O debate sobre a natureza humana

Publícase “Transhumanismo”, de Brais Arribas

Publicamos un novo título da colección Casabranca, o libro Transhumanismo. Tecnociencias e antropotecnias, de Brais Arribas. Nun contexto de reno­vada confianza nas posibilidades transformativas e optimizadoras das ciencias aplicadas, o debate arredor da natureza humana sitúase no centro do dilema ético sobre a vida, os seus límites e a posibilidade de modificala. Nun mundo seica sen Deus, ¿son os seres humanos os que deciden sobre o destino da súa propia especie?

Dun tempo a esta parte é habitual escoitar cada vez máis voces que reclaman a necesidade de que, dende a filosofía e a ética, se lle preste unha atención maior á corrente cultural e filosófica que se amosa a favor da modificación da especie humana de maneira que poida ser optimizada nas calidades que xa dispón e, incluso, con outras distintas ao facer uso dos coñecementos e das tecnoloxías: o transhumanismo.

Neste ensaio de Brais Arribas analízase esa corrente cultural e filosófica, un movemento que, malia contar con precursores na primeira metade do século XX, xorde con forza nas súas últimas décadas, dispondo hoxe dun amplo elenco de figuras no pensamento, na ciencia e na filosofía, que difunden con rigor e eficacia a súa doutrina.

Como outros pro­blemas aos que se dedica a actividade científica, non se pode resolver apelando unicamente á libre decisión desa comunidade na medida en que a suposta modificación da nosa especie traerá consigo repercusións decisivas non só no estritamente biolóxico.

O debate arredor da natureza humana non é o único que se abre coa eclosión das ideas transhumanistas. Existen outras disputas que reforzan o seu antagonismo coas posicións bioconservadoras. Nese contexto de reno­vada confianza nas posibilidades transformativas e optimizadoras das ciencias aplicadas é no que nos sitúa Brais Arribas neste libro que sitúa a quen le na tesitura de adoptar unha posición.

Actualmente, a tecnociencia é máis subversiva que a política e que o campo cultural: é o verdadeiro motor da “revolución permanente” e sen dúbida hao ser cada vez máis.

Gilles Lipovetsky, “La Société de déception

Consiga o seu exemplar:

Compra con tarxeta

Subscritores e estranxeiro
(gastos de envío gratuítos para quen estea subscrito ou se subscriba á Carta de Información)

Nas librerías

Lectura de preto de “Unha arte”, de Elizabeth Bishop

A sección de libros do xornal The New York Times ofrece unha engaioladora lectura de preto (“close reading”) dun dos máis celebrados poemas da literatura norteamericana, o titulado “One Art”, escrito por Elizabeth Bishop en 1976.

Achegamos a ligazón ao artigo do xornal coa recomendación aos nosos lectores de que non deixen de visitar esta páxina:

Lectura de “One Art”

Mariña con lancha, por Theo van Doesburg

Celebramos que un xornal lle dedique á poesía un traballo tan delicado e atento, realizado por Dwight Garner e Parul Sehgal. Cunha presentación gráfica esquisita e unha admiración pola obra da poeta que se percibe decontado. Desde euseino.org enviámoslles o noso agradecemento e os nosos parabéns por esta mostra senlleira de bo facer.

Publicamos aquí a tradución galega feita por Carlos Lema respectando a rima e a organización estrófica do poema orixinal, que é unha variación da villanelle tradicional de dezanove versos compostos por cinco estrofas de tres e unha final de catro. Con dous ritornelli e dúas rimas perpetuas no primeiro e terceiro verso de cada estrofa.

Como escriben os autores do artigo, hai algo máxico nas villanelles pois non é posible facelas soar coma unha conversa calquera, as repeticións que conteñen semellan posuír unha calidade que engaiola. Coma o poema de Elizabeth Bishop.

“Unha arte”
por Elizabeth Bishop

Tradución de Carlos Lema

A arte de perder non é ardua se hai mester;
Tantas cousas seica se logran co intento
de as perder que a súa perda non se fai valer.

Perde algo cada día. Acepta ese ofrecer.
Perde as chaves, ou esa hora, ¡que contento!
A arte de perder non é ardua se hai mester.

Así que practica máis e mellor esquecer:
lugares, e nomes, a onde o alento
te deu levado. Nada hai que perder.

Perdín o reló materno. E, ¡vaites!, o postrer,
ou case, dos tres meus lares levouno o vento.
A arte de perder non é ardua se hai mester.

Perdín dúas cidades senlleiras. E, de abranguer
imposibles, perdín os eidos, dous ríos, un portento.
Perdino todo mais iso non é perder.

… Mesmo se te perdo a ti (graza e querer,
¡tes xeito!), non hei mentir. Nin invento.
A arte de perder non é ardua se hai mester
inda que (¡Escríbeo!) un desastre poida parecer.

“Ao abeiro da aurora boreal “, por Beatriz Fraga

Mostra da obra de Din Matamoro no Museo de Arte Contemporánea de Vigo

O día 4 de xuño inaugurouse unha mostra do pintor Din Matamoro no Museo de Arte Contemporánea de Vigo. Baixo o título de “A mirada acesa”, o coautor de Mondas achéganos unha escolla das obras que realizou durante os últimos anos.

Como sinalan Miguel Fernández-Cid e Pilar Souto Soto, encargados da exposición, Din Matamoro “sabe sempre que a luz está no interior do cadro e remata por se amosar”. Neste artigo, Beatriz Fraga retoma a advocación feita por Saint-Exupéry para, a través da luz e os seus efectos, retornar ás cores da infancia, sempre asociadas ás sensacións que acaban por formar o gusto.

Un aspecto da exposición de Din Matamoro no Museo de Arte Contemporánea de Vigo.

Ao abeiro da aurora boreal

Un dos grandes exploradores da historia, Piteas emprendeu no ano 320 a. C. unha viaxe cara ao norte chegando a Thule. O famoso astrónomo, xeógrafo e navegante grego navegou cara ao Atlántico e, tras atravesar as columnas de Hércules, dirixiuse ao norte ao longo da costa de Iberia, continuou cara á Céltica e de alí ata Cabaeum (Bretaña) e Bretanice (Gran Bretaña) navegando aínda máis ao norte ata chegar a Thule.

Estrabón di que o explorador atopou, a un día de Thule, un mar conxelado onde se unían a terra, o mar e o aire. Piteas foi o primeiro que descubriu o sol de medianoite, a aurora boreal e as placas de xeo flotante árticas.

Nese lugar onde descansa o sol, na neve e no xeo do Ártico tamén se teñen ilusións ópticas de luz e cor: halos que poden rodear a lúa ou o Sol (parhelios ou “cans de sol”) e zonas de neve vermella na Groenlandia, efecto de algas microscópicas que a certas temperaturas brillan e tinguen o branco de cor vermella.

Ás veces, o mesmo que o Ártico engana o viaxeiro, na pintura de Din Matamoro un branco transfórmase noutras cores a través das delicadas e sutís veladuras imperceptibles da súa obra.

Ese branco tínguese polo “revontulet” —unión das palabras tulet, lume, e revo, raposo— lapón. Conta a lenda que un raposo ártico corría polos terreos ermos de Finlandia e o rabo chocaba contra a neve, desa colisión saltaban chispas que se erguían cara o ceo formando a aurora boreal. Esas son as mesmas faíscas que iluminan a pintura de Din Matamoro cunha explosión de cores sutís que nos recordan un sol próximo ao solsticio de verán, un día polar ártico con luz as vintecatro horas.

A ausencia de cartelas na exposición que se acaba de inaugurar no MARCO fai que nos centremos nas sensacións que nos producen os cadros. Non hai título, nin data, nin tempo, só hai luz, a luz dos cadros que estamos a contemplar.

Os que si están son os libros que Din Matamoro converte en doces milfollas de múltiples sabores; os embelecedores das chaves da luz que agachan unha historia imaxinada, cun pulsador que xa non é tal porque agora é un marco que envolve un debuxo; e a ventá dun sobre que, en lugar dunha carta, é unha casa na que vive alguén…

Parafraseando a dedicatoria de Antoine de Saint-Exupéry ao seu amigo Léon Werth en “O Principiño” —“Todas as persoas maiores foron nenos antes. (Pero poucas se lembran.)”—, podemos así volver a recordar un doce de nube rosa de algodón de azucre mercado nas festas do San Xoán, un gorentoso chicle de amorodo que ao mordelo estoupa na boca, o acedo sabor do limón interior do que está recheo, a lembranza de lamber un delicioso polo de limón, de fresa ou de laranxa, un ceo arrebolado.

Eses son algúns recordos sensoriais que a obra de Din Matamoro fixo prender en min.

Enciclopedia coloreada por Din Matamoro (Museo de Arte Contemporánea de Vigo).