Anotacións sobre literatura e filosofía, nº 12, xuño de 2016
Rubén Salgado, “A detonación estética do común”
Presentamos un autor novo cunha achega teórica que xorde dunha experiencia concreta. Pensamento sobre a arte, a estética e a súa función social. O común e o réxime da arte. Trátase de Rubén Salgado e o seu ensaio títulase “A detonación estética do común. Explorando a emancipación das prácticas estéticas hexemónicas”.
O autor sitúase baixo a seguinte advocación de Paolo Virno: “cando a linguaxe se converte no principio fundamental polo cal se organiza a realidade social, toda a realidade social se converte en estética”.
Polo tanto, o terreo común para a arte e a política nunca é o do contido senón o da forma. Na arte soamente hai política na esfera formal porque “incluso a arte que está afastada da arte comprometida toca de paso a realidade social e política”. As formas artísticas vangardistas foxen de calquera medida proporcional da mesma forma que a produción en masa de bens no neocapitalismo. O estético e o político non teñen nada en común dende o punto de vista substantivo. A resistencia social e a estética encóntranse soamente nunha investigación formal debido a esa desproporción da unidade de medida.
Para elaborar a súa reflexión teórica, Rubén Salgado parte dunha experiencia concreta: o caso do Cluster e o Dialecionario:
“O presente artigo non foi en realidade unha investigación iniciada dende un debate teórico particular […] senón que foi desta rede [o Cluster], e da súa práctica subversiva e sen precedentes no panorama cultural da arte contemporánea, de onde xermolou o marco teórico do que parte o debate precedente. […] Entre 2011 e 2013, oito organizacións europeas e de Oriente Medio, dedicadas á arte visual contemporeánea, conformaron unha rede internacional chamada Cluster […]: CAC Brétigny, en Brétigny-sur-Orge, París; Casco – Office for Art, Design and Theory, en Utrecht; CA2M Centro de Arte Dos de Mayo, en Móstoles, Madrid; The Israeli Center for Digital Art, en Holon, Tel-Aviv; Les Laboratoires d’Aubervilliers, en Aubervilliers, París; P74 Center and Gallery, en Liubliana; The Showroom, en Londres, e Tensta Konsthall, en Estocolmo. Os membros da rede atópanse todos en zonas da periferia destas cidades, as cales posúen poboacións migrantes significativas e nas que se acadan niveis grandes de pobreza e desemprego. A lóxica da que partiu este proceso colaborativo foi a de entender “a maneira na que as organizacións operan en relación cos seus contextos locais e coas expectativas específicas dos investidores e dos medios de comunicación”.”
72 páxs.
Edición non venal en PDF
Descarga gratuíta
Apoie as publicacións en acceso aberto.
A Fundación Euseino?, unha organización non lucrativa independente,
agradece a súa contribución.