“Decálogo da novela”, por Xurxo Borrazás

“A tenda de a peso e a patacón”, cartel da Works Progress Administration (EUA), ca. 1941.

Dos novelistas que comezaron a publicar na década de 1990, Xurxo Borrazás é un dos que máis leva escrito e reflexionado sobre o oficio de escribir e, en concreto, de escribir novelas. Non só nos seus libros de ensaio senón tamén na súa obra novelística, o autor de Brevedume non deixa de debullar o xénero literario da novela, arrincando camada tras camada ata que o miolo queda ao aire e os sucesivos estratos expostos ante a ollada de quen le. Neste decálogo, Borrazás consegue sintetizar todo o seu aparente escepticismo non para entregar unha síntese, máis ben para ditar unha sentencia: a da morte da novela como afirmación de que a ficción soamente como cadáver pode existir. Ao contrario da maioría das narradoras e narradores actuais, desta segunda década do século no que vivimos, a persoa que escribiu Eu é consegue extraer vida dun obxecto morto, é quen de representar o que para el —e para uns cantos máis, non para a maioría— é un ente inerte. A novela. Decididamente, o que interesa de Borrazás non é que sexa un bo rapaz senón que é un bo escritor.


Sección coordinada e editada por Iván García Campos

Cigarros de chocolate

1) Chegamos tarde. A novela morreu efectivamente hai tempo, non de maneira traumática senón coma eses anciáns que un día aparecen momificados na butaca fronte ao televisor e levan alí tres meses. Chegamos tarde e os escritores de novelas que se cren vivos están un pouco mortos. A xente respéctaos igual que se persigna ao cruzarse cun enterro, por superstición.

Un cadáver tende a cheirar e o da novela fíxoo no primeiro terzo do século XX. Os que a partir de entón a cultivamos somos Norman Bates a custodiar a momia da nai recluída no soto, falándolle e falando por ela, penteándoa, vestíndoa e recibindo as súas instrucións de eliminar todo atranco á nosa relación edípica. Hai, con todo, quen prefire pensar que a novela non morreu, só cheira raro.

2) Hipóteses. O asunto de que a un lle deixen de gustar as novelas tense debatido arreo sen chegar a conclusións, só a hipóteses. Non vos riades pero isto ocórrelle a moitas persoas pola volta dos cincuenta, unha especie de menopausia ou andropausia literaria, cando a mente comeza a tirar do corpo como dunha carga e non ao revés, como acontece na xuventude.

É unha hipótese. Pouco convincente porque leva a pensar que quen continúa a ler e escribir novelas está en mellor forma que quen se inclina por outros xéneros, e non é necesariamente así.

3) A culpa. A teoría hormonal contra a ficción deixa libre de culpa a linguaxe. Con todo, seguimos a tolerar as ficcións no audiovisual, son as novelas as que nos tiran para atrás.

Tampouco isto nos convence porque en diarios, artigos ou ensaios a linguaxe non se nos atranca. Debe ser unha desconexión ou paralaxe entre a linguaxe e a ficción, unha interacción que se volveu incapaz de xerar imaxes verosímiles e convincentes.

E, aínda así, tampouco isto convence porque son igualmente as tramas as que nos enchen de preguiza, a candidez contractual da ficción compartida, a división en capítulos, as descricións plásticas, os diálogos áxiles, a estrutura de montaxe, a frase ben construída, a xestión do tempo, os dramas corais, os nomes dos personaxes…

4) Claustrofobia. A inmanencia consubstancial á novela, na que cada elemento narratolóxico rende contas apenas ante o resto de elementos do propio artefacto, quítanos o aire. A necesidade absoluta do autor ten algo de despótico. Dito isto, é o peche claustrofóbico e a resolución autorreferencial das tramas o que atrae a moitas persoas á novela. Fronte a ela, os xéneros aos que non lles abonda coa coherencia interna, nos que o contido rende contas ante aquilo que se permite prescindir de nós, isto é, a realidade, axúdannos a respirar.

5) Ata o filtro. Lembrades aqueles cigarros de chocolate que mercabamos de cativos? Primeiro pensabas: “Que sofisticado”, finxías darlle bocaladas ata que comezaba a derreterse, caías no ridículo do choio, abandonabas a impostura e fincábaslle o dente. Quen non ten abondo coa realidade e segue inclinándose pola ficción lémbranos a un adulto que pretende fumar os cigarros de chocolate ata o filtro.

6) Intolerancia. Máis que desinteresarnos nas novelas por un motivo razoado, o que sentimos por elas maniféstase cos síntomas dunha intolerancia alimentaria. A separación entre mythos e lógos é tal que escoller un tipo de linguaxe implica despedirse do outro.

Poñérmonos en modo de escribir ficción é poñer o carro diante dos bois e resúltanos nesta altura tan antinatural coma lerlle as obras de Heidegger a un pastor alemán e pensar que nos entende. Con “pastor alemán non nos referimos a un pegureiro nin a un cura.

7) Dualismos. Afirmarse na ficción é supoñer que entre ficción e realidade existe unha fenda, outrosí, entre o corpo e a mente, entre o natural e o artificial. Cos anos imos observando que todo é máis complexo e entretecido e eses dualismos son interesados. A intolerancia da ficción ten, pois, base política. Os libros que non son de ficción lémolos cos ollos e co cerebro. Cando sostemos unha novela, o cerebro concédese un descanso e deixa o labor en mans dos ollos. Por iso nos interesan as novelas que ao tempo son documento, ou reflexión persoal, máis aínda se suscitan a dúbida de que sexan literatura. Non precisamos omnisciencia, abóndanos coa ciencia. As novelas, ademais de selo, deben non parecelo.

8) Fanáticos. A ficción é unha maneira de organizar a experiencia, non a única. Os autores que no comezo das novelas sementan intriga e, cando se achegan ao remate, atan cabos e despexan incógnitas, prodúcenme o efecto dunha estrutura que se ten de pé a base de anacos de fita adhesiva industrial. Hai na narrativa e no cinema verdadeiros fanáticos da fita americana

9) Contrapesos. Discernir entre realidade e ficción é encerellarse en se o que temos no prato é arroz con chocos ou chocos con arroz. A realidade axúdanos a non obsesionármonos coa ficción, a ficción a non obsesionármonos coa realidade. A dispersión axúdanos a non caer na monomanía, a monomanía literaria a non perdérmonos na dispersión. Son os contrapesos os que fan que as tensións se equilibren. A saúde mental ten algo de enxeñería, a miña é unha ponte atirantada.

10) Nin rastro. Por último, están as narracións sen plan, que non atenden a razóns e disolven as hipóteses sen recorrer a argumentos. Artefactos mestizos que non convencen senón que vencen, e cando vencen non colonizan, vanse. Novelas de paso, que se resisten a ser escritas e van eliminando calquera rastro do que querían ser. Novelas feitas de narrar, sen máis historias. Porque narrare, humanum est pero hai narración máis alá das novelas.

Decálogo da novela

“Decálogo da novela”, por Alberto Lema

Cidadá a loitar cunha nevarada mentres anda por Manhattan, Nova York, o 10 de febreiro de 1969. Fotografía tirada durante o traxecto dun funcionario do Servizo Meteorolóxico Nacional (EUA) en obrigas oficiais.

Realidade, ficción, mentira, verdade. Contra o que dicía o filósofo de Friburgo, cómpre saír da casa, non quedar no limiar. Eis a función da novela segundo Alberto Lema. A linguaxe que nos pode facer libres non está dentro, se cadra está fóra. O ser humano ten que saír fóra da protección da linguaxe, saír á realidade. O autor de Pazo de inverno faino. Mesmo se arrisca a andar no medio da tempestade, do ruído e a furia dos que lle negan á literatura a súa potencia. Pois, ¿paga a pena tentar comprender algo se non o comprendemos todo? Debrúzase así un cacho de realidade coa que batemos: ¿filosofía do encontro? Precisamos unha novela para a xente que está viva, para tropezar con ela, mancarnos e sandar. Para andar pola nevarada, pola treboada que toda literatura de seu é.


Sección coordinada e editada por Iván García Campos

¿Escribir desde fóra?

1) Les mots. As imaxes abáfannos. Son tantas, que a súa multitude gratuíta non pode ser banal: agochan un plan secreto contra nós. Acadar a beleza das palabras esíxenos un esforzo. A ese tránsito chamóuselle durante séculos cultura e ten as chaves da nosa servidume e, por tanto, da nosa liberdade. As imaxes non liberan. Asombran e fan ruído. Se somos humanidade é por obra e graza da linguaxe, e a lingua sempre conta algo. A paciencia de contar chámase literatura.

2) Anxo exterminador. Á narrativa contemporánea non lle gusta saír da casa e quen le sempre acaba sentando no sofá do salón de quen escribe. Demasiada confianza. Fóra vai frío, chove, quenta o sol de máis. Acontecen traxedias. Para que imos abrir esa porta? Ese medo ao exterior, á desorde do real, convídanos a exploralo. A novela faise fóra e quen escribe pregunta polo nome das cousas que ten a man. Fai visible o visible.

3) Totalitario, non autoritario. Como nas pinturas de Lascaux, ¿por que non trazamos completamente a silueta dese animal que tanto desexamos, e tememos, ao que chamamos realidade? Ás veces, para representalo abonda co debuxo, non fai falta nin pintar. Arrepíanos a magnitude do descoñecido e intuímos que endexamais imos dar enxergado a feitura da catástrofe na que vivimos. Pois, ¿paga a pena tentar comprender algo menos que todo?

4) Crítica da ficción dialéctica. Desde Apuleio, na novela aparece de súpeto un cacho de realidade que nunca antes viramos no libro. Así, a literatura só pode avanzar cara ao non literario. O non literario resulta sempre monstruoso e ha ser incomprendido como proba definitiva da súa autenticidade. O resto é repetición ou barroco.

5) Verum non verba. Na novela todo debe acontecer coma se fose mentira. A través da mentira da ficción, o lector pode acceder a un maior coñecemento da verdade das cousas. Ora, a ficción, coma a metáfora, pode estar ao servizo da mentira. O pacto coa verdade será a nosa única obriga.

6) Diglosia e texto. A obsesión editorial e nacional coa corrección da lingua literaria é outro síntoma da nosa ansiedade ante a desaparición do idioma. Desconfiamos tanto da saúde da criatura que a abrigamos sempre de máis, tanto que os veciños case non a dan recoñecido cando a ven pasar pola rúa.

7) O galego de Schrödinger. A mirada do outro produce sempre exotismo e acabamos por asumila e por non ser quen de mirarnos cos nosos propios ollos. Nese retrato alleo somos decote brétema, carballo, gallegos. Xa uns cantos antes ca nós responderon á mesma pregunta: ¿que fan os galegos cando non os miran? Eles son os devanceiros.

8) Postmodern/Postmortem. ¿Pódese escribir fóra do noso tempo histórico? A lei do valor ensínanos que non existe un fóra, e que dentro dura tanto como a nosa mirada. O novelista non fai truco ningún, como moito, expón o código fonte e desespera ante o silencio do público. Pero non é máis libre quen goza das súas cadeas. 

9) Cabodano. A nostalxia sedúcenos e préstanos a súa voz (elexía) que forma parte do noso culto nacional á morte, á extinción. Mais nós viñemos despois do final das utopías e a nosa primeira obriga é chegar a un presente que queremos descoñecer porque nos aterra. Precisamos unha novela para os vivos, un mapa da desfeita contemporánea.

10) Ética. Ao escritor ser Ninguén axúdalle a tensar o arco.

Decálogo da novela

“Decálogo da novela”, por Cecilia F. Santomé

A torre Eiffel“, por Henri Rousseau

A novela como monstruosidade, como ficción real e non real ao tempo. A novela como substituta da realidade, velaí a potencia, a virtualidade deste xénero narrativo que a escritora Cecilia F. Santomé persegue no decurso destes dez apuntamentos verbo dunha materia que escorrega, que se adapta ao mundo, aos mundos, fuxidía e certa ao tempo. Un sistema de escritura que sempre considera as súas marxes, sen excluílas mais sen deglutilas completamente. A autora de Unha rapaza de provincias fai repousar o efecto novelesco na ollada que o suxeito deita sobre ese obxecto aparentemente oco que se tece sobre a idea de ficción. A novela, como goma de mascar, defórmase, pégase ao padal de quen escribe e le, ensúmese e rexorde nun globo que sempre acaba por estoupar. A novela remata. To the Happy Few.


Sección coordinada e editada por Iván García Campos

Elixe a túa aventura

1) Patio de recreoA novela hoxe é promesa de evasión por entregas, unha escapada a bocados entre as pequenas rutinas que compoñen o día a día, un tempo de lecer que osixena os pulmóns con imaxes de infinitas posibilidades. Ao pousar o libro, ao soar o timbre da realidade, só cabe a nostalxia gozosa desoutras vidas que por un instante tivemos ao noso alcance.

2) Campo de areaQue complicado, ofrecer unha definición da novela agora que os seus moldes semellaron estalar. Poida que a alternativa sexa facer un bosquexo, propoñer unha aproximación, consciente do carácter do xénero do que unha está falando. Vexo nela unha areeira, chea dese material minúsculo e escorregadizo, inapreixable se non é sometido a un proceso físico que o permita, ou mesturado cun elemento coagulante. A novela muda a cada paso, definitivamente aberta, e esváranos entre as mans ao tentar apreixala.

3) Goma de mascar. Coma esa pastilla ou bóla de masa ríxida que a forza de roela e mastigala vai modificando as súas calidades iniciais, adquirindo unha nova textura e liberando sabor: así é a novela. Unha goma de mascar na boca de quen escribe, batendo entre os dentes, contra o padal, xogando coa lingua co único obxectivo de explorar a súa capacidade elástica, de exercitar ata o insospeitado a virtude do material para facer figuras con el.

4) Neverland/EndexamaisEsa flexibilidade confírelle ao proceso de escritura certo carácter de paraíso recuperado pois se converte nun refuxio onde formas e corsés, normas e rigores, quedan suspendidos no tempo. No lugar que é a novela, dáse unha primavera eterna de xogos creativos. Florea a ilusión “peterpanesca”.

5) Xoguete roto. Acaso non ten algo diso esta forma, fragmentada e fragmentaria, esquiva e elíptica, descomposta e volta a compoñer unha e mil veces no curso das décadas? A novela é un xoguete roto á imaxe da obra do doutor Frankenstein: unha criatura, un enxendro con vida propia no que a miúdo se recoñecen influencias, homenaxes, débedas e préstamos máis ou menos disimulados.

6) Inocencia (o contrario da). Coma en calquera outro xénero literario, hai pouco espazo na novela para a inxenuidade non impostada —e, polo tanto, transformada en recurso ao servizo da obra—. A escritura esixe coñecemento, dixestión ou vómito de lecturas previas. Non hai novela por xeración espontánea, tampouco mediante esporas. Parir unha linguaxe absoluta e radicalmente orixinal é tan ambicioso como naïf. As marxes sempre consideran o sistema.

7) Boneca rusaA novela propón un marco total para a recreación de feitos, pensamentos, relacións, poderes, tempos, lugares, identidades; dunha amplitude tal que a miúdo non chegamos máis que a albiscar os seus horizontes. E, para darlle vida a ese mollo de intencións que contén o espiñazo sobre o que se sustenta, constrúe estadas en forma de niveis textuais coma capas de cebola, estratos de terra que conectan o núcleo e a codia. Historias dentro de historias, tramas, subtramas, fíos múltiples que tecen verticais e xerarquías textuais. Alén de principios, medios e desenlaces, de voltas e de reviravoltas, érguese triunfante a idea. Mais no bandullo da boneca rusa que é a novela caben tamén elementos externos, pois a poesía, o teatro e o ensaio contribúen a enriquecer o xa de por si extenso campo de cultivo novelesco.

8) Mazá de Brancaneves. Que tentadora resulta precisamente por ese carácter híbrido e a permeabilidade das súas fronteiras! E, así, nela podemos atopar consolo ou materia para o debate, unha fiestra aberta para que entre o aire, un espello, unha lección pendente, un xermolo de coñecemento, unha luz que treme na escuridade. 

9) Peta ZetasEstouran os efectos, os xiros, os principios ou os finais, os medios convertidos en principios, os finais que non son tal, as palabras coidadosamente escollidas para aguilloar, as intrigas suspendidas, as intimidades reveladas, a humanidade encarnada en cada páxina. Mais o clímax está ou non está, é ou non é: a novela xa non precisa de cumios que a xustifiquen. O espectacular, a explosión, a vontade rupturista posmoderna crepítanos na boca sen por iso eclipsar o valor do anticlimático, da planicie narrativa, da sobriedade como estética fronte aos fogos de artificio da e na lingua.

10) Elixe a túa propia aventura. Pouco ou nada importa o que para unha sexa a novela: serán sempre os lectores e as lectoras os que emitan o seu veredicto e así a consideren. Haberá poemarios que sexan lidos coma textos narrativos, co seu fío condutor, texturas e ambientes, voces ou personaxes. Virán historias curtas que compoñan un crebacabezas dentro dun relato marco que as abrace à la Boccaccio. Leremos crónicas, memorias, ficcións do eu ateigadas de fórmulas que rachen a cuarta parede e tezan complicidades cheas de teatralidade.

Á marxe da intención primeira de quen a concibiu, a novela vaise armando nas olladas. Na lectura, cobra entidade. Ata entón, é a forma total e a máis oca. Todo potencia, coma a infancia.

Decálogo da novela

“Decálogo da novela”, por Rosa Aneiros

“Harmonía de cor VI, casas de clase media, Drachten”, por Theo van Doesburg

A escritora diríxese a quen le. Velaí a ambición deste decálogo no que Rosa Aneiros consegue introducir na reflexión sobre a narrativa a quen é o terceiro dos seus vértices: obra, autora, lectora. Dese xeito, a produción literaria é a realidade que dá forma a unha figura nova; a que eses tres puntos debuxan nun equilibrio sutil, único, cunha forza e unha presenza que, ás veces, é esmagadora. Ou conformadora: a novela boa sempre é novela de formación. Quen escribe e quen le fórmanse ao facelo, dan orixe a outra cousa, a unha obra que existe con elas e fóra delas. A autora de Sibila non necesita definir aquí unha poiese senón que, conscientemente e con afouteza, convida a quen le a poñer os alicerces desa existencia feble e, así e todo firme, que é a codia das letras. Palabras, palabras, palabras… escritas e pronunciadas contigo e consigo, en silencio.


Sección coordinada e editada por Iván García Campos

Un diálogo contigo

1) Veracidade. Toda novela é verdade. Forma parte da verdade pactada contigo que les, que te deixas levar polo meu fío cando ambas somos conscientes do artificio. Non podemos reafirmarnos no pacto a cada páxina. Xa o acordamos antes de comezar, era o punto de partida. Unha vez nos embarcamos, ti na lectura e eu na escrita, todo é verdade. Todo. Está sucedendo a medida que les e, cando paras, ese mundo detense e agarda o teu regreso para pórse en marcha de novo. Non debes ver os fíos dos monicreques cos que xogo contigo, non deberías intuílos sequera. Se ti pensas nos fíos, eu fracasei.

2) Diálogo íntimo. Unha novela é un diálogo íntimo entre ti e mais eu. Non hai ninguén máis. A palabra debe levarte como un río, debe engulirte, debe abafallarte ata pensares que só existe o relato e ti formas parte del, desa nova realidade na que conversamos á vista de todas. Somos ventrílocuas que non falamos a través das nosas bocas senón que cedemos as voces ás personaxes. Déixaas falar, a ver que contan.

3) Iceberg. Unha novela é esa imaxe tantas veces reiterada dun iceberg no que só vemos o que permanece na superficie, unha parte ínfima. O sustento do xeo está por baixo da tona da auga. É voluminoso, rexo e firme para permitir que o da superficie anaine. Embaixo das palabras que les hai moitas que explican e non contan, pero fan que o relato se sosteña, non esborralle. Dígoche máis, o iceberg debe cegarte por momentos e, noutros, debe ser o teu reflexo esvaído. Debes encontrarte nel, verte, quererte e aborrecerte e, uns segundos despois, esquecelo, pensar que só foi unha ilusión óptica, unha fata morgana que che fai ver mundos que nunca existiron.

4) Fíos da vida. Unha novela non é a miña vida, nin tampouco a túa, pero ambas as dúas tecémolas cos fíos das nosas. Eses fíos son estraños, invisibles, escorregadizos, traizoeiros. Non somos conscientes de onde proceden, nin ti nin eu, non vaias pensar. Pero existen, claro que existen e, ás veces, cando os descobres, resulta absolutamente desolador polo que desvelan de nós.

5) Palabras, palabras, palabras. Unha novela é un edificio co seu plano, trabes e encofrados pero, sobre todo, son palabras. As palabras, e unicamente as palabras, son a nosa ferramenta e argamasa. Todo se constrúe con elas e sobre elas. Deben estar vivas, deben falarche, facerte tremer polas metáforas, rir cos diálogos, temer cos silencios, chorar co dito e co non dito. As verbas, o que se di e o que non se di, contéñeno todo. 

6) Instinto. Podo ser autora de mapa ou de compás pero, por moito que me guíe por un ou outro, hai un instinto cego que encarreira os meus pasos. É o olor estimulante do presentido, dese abismo que atrapa e polo que sei debo transitar aínda que toda razón diga o contrario. Teño que escoitar a verdade que enuncian personaxes e feitos, aceptalos, aínda que eu planificase xustamente o contrario. Pouco podo facer cando é a narración a que nos fai actuar dun ou doutro xeito. Iso si, cando tomo decisións no relato, ti non debes sospeitalo. Unha novela é ceder á evidencia. Sábelo, non che minto.

7) Á escoita. Unha novela non é letra, é son. A das voces que nela transitan e a fan. É escoitares a túa propia voz. Non te enganes, non é a miña. Sorprenderíaste se foses consciente do moito que ti falas no relato. Asustaríaste. Odiaríasme máis aínda porque pactamos ao comezo que este era un artificio que ambas elaboramos e, en realidade, elabóralo ti. Estás soa no medio e medio do relato, non hai rede salvadora baixo os teus pés cando bambeas coma unha funámbula sobre a vertixe do abismo. Hai tempo que che soltei a man e nin te decataches.

8) As teclas, as cordas. Cando escribo non creo unha novela, iso forma parte da egolatría da autora, desa teima de nos ver como o centro da literatura. Nada máis lonxe da realidade. A novela escríbela ti cando les. Por iso, cando escribo, debo saber tocar as teclas axeitadas, pulsar as cordas que estimulen e fagan vibrar o que en ti habita e descoñecías. É presentimento. É intuición. Ao narrar, sen coñecerte de nada, debo sacar o mellor e o peor de ti. Debo poñerte en xaque coa túa propia vida. Debo facerte dubidar. 

9) Contradicións. Personaxes, tramas, arquitecturas narrativas…, todo debe estar cheo de luces e sombras, de momentos de achega e de afastamento, de odio e de amor. Nese péndulo oscila a novela e aí móveste, hipnotizada polo ir e vir do tránsito que debe fluír, sen afastar a mirada da bóla. Se ollas para outro lado, alterada por un ruído, discordancia ou incongruencia, pérdote. Non podo permitirme iso porque sería moi difícil recuperarte. Resulta imposible aturar unha traizón logo de se evidenciar a mentira.

10) Es a única. Non hai ninguén máis. Só ti e mais eu. Debes saber que escribo para ti e só para ti, que che estou falando ao oído, que non hai ninguén máis, que cada novela está pensada para ti dende o primeiro ao último capítulo. Dende a primeira á derradeira palabra. Es única. Ti, a miña lectora. Porque a novela non é un falar a berros, non é un ouveo no monte cara a ningures, é un moumear baixiño ao pé do oído, un tacto imperceptible que notas, aínda que non me vexas. Na novela só estamos ti e mais eu. Ese é o pacto. Comezamos. Atréveste?

Decálogo da novela