Créase o Fondo Numax do Arquivo Euseino?

A Cooperativa Numax asina un Acordo de Colaboración coa Fundación Euseino?

Este mércores, día 26 de abril, Mariña de Toro Cuns, en representación da Sociedade Coopertiva Galega Numax, e Carlos Lema, presidente da Fundación Euseino?, asinaron un acordo de colaboración entre as dúas entidades culturais independentes galegas. Mediante este acordo, o Arquivo Euseino? comprométese a conservar e custodiar a documentación fotográfica e videográfica que recolle a importante actividade cultural desenvolvida pola Cooperativa nos seus locais de Santiago de Compostela. Esta nova alianza ha posibilitar a ambas as partes a rea­lización doutras actividades de tipo cultural nas respectivas sedes e dependencias, aumentando a súa difusión e incidencia social alén do ámbito literario.

A documentación cedida vai formar parte do Fondo Numax depositado no Arquivo Euseino? No acto de sinatura, tamén estivo presente Beatriz Fraga, vicepresidenta e cofundadora de Euseino?

O Fondo Numax vai constar das copias íntegras en soporte dixital dos documentos videográficos e fotográficos obxecto do Acordo. Tanto os realizados antes da data de sinatura coma aos que se vaian realizar con posterioridade a el. Con ese motivo, a Cooperativa Numax ha informar expresamente as persoas que interveñan nos actos gravados e fotografados.

A cesión desta documentación ten gran valor documental para o estudo da difusión da cultura e, especialmente, da literatura galega, das intervencións públicas das autoras e autores e para o debate sobre a función dos libros na sociedade actual.

A sinatura do Acordo de Cesión de Documentación ha posibilitar a ambas as partes a rea­lización doutras actividades de tipo cultural nas respectivas sedes e dependencias, polo que se sitúa nun marco máis amplo de colaboración entre as dúas entidades culturais independentes para o estudo, difusión e arre­quentamento da cultura en idioma galego.

O Fondo obxecto da cesión vai pasar a formar parte dun repositorio dixital que facilite a súa consulta a través de euseino.org coa finalidade de apoiar a investigación e difusión deste tipo de material, de gran valor porque recolle imaxe fílmica e voces das autoras e autores galegos.

Tanto pola súa actualidade e renovación constante coma polas características da librería de Numax, especialmente dedicada a literatura, arte e pensamento, os vídeos e fotografías que integran o este fondo documental representan momentos senlleiros da difusión social e do debate no ámbito cultural galego. Neles recóllense os actos, coloquios e presentacións de novidades bibliográficas gravados en directo e fotografados polo equipo da Cooperativa.

Deste xeito, o Arquivo Euseino? continúa acrecentando a súa incidencia no estudo da documentación autorial, desta volta videográfica e fotográfica, converténdose nun dos arquivos galegos con maior interese para estudar a formación da identidade autorial e a súa proxección na sociedade, ademais de estar especialmente dedicado á obra de escritoras galegas contemporáneas ao contar cos fondos de Chus Pato, de Anxos Sumai e o Fondo Berta Dávila, ao que se lles vai engadir proximamente o Fondo Rebeca Baceiredo.

Continúan as “Charlas no Pensatorio”

Na Biblioteca Os Rosales (A Coruña)

Conferencia de Inma Otero Varela

O próximo xoves, día 20 de decembro, ás 19 horas, continúa o ciclo Charlas no Pensatorio organizado pola Biblioteca Municipal Os Rosales, da Coruña, en colaboración coa Fundación Euseino?. Como parte das actividades do café filosófico O Pensatorio, a ensaísta e crítica literaria Inma Otero vai falar de:

A emerxencia do real fronte ao texto

Despois de dous séculos nos que primou a epistemoloxía sobre a ontoloxía na filosofía, nos que impuxo o ‘eu penso’ sobre a realidade, están a agromar voces que reclaman unha volta á realidade como elemento do que dependería o coñecemento e non á inversa. Unha destas voces pertence ao filósofo italiano Maurizio Ferraris. Na súa obra Emerxencia achega unha proposta que explicaría como a realidade, aquela formada polos obxectos naturais e sociais, xorde a partir dunha serie de inscricións; dun cúmulo de rexistros que permitiría, coma se se tratase dunha serie de instrucións, que algo novo emerxese.

A autora da Ficcionalización do eu: autoría e protagonismo das mulleres na literatura, expoñerá as liñas fundamentais do novo realismo, a importancia das inscricións e a súa función como representación.

Máis información na páxina web da Biblioteca Os Rosales.

O físico e astrónomo Robert Fludd debuxou en 1617 os múltiples e caóticos fogos que emerxen dunha estrutura estelar visible no centro de aneis de fume e pó.

 

Charlas no Pensatorio

Na Biblioteca Os Rosales (A Coruña)

Conferencia de Carlos Lema

O próximo xoves, día 15 de novembro, ás 19 horas, comeza o ciclo Charlas no Pensatorio, organizado pola Biblioteca Municipal Os Rosales, da Coruña, en colaboración coa Fundación Euseino?. Como parte das actividades do café filosófico O Pensatorio, o filósofo, poeta e editor Carlos Lema vai falar de:

Cidadán e artista: as consecuencias ontolóxicas dunha reificación

“O asunto central desta charla, na que se vencellan filosofía e estética, é realizar unha defensa da igualdade ontolóxica a través da idea de que, na Idade Moderna, a arte é para todos. Os conceptos chave serían as nocións de arte e liberdade, a de cidadán común como artista (por exemplo, o caso do escritor Karl Ove Knausgaard e a súa sextaloxía “A miña loita”) e as de cousa e suxeito cousificado (autopoiese).”

O autor da Música das esferas, expoñerá as ideas centrais do que vai ser o seu próximo libro “A monstruosidade moderna”.

Máis información na páxina web da Biblioteca Os Rosales.

 

“Homenaxe a Delacroix” (1864), por Henri Fantin-Latour. Sentados: Louis Edmond Duranty, Henri Fantin-Latour, Jules Champfleury e Charles Baudelaire. De pé : Louis Cordier, Alphonse Legros, James Whistler, Édouard Manet, Félix Bracquemond e Albert de Balleroy. No centro, un autorretrato de Eugène Delacroix.

 

O ciclo continuará o día 20 de decembro cunha charla de Inma Otero Varela, que vai falar de “A emerxencia do real fronte ao texto”.

 

O Fondo Chus Pato inaugurará o Arquivo Euseino?

Os cadernos da poeta depositaranse na nova sede da Fundación Euseino? en Vigo

A doazón de catorce cadernos de anotacións manuscritas de Chus Pato á Fundación Euseino?, da que a autora de Charenton é padroeira, constituirá o alicerce do Arquivo Euseino? de Documentación Autorial, do que tamén forma parte o fondo documental de Carlos Lema.

Anotacións dunha viaxe a Túnez con esbozos feitos a partir de debuxos tradicionais bérberes.

O Fondo Chus Pato está constituído por catorce cadernos profusamente manuscritos pola poeta, cadernos nos que se recollen as anotacións que acompañan a xénese de obras coma Fascinio, m-Talá e Carne de leviatán e que abranguen un período que vai de 1991 a 2013. Ademais destes cadernos, o Fondo documental da autora de Secesión está formado pola correspondencia electrónica completa mantida con Carlos Lema ao longo de dez anos de amizade.

Deste xeito, e seguindo os obxectivos e as actividades fundacionais sinalados nos seus Estatutos, a Fundación Euseino? ten como propósito a constitución dun arquivo dixital para a preservación de obras literarias e filosóficas e documentación autorial en soporte electrónico, ou informático, fornecendo o seu acceso libre a través da Internet.

De por parte, Euseino? Editores, a liña editorial da Fundación, encargarase da publicación da Obra Completa de Chus Pato, catro volumes cuxa edición vai estar ao coidado do profesor Arturo Casas.

O Arquivo Euseino? poñerá progresivamente este material documental ao dispor das investigadoras e dos lectores a través de euseino.org, a Web da Fundación creada en 2015 por Beatriz Fraga e Carlos Lema, e na súa nova sede de Vigo, que se inaugurará en 2018.

Montaxe con dúas páxinas non contiguas de versións moi primarias dos poemas “ela Hr-g contrata un asasino…” e “brinde por Stéphane”, ambos do libro “m-Talá”.

 

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

 

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave