Lica, un personaxe fractal

A opinión do matemático Xavier Martínez Torres

O álbum ilustrado Lica, de Beatriz Fraga, un ano despois da súa publicación e logo dunha segunda edición, continúa a suscitar lecturas variadas e plurais de diferentes lectoras e lectores. Chéganos arestora a opinión de Xavier Martínez Torres, doutor en Enxeñería pola Universidade de Vigo, formado na Universidade de Santiago de Compostela na especialidade de Matemática aplicada e actualmente profesor na Escola de Enxeñería e Tecnoloxía e titor da UNED no CA de Pontevedra. A pregunta que se fai o profesor Martínez Torres ao abrir o libro é ¿como o ler,  desde que punto de vista? ¿Desde que nivel de abstracción? ¿Desde que nivel de profundidade?

Ilustración da páxina 7 de “Lica”.

 

Hai unhas semanas chegou ás miñas mans un libro titulado Lica por medio dun agasallo dunha profesora que, despois da realización dun obradoiro de Xeometría, regaloumo con agarimo para que puidese velo desde o prisma dun matemático de formación.

Así, ansioso por iso, ao ter quince minutos libres, pensei: “Voulle botar unha ollada…” A miña sorpresa foi que, nun primeiro momento, o libro se pode ler en tres minutos mais… ¿Desde que prisma? ¿Desde que nivel de abstracción? ¿Desde que nivel de profundidade?

Aparentemente, trátase dun libro ilustrado que un neno ou nena de curta idade pode, sen dúbida, ler e divertirse ao mesmo tempo mais que tamén, a medida que a idade (mental) avanza, un pode ir analizando todo o transfondo —que abofé a autora pretendeu proporcionar— que o libro posúe en varias vertentes.

Na vertente puramente xeométrica, a importancia dos círculos e das circunferencias que desde a época dos gregos teñen tanta relevancia polas súas brillantes características e multitude de posibilidades.

Na vertente fractal, ¿como é posible que coa mesma figura xeométrica sexamos capaces de realizar tantas versións animais diferentes? ¿Como unha simple composición da mesma forma, o círculo, pode dar lugar a tantas figuras e, neste caso, figuras animais? Ese é o poder da teoría de fractais que está tan presente en arquitectura, na arte, etc. Pois ben, a autora foi quen de mostralo neste libro.

En resumo, creo que é unha boa maneira de achegar a xeometría complexa e a profundidade das matemáticas ás persoas desde a súa idade máis temperá. Os meus sinceros parabéns á autora por iso.

“Lica” en Trafegando Ronseis

En Trafegando Ronseis, o blogue de Gracia Santorum e Anxo Fernández, recoméndase Lica, libro co que iniciamos a Serie Onocrótalo de álbumes ilustrados dirixidos a lectoras e lectores de todas as idades.

Velaquí a opinión de Trafegando Ronseis, a quen agradecemos a súa dedicación á animación á lectura e o seu interese polas publicacións de Euseino?:

Encantoume esta proposta de álbum ilustrado: Lica de Beatriz Fraga está publicado por Euseino? Editores. A orixinalidade é total: é unha historia contada con figuras xeométricas e cores básicas. Realmente, é un pracer para os sentidos pasar cada páxina e sorprenderse con cada nova forma proposta, unha forma que convida a descubrir figuras fuxindo de estereotipos. Un xeito de achegar ao lectorado máis novo a arte contemporánea, a linguaxe artística. Un pracer descubrir quen é a protagonista final a base de emocións visuais e tamén, claro está, conceptuais.

Ilustración de Beatriz Fraga para a páxina 7 de “Lica”.

 

Lica na Praza dos Libros

Mañá, día 7 de xullo, sábado, Beatriz Fraga vai estar presentando o seu álbum ilustrado Lica na Praza dos Libros, en Carballo. Ás 11’30 da mañá, cun obradoiro no que se vai xogar coas figuras e cores do libro, e ás 8 da tarde, ha asinar exemplares dos seus libros nas casetas das librerías situadas no Xardín Municipal.

Escrito e ilustrado por Beatriz Fraga, a historia deste álbum está contada a través dos círculos, triángulos, rectas e curvas que dan forma á personaxe protagonista. Páxina a páxina, nun xogo con quen le, Lica xorde á vida a través da combinación das figuras. As ilustracións están inspiradas na arte abstracta para salientar as cores, as liñas e os puntos nunha composición dinámica co mesmo senso lúdico e táctil dos móbiles do escultor Alexander Calder. Coma nunha adiviña feita de imaxes, o libro convida a descubrir formas que recrean o mundo a través dos seus elementos básicos.

 

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave