Chus Pato: sobre o estado da poesía

Publicamos de seguido o discurso lido pola poeta Chus Pato nos XXXV Encontros de Escritores e Críticos convovados baixo o título “O estado das poesías IV (2005-2019)” e celebrados os días 12 e 13 de setembro de 2019 na Casa de Verines (Llanes, Asturias).

Chus Pato —baixo a advocación de Hölderlin— achégase á condición na que se dá a poesía, guíanos polo estado (ou os estados) da poesía. A poeta conta como Petrarca ascendeu ao cume do monte Ventoso levando as Confesións de Agostiño de Hipona (véxase tamén “Pensar a literatura, 3”) e, despois desa experiencia, descendeu para atopar o poema.

Neste discurso —lembremos o discurso “O Meridiano”, de Paul Celan—, Chus Pato entreabre a porta do poema para chegar á conclusión de que “ese paseo polos cumes, as montañas e as escrituras lévanos a soster que o natal, para un poeta, é unha escritura; que o que nace a un ou a unha poeta —o seu suxeito— é un poema ao que il ou ela ceden a súa sinatura”. Os estados da poesía levan a un poema “perdido, inmemorial, limitado e atravesado polo informe, como unha respiración”.

“Follas de herba, Islandia”, fotografía de Marta G. de Lema

 

“O natal para o poema, por Chus Pato

Era un día a comezos do verao: estaba entre a luz branca das galerías e a luz aneboada do porto. Domesticaran as augas para o amarre dos iates de recreo. Anos hai, lera, un verso que desde entón era o meu compañeiro e a frase que en min se configurou era consecuencia desa escritura, a escritura dun poeta alemán.

A secuencia dicía así: algo é natal como un océano. Expresaba na miña pobreza que o océano era nativo e que dalgún xeito esa natividade oceánica era a norma para todo o que nacía e en concreto para o vir á luz dos sapiens.

Como podía nacer un océano? As respostas á pregunta están recollidas nunha multiplicidade de textos científicos e precientíficos. Nalgún intre do tempo, as augas; sobre elas o espírito, logo, a vida, o que adoitamos chamar a vida que vén das augas —das escuras e abisais, das escuras e maternas e aínda daquelas que son anteriores ao tempo e son prenatais— ; sobre elas algún poeta di que temos nostalgia / de las branquias. Unha pecha os ollos e imaxina ou lembra o nacer das augas, en Fonmiñá, as do Miño, ou as de calquera río que abrolla en fonte mínima, no surtidor pequeno do ventre da terra e algo fainas abrollar e de súpeto é a canle e as augas e son os deuses e as deusas e os cantos e os océanos.

O verso de Hölderlin contén unha advertencia: o natal é o máis difícil.

Sempre dei creto a este verso, sempre souben que Hölderlin escribira unha verdade. Pero durante anos foi enigma indescifrable, non sabía pensalo, só a mudez era a miña compañeira e non había camiño; non había palabras para que puidese desentrañar iso que era o máis difícil no natal.

O natal é o primeiro contacto coa luz, di a linguaxe; porén, se cadra o natal é o primeiro contacto coa escuridade e coa placidez e cos sobresaltos dun corpo que é o da nai: o dunha mamífera sapiens que pode desexarnos e acollernos ou non, e alí nacemos. Logo, é certo, volvemos nacer e ese segundo nacer é o primeiro contacto coa luz —que abre as nosas pálpebras coma un gume de sílex— e co osíxeno que entra polos órganos cos que aprenderemos a falar e enche os nosos pulmóns para o berro, para o primeiro, e para o pranto.

Nacer, si, é entrar en contacto coa soberanía da vida. E é ese o perigo? O contacto dunha vida que se desenvolve nun ventre e sae á luz e ao aire, e é indefensa, precisa atención e coidado e dalgún xeito colide con esoutra vida enorme que é a vida, a vida.

Que é entón a vida, esa que sempre nos é allea e ao tempo máis íntima que a nosa máis propia intimidade?

Dicimos, sen parar dicímolo: miña vida, miña propia vida, esta é a miña vida; pero a vida —esta que é a miña— non me pertence porque ningún dereito propio, de propiedade teño sobre ela. Ou si, tal vez só un: desfacerme dela, a aínda así —e esquecendo esa capacidade que teño de facerme morrer, para darlle morte ao que chamo a miña vida— isto que o é non o concibín eu, nin o quixen ou deixei de querer. Déuseme, déuseme o ventre e o amor ou o desamor de quen me concibiu, déuseme a asfixia do nacer, déuseme a luz e daráseme a morte. Entón a miña vida, a miña propiedade é xustamente o impropio, o máis alleo á propiedade, o máis alongado dun mercado, da oferta e da demanda, do capital e do poder. E si… pode ser sacrificada ata o exterminio, pero nunca apropiada, nunca propia, nunca ofrecida como a mercadoría; aínda escravizada, aínda vendida e mercada, ela —a vida— sempre será un exceso, un don, sempre pertencerá a outra, á graza, á musa, ás deusas, ao canto, a aquilo que non ten nome e ao que pertencemos; porque descoñecido ou coñecido atravésanos e crúzanos e fainos irredutibles, fainos un resto imposible para nosoutros mesmos e para a captura, se cadra porque é pura captura.

E entón, é ese o perigo, o difícil do nacer? Que a vida que dicimos nosa non o é? E como podemos vivir así unha vida que non nos pertence, unha vida que se nos dá e da que en realidada non sabemos? Facémolo, facémolo en cada respiración, en cada movemento, nas mellores e nas peores circunstancias. Facémolo aquí comodamente e fano alá onde a vida é un grao cero de precariedade e exterminio.

E entón somos, igual que todo o que vive —non exactamente sen porqué, como quería Angelus Silesius—, xa que podería existir unha razón para a vida; moitos e moitas din coñecela. Outros, outras non ousamos a tal crenza e afirmamos: somos sen coñecemento.

E resultaría que o natal non é o propio senón o que carece de propiedade, o que nos é alleo, o impropio, o que non admite dono nin dona, o que non nos pertence. Porén nós si lle pertencemos e vivimos alí, nesa vida estraña, sempre estraña, que é outra —ou mellor aínda, unha multiplicación de outras—, pois as vidas son moitas, como os soños ou os amores ou as artes ou as técnicas ou as ciencias; e todas elas alleas e todas elas sendo, querendo ser, con vontade ou sen ela pero sendo, aparecidas, vindo cara a nós como o que son, irredutibles aos nosos desexos, insensibles ao que nós queremos ou decidimos, sobrevoándonos nese nacer, nesa pertenza que é a da vida e abre e corta e limita baixo unha forma, baixo un infinito e unha finitude; e determínanos e esa é a nosa liberdade.

A nosa liberdade sería a aceptación dese non coñecer, desa intimidade allea, dese ser que vén cara a nós sen quedar, sen que se poida evitar a súa transformación continua e o seu final, que se nos amosa e deséñanos como exterioridade, como natureza; concibindo aquí a cultura —a civilización— como unha posibilidade desa vida que somos e que non posuímos, que descoñecemos e nos fai libres con toda a súa forza, con todo o seu esplendor, con toda a súa cegueira, coa súa incerteza, co seu descoñecido porvir.

E ese seria o perigo, a dificultade, esa liberdade do natal, esa estrañeza. Pois queremos que a vida… queremos o dominio sobre a vida, queremos sen parar porque o medo empúrranos a ese querer o dominio.

E sostemos coñecer: dicimos o nome de todo e de todos e a linguaxe devén contrasinal e xerarquía e pirámide, unha tecnoloxía máis entre as moitas que din o imperio dos sapiens sobre o planeta e o universo, sobre a vida.

E ese imperio divide e oprime todo o que pode oprimir. Oprime as pedras, as fragas, os animais do Edén, as mulleres das que se proclama propietario, os outros que non son eles, os nomes e as linguaxes infinitos que se dan na estrutura poética da vida.

E ese seria o perigo, a dificultade do natal, ou un dos perigos posibles. Odiar a liberdade coa que a vida —o natal— nos configura e pretender o propio, o reinado do que se presupón, se transmite e ensina como propio.

O difícil, o difícil sería comprender que o propio, o natural para nós, é a impropiedade do que unha é, o seu ser alleo, o seu ser outro, a súa liberdade sen remedio. E vivir as consecuencias desa dificultade.

A palabra Estado(s) e a palabra poesía. En principio —ou no comezo— move a asombro e, rápido como é a linguaxe, cántao: solteira, casada, viúva ou monxa. De súpeto estou na adolescencia, estou no franquismo. Ou: sólido, líquido e gasoso —e estou no colexio—. Pero o Estado(s) é tamén a posibilidade ou os hábitats nos que algo se dá, nos que algo se forma, se transforma e nos atopa. Falei do natal e dun verso de Hölderlin. Fíxeno porque coido que ese verso é, entre outras moitas cousas, a condición na que se dá a poesía. O natal sería, desde ese punto de mira, o estado, os estados da poesía e, concretamente, se se quere así, entre o 2005 e a actualidade desta xuntanza aquí en Verines, nesta casa, neste agora. A pregunta sería, que é o natal para o poema?.

Lembrareivos unha anécdota que a fama fixo voar. Nela cóntase como Petrarca ascendeu ao cume dunha montaña que leva por nome o de Ventoux; como non podía ser doutro xeito levaba con il un libro. Cando os seus ollos se compraceron na visión do panorama que desde alí se divisaba, abriuno. O libro levaba a sinatura de Agostiño de Hipona e a páxina que o azar decidiu foi aquela na que o filósofo advirte aos namorados de que a verdadeira beleza se atopa na alma, ou interior, e non nos encantos da natureza (non nos faremos cargo aquí da dualidade alma/natureza ou interior/exterior; abandonaremos esta ruta e concentrarémonos no poeta). O poeta, horrorizado, pecha o libro e veloz desce cara á casa que o alberga. Entra no seu estudio, pecha portas e fiestras e en silencio e recollido examina a súa alma ou interior. E alí ben sabedes o que atopa, alí está Laura, é dicir unha escritura en forma de soneto.

Blanchot, nalgunha páxina da súa obra —e fío as miñas palabras á memoria, é dicir ao corazón—, interrógase polo poema e o poeta. A súa conclusión é que o poeta ou a poeta só o é cando xa escribiu un poema, e xa que logo é o poema quen proclama que un ou unha poeta o é. Sería, por así dicilo, que o suxeito da oración non é o poeta senón o poema, xa que é este quen decide. O mesmo, por certo, lle sucede á carpinteira: só cando a mesa se sostén e podemos apoiarnos nela para escribir, o carpinteiro é unha carpinteira.

O noso poeta éo porque Laura o escribe, porque esa escritura en forma de soneto —que il chama Laura— o demostra. E o poeta e Laura non son exactamente o mesmo, non coinciden na súa totalidade, de aí que teñan dous nomes diferentes. Laura é o soneto, Petrarca a sinatura que pecha o contrato —se é que dun contrato se trata.

Volvo a Agostiño e lémbrovos un dos seus célebres parágrafos, aquel no que —e sigo a fiar no cor, é dicir, no esquecemento—, aquel no que se di que ten dentro de si unha voz que lle é completamente allea, pero máis íntima que o máis íntimo que il de si puidera considerar. Non nos faremos cargo de que il a identifique co seu Deus ou se deba a súa paixón polos interiores; o que si nos incumbe, ou incumbe ás palabras que con dificultade escribín e agora profiro, é que a conclusión dese paseo polos cumes, as montañas e as escrituras lévanos a soster que o natal, para un poeta, é unha escritura; que o que nace a un ou a unha poeta —o seu suxeito— é un poema ao que il ou ela ceden a súa sinatura. É fermoso que o natal se chame Laura ou Beatriz, pero tamén se podería chamar Averno ou Cordal Cantábrico. En todo caso, un poema.

E vimos tamén que esa escritura natal dáse na forma da metáfora, na que por un intre os dislocados poden bicarse.

E nisto coincide o nacemento, a posibilidade, o estado(s) da poesía agora mesmo e aquí co que levamos escrito sobre a vida e os seus impropios, sobre a impropiedade da escritura dun poema, sobre o seu ser impersoal, sobre a súa imposibilidade para o mercado, sobre a súa imposible captura pola oferta e a demanda. Se cadra, e como xa dixemos, porque o poema é —como a vida, como a estrutura poética da vida— pura captura.

É nativo un poema como é natal un océano. É ese, ao meu xuízo o estado —ou os estados— da poesía. Un vir á luz, á forma, ao límite como as augas ou os cordais ou as estrelas veñen. Así, dese xeito —desa maneira que a linguaxe sapiens foi un día e para sempre no Edén dos órganos de fonación—, alí xa no ventre formándose para a palabra, para o suspiro, para a mudez, para a chamada e a vocación, para que nos pulmóns entrara o pneuma e fora o berro e sentiramos entón, como quería o poeta, saudade das branquias.

Augas anteriores ao natal, augas anteriores ao tempo, sen forma, salvaxes, sen límite, sen finitude; ou a vida, a súa forza impersoal, cega, violenta, indomable, por chegar, unha e outra vez ao noso encontro, ao noso abraio, á nosa loucura por desbancarnos do imperio, da pretensión de dominio. E con elas —coas augas, coa vida, coa musa e a memoria e o corazón e o esquezo— un poema, o máis difícil da linguaxe que se ama xerarquía, que se ama pirámide, sepulcro e dominio. Un poema así, perdido, inmemorial, limitado e atravesado polo informe, como unha respiración. Como o que se adianta e se celebra dun idioma e resiste, como unha ruína ou un resto, como o gume do coitelo de sílex, que resiste, porque é de vez o máis duro e o máis maleable dun idioma. Un poema así, natal e difícil, que nos captura e non se deixa capturar, que pode ser destruído —pero non cazado porque il é a caza e a auga e a vida dunha linguaxe, dos idiomas.

Subamos pois aos cumes, abramos o libro e horrorizadas descendamos ás alcobas escuras, ás cavernas, aos ventres; se cadra alí atopemos unha escritura natal, Laura, Beatriz ou ás refuxiadas, aos migrantes, aos presos, ás exiliadas, ás escravas e escravos do mundo.

Bícame
non podo bicarte (me) o corazón

Bícame.

 

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

“A monstruosidade moderna” na Tabela dos Libros

O libro de Carlos Lema, seleccionado pola crítica

Na Tabela dos Libros do mes de outubro, que publica o blogue Criticalia, entre os títulos seleccionados polos críticos literarios Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Montse Pena, Mario Regueira e Armando Requeixo, figura en segundo posto, con dúas mencións, A monstruosidade moderna, do que é autor Carlos Lema, libro que acabamos de publicar na colección Casabranca dedicada á filosofía.

Inma Otero e Armando Requeixo son os críticos que recomendan este libro de ensaios no que se propón unha nova concepción da reali­dade que deixa de depender da escisión entre suxeito e mundo. A obra de Lema sitúase nunha concepción filosófica que parte do denominado xiro especulativo, coa superación do correlacionismo e, polo tanto, do relativismo construtivista que todo o fía á dominación do suxeito como dador único de senso.

 

SaveSave

SaveSave