Cita

Prosa mítica

No seu blogue Criticalia, o crítico literario Armando Requeixo publica unha recensión de  O Rei Portador e outras historias, o libro de relatos de Beatriz Fraga publicado por Euseino? Editores. Incluímos a seguir unha cita da recensión, que se pode ler íntegra ao calcar co cursor na palabra Criticalia.

En efecto, nestas páxinas de Fraga importa tanto o detalle miúdo do que se conta coma as grandes heroicidades e proezas que se refiren, o que explica esa súa prosa de recender poético e evocación oralizada na que todo transcorre como se nun conto marabilloso estiveramos.

Seguramente a isto último (a crear esa atmosfera envolvente que aerosoliza cada historia) contribúan tamén as coloristas e delicadas ilustracións coas que a propia autora viste estes contos, evocadoras transposicións visuais dun territorio creativo que engada sen solución.

Armando Requeixo, Criticalia

Do mito e da literatura

Seguimos aquí o fío da interesante reflexión iniciada por Xosé Manuel Eyré no seu blogue Ferradura en tránsito, a propósito dos mitos e co gallo da publicación de O Rei portador e outras historias. Parécenos axeitado relacionar mito e literatura, ou mythos e lógos.

“O mito sitúase no dominio da música, é dicir, segundo a etimoloxía, no dominio de todo o que se refire ás Musas, e de todo o que, coa ximnástica, constitúe na Grecia antiga o elemento esencial da educación […]. Neste dominio o mito corresponde ao elemento ‘discurso’, abranguendo a música, […], outros dous elementos: o ritmo e a harmonía” (Luc Brisson, Platón, las palabras y los mitos, p. 122).

Como tamén apunta Martínez Marzoa na súa Historia da filosofía, “o nome usual en grego, mesmo na época de Platón e Aristóteles, para designar iso que nós chamamos ‘o mito’ é λόγος [lógos]” (vol. 1, páx. 17).

Malia iso, actualmente o lugar común é contrapoñer mythos e lógos “sinxelamente porque chamamos así [o mito] a unha certa recompilación e organización (comezada no helenismo [isto é, despois de Aristóteles]) dos contidos da poesía grega” (ibid.).

Esta segunda interpretación, na que se contrapoñen mito e lógos e na que a poesía (ou a literatura) substituiría o mito fronte ao pensamento argumentativo, defende que o senso de mythos sufriu fondas modificacións entre Homero e Platón, chegando a restrinxir mythos ao relato e lógos ao discurso argumentativo; mentres que a primeira, aínda diferenciando que, por exemplo, Platón “fala en mito”, ou linguaxe “inadecuada” (“óntica”) que conquista certa “adecuación” polo feito de asumir expresamente esa mesma inadecuación, e que Aristóteles pretende unha linguaxe que vaia permanentemente contra a corrente da busca da adecuación, sitúaos a ambos os dous dentro do que denomina o “pensar grego”, isto é, un pensar no que o lógos aínda non é “a lóxica” e no que o mythos aínda non é “a relixión”.

Na primeira das interpretacións, tanto mythos coma lógos mantéñense fóra da vontade de verdade, de tal xeito que o pensar non pretende instaurarse como “verdadeiro”; pola contra, na segunda, preténdese diferenciar o lógos coma se dun saber positivo ou tético se tratase.

De seguirmos a primeira interpretación, non ten por que haber inconveniente ningún para relacionar mito e literatura, sempre que por literatura non entendamos unha mímese do empírico que, debido a esa mesma referencia, conduza ao “histórico” como coñecer fáctico, isto é, como coñecer verdadeiro. Non sería o mito parangonable á novela, na que o senso outorgado polo referencial reside na imitación do fáctico. O coñecer dos mitos, entón, poderíase asimilar a ese coñecer ao que nos achega certa poesía: o que trae á presenza aquilo que é irredutible á linguaxe. Sempre e cando non se caia na idea de “revelación”. Aplíquese, pois, tamén isto mesmo ao mito cando teñamos a tentación de interpretalo como un antecedente da relixión.

Cita

O mito revisitado, actualidade e función

O crítico literario e escritor Xosé Manuel Eyré publica unha interesante recensión sobre  O Rei Portador e outras historias, de Beatriz Fraga. O autor de Constelación de Ío salienta a relación entre a filosofía e a literatura e o papel dos mitos como coñecer non fáctico. Incluímos a seguir unha cita desta recensión, que se pode ler íntegra ao calcar co cursor na frase Galicia confidencialxornal onde foi publicada.

[…] os humanos non seriamos o que somos sen ese continuo labor de recontar, ese permanente exercitar a memoria. Mais tampouco é o único mérito de Beatriz Fraga o recontar, o recontar ben. Porque a autora non renuncia a inserir certas doses de interpretación propia, con moita sutileza e acerto, o cal lles confire ás historias un meirande valor de actualización, de presenza na actualidade lectora. Enriquece as historias narradas […] sabe imprimirlles unha dimensión oral que as fai moi atraentes á hora de recontalas ou lelas en voz alta.

Xosé Manuel Eyré, Galicia confidencial