta, nos pareceron intempestivas. Porque, en todo caso, o xénero literario da novela debe aspirar non só a empregar a consenso retórico para convencer senón tamén para disentir del.

 

A ficción ficticia é a daqueles escritores que pensan que o que escriben non é real senón soamente algo ficticio. Unha representación que precisamente por ese motivo non pode formar parte da súa propia representación, da súa alma, e que permanece nunha exterioridade allea a ela, sen afectala.

Esa representación non os afecta porque está condenada a non acceder ás cousas; para eses escritores, forma parte dunha realidade que non é a realidade en si senón unha imitación do real.

E algo que non ten consistencia en si mesmo senón que necesita do que si a ten para parecer real soamente pode ser un medio, nunca unha finalidade. Algo que se finxe para lograr outra cousa.

*

¿Doenza da novela?

Máis ben se trata dunha alerxia, dun mecanismo defensivo da representación-novela fronte á reflexión, xa que esta última pon en marcha outro tipo de mecanismo, precisamente aquel que acaba por socavar a convención na que se basea a retórica narrativa moderna. A distancia do theorós, que toda representación permite pois non acucia cunha presenza, favorece a interpretación, que non é unívoca e pode disentir do novelista. Actualmente, existe un problema: co imperio da suposta autenticidade, para os escritores resulta difícil asumir que a literatura é unha representación, ou parecen non querer ser conscientes diso, precisamente porque o saben e cren que non lles queda máis remedio que disimulalo, esta última é a doenza dos novelistas.

De aí a necesidade de aferrollar a novela con procedementos de verosemellanza coma a historiografía, a actualidade xornalística e a pedagoxía. O adival que arrastra á novela é a súa inevitable función psicagóxica.

*

O novelista, ou Pigmalión desconfiado

Non é que o novelista non sexa consciente do problema que suscita a representación logo da condena kantiana que a parece obrigar a unha posición subordinada.

Os novelistas xogan o xogo kantiano de elaborar unha obra sucedánea da realidade sen atreverse a declarala tamén real. Non cren na divindade do ser humano, pensan que a arte é unha produción menor subxugada pola verdade científica, pola Historia, pola Ciencia e pola actualidade dos feitos.

Kierkegaard abominaba da mediación e guindou pola borda a Regine Olsen. Despois, a Repetición foi imposible. Ou todo o contrario, aínda é posible se somos conscientes de que precisamos da representación, de que a presenza é moi limitada e de que a representación, como mediación, é a que permite a Repetición que buscamos.

A filosofía da sospeita leva o novelista a ser un Pigmalión que desconfía da realidade da súa propia creación. Esta renuncia obrígao a buscar apoio noutras certezas. O novelista, como artista moderno que é, desconfía da realidade da arte pois para el esa Afrodita —e con ela toda representación— deixou de ser divina.

*

Ese é o senso no que a ficción é real. Como obxecto que representa. Non como presenza encarnada senón todo o contrario. A encarnación é a versión cristiá da correlación. Por iso, o amor ha de ser unha presenza eternamente adiada, a de ta paidiká para o erastés. O amor representado é o obxecto real do amor, non o é o sentimento porque non chega a ser cousa e se perde. O matrimonio é o obxecto en tanto que é a representación do amor; pola contra, o amor sentimental é un efecto da correlación entre o suxeito e o mundo e, como tal efecto, endexamais é cousa, nunca chega a ser real nin como ficción, soamente é unha produción da subxectividade.

O obxecto non depende da súa relación co suxeito, existe de seu unha vez que é producido. Mesmo as ficcións e as ideas. De aí que os sentimentos soamente sexan reais cando se representan como obxectos ou como institucións; mentres son sentidos polo suxeito non son reais mais que en calidade de subxectividade. A afección só é real cando transcende o suxeito a quen afecta, é dicir, cando se representa como obxecto a través dalgún medio expresivo producido polo suxeito afectado ou por outro suxeito que se relaciona con el. Da mesma maneira, a relación só é real cando se representa; pois un obxecto intencional non é real polo simple feito de que un suxeito o produza. Ten que obxectivarse para facerse real xa que o subxectivo soamente é real cando se obxectiviza, cando se transforma en obxecto como reasultado da acción produtora dunha relación. Mais esa relación non pode producir como tal relación; para producir, a relación debe constituírse como obxecto, logo debe transcender o suxeito. Ou o que é o mesmo, debe acadar senso; é dicir, aparecer nun campo de senso (entrar nunha obxectividade).

Carlos Lema, “Teoría do suxeito”

*

O novelista como demagogo

Escribir para encherlle o ollo a alguén.

A materia da novela é a actualidade; cando a manexa para forzar o consenso, o novelista busca a mesma dominación ca o demagogo ao darlle sistematicamente a razón ao pobo. Pola contra, o representante democrático xenuíno introduce a mediación entre vontade de dominación e decisión de actuar. A novela, como representación que é, debería xogar un papel semellante.

*

“The Cat that Walked by Himself”, ilustración e conto de Rudyard Kipling

*

O principio lexitimador da Idade Moderna é a liberdade; do mesmo xeito, a arte moderna é tanto máis lídima canto mellor representa ese mesmo principio.

De Marcel Proust a Henry Miller e, ao cabo, a Karl Ove Knausgaard. Non se trata de ter ansia polo real senón de realizar a liberdade do suxeito mediante a legalidade da arte e a súa reificación.

[…] o “experimento” xa non é unha cuestión da forma novelística senón a súa materia bruta, a da “experiencia” en si mesma […] Mais o que eu intento poñer en dúbida, con todo o respecto, é se se trata realmente dunha experiencia ou non; aínda máis, de que tipo de experiencia se trata se vida cotiá (unha categoría existencial nova, só algo corrente a partir da segunda Guerra Mundial) non é o termo axeitado para denominala. (Fredric Jameson, “Itemised, 4)

Efectivamente, a vida cotiá xa non responde á legalidade establecida mediante o pacto pois ese concepto non abonda como representación do acomún subxectivo moderno que cae baixo outro tipo de representación, a rexida pola legalidade da arte.

o intento de “distanciarnos” da nosa vida cotiá para vela dunha maneira nova, quer poética quer coma un pesadelo; analizámola coma se se presentase baixo a forma dunha materia prima, nunha situación na que polo de agora todo é materia prima. (Jameson, “Itemised”, 4)

Da materialización da obra como linguaxe realizada no modernismo pásase á materialización da vida como obra na tardomodernidade. Mais, ao cabo, trátase da cousificación dunha representación, quer da linguaxe quer da vida. Ambas as dúas convértense en arte.

*

Extraordinario e Natura

Dúas novelas absolutamente diferentes tratan do mesmo. A forma novela, na súa virtualidade, apodérase do discurso autorial facendo que a autora e o autor sexan intercambiables. Se en Extraordinario, Óscar asume as súas determinacións corporais, a protagonista de Natura intenta conservalas fronte a aquilo que quere subsumilas nunha identidade única. Ambos escapan das determinacións universais para conquistar as particulares.

Os ideoloxemas son os mesmos nos dous casos. O ideoloxema xa non se pode entender como un simple reflexo no texto cultural dun determinado contexto situacional externo senón como “a solución imaxinaria das contradicións obxectivas ás que constitúe así unha resposta activa” (Jameson, The Political Unconcious, 95). Concibido desta maneira, pasa a ser unha forma da praxe social, unha “solución simbólica dunha situación histórica concreta”.

Natura e contra natura. Todo o que é extraordinario é monstruoso, contra natura. Natura naturans (monstruoso) fronte a natura naturata (natural).

*

—¿Cal era o experimento? ¿Achegarse máis ao eu?

—Durante unha chea de anos tiven a impresión de que a forma da novela, tal como eu a entendía, se distanciaba da vida. Cando comezaba a escribir sobre min mesmo, esa distancia desaparecía. Se un escribe sobre a súa vida, tal como esta é para si mesmo, cada pormenor mundano chega a ter interese sen que teña que estar motivado por unha trama ou un personaxe. Esa é a miña única razón para escribir sobre min mesmo. Non é porque me encontre a min mesmo interesante nin porque eu experimentase algo que me pareza importante e digno de compartir, tampouco porque sexa incapaz de resistir os meus impulsos narcisistas. É porque así lle dou á miña escritura un acceso máis directo ao mundo que me rodea. Por iso, en certo senso, comezo a concibir o personaxe principal —a min mesmo— como unha especie de lugar polo que pasan as emocións, os pensamentos e as imaxes.

Joshua Rothman, “Karl Ove Knausgaard Looks Back on ‘My Struggle'”, entrevista

*

Estadio estético, novela e pólis

O retrato desta experiencia escribiuno Anxo Rei Ballesteros (Boqueixón, 1952 – A Coruña, 2008) na súa primeira novela, só agora publicada e escrita aos 17 anos: Dezanove badaladas. “Relata, por coller a distinción de Kierkegaard, o paso do estadio estético en que prima a liberdade subxectiva”, explica a Sermos Galiza Carlos Lema, da Editorial Galaxia, “ao estadio ético, o ingreso do subxectivo na pólis”.

A cidade, aínda que fose unha cidade en formación como a Compostela de aproximadamente 1969, significaba a posibilidade dunha vida libre. “Viaxe ao cabo da noite, paseo polo pracer e a morte, novela de aprendizaxe e metáfora da existencia”, di a nota da editora, “velaquí o preludio esencial á obra dun autor maior”.

Ambientada nunha noite —un dos temas que virou central na obra de Rei Ballesteros—, pesimista “como o Werther de Goethe”, por Dezanove badaladas transitan as masas urbanas que se botan á fin de semana —“unha estadea urbana que se ensume no corpo verdegante da noite en procura dunha salvación inalcanzábel”, engade o comunicado de Galaxia— e “un desacougo íntimo que o inza todo”.

No libro, novela de formación e aprendizaxe, xa respiran algúns materiais do que logo será o impoñente edificio narrativo de Rei Ballesteros. Ademais da noite e a liberdade, a preocupación pola oralidade resulta crucial. “Ao cabo”, expón Carlos Lema, “é o que fai a literatura moderna, facilitar a entrada do oral [da tradición oral] na escritura”. O editor salienta, a maiores, as pasaxes descritivas dunha Compostela escura e fantasmal, “moi traballadas, moi logradas”.

Daniel Salgado, “A iniciación á vida de Rei Ballesteros”, Sermos Galiza

*

[…] a ausencia de Gabriela vai condicionar tanto o resto da historia coma a formación do protagonista (a súa “sensibilidade”). […] Nese senso, o recurso da narración da morte de Demetrio […] forma parte do relato ao mesmo nivel xerárquico ca os outros elementos e introduce o tema da finitude como algo fundamental para a formación do protagonista e para a percepción do tempo como límite. Está claro que a consciencia da finitude é o que condiciona as decisións de Antón, tanto no que se refire á iniciación sentimental (relación con Elsa, tamén marcada polo límite temporal) coma a percepción que comeza a ter da infancia como concepto, como vivencia no senso de representación, cuestión esta última que é a que precisamente sinala o paso da infancia á adolescencia. Esa consciencia do límite e o intento de superar a finitude coa que se enfronta é o que fai xurdir a necesidade da arte, da literatura no caso do teu protagonista.

Cómpre lembrar que a denominación orixinal do xénero chamado “novela de formación” é a palabra alemá bildungsroman, e que bild significa “imaxe, representación”. Logo a novela de formación é a que relata a constitución do suxeito como representación, unha cuestión fundamental na Idade Moderna e que marca unha das funcións primordiais do xénero novela.

[Dun correo electrónico de Carlos Lema a Antón Riveiro Coello
a propósito de A ferida do vento, 8-IX-2016]

*

A novela é o lugar onde se pode pensar o que non se pode pensar en ningures e onde a realidade se encontra a si mesma, onde ás veces para que a realidade conte cómpre falar dela, facela manifesta en imaxes. A novela pode describir o mundo tal como é, en oposición ao mundo tal como se supón que é.

[…]

Un autorretrato de Rembrandt pódenos abrir os ollos sobre a esencia da vellez, ou un relato de Kafka sobre a esencia da burocracia. Mais eses efectos fanse patentes polo estilo; e moitas pasaxes da novela de Knausgaard parecen botar man de simples relacións de accións e reaccións. “A novela é a forma que repara nos pormenores da vida”, di no Libro Sexto. Aínda que tamén o pode ser da vida en senso amplo; e incluso a historia dos pormenores da vida debe ofrecer máis ca pura documentación. En defensa de Knausgaard, pódese dicir que logra convencernos de que, detrás de todos eses pormenores da vida, está oculto algo moito máis grande. De cando en vez, o seu estilo prolixo cambia de marcha, arrastrando os seus lectores ao reino do sublime.

Paul Delany, “The Form of the Small Life: Karl Ove Knausgaard’s ‘My Struggle: Book Six'”

*

Varias ideas importantes abrollan á superficie no Libro Sexto [de “A miña loita”]. A primeira refírese a como a memoria e a política de Hitler están completamente baseadas nun “nós” obliterado, non sobre un “eu” individual. Iso leva cara ao instinto da grea, cara á tolemia. Velaí unha das razóns polas que o libro de Knausgaard teima con tanta insistencia nos feitos dunha única vida.

A segunda é a maneira en que a sociedade liberal nega e enterra case todos os instintos escuros que nos asexan. Agochamos a morte e a doenza. Pretendemos que beleza e carisma, ambos os dous ideais nazis, non importan, cando de feito endexamais importaron tanto. Pasamos as horas entretidos con videoxogos de buscas épicas que excitan os grandiosos instintos ausentes na nosa vida cotiá. Knausgaard teme esa figura escura que ha chegar para destapar ou incoar a morriña de formar parte de algo máis grande ca nós mesmos.

Esas ideas son interesantes mais non novas, e son as que someten a novela a unha proba difícil de superar. Este libro é o máis longo e absorvente da serie “A miña loita” mais, curiosamente, é o meniño da camada.

Dwight Garner, “At the Close of Karl Ove Knausgaard’s ‘My Struggle,’ a Magician Loses His Touch”

*

Fantasía e novela

A novela non existe fóra do racional. A súa economía argumental impón unha orde para acadar un final; organízase como unha loita na que protagonistas e antagonistas se van situando nun proceso xerárquico que dá acceso ao clímax. A literatura moderna é orde, economía da expresión, logo razón.

Fóra do racional está a fantasía. A fantasía é aquilo que non é razón porque é anterior á razón. Non é irracional, pois o irracional está no límite de razón ou, se non, non nos poderiamos referir a ese concepto. Irracional é un concepto mentres que fantasía é aquilo que non sabemos o que é, polo que non dá cabido en, ou non cae baixo concepto ningún. A fantasía designa algo que non é a razón mais tampouco é o irracional. A fantasía, tal como se entende desde o punto de vista moderno —isto é, desde o correlacionismo kantiano e poskantiano—, é irrepresentable porque non ten presenza. Logo a fantasía é irrazón: iso que amosa a continxencia de todo agás do Caos.

De aí que o fantástico sexa todo aquilo para o que non rexen as leis da ciencia, iso que podemos denominar o virtual caótico; por exemplo, se se suspendesen as leis da física, se a lei da gravidade deixase de cumprirse sen motivo, sen causa ningunha. En consecuencia, a fantasía está próxima ao Caos, é dicir, trátase de todo mundo virtual cuxa posible transformación está determinada por un conxunto de leis non necesarias.

*

Lampedusa modernista

—Lampedusa resultou revolucionario co Gatopardo a forza de non o pretender.

—Ben, non é un autor romántico, nin a súa obra unha novela histórica. Hai moito de Virginia Woolf, moito de Joyce en Lampedusa. O que lle gusta ao lector é a representación desa aventura do século XVIII mais en realidade é unha novela absolutamente contemporánea: a historia como unha construción da humanidade. Cando isto está ben feito, en calquera das artes, asistes a unha especie de revelación do que é a natureza do ser humano.

Héctor J. Porto, Entrevista a Gioacchino Lanza Tomasi, albacea de Giusepe di Lampedusa, La Voz de Galicia, 2-IX-14

*

Novela histórica

1) Novela histórica, ou a novela como aventura.

A aventura (de advenire, devir) é unha peripecia, algo que lle acontece a alguén (a un suxeito, ao protagonista). Protagonista: de protos, primeiro, e agonistés, o que loita.

O devir dun protagonista, sempre lle acontece cun obxectivo. O protagonista loita para acadar algo, un fin.

Logo a aventura é unha economía no senso cristiá: o tempo concibido só en función do seu télos.

2) Protagonismo do suxeito fronte a protagonismo da Historia.

No caso da novela histórica, o suxeito ha ser o suxeito histórico: a nación, por exemplo.

Así acontece co Télémaque, de Fénelon, e co Grand Cyrus, de Madeleine de Scudéry, que son romans à clef sobre a Francia do século XVII.

Mais non só se trata de compartir un horizonte de espera nin de elaborar un relato simbolicamente fundante. Segundo Lukács, o novelista posúe “unha copertenza xeral humana” que estaría estreitamente vencellada ao que sería unha “xeneralización ético-estética [como] vehículo adecuado”.

En literatura, esa mesma “copertenza” ou conexión co “presente actual” pódese captar sempre porque é perceptible e inmediata, de tal xeito que “os escritores menos dados á reflexión poden captar as grandes inflexións históricas partindo do lado formal da arte, como o fixo, por exemplo, Walter Scott ao captar a historicidade da forma novela cando rematou o gran período de transformacións europeo da Revolución Francesa e Napoleón”.

[Do artigo “O ‘tema actual’ na literatura contemporánea”, euseino.org]

3) A dialéctica entre personaxes de ficción e ficcionalización da realidade histórica na representación novelesca.

*

¿Novelar o presente ou novelar o pasado?

Acabar coa Historia e escribir de si mesmo. O suxeito como cousa.

*

Na miña opinión, a novela é un xénero literario moderno que, desde a Ilustración, modelou a ficción escrita a partir de dous parámetros:

a) A actualización do narrado. Sexa actualidade sexa pasado histórico. En ambos os casos o efecto é similar.

b) A verosemellanza, ou mímese, establecida polo correlato humano-mundo a partir de, nomeadamente, o pensamento kantiano.

Nese senso, non hai contradición entre a ficción concibida a partir dun feito histórico e a ficción elaborada a partir dun feito da imaxinación. Os dous tipos de ficción pretenden acadar o mesmo efecto, o da imitación do mundo tal como o fixa o antedito correlato. Ten en conta que a idea de Estética xorde precisamente no Século das Luces, non antes.

O que vimos propoñendo en euseino.org […] é unha ficción “fóra dos límites da crítica kantiana”, un obxecto retórico no que o suxeito —e con el a Historia— deixe de ser a razón de ser da literatura. Para iso, cómpre a elaboración dunha nova concepción da estética xa non como expresión da percepción vehiculizada pola relación humano-mundo senón como ontoloxía dos obxectos, neste caso, do que eu denomino obxectos retóricos.

Isto que acabo de expoñer é unha hipótese. […] Lembra que nun correo anterior che propoñía eu escribir unha novela sen personaxes humanos e sen personalización dos obxectos. Algo por inventar, pois dunha inventio se trataría.

Estas cuestións trátanse en varios artigos de euseino.org dedicados á ficción literaria e á análise dos Faux-monnayeurs, a novela de André Gide.

[Dun correo de Carlos Lema a Iván García Campos do 19 de outubro de 2015]

*

A subxectividade como protagonista da novela

Se a narración representa unha visión duplamente subxectiva, por unha banda a da escolla que realiza o autor sobre determinados fragmentos da historia e, por outra, a da subxectividade do personaxe como recurso narrativo que implica á súa vez unha escolla intencionada dos feitos, tanto ficcionais coma de contexto histórico, a cuestión é a seguinte:

¿É posible acceder a unha realidade independente do subxectivo? Ou, pola contra, ¿débese pensar nun “realismo subxectivo”? Se é así, ¿que consecuencias ten esta decisión de fixar límites subxectivos para un xénero narrativo coma o da novela?

Dentro da filosofía que actualmente se denomina realismo especulativo hai unha corrente chemada OOO (Ontoloxía Orientada aos Obxectos) que pensa os obxectos (materiais, animados, inanimados) como realidades individuais, como obxectos independentes das súas relacións. De aí podería xurdir a proposta dunha novela non tanto sen personaxes coma sen seres humanos, sen “voces”, sen focalización narrativa a través dun suxeito pensante. A cuestión é a seguinte: se a ciencia pode pensar —e pensa— o mundo anterior á aparición do ser humano, incluso anterior á existencia do planeta Terra, a filosofía tamén debe pensalo, como fai, por exemplo Quentin Meillassoux coa noción de ancestralidade. Consecuentemente, a literatura debería basearse nesa realidade ancestral para propoñer unha nova estética literaria a partir da posibilidade de acceder ao mundo independentemente da presenza e do pensamento humanos.

Logo, cómpre escribir unha novela na que ningún dos persoanaxes sexa humano nin estea humanizado. Unha novela dos obxectos, ou da materia. Trataríase dunha novela feita a partir dos presupostos que actualmente dominan na narrativa: o perspectivismo subxectivo. A idea sería a de levar ese subxectivismo a unha especie de cul-de-sac narrativo, isto é, proxectar nos seres humanos a idea de individualidade independente das relacións (que é o que propón Grahan Harman e a OOO). O que se podería denominar “desharmonía” non sería máis ca a realidade independente da perspectiva outorgada polas relacións; a intención sería a de acceder aos suxeitos coma se de obxectos se tratase, sen depender das súas relacións cos outros suxeitos.

Habería que buscar un tipo de estrutura narrativa e de estilística —por exemplo, unha estrutura narrativa baseada nas matemáticas— independentes da psicoloxía e do pensamento subxectivos.

*

Novela, filosofía, política: unha prolongación da certeza. O incerto é infinito, non se pode estender.

*

Se o sistema legal está superado porque parece ser inefectivo, ¿que vai ocupar o seu sitio? ¿Quen vai ser o novo axente do poder? O que non queira ser unha Mala Feminista coma min. Non somos aceptables nin para a Dereita nin para a Esquerda. En tempos de extremos, gañan os extremistas. A súa ideoloxía convértese nunha relixión, calquera que non queira ser un monicreque ha ser un apóstata desde o seu punto de vista, un herexe ou un traidor, e os moderados que estean no medio han ser aniquilados. Os escritores de ficción son particularmente sospeitosos porque escriben sobre seres humanos e a xente é moralmente ambigua. O obxectivo da ideoloxía é eliminar a ambigüidade.

Margaret Atwood, “Am I a bad feminist?”

*

Novela: continuidade de tempo ateigado e perpetuo

esa continuidade alasante de tempo recheo e narratividade perpetua que Bloom deplora

Fredric Jameson, “No Magic, No Metaphor: ‘One Hundred Years of Solitude’”

*

Afiliación en Todo canto fomos

1) Cuberta: vitalismo e emancipación.

2) Protagonista, ¿ou disolución do protagonismo? O protagonista é a novela como xénero literario.

3) Conclusión: superación dos conflitos entre o escritor/nai e escritor/filla. Afiliación mediante a literatura.

Todo canto fomos, de Xosé Monteagudo, é unha novela gratificante, cunha conclusión positiva. Esa alegría e esa felicidade son as da afiliación, que na modernidade se expresa na arte como liberdade nunha situación.

A historia do escritor londiniense e da súa filla é a historia da superación dos conflitos do pasado e a irrupción do pacto social propio da Idade Moderna. Paso da filiación á afiliación. Pai e filla escollen relacionarse non debido a unha relación filial, obrigada, senón por unha decisión libre de ambos os dous. Primeiro, o escritor londiniense e a súa filla, logo o escritor coa súa nai a través da escritura (o fillo fai perdurar a vida da nai na literatura).

*

A novela da familia

O Bildungsroman non é unha novela da familia senón unha fuxida da familia; a novela picaresca xira arredor dun heroe que nunca ten familia; e no que atingue a novela de adulterio, a súa relación coa familia fala de seu.

Alguén, coido que foi Jeffrey Eugenides, defendeu que a novela da familia soamente é posible hoxe fóra de Occidente, e eu creo que hai unha perspicacia moi profunda nesa afirmación. Podemos pensar en Mahfouz, por exemplo […]

Fredric Jameson, “No Magic, No Metaphor: ‘One Hundred Years of Solitude’”

*

Na arte, o nihilismo tamén impulsa unha retrogradación na que o movemento moderno cara a afiliación, isto é, cara á escolla libre do repertorio de formas e de temas, se transforma en filiación, ou retorno á determinación do vínculo necesario. De aí a concepción do idioma como lingua materna, determinante da percepción, das ideas e, en consecuencia, dunha cultura nacional-popular, e a concepción da paisaxe como molde do humano, de aí concepcións regulatorias do tipo “escribir a novela do mar”, ou “a gran novela americana”, non a “gran novela” sen máis.

Fronte ao carácter afiliativo da arte moderna, […] o nihilismo artístico parte da idea da historia como suceso inderivable e último en si mesmo e, en consecuencia, dunha concepción da cultura determinada pola filiación á historia dunha identidade; identidade histórica da que debe xurdir o nomos da arte.

As constricións contundentes impostas pola filiación á historia e á natureza levan ao que Blumenberg denomina teoloxía do presente, xa que a transcendencia que se busca só se pode resolver mediante as determinacións da historia actualizadas no presente. Non é posible concibir o presente desde o que Sartre denomina liberdade da situación, é dicir, un presente non determinado por suxeito histórico ningún, un presente no que a liberdade poida dirimir a situación e a situación permita que a liberdade xurda no seu seo.

Do artigo “A posición nihilista”, euseino.org

*

A distorsión da perspectiva

É semellante á distorsión cronohistórica (en paralelo á noción de cronotopo) que se propón na novela, de tal xeito que estamos a ofrecer unha perspectiva que non cadra coa perspectiva actual, centrada na subxectividade, senón que a altera ao combinar perspectiva e panorama na mesma imaxe. Penso que esa é unha maneira axeitada de suxerir a intención da novela [Nordeste], na que hai unha inversión ou alteración da perspectiva histórica, cando menos segundo a miña interpretación.

[…] nun tipo de narrativa que pretende alterar o discurso histórico e a súa función como saber, no senso no que o criticou Foucault. Se iso é así, penso que cómpre explicitalo, que a crítica do discurso histórico feita a través do discurso ficcional debe quedar exposta á luz.

[De dous correos de Carlos Lema a Daniel Asorey sobre Nordeste, 23-II-2017.]

[En literatura, o cronotopo (do grego kronos = tempo + topos = espazo, lugar) é a conexión das relacións temporais e espaciais asimiladas artisticamente. Esta definición foi dada polo filósofo e lingüista ruso Mikhaíl Bakhtin no seu ensaio Формы времени и хронотопа в романе (“As formas do tempo e do cronotopo na novela”, de 1937).]

*

Non ten por que asombrarnos que a cuestión do suxeito —e con ela entra en xogo o correlacionismo, ou acceso ao mundo a través do suxeito— estea presente no “realismo da Paixón”, pois do fracaso de Deus todopoderoso xorde a posibilidade, como potencia, do Deus do mundo. O destino do creado xa non vai ser a Salvación senón o mundo mesmo: “a eiva amarga da morte”, e traduzo libremente a Blumenberg.

Esa amargura do Ser Humano, provocada pola inexistencia divina, pódese representar de xeito perfecto se a trasladamos aos tres movementos da forma sonata; a única forma artística, xunto coa novela, propia da Idade Moderna.

Carlos Lema, “A inexistencia divina”, artigo en euseino.org

*

O obxecto retórico novela-máquina fronte ao dispositivo discursivo novela-xénero.

 

Bibliografía

Atwood, Margaret

“Am I a bad feminist?”, The Globe and Mail, 13-I-2018.
<https://www.theglobeandmail.com/opinion/am-i-a-bad-feminist/article37591823/&gt;

Delany, Paul

“The Form of the Small Life: Karl Ove Knausgaard’s ‘My Struggle: Book Six'”, Los Angeles Review of Books.
<https://lareviewofbooks.org/article/the-form-of-the-small-life-karl-ove-knausgaards-my-struggle-book-six/&gt;

Garner, Dwight

“At the Close of Karl Ove Knausgaard’s ‘My Struggle,’ a Magician Loses His Touch”, The New York Times, 17-IX-2018.
<https://www.nytimes.com/2018/09/17/books/review-my-struggle-book-six-karl-ove-knausgaard.html?rref=collection%2Fsectioncollection%2Fbooks&action=click&contentCollection=books&region
=rank&module=package&version=highlights&contentPlacement=1&pgtype=sectionfront>

Jameson, Fredric

The Political Unconcious: Narrative as Socially Simbolic Act. Ithaca: Cornell University Press, 1981.

“Itemised”, “Review of My Struggle: Book 6. The End, by Karl Ove Knausgaard”, London Review of Books, vol. 40, no. 21 (2018): 3-8.
<https://www.lrb.co.uk/v40/n21/fredric-jameson/itemised&gt;

“No Magic, No Metaphor: ‘One Hundred Years of Solitude’”, London Review of Books, vol. 39, n.º 12 (2017): 21-32.
<https://www.lrb.co.uk/v39/n12/fredric-jameson/no-magic-no-metaphor&gt;

Lema, Carlos

“Teoría do suxeito”, in “A monstruosidade moderna”, Vigo: Euseino? Editores, no prelo.

“A inexistencia divina”, en liña, euseino.org, 21 de xuño de 2015.
<https://euseino.org/2015/06/21/a-inexistencia-divina/&gt;

Porto, Héctor J.

Entrevista a Gioacchino Lanza Tomasi, albacea de Giusepe di Lampedusa, La Voz de Galicia, 2-IX-14.
<https://www.lavozdegalicia.es/noticia/cultura/2014/09/02/virginia-woolf-joyce-lampedusa/0003_201409G2P39991.htm&gt;

Rothman, Joshua

“Karl Ove Knausgaard Looks Back on ‘My Struggle’”, The New Yorker, 11-XI-2018.
<https://www.newyorker.com/culture/the-new-yorker-interview/karl-ove-knausgaard-the-duty-of-literature-is-to-fight-fiction&gt;

Salgado, Daniel

“A iniciación á vida de Rei Ballesteros”, Sermos Galiza, edición impresa, 13-X-2018.

 

 

 

Charlas no Pensatorio

Na Biblioteca Os Rosales (A Coruña)

Conferencia de Carlos Lema

O próximo xoves, día 15 de novembro, ás 19 horas, comeza o ciclo Charlas no Pensatorio, organizado pola Biblioteca Municipal Os Rosales, da Coruña, en colaboración coa Fundación Euseino?. Como parte das actividades do café filosófico O Pensatorio, o filósofo, poeta e editor Carlos Lema vai falar de:

Cidadán e artista: as consecuencias ontolóxicas dunha reificación

“O asunto central desta charla, na que se vencellan filosofía e estética, é realizar unha defensa da igualdade ontolóxica a través da idea de que, na Idade Moderna, a arte é para todos. Os conceptos chave serían as nocións de arte e liberdade, a de cidadán común como artista (por exemplo, o caso do escritor Karl Ove Knausgaard e a súa sextaloxía “A miña loita”) e as de cousa e suxeito cousificado (autopoiese).”

O autor da Música das esferas, expoñerá as ideas centrais do que vai ser o seu próximo libro “A monstruosidade moderna”.

Máis información na páxina web da Biblioteca Os Rosales.

 

“Homenaxe a Delacroix” (1864), por Henri Fantin-Latour. Sentados: Louis Edmond Duranty, Henri Fantin-Latour, Jules Champfleury e Charles Baudelaire. De pé : Louis Cordier, Alphonse Legros, James Whistler, Édouard Manet, Félix Bracquemond e Albert de Balleroy. No centro, un autorretrato de Eugène Delacroix.

 

O ciclo continuará o día 20 de decembro cunha charla de Inma Otero Varela, que vai falar de “A emerxencia do real fronte ao texto”.