Publícase “m-Talá”, de Chus Pato

Edición do Vixésimo Aniversario. Vol. extra da “Obra completa”

A partir do día 16 de novembro distribúese nas librerías e a través de euseino.org a Edición do Vixésimo Aniversario de m-Talá, o poemario de Chus Pato. Con este volume extra comezamos a publicación da Obra completa da poeta e padroeira da Fundación Euseino?

Denominada Edición do Vixésimo Aniversario, esta edición inclúese nun volume extra polo seu carácter de celebración e, sobre todo, polo significado singular que este poemario tivo tanto respecto da obra ata aquel momento publicada pola poeta coma pola forma en que foi recibido, recepción que outorgou a condición de feito extraordinario a esta obra.

Trátase dunha nova edición, realizada por Carlos Lema, na que se corrixe, revisa e actualiza a publicada hai vinte anos. O libro está organizado en dúas partes, o poemario propiamente dito e os anexos, formados por seccións nas que se reúnen dedicatorias, testemuños, estudos críticos, variantes, versións e documentos, antoloxías e traducións da obra.

Nesta última parte, incluíuse unha selección de entrevistas e artigos publicados arredor do poemario, ademais das variantes existentes respecto da primeira edición. Coa supervisión da autora, danse versións precedentes dalgúns dos poemas encontradas nos cadernos de notas que forman parte do Fondo Chus Pato depositado no arquivo da Fundación Euseino?

Pódense consultar os orixinais manuscritos de versións previas de poemas de m-Talá na ligazón: “Os orixinais de m-Talá”

Para máis información: consulte o índice do libro.

Consiga o seu exemplar:

Compra con tarxeta

Na internet
(gastos de envío gratuítos para quen estea subscrito ou se subscriba á Carta de Información)

Nas librerías

“Decálogo da novela”, por Santiago Lopo

 

“Integrae naturae speculum”, Robert Fludd, 1617

 

Novo “Decálogo da novela”, desta volta a cargo de Santiago Lopo. O autor da Diagonal dos Tolos parte dunha idea da novela como universo de seu, irresistible e exacto. Un poliedro de mundos. Ficcións ousadas, atrevidas, mesmo prohibidas, que retorcen prexuízos ao aproveitar a potencia significativa dos grafemas. Arriscada, hipnótica e liberadora, a novela é coma unha faísca estelar cunha duración propia e unha materia que, igual ca os astros, acubilla séculos. Vidas que se subsomen na memoria, a novela acaba sendo espéculos e miraxes, unhas poucas escenas, algún personaxe, ¿unha lección? Ao cabo, a ficción narrativa permanece pola súa propia metamorfose infinita.

Sección coordinada e editada por Iván García Campos. En semanas vindeiras, novos decálogos escritos por novelistas. A novela pénsase desde a novela, a ficción tamén é reflexión.

 

Un poliedro infinito

1) Libre, coma un big-bang de grafemas. A novela nace dunha explosión creativa e polimorfa que forma un universo de seu.

2) Nutritiva, coma pexego prohibido. Téntanos dende a árbore veciña. Irresistible ao noso padal. Regálanos coñecemento do mundo e instrúenos na ciencia do ben e do mal.

3) Precisa, coma astrolabio de Hipatia. Conta moito con pouco. Non conterá erros de cálculo para evitar que naufraguemos na lectura.

4) Evocadora, coma unha nube á deriva. Fainos soñar espertos. Grazas a ela gabeamos por novos mundos ou apalpamos experiencias xa vividas.

5) Diferente. Alemá e de Camelle. A novela será ousada, esencial e alegal. Xogará cos nosos referentes e retorcerá os nosos prexuízos.

6) Aberta, coma o holograma dun poliedro infinito. Cada nova interpretación enriquecerá a súa potencia significativa, insuflándolle vida.

7) Hipnótica, coma tambor de vodú. Creará adicción. Cambiará o noso ritmo cardíaco. Mergullaranos nunha danza enigmática e descontrolada.

8) Arriscada, coma unha galopada infantil. Sen autocensura. Unha carreira instintiva, liberadora e despreocupada.

9) Inspiradora, coma unha semente na auga. Influirá e modelará, a miúdo sen sabelo, o imaxinario colectivo, a estética futura, as obras vindeiras.

10) Imperecedoira, coma unha áncora vital. A súa mensaxe sobrevivirá o paso dos séculos. As súas imaxes ficarán ocultas na nosa memoria ata que salte a faísca. Ese día lembraremos o plano do tesouro e volveremos á illa.

 

Decálogos da novela anteriormente publicados

“Realidade e compromiso na ficción narrativa”, por Carlos Lema
“A narrativa como disciplina artística”, por Iván García Campos
“Unha teoría do inexplicable”, por Diego Ameixeiras
“A novela como forma de vida”, por Xosé Monteagudo

Outros artigos sobre a novela en euseino.org

“Do ‘novum’ e da novela”, por Roberto Abuín

“A ficción ficticia”

“A novela, xénero literario moderno”

A posición nihilista: o nihilismo literario”

“A filosofía no obxecto retórico novela-máquina”

“A novela-máquina: enerxía, operador e materia”

“En resposta a Harold Bloom: ¿que é “radicalmente novo”?”