Segundo número de “Urania”

Chus Pato dialoga con Oriana Méndez sobre “Interna”

O Gabinete de Poesía da Fundación Euseino? publica en formato PDF e acceso aberto o número 2 de Urania. Publicación sen periodicidade fixa que recolle o diálogo de Chus Pato con poetas actuais e outras actividades realizadas no Gabinete de Poesía do LaPLit. A súa finalidade é incitar ao pensamento sobre a poesía.

Este novo número de Urania recolle unha conversa sobre o poemario Interna entre Chus Pato e a súa autora, a poeta Oriana Méndez. Cincuenta páxinas de diálogo lúcido e profundo entre dúas poetas que nos achegan a unha obra literaria orixinal, á marxe dos usos consensuais, na que o poema se produce como realidade. A autora de Derradeiras conversas co capitán Kraft, Cero e O corazón pronúnciase extenso arrodea os límites da sombra, fainos contemplar eses pequenos lumes febles que abrollan nas tebras, os vagalumes, obxectos poéticos que se ven case coma se unha luz se puidese laiar. Algo que só o poema posibilita e que o fai irredutible.

Segundo Méndez, “O poema é un transo cara á fin de algo, pero conclúe cun nó de vida. Literalmente: o punto da flor. Aí hai unha posibilidade, unha hipótese de vida”. Cunha extraordinaria capacidade para percibir o case inapreciable, a poeta artella un discurso dialóxico, unha argumentación aparentemente idiosincrática e por iso mesmo certeira sobre o que constitúe a materia da supevivencia. En poucas ocasións quen le se enfronta á lucidez expresada coa claridade dunha linguaxe que non só atina senón que ao tempo suxire sen limitar a posibilidade das metáforas e imaxes empregadas nos poemas, máis ben o contrario, ampliándoas na reflexión ao fío das preguntas incisivas, de potencia interpretativa, que lle formula esa poeta pensadora que é Chus Pato.

O poemario Interna obtivo o Premio de Poesía Fundación Galicia Obra Social no ano 2020 e publicouse ese mesmo ano na colección Arte de Trobar do Centro PEN Galicia.

Urania 2

48 páxs.

Sumario
Divídese en apartados de extensión variable, numerados de 1 a 9, que seguen os doce poemas e unha “Fin” dos que consta Interna.

Edición non venal en PDF
Descarga gratuíta

  • Gabinete de Poesía. Urania nº 2


    Chus Pato dialoga con Oriana Méndez

    Arredor do poemario “Interna”.

    5 de maio, xoves, ás 19,30 horas, sede da Fundación Euseino? R/ México 37 baixo, Vigo.

    Reserva de praza con achega de 3, 5 ou 10 euros. Ou acceso libre con reserva de praza optativa.


“Decálogo da novela”, por Cecilia F. Santomé

A torre Eiffel“, por Henri Rousseau

A novela como monstruosidade, como ficción real e non real ao tempo. A novela como substituta da realidade, velaí a potencia, a virtualidade deste xénero narrativo que a escritora Cecilia F. Santomé persegue no decurso destes dez apuntamentos verbo dunha materia que escorrega, que se adapta ao mundo, aos mundos, fuxidía e certa ao tempo. Un sistema de escritura que sempre considera as súas marxes, sen excluílas mais sen deglutilas completamente. A autora de Unha rapaza de provincias fai repousar o efecto novelesco na ollada que o suxeito deita sobre ese obxecto aparentemente oco que se tece sobre a idea de ficción. A novela, como goma de mascar, defórmase, pégase ao padal de quen escribe e le, ensúmese e rexorde nun globo que sempre acaba por estoupar. A novela remata. To the Happy Few.


Sección coordinada e editada por Iván García Campos

Elixe a túa aventura

1) Patio de recreoA novela hoxe é promesa de evasión por entregas, unha escapada a bocados entre as pequenas rutinas que compoñen o día a día, un tempo de lecer que osixena os pulmóns con imaxes de infinitas posibilidades. Ao pousar o libro, ao soar o timbre da realidade, só cabe a nostalxia gozosa desoutras vidas que por un instante tivemos ao noso alcance.

2) Campo de areaQue complicado, ofrecer unha definición da novela agora que os seus moldes semellaron estalar. Poida que a alternativa sexa facer un bosquexo, propoñer unha aproximación, consciente do carácter do xénero do que unha está falando. Vexo nela unha areeira, chea dese material minúsculo e escorregadizo, inapreixable se non é sometido a un proceso físico que o permita, ou mesturado cun elemento coagulante. A novela muda a cada paso, definitivamente aberta, e esváranos entre as mans ao tentar apreixala.

3) Goma de mascar. Coma esa pastilla ou bóla de masa ríxida que a forza de roela e mastigala vai modificando as súas calidades iniciais, adquirindo unha nova textura e liberando sabor: así é a novela. Unha goma de mascar na boca de quen escribe, batendo entre os dentes, contra o padal, xogando coa lingua co único obxectivo de explorar a súa capacidade elástica, de exercitar ata o insospeitado a virtude do material para facer figuras con el.

4) Neverland/EndexamaisEsa flexibilidade confírelle ao proceso de escritura certo carácter de paraíso recuperado pois se converte nun refuxio onde formas e corsés, normas e rigores, quedan suspendidos no tempo. No lugar que é a novela, dáse unha primavera eterna de xogos creativos. Florea a ilusión “peterpanesca”.

5) Xoguete roto. Acaso non ten algo diso esta forma, fragmentada e fragmentaria, esquiva e elíptica, descomposta e volta a compoñer unha e mil veces no curso das décadas? A novela é un xoguete roto á imaxe da obra do doutor Frankenstein: unha criatura, un enxendro con vida propia no que a miúdo se recoñecen influencias, homenaxes, débedas e préstamos máis ou menos disimulados.

6) Inocencia (o contrario da). Coma en calquera outro xénero literario, hai pouco espazo na novela para a inxenuidade non impostada —e, polo tanto, transformada en recurso ao servizo da obra—. A escritura esixe coñecemento, dixestión ou vómito de lecturas previas. Non hai novela por xeración espontánea, tampouco mediante esporas. Parir unha linguaxe absoluta e radicalmente orixinal é tan ambicioso como naïf. As marxes sempre consideran o sistema.

7) Boneca rusaA novela propón un marco total para a recreación de feitos, pensamentos, relacións, poderes, tempos, lugares, identidades; dunha amplitude tal que a miúdo non chegamos máis que a albiscar os seus horizontes. E, para darlle vida a ese mollo de intencións que contén o espiñazo sobre o que se sustenta, constrúe estadas en forma de niveis textuais coma capas de cebola, estratos de terra que conectan o núcleo e a codia. Historias dentro de historias, tramas, subtramas, fíos múltiples que tecen verticais e xerarquías textuais. Alén de principios, medios e desenlaces, de voltas e de reviravoltas, érguese triunfante a idea. Mais no bandullo da boneca rusa que é a novela caben tamén elementos externos, pois a poesía, o teatro e o ensaio contribúen a enriquecer o xa de por si extenso campo de cultivo novelesco.

8) Mazá de Brancaneves. Que tentadora resulta precisamente por ese carácter híbrido e a permeabilidade das súas fronteiras! E, así, nela podemos atopar consolo ou materia para o debate, unha fiestra aberta para que entre o aire, un espello, unha lección pendente, un xermolo de coñecemento, unha luz que treme na escuridade. 

9) Peta ZetasEstouran os efectos, os xiros, os principios ou os finais, os medios convertidos en principios, os finais que non son tal, as palabras coidadosamente escollidas para aguilloar, as intrigas suspendidas, as intimidades reveladas, a humanidade encarnada en cada páxina. Mais o clímax está ou non está, é ou non é: a novela xa non precisa de cumios que a xustifiquen. O espectacular, a explosión, a vontade rupturista posmoderna crepítanos na boca sen por iso eclipsar o valor do anticlimático, da planicie narrativa, da sobriedade como estética fronte aos fogos de artificio da e na lingua.

10) Elixe a túa propia aventura. Pouco ou nada importa o que para unha sexa a novela: serán sempre os lectores e as lectoras os que emitan o seu veredicto e así a consideren. Haberá poemarios que sexan lidos coma textos narrativos, co seu fío condutor, texturas e ambientes, voces ou personaxes. Virán historias curtas que compoñan un crebacabezas dentro dun relato marco que as abrace à la Boccaccio. Leremos crónicas, memorias, ficcións do eu ateigadas de fórmulas que rachen a cuarta parede e tezan complicidades cheas de teatralidade.

Á marxe da intención primeira de quen a concibiu, a novela vaise armando nas olladas. Na lectura, cobra entidade. Ata entón, é a forma total e a máis oca. Todo potencia, coma a infancia.

Decálogo da novela

2ª edición de “Transhumanismo”

O libro de Brais Arribas, suceso de lectura e crítica

Acaba de saír dos prelos da cooperativa Sacauntos a Segunda Edición de Transhumanismo; dese xeito, o ensaio de Brais Arribas convértese no libro de filosofía máis lido en 2021 e no que vai de 2022. Non moi lonxe del, a piques de esgotar a primeira edición, está O obxecto muller e o xiro ontolóxico, de Inma Otero, publicado a fins do ano pasado.

Ademais do suceso entre as persoas lectoras, Transhumanismo recolleu tamén unha favorable opinión da crítica. Xosé Manuel Eyré na súa Ferradura en Tránsito II, Mario Regueira en Sermos Galiza, outras dúas mencións na Tabela dos Libros, á parte da intervención do seu autor no programa de televisión Zig Zag e, recentemente, unha recensión publlicada por Miguel Vázquez Freire na revista Tempos Novos.

Á cuarta e terceira edicións de, respectivamente, A revolución non vai ser televisada e Capitalismo e fascismo, obras das que é autora Rebeca Baceiredo, engádese esta reedición de Brais Arribas, o que indica o interese que a colección Casabranca suscita entre as persoas lectoras, tendo en conta que outros dos seus títulos, entre eles A monstruosidade moderna e A música das esferas, de Carlos Lema, están a piques de se reeditar.

Se a difusión da filosofía é un dos obxectivos que están na orixe da colección, o rigor na argumentación e no pensamento, ademais da atención que lle presta a diversas correntes filsóficas, son outras das súas características, tanto ou máis importantes. A recente incorporación de Mario Losada como coordinador e editor ha reforzar e ampliar esta liña editorial de Euseino? Editores, cousa que se ha traducir nun incremento do debate filosófico en galego e na aparición de novas autoras e autores, ao abeiro tamén das actividades, coloquios e seminarios organizados por Euseino? Social.

Créase o Fondo Anxos Sumai do Arquivo Euseino?

A escritora cede cadernos de notas e obra inédita

Este venres, día 1 de abril, Anxos Sumai entregou á Fundación Euseino? a documentación autorial que vai formar parte do Fondo desta autora depositado no Arquivo Euseino? No acto de entrega, Beatriz Fraga e Carlos Lema, vicepresidenta e presidente da Fundación, acompañaron á escritora.

O Fondo Anxos Sumai consta de catro cadernos manuscritos dos anos 1982, 1985 e 1986 contendo apuntamentos e debuxos, cadernos aos que se engaden relatos inéditos da década de 1980 e unha carpeta con apuntamentos da novela inacabada “Raíña de corazóns”, de finais de da década de 1980 e principios da de 1990. Ademais doutra carpeta contendo anotacións soltas das décadas de 1980, 1990 e 2000.

A cesión de orixinais manuscritos e mecanoscritos, de gran valor documental para os estudos de crítica xenealóxica da obra narrativa de Anxos Sumai, complétase con documentos dixitais, entre eles todas as publicacións literarias feitas pola autora en Facebook e as fotografías que as acompañaban; relatorios, conferencias e vinte e tres narracións escritas na década de 2010 para fins diversos, como exposicións e outro tipo de intervencións da autora da Lúa da colleita.

Trátase dun Fondo senlleiro, tanto pola calidade gráfica de manuscritos e debuxos coma por constituír unha das achegas máis interesantes das realizadas por autoras a arquivos galegos debido a se tratar de obras inacabadas e inéditas, de extraordinaria utilidade para a crítica xenealóxica da literatura contemporánea. A diversidade de temas, entre eles o tema das fadas, o proceso de elaboración dun estilo persoal, a expresión iconográfica a carón da calidade caligráfica dos manuscritos, as correccións nos orixinais mecanografados, as notas persoais e as decisións explícitas sobre algúns dos relatos manuscritos, xunto con expresións que traslocen a dificultade e os atrancos á hora de determinar a súa publicación e a alta esixencia estilística e literaria da autora, fan do Fondo Anxos Sumai unha das achegas máis xenerosas e interesantes dunha autora galega contemporánea.

Deste xeito, o Arquivo Euseino? convértese nun dos arquivos galegos con maior interese para estudar a obra de escritoras galegas contemporáneas ao contar cos fondos de Chus Pato e de Anxos Sumai, ao que se lles vai engadir este mesmo mes de abril o Fondo Berta Dávila.