Urania nº 3

Urania, nº 3, febreiro de 2023

Chus Pato dialoga con Xabier Cordal sobre “resistencia da auga”

Neste número de Urania recóllese unha conversa sobre o poemario resistencia da auga entre Chus Pato e o seu autor, o poeta Xabier Cordal. Cincuenta páxinas de diálogo lúcido e profundo entre dous poetas que nos achegan a unha obra literaria, á súa orixe e ao seu senso.

Segundo Cordal, “Un poema pode asumir o obxectivo que queira aínda que non sexa moi aconsellable prescribirlle temas, formas ou obxectivos. Sempre atopa maneiras para transmitir algo que andaba máis alá e no que se cadra non dabamos reparado […]. O poema está tan próximo á noción abstracta de significado como distante da noción abstracta de significado, porque (igual ca a sílaba) non pode ser compartido sen determinarse, na voz ou no texto. Como ocorre coas partículas elementais —leo na divulgación da teoría de campos—, aínda que tenda a permanecer algo máis ca elas, o poema nace en canto que se actualiza. Xa descansaba como probabilidade no océano da indeterminación pero só a través da sucesión da sílaba pode existir. Por iso permanece e por iso morre.”.

Ao fío das preguntas incisivas, de potencia interpretativa, que lle formula esa poeta pensadora que é Chus Pato, a conversa parte dunha posición incial que sitúa “ante nós os sistemas de adiviñación, os anuncios en rede, un areal e as tardes de agosto, un brote de peste, as linguas de fogo do Pentecostés, que tratan de remediar a confusión babélica aceptando a diversidade lingüística… e, de súpeto, todo se suspende, todo se comprende”.

O poemario resistencia da auga publicouse no ano 2018 na editorial Chan da Pólvora.

Xabier Cordal (A Coruña, 1965) comeza a publicar poesía en 1993 con Arianrod (Baía Edicións). A partir de aí, chegan Fruto do teixo (Premio Eusebio Lorenzo Baleirón, Ediciós do Castro, 1994), Afásia (Baía, 1997), A vella peneira a noite (Baía, 2001), transmuta (Edicións Xerais, 2012, Premio da Crítica de Galicia) e resistencia da auga. Guionista, letrista de cancións e colaborador en revistas de crítica e ensaio, debuta como narrador con Relatos para a televisión (Xerais, 2019).


50 páxs.

Sumario
Divídese en apartados de extensión variable, numerados de 1 a 6, desde o poema inicial sen título ata as seis “zonas”, ou “sucos” que a auga vai formando. Son eses leitos de resistencia da auga os que intenta percorrer a entrevista.

Edición non venal en PDF
Descarga gratuíta


Apoie con microdoazóns (desde 1 €)
as publicacións en acceso aberto
coma Urania.

A Fundación Euseino?,
unha organización non lucrativa independente,
agradece a súa contribución.


SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave