“Do materialismo especulativo”: entrevista con Quentin Meillassoux

No ano 2006, o filósofo Quentin Meillassoux publicaba Après la finitude. Essai sur la necessité de la contingence (“Despois da finitude. Ensaio sobre a necesidade da continxencia”), un libro que significaría un novo xiro respecto da filosofía predominante durante a segunda metade do século XX. Fronte a esa tradición recente, volve xurdir o interese polo realismo, desta volta baseado nun pensamento materialista novo, denominado materialismo especulativo.

Neste novo número de Anotacións sobre literatura e filosofía (ISSN 2340-8537) publicamos unha entrevista con Quentin Meillassoux, realizada en 2011 para o libro New Materialism: Interviews & Cartographies, de Rick Dolphijn e Iris van der Tuin. Na entrevista, Meilla­ssoux fai unha exposición sintética da súa obra: aínda que o adxectivo «especulativo» podería suxerir un retorno á filosofía precrítica, coa súa crenza dogmática no poder da razón pura, o materialismo especulativo non rexeita as achegas da filosofía crítica, pola contra, abrolla do recoñecemento das limitacións desta. Nese senso, a filosofía de Meillassoux pretende ir alén do xiro crítico e lingüístico realizado polo pensamento do século XX, tendo en conta o innegable progreso que supuxo o seu labor crítico mais recuperando o senso especulativo da filosofía no que esta ten de posibilidade de pensar o absoluto independentemente da posición do ser humano no mundo.

A singularidade da obra de Meillassoux é que pretende conseguir precisamente aquilo que a filosofía moderna nos aprende como imposible desde hai dous séculos: «saír de si-mesmo, apropiarse do en-si, coñecer que é o que somos ou non somos».

Publicación sen periodicidade fixa, en formato PDF, Anotacións sobre literatura e filosofía pódese descargar de balde.

Para descargar gratuitamente a entrevista con Quentin Meillassoux en formato PDF, calque sobre a ligazón seguinte:

Do materialismo especulativo

Cuberta+lombo

Os precursores Pedersen e Frølich

O pase de diapositivas require JavaScript.

Ilustradores nórdicos, 1

Entre os ilustradores máis destacados dos contos de fadas nórdicos atopamos a Vilhem Pedersen e a Lorenz Frølich. Ambos os dous naceron no ano 1820, na cidade de Copenhague e en Hellerup, respectivamente.

Vilhem Pedersen foi o primeiro en debuxar os personaxes dos contos de Andersen. Oficial da mariña, foi recompensado polo rei Christian VIII de Noruega con catro anos de salario completo para mellorar a súa técnica pictórica. Os cento vintecinco debuxos que Pedersen realizou para os contos de Andersen amosáronse ao público na Exposición de Primavera de Charlottenborg en 1847. Estes traballos ilustrarían unha edición alemá dos contos de Andersen publicada en 1849 por Carl B. Lorck. O editor danés C. A. Reitzel, tivo que mercar a Lorck os dereitos para publicar as ilustracións de Pedersen que, desde aquela, en Dinamarca están vencelladas á obra de Andersen do mesmo xeito ca as de John Tenniel o están á de Lewis Carroll.

o soldadiño de chumbo

Lorenz Frølich estudou arte en Copenhague, ampliando os seus estudos en 1840 en Dresde e Munich, trasladándose despois a París, onde perfeccionaría a súa técnica co pintor Thomas Couture. Nomeado membro da Real Académica de Belas Artes de Copenhague, foi coñecido pola serie de debuxos creados en 1883 e titulada “Os deuses nórdicos”. Realizou ademáis encargas decorativas como a da Corte de Apelacións de Flensburg, en Schleswig-Holstein, e pinturas para o teito do castelo dinamarqués de Frederiksborg. En 1871 os seus debuxos ilustran unha edición dos contos de Hans Christian Andersen.

 

Illustration made for the fairy-tale Flyttedagen by Hans Christian Andersen