“Decálogo da crítica literaria”, por Xosé Manuel Eyré

“Pleiade”, por Hilma af Klint

O ano pasado, en euseino.org iniciamos o proxecto do “Decálogo da novela” convidando algúns e algunhas novelistas a escribir sobre a súa concepción da novela a través dun decálogo. Consideramos agora que había ser unha boa idea ampliar esa sección coa reflexión dos críticos literarios sobre a función do seu labor e a relación deste coa literatura. Os usos da crítica literaria: a crítica como interpretación dunha obra e tamén a crítica como literalidade, como obxecto escrito.

Continuamos con Xosé Manuel Eyré, un dos críticos literarios que leva máis anos exercendo o seu labor dun xeito digno de perdurar e sempre en busca dun tipo de crítica que conxugue a forma do contido coa forma da expresión. Despois do decálogo publicado por Inma Otero Varela, é agora o autor de Nin che conto. Para coñecer e gozar a micronarrativa quen nos achega a ese oficio —oficio de escribir, oficio de vivir— que é a lectura con discernimento. Unha actitude que parte dunha idea da obra literaria non como modo de vida senón como modo de vivir. A alma de Xosé Manuel Eyré, arriscámonos a dicilo con toda a boa vontade, é honesta, espelida mais, sobre todo, é literaria. ¿Plaisir du texte ou texte de plaisir?


Sección coordinada e editada por Iván García Campos

Como acadar a imperfección para albiscar a perfección

1) Non. Escribir sobre libros non é o mesmo que facer crítica literaria. E moito menos escribir só sobre os libros que a un lle gustan, ou só sobre os aspectos positivos do que le. Non é o mesmo a apoloxía literaria que a crítica literaria.

2) Criterios literarios. Sobre un libro pódense comentar multitude de cousas relativas a cuestións de moito interese. Porén, a crítica literaria só debe usar criterios literarios, igual que a crítica artística utiliza criterios artísticos. De primeiras, os criterios literarios poden parecer inmutábeis no tempo e por iso contrarios á propia evolución literaria. Non é certo. Tamén mudan, antes ou despois da propia crítica literaria, non ten porque ser ao tempo. Estámolo vendo coas hiperbrevidades; nese caso, crítica vai moi por diante do produto literario ás veces; outras, é ao revés.

3) Voz propia. Igual que un libro é dunha autoría, dun tempo e dun lugar determinados, e desde aí aspira á universalidade, á crítica literaria acontécelle o mesmo; debe atopar unha voz propia, debe ser moi consciente do momento en que escribe e tamén moi consciente do lugar no que e para o que se escribe

4) Alicerces. A crítica literaria débese basear na honestidade, na sensibilidade, na imparcialidade e na independencia. Quen exerza a crítica literaria debe ser persoa informada. Debe posuír coñecementos da historia literaria, local e universal, diacrónica e sincrónica. E moitas lecturas enriba. Os coñecementos diacrónicos son moito máis doados de adquirir, porén, os sincrónicos requiren atención permanente e curiosa sobre o que está a pasar arredor ou dentro de. Quen exerza a crítica debería saber, desde a práctica, cales son as dificultades á hora de escribir os diferentes xéneros.

5) Transitoriedade. Igual que un libro debe aspirar á universalidade, a crítica literaria debe aspirar a ser a crítica literaria definitiva… sabendo que nunca o será, pois só é un elo dunha cadea de opinións críticas que nin o paso do tempo consolidará como visións definitivas ou inmutábeis da obra literaria.

6) Mediación. Non é o mesmo escribir crítica de novidades que facer crítica histórica. Nin o tempo de lectura e das lecturas nin o tempo da escritura e o espazo dispoñíbel son os mesmos. Mais compártese a relatividade da visión ofrecida e a necesidade cultural de seren voces privilexiadas e mediadoras con quen le.

7) Eclecticismo. Existen multitude de teorías de crítica literaria, así e todo, ningunha é capaz de enfrontar con garantías calquera obra literaria. O eclecticismo e a sensibilidade para escoller de aquí e de acolá, tanto da teoría crítica como da propia obra literaria, son fundamentais. De pouco serven os coñecementos teóricos sen a sensibilidade para recoñecer a beleza verbal. A sensibilidade non é algo que todo o mundo posúa por definición senón que se vai decantando desde múltiples lecturas e unha pre-ocupación constante polo feito literario e as súas repercusións sociais.

8) Actitude. Resulta aconsellábel ser especialmente comprensivo coas voces literarias debutantes, e igual de pouco tolerante cos egos autoriais xa “consagrados”. As primeiras, aínda teñen tempo de chegar á xenialidade. Os segundos cren que xa chegaron e que nada os apeará de aí, cando son eles mesmos os que rebaixan o nivel de esixencia literaria á vontade en determinados momentos.

9) Discernimento. Recoñecer a xenialidade, velaí o grande obxectivo da crítica literaria. Despois vén transmitir ese recoñecemento de xeito que conmova a quen le. Escribir crítica literaria, no fin de contas, é literatura sobre literatura.

A Xenialidade! Esa xoia! Esa utopía! Cómpre ser realistas e admitir que non todas as autorías contemplan este desideratum. En moitas ocasións conténtanse con escribir literatura de consumo inmediato e de esquecemento inmediato. Literatura “de mantemento” que unicamente aspira a entreter durante unhas horas, no mellor dos casos. E non é pouca cousa; ningún sistema literario é quen de sobrevivir sen esa literatura “de mantemento”, a máis habitual.

10) Inmanencia. Todo decálogo é imperfecto per se, igual que a crítica literaria, igual que a mesma obra literaria. O recoñecemento da perfección tamén é relativo e sempre mutábel.

“Tempo inerte “, por Óscar Pazos

A transformación da materia na medición temporal

O xeólogo e ensaísta Óscar Pazos fai neste artigo unha achega singular e nada habitual ao estudo do tempo na materia inerte. Ao analizar o método de medición da Fission-Track, adéntrase na maneira en que o tempo se inscribe na materia e en como ese rexistro das transformacións inflúe e acaba por determinar a representación temporal humana.

Sen título, por Hilma af Klint

Tempo material e tempo absoluto

Transitamos un mundo en crise, no que todo pode ser cuestionado e no que todo, por tanto, hai que reflexionar sobre todas as cousas. Na altura actual desta fonda crise descartiana, na que a dúbida e a reflexión asentan como ferramentas para reconstruír a realide sensible —quer dicir, o experimentado—, tócalle ao tempo constituirse en obxecto de reflexión sobre o que reacomodar a nosa percepción. De certo, modificar o calendario, medir a marcha dos astros e andar nas cuestións do devir e o porvir foron de sempre a prerrogativa do poder máximo, pois regular os tempos vividos, determinar o compás do día a día, ordenar os ciclos sociais, produtivos, económicos, reprodutivos, son a materia sobre a que opera o poder e que dun xeito básico se pode exemplificar nos actos esenciais de dar principio e fin á vida. Por tanto, alén do alcance teórico e práctico das moitas tentativas actuais de definir ou imaxinar experiencias e sensibilidades diferentes ao hexemónico tempo-valor operado nas relacións capitalistas, non cabe negar a profunda ambición política destes cuestionamentos, o seu carácter subversivo e, tentativamente, emacipador.

A través da experiencia xeolóxica do tempo nas rochas, neste artigo pretendo explorar as relacións entre o suposto inerte —o material— co tempo e, a partir destas, reflexionar sobre a experiencia dun tempo absoluto e a súa falta de significado.

Aínda lembro ben a miña perplexidade cando, de estudante, enfrontaba as realidades temporais dun afloramento calquera e o que representaba na reconstrución da Historia do planeta. Poñámonos (por concretar) fronte a unha capa de metro e medio de espesor, unha arenisca Triásico Inferior cunha forte laminación cruzada correspondente a un nivel de praia, disque unha barra areosa dun gran edificio deltaico. Esta sección, coa súa característica laminación cruzada, podía representar na secuencia temporal un periodo de centenas de miles, ou mesmo millóns, de anos mais de feito aquela barra en concreto puidera ter sido construída nun so ano, seica nunha soa borrasca. Así que o que alí enfrontábamos, memorizada na rocha, era apenas un único evento dun suceso repetido nun sen número de ocasións naquela beiramar Triásica Inferior.

Coma o río heraclitiano, sempre distinto e sempre o mesmo río, o que alí interpretabamos naquel afloramento concreto era a lembranza dun suceso repetido nun proceso cíclico de destrución e construción: a beiramar e o incesante bater das ondas que formaban e reformaban a praia, erosionando e sedimentando areas sen parar. De feito, o que permitira a conservación final daquel areal concreto fora a desaparición da beiramar naquel punto —e por tanto da praia mesma— seica por un cambio no nivel do mar ou polo desprazamento da liña de costa tras do recheo do delta con novos sedimentos. Fose como fose, a sección concreta que mirabamos non era outra cousa que un instante da vida extensa da praia, un particular amoreaento de areas conservadas polo azar na secuencia sedimentaria e litificado durante millóns de anos para ser exposto ante nós, formando parte agora do cordal Cantábrico. Algunhas estimacións consideran que a Terra conserva apenas o dez por cento do rexistro xeolóxico sedimentario mais todo ese rexistro é de seu unha caótica colección de sucesos e eventos moi parciais dun gran proceso de construción, destrución e reconstrución continua.

A Historia Xeolóxica escríbese coma un discurso unificado no temporal mais é un discurso feito a partir de retallos moi parciais, retallos que ademáis chegan até nós moi alterados no propio paso do tempo. De seu, a temporalidade é unha experiencia inexorable da materia ao constiruír a memoria dos sucesos vellos o corpo onde os novos acontecementos poden ter lugar. Isto é un coñecemento evidente en Xeoloxía, dado que o evidente carácter finito da masa terrestre obriga a unha reciclaxe continua de elementos, minerais, gases, sedimentos, fluídos ou rochas. Os chamados ciclos xeolóxicos da auga ou do carbono son os exemplos máis coñecidos desta reciclaxe. Así e todo, foi cando me aprenderon a técnica de datación da Fission-Track cando experimentei de modo pleno esta inexorabilidade do tempo para a materia.

Fission-Track, técnica de datación

A Fission-Track é unha técnica de datación sutilísima que conta as crebas minúsculas —na medida de nanómetros e micrómetros— producidas nos cristais de cuarzo polos neutróns escapados na fisión dos isótopos radiativos de uranio. O cuarzo non ten uranio mais si algúns minerais accesorios e minoritarios —como os circóns ou as epídotas— que están presentes no granito e outras rochas ígneas. Dese xeito, a estrutura cristalina destes cuarzos vai quedando marcada por finísimas rascadelas producidas no escape dos neutróns que, como as nosas enrugas na face, son experiencia do tempo vivido.

Nada material permanece sen mudar. As rochas más resistentes modifican as súas propiedades, os minerais cambian, altéranse as redes cristalinas. De xeito común, estes cambios en minerais e rochas son atribuídos a cambios nas condicións ambientais, de presión, temperatura, etc., no suposto teórico que se estas condicións ambientais fosen inmutables, a rocha ou o mineral permanecería igual a si mesma como cousa inerte que é. Porén, a descomposición dos isótopos radiativos ou as fission-tracks que a rocha provoca son a manifestación de que as condicións inmutables son unha ilusión. O tempo ten uns efectos concretos e medibles na materia, produce transformacións experimentables, sensibles e, por tanto, cambia a súa natureza. O inerte absoluto, a condición da materia pura intemporal, non existe. Non hai materia imperecedoira e non hai memoria inmutable no tempo. O perfecto-inerte é alleo á materialidade e á experiencia. A memoria fiel e eterna pertence ao mundo das ideas.

O relevante da Fission-track é a súa estreita relación coa experiencia do tempo  máis neta e directa de que dispón a nosa civilización tecnolóxica: a medida do decaimento das series isotópicas do uranio coa que construímos o noso modelo de reloxo universal. Mais a Fission-track tamén conxuga elementos espectaculares que convirten a técnica nunha metáfora moi expresiva: as tecnoloxías que permiten as medidas dos fission traks son sofisticadísimas, os procesos envoltos están nos límites do microscópico e case que do comprensible para o común de nós, ligando o subatómico ao macro-molecular, e o físico-cuántico ao cristalino; porén o efecto do bombardeo de neutróns nas redes cristalinas resúltanos estranamente familiar, pois as imaxes microscópicas dos cristais de cuarzo adoitan a forma de rañaduras nun vídrio común. O proceso temporal queda pois exposto nunha imaxe ben corrente, a do vaso ou os lentes deslucidos e escurecidos polo paso simple do tempo, mesmo sen ter sido usados.

A Fission-Track inclúese nas técnicas de medición absoluta do tempo xeolóxico mais sempre que o cristal de cuarzo funcione como un receptor impresionable de radiación, coma quen di unha película de revelado. É unha experiencia indirecta e, por tanto, dobre pois coa medida do tempo informa das condicións do propio rexistro. Dese xeito a Fission-Track tamén expresa ben o caracter activo —participativo— co que a materia experimenta o tempo, unha experiencia significativa en tanto rexeita precisamente a idea de inerte ou pasivo absoluto da materia mineral. Os cristais de cuarzo —e outros minerais— só gardan memoria permanente do paso dos neutróns por baixo dunha determinada temperatura pois, por riba desa temperatura, calquera efecto ou “dano” do paso dos neutróns ha ser inmediatamente reparado, dado que a rede cristalina ten enerxía abonda para recompoñerse.

Os fission tracks non só son usados como medida temporal, permiten reconstruír a historia térmica das rochas, é dicir, que permiten escribir unha historia xeolóxica xa que gardan memoria de eventos ou sucesos temporais, neste caso aumentos e baixadas de temperaturas en ambientes magmáticos, hidrotermais, etc.

Entre os cuarzos, ou en forma de inclusións dentro deles, están as epídotas e circóns cos isótopos de uranio en proporcións que debemos coñecer para medir os tempos das rochas. En tanto que a transformación duns isótopos noutros ten lugar de modo estatisticamente regular nun amplísimo rango de condicións, a nosa civilización asimilou este proceso —regular e relativamente autónomo no rango de condicións terrestres— ao reloxo perfecto, universal, confirmando nestas medidas o prexuizo dun tempo absoluto e teleolóxico que transcorre insensible á experiencia e á materia, un tempo áureo e patrón, un tempo de valor fixo e eterno.

Creación ou destrución da materia

A práctica real das técnicas de datación isotópicas están cheas de limitacións no que se refire ás características das mostras para medir, a efectividade e precisión das medidas ou os rangos temporais no que cada técnica é viable. Ao meu entender, o fundamental para darlles sentido a esas medidas —disque absolutas— debémolas insertar nun horizonte de sucesos no que cada medida teña significado e sentido, é dicir, debemos inserilas nunha cronoloxía, converter os tempos absolutos en datacións de sucesos, inscribir os transcursos en horizontes temporais que nos leven dun a outro suceso significativo, sucesos definidos en actos de creación ou destrucción da materia. Nas datacións por isótopos radioactivos, o suceso inicial é a creación do mineral que encerrou a materia radioactiva, sendo o momento final* o propio acto de medir, é dicir, o noso presente no que a materialidade é o tempo se funden nun continuo sensitivo.

As experiencias puras do tempo son insignificantes en tanto carecen doutra memoria que non sexa un transcurso sen rumo. Non hai experiencia dun tempo que poida ser contada de seu e para si mesma, fóra da materia que experimenta. O tempo absoluto é un abstracto sen suceso, sen historia, carente de cronoloxía, unha experiencia insignificante, unha quimera. Fóra do sensible o tempo carece de orde, de estrutura calquera. O feito de datar da significado e valor ao tempo ligándoo á creación e a destrución da materia.


* Penso que, de xeito significativo, as medidas de C14 refírense ao ano 1950, ano en que o equilibrio isotópico atmosférico referencial foi destruído polas explosións atómicas humanas. Ao transformar a atmosfera, a destrución atómica pechou un tempo vello e abriu un novo, de maneira que hoxe moitos ambientalistas consideran a data de 1950 como o inicio dunha nova era: o Antropoceno.