Anotacións nº 16: “Fronte ao problema da representación: figura e realidade en Wittgenstein e Borges”, por Artur Casas-Agilda

Anotacións sobre literatura e filosofía, nº 16, maio de 2017
Artur Casas-Agilda, Fronte ao problema da representación: figura e realidade en Wittgenstein e Borges

No seu ensaio, Artur Casas-Agilda consegue establecer, dunha maneira brillante e rigorosa, o vencello entre filosofía e literatura. Empregando a lóxica modal e facendo unha análise comparativa, Casas-Agilda explora a liña que separa a literatura da filosofía e os sistemas de estudo de ambos os réximes discursivos. Unha liña que ás veces tan só é imaxinada mentres que outras resulta imposible de trazar. Os textos básicos manexados para efectuar o achegamento a esta cuestión son o conto “Tlön, Uqbar, Orbis Tertius” (1944), de Jorge Luis Borges, e o Tractatus Logico-Philosophicus (1922), de Ludwig Wittgenstein.

“En conxunto, a metodoloxía aplicada podería identificarse coa do comparatismo literario, sempre subordinada ao proxecto de favorecer o diálogo entre disciplinas e discursividades. Facer avanzar unha análise cuxos método de traballo e obxectos de estudo non poidan ser entendidos como propios dun discurso disciplinar único converte en necesaria a adopción de puntos de vista e aparatos teórico-conceptuais mixtos.”

Algúns dos puntos sobranceiros deste ensaio son:

1) En primeiro lugar, a inmanencia e autonomía do mundo ficcional quedan aseguradas.

2) O criterio mimético ve minado o seu sentido.

3) Elimínase unha hipotética xerarquía na que o “mundo real” dominaría sobre os “mundos ficcionais”.

Así e todo, “non é o movemento comparativo propio (aínda que non exclusivo) da mímese o que queda deslexitimado. Ao contrario: [estas tres cuestións son fundamentais] para a preservación da función referencial do texto ficcional, o último requisito de entre os establecidos anteriormente para dispoñer dunha teoría dos mundos posibles plenamente funcional no campo dos estudos literarios”. De aí que:

“A estrutura de mundos ficcionais é sostida pola lectura dos textos ficcionais: un procedemento epistemolóxico transcendente, de acceso dende (por exemplo) un mundo m0 a un m1.”

A debilidade do criterio mimético xorde do feito de que a oposición real/ficcional no contexto da relación entre o mundo real e os mundos miméticos derivados deixa de ser a base para o proceso de comparación. É dicir, admítense as comparacións entre mundos mais en situación de igualdade e disenso radical entre eles.

 

66 páxs.

Edición non venal en PDF
Descarga gratuíta

 

 

 

 


Apoie as publicacións en acceso aberto.

A Fundación Euseino?, unha organización non lucrativa independente,
agradece a súa contribución.


SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave