Mario Regueira escribe sobre “A monstruosidade moderna”

Na edición impresa do semanario Sermos Galiza con data 12-9-19, o crítico literario, poeta e narrador Mario Regueira escribe unha recensión da Monstruosidade moderna, o libro de Carlos Lema recentemente publicado na colección Casabranca. O artigo comeza dedicándolle unhas liñas ao labor editorial de Euseino? para centrarse logo na análise da obra.

[…] cun estilo esixente, á altura do tema e do enfoque escollido, Lema ocúpase da figura do artista na modernidade, marcado particularmente pola mudanza de concepto en canto á produción de obras. Moi relacionado con isto, especialmente a través das reflexións sobre a loucura, pero desde un ángulo diferente, a segunda parte do libro fálanos da relación entre a poesía e o discurso infantil […]

A seguir, Regueira repara especialmente nos ensaios sobre o acceso das mulleres á cultura e, singularmente,

[…] nuns capítulos brillantes polo seu interese e o relativamente innovador do seu tema, atopamos unha análise do papel dos contos de fadas na emancipación da literatura da muller.

Para concluír o artigo cunha consideración sobre o ensaio final do libro, no que Lema desenvolve, no contexto da tardomodernidade, a noción de “consunción tardomoderna” en relación co paso da representación política a unha política como consumo e lugar de concreción da soberanía do suxeito mediante a súa relación coa autorrepresentación. Segundo Regueira, esta parte final da Monstruosidade moderna

nos tempos convulsos que vivimos […] sen dúbida aceptaría outras visións máis rupturistas. Unha característica que non é necesariamente un defecto e se cadra si unha evidencia de escola ou de diálogo colectivo.

Aludindo así seguramente ao marco do materialismo especulativo, no que desde o inicio se sitúa a obra de Lema, isto é, o dunha concepción filosófica que establece a “ruptura” precisamente no denominado xiro especulativo, na superación do correlacionismo e, polo tanto, do relativismo construtivista que todo o fía á dominación do suxeito como dador único de senso.

 

Publícase “A monstruosidade moderna”, de Carlos Lema

Desde o día 2 de setembro pode atopar nas librerías e na Internet A monstruosidade moderna, o novo libro de Carlos Lema.  Na colección Casabranca, Euseino? Editores pon nas mans de lectoras e lectores a máis novidosa achega do filósofo galego. Seis anos despois da publicación de A música das esferas, o seu libro anterior, o tamén poeta e editor achéganos agora a unha nova concepción da reali­dade que deixa de depender da escisión entre suxeito e mundo.

A argumentación que segue Lema neste libro organízase en tres partes, cada unha delas arredor dunha idea: comeza cunha teoría do suxeito como cidadán e artista, continúa cunha parte central sobre a representación como mediación que fai posible a relación entre a singularidade do cidadán-artista e o pacto moderno, e remata cunha reflexión sobre a política como consunción tardomo­derna e sobre a ­ab­so­lutización da ­subxectividade na que se inclúe o que o autor denomina “o contrafío das mulleres”.

A primeira parte de A monstruosidade moderna centra o debate en torno á figura do artista. O paso do artista como xenio ao artista como ser humano corrente trae consigo a deturpación pragmática da arte, tendo como resultado a produción da cousa mesma, é dicir, a representación como cousa que se emancipa de quen a pensa.

Na segunda parte, o libro introdúcese no siloxismo da representación a través da poesía, da infancia e da alma. O suxeito é porque di algo de si mesmo; nesa autorrepresentación é onde reside a potencia do enunciado da autopoiese como causa mundi. Chégase á terceira e última parte facendo unha historia da emancipación das mulleres por medio da cultura. O bios triunfa sobre a zoé feminina; a determinación de xénero reelabórase como identidade cultural.

A conclusión que se dá no ensaio final é que a pólis moderna xa non se articula directamente sobre o cidadán, como acontecía desde a Grecia arcaica, senón a partir das súas decisións verbo da representación. Unicamente o suxeito ten poder ­constituínte, o dunha auto­sobe­ranía que, en forma de consunción, fai as veces de salvación. Nese labor que ten como obxectivo facer o subli­me accesible, a consagración do ser humano como artista sinala definitivamente o triunfo da monstruo­sidade moderna.

Para máis información: consulte o índice do libro.

Consiga o seu exemplar:

Compra con tarxeta

Na internet
(gastos de envío gratuítos para quen estea subscrito ou se subscriba á Carta de Información)

Nas librerías

SaveSave

SaveSaveSaveSave

SaveSaveSaveSave

SaveSaveSaveSaveSaveSaveSaveSave