¿De onde xorde un libro?

Dixitalizado e catalogado o Fondo Anxos Sumai do Arquivo Euseino?

Mediante un convenio entre a Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Euseino?, a investigadora Nerea Campos Avendaño realizou a dixitalización e catalogación do Fondo Anxos Sumai como prácticas académicas externas do Mestrado de Estudos da Literatura e da Cultura. Un fondo organizado e accesible composto por catro cadernos manuscritos dos anos 1982, 1984-1985 e 1986, xunto cun amplo conxunto de relatos (publicados e inéditos), apuntamentos para novelas e anotacións das décadas de 1980, 1990 e 2000. Un total de 45 fichas catalográficas (sección 1 e sección 2) que dan acceso ao proceso de escritura da obra da autora. Como primeira mostra deste fondo, acábase de publicar o álbum ilustrado A nena de xeo.

Fondo Anxos Sumai: acceso ao proceso de escritura

Xa está dispoñible para consulta o Fondo Anxos Sumai no Arquivo Euseino?, un repositorio dixital que abre unha porta privilexiada ao proceso creativo da autora. Grazas ao traballo de catalogación e dixitalización concluído recentemente, agora as persoas lectoras, investigadoras e interesadas na intrahistoria da escritura da súa obra poden explorar este conxunto documental con total facilidade. Para acceder aos orixinais da autora de A lúa da colleita, pódense consultar as Fichas catalográficas nas que están recollidas as fontes documentais a través dunha sinxela solicitude de consulta.

O fondo reúne materiais de gran valor literario, en especial para a crítica xenética, que ten como obxecto de estudo os materiais textuais —principalmente manuscritos— que preceden a versión final dunha obra. Conta con orixinais de relatos inéditos, ilustracións e mesmo proxectos inacabados, diferentes borradores e versións que permiten achegarse a unha experiencia íntima da escritura. Este conxunto posibilita coñecer, alén da súa obra publicada, as múltiples vías que a autora percorreu na creación literaria, ao entender cada documento como parte dun proceso aberto, en elaboración.

Entre a documentación autorial que Anxos Sumai confiou á Fundación Euseino?, apareceron

orixinais que permanecían gardados, latentes, coma se esperasen o momento axeitado para saír á luz. Entre eles estaba a historia de A nena de xeo, que emerxeu do arquivo coma unha peza conservada nun glaciar: intacta, poderosa, lista para ser lida.

Tal como contou Beatriz Fraga, a súa editora, na presentación deste álbun ilustrado. O orixinal do conto ilustrado por Minia Regos forma parte do legado cedido pola escritora de Catoira ao Arquivo Euseino?

Mostras de varios orixinais manuscritos conservados no Fondo Anxos Sumai. Fotos Arquivo Euseino?

Esta colección contén, polo tanto, o xermolo da obra literaria da autora, a busca dun xeito de expresión en escritos de singular sensibilidade. Altérnase entre narracións sobre o cotián, o fantástico e o gótico. Nos cadernos chaman a atención os apuntamentos de xogos de palabras así como notas persoais que fan visibles os procesos de aprendizaxe da escritora. Aparecen tamén miniaturas e iluminacións, isto é, pequenas ilustracións e elementos ornamentais feitos a man para acompañar e adornar o texto, como motivos florais ou pequenas figuras zoomórficas nas marxes. Estes recursos, inspiráronse nos códices, manuscritos antigos en pergameo, cos que traballaba Anxos Sumai na súa profesión como arquiveira do Consello da Cultura Galega.

O traballo de dixitalización e catalogación foi realizado pola investigadora Nerea Campos Avendaño, do Mestrado en Estudos da Literatura e da Cultura, no marco dun convenio de colaboración entre a Fundación Euseino? e a Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. O resultado é un fondo organizado e accesible composto por catro cadernos manuscritos datados nos anos 1982, 1984-1985 e 1986, xunto cun amplo conxunto de relatos (publicados e inéditos), apuntamentos para novelas e anotacións soltas das décadas de 1980, 1990 e 2000. O total de fichas catalográficas nas que está organizada esta colección son 45.

Manuscritos do Fondo Anxos Sumai coa peculiar caligrafía da autora, xunto cun dos cadernos dixitalizados, a cuberta do álbum A nena de xeo e a escritora coa investigadora en prácticas Nerea Campos.

O antiarquivo

Reportaxe de culturagalega.gal sobre o Arquivo Euseino?

A materia literaria —notas e cadernos de traballo—, outro xeito de acceder á obra

O xornalista Xermán Hermida publica en Cultura Galega a reportaxe titulada Memoria das escritas de hoxe:

"Compilar cadernos, notas e, en xeral, o material de traballo do que xorden as obras literarias nunha sorte de anti-arquivo. Esta é a base do Arquivo Euseino? de documentación autorial, unha iniciativa que pon o foco no carácter inacabado dos libros e nas posibilidades destes materiais como base para tecer redes. Varias autoras vivas e unha cooperativa depositaron xa fondos nun proxecto único no noso país."

Mediante un áxil diálogo con Carlos Lema, Hermida vai percorrendo as distintas características e a singular finalidade dun arquivo que “quere difundir os aspectos ocultos das obras literarias” e permitir a posibilidade dun tipo de lectura que amosa a obra escrita como “unha materia, autónoma respecto á persoa que a elabora e cunha vida propia que se relaciona co mundo de formas moi diversas”.

O xornalista pide tamén opinión a dúas das autoras con fondos no arquivo da Fundación Euseino? e que desde a súa creación apoiaron o proxecto: Anxos Sumai, que ademais é documentalista asesora do Arquivo Euseino? (organigrama), e Rebeca Baceiredo, unha das autoras, xunto con Chus Pato e Berta Dávila, vencelladas estreitamente ao proxecto iniciado por Beatriz Fraga e Carlos Lema en 2015.

Na orixe dese proxecto está a crítica do libro como dispositivo de apropiación do saber, en concreto a obra de Jacques Derrida, un dos grandes filósofos e pensadores da literatura do século XX.



Cunha nada común pericia para sintetizar a información sen facer que os matices se eslúan, Xermán Hermida describe as diferentes facianas do Arquivo Euseino? salientando a súa singularidade: o potencial dos cadernos de notas, a incorporación de documentos, o Fondo videográfico Numax, o arquivo como rede, a cara oculta da escritura, o acceso aos fondos, os proxectos, a relación das persoas voluntarias cos materiais que dixitalizan, catalogan e arquivan, a xenerosidade das persoas doadoras dos fondos.

Os orixinais de Rebeca Baceiredo, no Arquivo Euseino?

Inclúen cinco cadernos de notas cun expresivo grafismo xestual

A filósofa e escritora Rebeca Baceiredo fixo efectivo o Acordo de Cesión de orixinais da súa obra literaria e filosófica. A Fundación Euseino? é a depositaria da documentación autorial entregada, que vai formar parte do Fondo desta autora no Arquivo Euseino?.

O Fondo Rebeca Baceiredo consta de orixinais en papel da obra da autora. Son os títulos seguintes: O suxeito posmoderno, varias versións iniciais de (repeat to fade), versións de (des)veos, páxinas dunha versión inicial de E meterei a miña lei no teu peito (tamén titulado “O narcisismo de Eros”), Capitalismo e fascismoLibro de horasComo non ser tranquilamente human@s e o inédito “Glosario da boa vida”.

Aos orixinais das obras, o Fondo engade unha colección composta por cinco cadernos de notas da autora de A revolución non vai ser televisada. Estes cadernos teñen características singulares pois, ademais de incluír anotacións de lecturas, apuntamentos para ensaios e proxectos, teñen importancia polo emprego do grafismo como xeito expresivo non discursivo, dándolle relevo á xestualidade gráfica, ao uso dos trazos de riscado e á caligrafía disforme. A filósofa e escritora mesmo emprega a rachadura do papel, a composición de grupos de palabras e de números como expresión de ruptura coa lóxica do discurso.

Fotos de cuberta e páxinas con diversos aspectos dos cadernos de notas. Ao seu carón, Rebeca Baceiredo con Beatriz Fraga, cofundadora de Euseino?, logo da sinatura do Acordo de Cesión e nun coloquio sobre a obra Transhumanismo, de Brais Arribas (no segundo plano da foto), nas dependencias da Fundación Euseino?

Trátase dunha cesión de orixinais manuscritos e mecanoscritos, de gran valor documental para os estudos de crítica xenealóxica da obra tanto literaria coma filosófica de Rebeca Baceiredo.

Deste xeito, o Arquivo Euseino? continúa acrecentando a súa incidencia no estudo da documentación autorial, converténdose nun dos arquivos galegos con maior interese para estudar a formación da identidade autorial co Fondo Numax, ademais de estar especialmente dedicado á obra de escritoras galegas contemporáneas ao contar cos fondos de Chus Pato, de Anxos Sumai e o Fondo Berta Dávila, ao que agora se engade o Fondo Rebeca Baceiredo.