Anotacións nº 14: “A ficción narrativa na literatura actual: da escritura á lectura”, por Xosé Monteagudo

Anotacións sobre literatura e filosofía, nº 14, novembro de 2016
Xosé Monteagudo, “A ficción narrativa na literatura actual: da escritura á lectura”

O artigo publicado neste número de Anotacións reproduce o texto dunha conferencia lida polo novelista Xosé Monteagudo o día 15 de outubro de 2016 durante a sesión dedicada a “Ficcións narrativas para conquistar novos públicos” das V Xornadas de Literatura e Ensino organizadas pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, celebradas no Instituto de Ensino Secundario das Fontiñas, en Santiago de Compostela. O autor de Todo canto fomos, a súa novela máis recente, pescuda en A ficción narrativa na literatura actual: da escritura á lectura “a orde xerárquica de valores (literarios e extraliterarios) que un autor segue á hora de concibir unha ficción” para intentar localizar onde reside o pulo do literario: “Na expresión da individualidade de quen crea? Na súa percepción particular e única da realidade? Ou na compracencia máis ou menos fiel dos gustos consabidos do público ao que se dirixe a obra?”

A preocupación de Xosé Monteagudo neste ensaio céntrase na procura dos motivos, ou das causas, que promoven a relación entre a obra literaria e quen a le:

[…] hai outra realidade […]. Do que estou a falar agora é da recepción, que está indisolublemente unida ao público lector, o cal á súa vez ten un horizonte de espera ante cada obra. Pode parecer contraditorio a primeira vista falar dun horizonte de espera no público ao mesmo tempo que se proclama para a narración un carácter transgresor. Non o é. Entre unha cousa e a outra establécese unha conexión íntima, non visible, e case non previsible. Aínda que, por outra parte, dotada de toda lóxica. Unha obra narrativa que aspire a conquistar novos públicos ten que ofrecer algo diferente ao que o público ten á súa disposición e non proba.

A situación dos escritores e escritoras galegos fronte ao seu público lector, o carácter intermediador das institucións académicas e os condicionantes de certa didascalia supostamente necesaria para achegarse a un público aparentemente tutelado son algunhas das cuestións que se tratan nesta análise feita por un novelista que percorre o traxecto que leva da escritura á lectura sen perder de vista en ningún momento as regras da ficción e a función da literatura na Idade Moderna.

Cuberta+lombo

 

28 páxs.

Edición non venal en PDF
Descarga gratuíta

 

 

 

 


Apoie as publicacións en acceso aberto.

A Fundación Euseino?, unha organización non lucrativa independente,
agradece a súa contribución.


SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave