Curso de ficción narrativa

Escribe a túa novela ou os teus relatos con
Xosé Monteagudo


Para comezar a escribir ou para perfeccionar a arte da escritura; para reforzar os recursos literarios coñecidos ou para iniciarse neles dun xeito práctico, directo e con resultados inmediatos. En definitiva, para axudar e contribuír á formación literaria das persoas que desexan achegarse á escritura ou xa están iniciadas nela e necesitan perfeccionar e ampliar os instrumentos que manexan, desde o LaPLit ofrecemos este Curso de ficción narrativa. Impartido por Xosé Monteagudo, un dos escritores máis prestixiosos da narrativa galega actual, autor de novelas coma Todo canto fomos e Eternity e galardoado, entre outros, co Premio Blanco Amor, o Premio García Barros, o Premio San Clemente e o Premio Repsol.

Escribir unha boa novela ou un bo relato non é doado. Quen escribe ten detrás unha bagaxe de lecturas que lle proporcionan modelos e exemplos no emprego dos recursos técnicos propios da súa tarefa. Na práctica da escritura, a ampla variedade de técnicas que ofrecen eses modelos implica tamén facer escollas e tomar decisións. Cómpre familiarizarse cos diversos criterios para escoller —en cada momento e segundo as necesidades do que se quere narrar— as solucións máis axeitadas desde o punto de vista literario. Para chegar con eficacia a quen le e asemade conservar viva a ambición literaria. Os obxectivos da narrativa moderna son dous: orixinalidade e interese de quen le. Aprender a atopar os elementos orixinais da propia escritura, lograr un estilo propio que consiga cativar e deixe unha pegada máis fonda na persoa que le.


Obxectivo do Curso

Escribir ficción narrativa

Mediante a adquisición de diferentes técnicas narrativas e coa realización de exercicios prácticos que serán valorados e comentados polo novelista Xosé Monteagudo, este Curso de Narrativa ten como finalidade que as persoas matriculadas descobran e perfeccionen un estilo literario persoal, permitíndolles acadar a seguridade narrativa necesaria para extraerlle a máxima eficacia ao seu talento.

Un curso accesible a todos os niveis da práctica narrativa e deseñado para explicar sistematicamente todos os elementos que configuran o proceso de escritura dunha novela ou dun relato. As sesións presenciais, que han ter lugar na sede da Fundación Euseino? en Vigo, serán completadas co traballo das persoas asistentes ao curso, para o cal se poñerán a disposición das persoas matriculadas as ferramentas informáticas axeitadas que permiten establecer unha proveitosa dinámica de grupo. Consecuencia desta forma de aprendizaxe, o número de persoas matriculadas no Curso de ficción narrativa ha ser necesariamente reducido. Realizarase un proceso de escolla entre as preinscritas para formar un grupo de aprendizaxe con certa homoxeneidade, no que se poidan establecer interaccións participativas que contribúan ao progreso das persoas que sigan o curso.

As persoas interesadas en matricularse deberán cubrir previamente o Formulario de Preinscrición. Rematado o proceso de selección, o Laboratorio de Produción Literaria hase poñer en contacto coas persoas que resulten escollidas para que procedan a formalizar a súa matrícula no Curso de Ficción Narrativa que dará comezo en xaneiro do 2022.


Programa do curso

Sesión 1. O oficio de escribir. Metodoloxía de escritura. Análise do resultado. O espírito perfeccionista. Ficción e realidade. A coherencia da obra literaria.

Cales son as ferramentas precisas para encarar con éxito o oficio de escribir? Como sabemos que estamos empregando as máis axeitadas? De que materiais concretos debemos botar man a cada intre? Como podemos saber se acadan o resultado pretendido?

Sesión 2. A perspectiva. O punto de vista narrativo. O fío condutor. Niveis da escritura. A percepción persoal e a escritura. A representación particular da realidade. O punto de vista autorial.

De que forma podo contar a historia que imaxinei? Como conseguir unha narración orixinal e con interese, ao mesmo tempo? Que punto de vista é o mellor para transmitirlle a miña percepción a quen le?

Sesión 3. As historias. Orixe e desenvolvemento. A materia prima do novelista. O mundo persoal. A voz propia. A utilización dos pormenores. A trama narrativa. O intrinsecamente necesario nunha historia. As limitacións autoriais.

Todas as historias que imaxino teñen o mesmo valor? Como escoller as máis rendibles desde o punto de vista literario? De que forma hei de as desenvolver para que acaden un maior interese para quen as lea? De que elementos debo prescindir e en cales hei de profundizar para que a historia sexa máis atraente?

Sesión 4. As formas narrativas. O conto e a novela. Proceso de composición. Clímax e significado unívoco. Xerarquía das historias. Outras modalidades narrativas.

Con que extensión debe desenvolverse a historia que imaxino? Que importancia ha de ter cada escena que configura a historia? En que lugar debe colocarse para outorgarlle maior entidade ao conxunto? Como podo contar unha historia con feitos reais?

Sesión 5. O narrador. Relación entre narrador e autor. O narrador e a voz narrativa. Estilo e perspectiva do narrador. Tipos de narradores. Elementos configuradores do relato.

De que maneira constrúo un narrador que conte a historia? Cal é o tipo de narrador máis axeitado á historia que desexo contar? Que elementos hei de empregar para conferirlle unha entidade de seu?

Sesión 6. O estilo. Personalidade narrativa e retórica literaria. O estilo consubstancial ao relato. O ritmo da prosa literaria. O dobre plano: imaxinación e escritura.

Que tipo de palabras debo empregar para contar unha historia con maior eficacia? Como podo conseguir que a historia atrape a quen le desde as primeiras frases? De que forma podo decatarme de que unha pasaxe non está escrita co mesmo estilo que o resto da narración?

Sesión 7. O tempo. A construción temporal. Información e tempo do relato: interrelacións. O tempo referencial. A dramatización. A elipse e o dato suxerido.

Que escenas debo contar con máis calma e cales debo referir sen maior detalle? Cando debo empregar o diálogo entre as personaxes? Como consigo que o diálogo resulte natural e esencial, asemade, para a historia? Que cousas contar e cales suxerir para que a historia sexa máis profunda e verosímil?

Sesión 8. As personaxes. A creación da personaxe. Construción da personaxe literaria na novela moderna. Carácter e situación das personaxes. Coñecemento da personaxe. A dimensión da personaxe no relato.

Que debo dicir e que debo ocultar para conferirlle maior entidade a unha personaxe? Como consigo que o que fai unha personaxe resulte crible?Como podo acadar unha personaxe memorable?


Cada sesión do curso constará de explicacións teóricas sobre as diferentes técnicas narrativas e de exercicios que as persoas asitentes porán en práctica, como unha forma de aprendizaxe integral.


O Curso de Ficción Narrativa vai contar coa colaboración de dúas escritoras convidadas. En dúas das sesións do curso, os participantes han recibir o apoio de senllas narradoras de renome coas que han poder intercambiar opinións e dialogar sobre o oficio de escribir.


As persoas matriculadas no Curso de Ficción Narrativa que amosen unha dedicación especial poderán solicitar gratuitamente un Informe de Lectura sobre un dos seus orixinais de narrativa que escollan. O informe ha ser elaborado por un lector profesional do Gabinete de Orixinais do LaPLit.


Lugar do curso: sede da Fundación Euseino? na rúa de México 37 de Vigo: ver no mapa.

Inscríbase no Curso de Ficción Narrativa

Se o desexa, pódese inscribir no Curso de Ficción Narrativa. Cubra o formulario de preinscrición no prazo que vai do 10 ao 22 de decembro. Rematado ese prazo, poñerémonos en contacto coas persoas seleccionadas entre as preinscritas para que formalicen a matrícula. Facilitándoselles tamén o acceso ás aplicacións informáticas e ao material que configura o Curso. O curso vaise desenvolver venres pola tarde ou sábados pola mañá de xaneiro a abril de 2022. En sesións de 2 horas cada 15 días.

Modalidades de matrícula:
achega única inicial de 100 euros (bonificación de 20 euros incluída)
ou 120 euros en catro achegas mensuais de 30 euros cada unha.
Límite de 12 prazas.