“Decálogo da crítica literaria”, por María do Cebreiro

Composición, por Theo van Doesburg
Composición, por Theo van Doesburg. Tinta chinesa sobre papel.

A ensaísta e poeta María do Cebreiro escribe sobre a crítica literaria en tempos de estrañeza. As obras manteñen a súa presenza mesmo nun mundo no que os textos pretenden asoballalas. Un texto non é necesariamente unha obra. Igual ca quen escribe non é forzosamente unha persoa escritora; a escritora éo cando “vivir significou escribir, e escribir unicamente foi dicir con sinceridade, case reflectir nun espello, o pulo da súa fantasía e os traballos do seu pensamento”. Así o describiu o filósofo Giorgio Colli, editor da obra completa de Nietzsche. Mais o estadio do espello quedou atrás, a obra non precisa de suxeito, independízase da tea de araña da sopeita pois a obra mesma está feita de tecido, de letras, de literalidade. A morte da crítica realmente o que reflicte é a morte do autor e da autora como principio de razón. O principio da obra é a irrazón da súa existencia. Iso abonda. Nada de relación filiativa, todo é afiliativo. Non hai creación porque ninguén crea, a literalidade está no mundo como tal cousa. O escepticismo da autora de Maternidades virtuosas responde quizais a esa estrañeza perante a obra sen razón, a obra non escrita para un público, a obra sen público. A obra sen esencia. Cousa non substancial que está fóra de si, que está no mundo.


Sección coordinada e editada por Iván García Campos

Entre o arquivo e o mapa

1) Renacenza. Non é doado escribir sobre a crítica literaria nun mundo no que tanto a literatura como a crítica perderon definitivamente a súa función. Neste contexto, a única proposta optimista é desexar que a crítica literaria morra dunha vez para que, con fortuna, poida nacer de novo.

2) Fado. Velaquí o fado da crítica literaria hoxe: a suxeición ao sistema de medios de comunicación, dependente á súa vez das dinámicas gobernamentais e dos intereses comerciais. Fronte a tal servidume, a crítica literaria será soberana ou non será.

3) A autoridade de calquera. Soberanía non equivale a libre xuízo. A erosión xeneralizada do principio de autoridade pode ser boa cousa. Como aceptar que un crítico, polo feito de escribir nun determinado medio, nos diga o que debemos ler? Nun tempo no que nin sequera aceptamos doadamente as recomendacións dos médicos, a crítica xudicial é cousa do pasado. 

4) A arte da sospeita. O fundamento da verdadeira crítica é a sospeita. Como calquera pensamento digno de tal nome, debe ser unha arte de tensar a corda.

5) Perigos. A crítica literaria é, xa que logo, incómoda. Non estraña que case ninguén queira exercela. Así e todo, cómpre desconfiar tamén da posición do francotirador. Cando a voz do crítico soa ferida ou rosmona de máis, é doado sospeitar que non está a escribir desde a ecuanimidade senón pro domo sua.

6) Obxectividade. Fronte ao prexuízo que teima en manter xebradas a dimensión creativa da argumentativa, os mellores poetas do século XX foron os mellores críticos, tanto da súa propia obra como da obra dos poetas que a usaron como condición de posibilidade para escribila. En consecuencia, o crítico debe ser obxectivo mais non neutral. 

7) Futuro presente. Que cabe agardar da crítica neste século? Quizais xa non o delicioso close reading da súa obra e das alleas ao que nos afixeran os críticos e poetas do século XX (non hai tempo). Tampouco o distant reading postulado como alternativa pola literatura comparada de comezos do milenio: entre a peste e o algoritmo, o concepto de República Mundial das Letras quedou literalmente esfarelado.

8) Estrañeza. A crítica literaria do futuro artellará un discurso situado a medio camiño entre o arquivo e o mapa. Operará, ao seu xeito, en sentido contrario á cultura da cancelación, cartografando, por unha banda, os textos resistentes ao sentido común da nosa época e achegando, pola outra, un catálogo vivo e actuante de prácticas literarias complexas (entendida a complexidade como un procedemento de estrañeza continua perante o mundo).

9) Responsabilidade e resistencia. A crítica literaria do futuro será un traballo de delicadeza e de resonancia. Obrigaranos a ler dúas veces, nun tempo no que, mesmo rodeados de textos, case ninguén lerá. Non toda literatura resiste esa segunda vez, o que pode ser usado como un indicio contra ela, e tamén contra a crítica literaria que a sostén.

10) Resurrección. A crítica literaria morreu. Viva a crítica literaria!

Deixar un comentario