Teoría do azul

Por Beatriz Fraga

 

Ao longo da historia moitos filósofos, cientificos e artistas trataron de resolver o misterio do azul do ceo e as diferentes tonalidades da bóveda celeste.

Empédocles (484-424 a. C.) postulou a teoría das catro raíces mesturadas entre os distintos entes da Terra. Xuntou a auga de Tales de Mileto, o lume de Heráclito, o aire de Anaxímenes e a terra de Xenófanes relacionando as catro cores básicas: negro, branco, vermello e ocre cos catro elementos: terra, auga, aire e lume. Na cosmoloxía aristotélica estes catro elementos terra, auga, aire e lume forman esferas concéntricas arredor do centro da Terra e a eles engádese o éter.

Pero non debemos esquecer a contribución dos filósofos árabes ao estudo da cor. Ademáis de traducir a Aristóteles, Abu Yousuf Yaqub ibn Ishaq al-Kindi, coñecido en occidente como Alkindus (800-873), foi un dos doce mellores pensadores da Idade Media en palabras de  Girolamo Cardano (1501-1576). Segundo Alkindus o aire que rodea á Terra está debilmente iluminado polas partículas terrestres disoltas nel que se volven avermelladas debido ao calor que recibiron da luz solar e pola reflexión dos raios na Terra. Noutras circunstancias estas luces mestúranse formando unha cor que está entre o escuro da sombra e a luz, esa é a cor azul do ceo.

800px-Ice_Clouds_over_Coniston_Old_Man

Al-Kindi foi o primeiro estudoso que suxiriu que hai algo na mesma atmosfera que reflicte a luz aínda que, ben é certo, non explica na súa totalidade a súa natureza.

Posteriormente, Ibn-al-Haitham (965-1040), coñecido en occidente como Alhazen, foi aínda máis lonxe tratando na súa obra o tema da reflexión e refracción da luz dando por suposto que o aire estaba formado por partículas. Dicía que no aire hai sustancias sólidas como o vapor e o fume e que a luz resplandece sobre elas aparecendo as cores das nubes e algúns outros de acordo cos seus graos en canto a espesor, delgadez e turbidez. As obras de Ibn-al-Haithum reapareceron en Europa pouco despois de que as de Aristóteles se traducisen para o latín no século XII. Roger Bacon (1220-1292) en Opus Maius inspírase, na parte relativa á óptica, na obra de Alhazen.

Galileo Galilei, Descartes e Newton, en Philosophiae naturalis principia mathematica [“Principios matemáticos da filosofía natural”], foron algúns dos pensadores que esbozaron teorías sobre a cor. No século XVIII, Leonhard Euler (1707-1783) nas súas Lettres à une princesse d’Allemagne sur divers sujets de physique et de philosophie [“Cartas sobre diferentes temas de física e filosofía dirixidas a unha princesa alemá”] afirmaba que o ceo non é, como parece, “unha bóveda azul na que están pegadas as estrelas”.

 

O efecto Tyndall

O astrónomo John Herschel (1792-1871), nunha carta dirixida ao físico John Tyndall (1820-1893), manifestaba o seu desconcerto pola dificultade de explicar a cor do ceo e a polarización da luz  “… a causa da polarización da luz é evidentemente, unha reflexión da luz sobre algo. A cuestión é sobre que?”. Herschel  fai notar tamén que “…só cando o ceo é azul a súa pureza é absoluta, a polarización desenvólvese no seu grao máis elevado e, polo tanto, cando hai a máis leve tendencia á formación de nubes, queda materialmente invalidada”.

O efecto Tyndall, estudado polo científico irlandés, é un fenómeno que explica como as partículas coloidais —aquelas partículas sólidas, líquidas ou gasosas que poden ser suspendidas nun medio— son visibles porque reflicten ou refractan a luz. A primeira vista, esas partículas non son visibles. O feito de que poidan dispersar ou absorver a luz de maneira distinta ao medio permite distinguilas se a suspensión é atravesada transversalmente, con respecto ao plano visual do observador, por un feixe intenso de luz.

O efecto Tyndall permite explicar por que o ceo é azul. A luz procedente do sol é branca mais, ao entrar na atmosfera terrestre, choca coas moléculas dos gases que a compoñen e coas partículas en suspensión sufrindo desviacións. A desviación que sofre por efecto do choque coas moléculas de osíxeno e nitróxeno é diferente para cada color. A maior lonxitude de onda, menor é a desviación, sendo o violeta e o azul as cores que máis se desvían. Como o vermello ten maior lonxitude de onda, cando o sol está preto do horizonte, a luz azul xa se dispersou e o único que nos chega é a cor vermella. Por iso os atardeceres e os amenceres son da cor do arrebolo.

cianómetro

Cianómetro de Saussure

Os cincuenta e dous tons de azul

O cianómetro foi un invento atribuído ao naturalista, físico e xeólogo suízo Horace-Bénédict de Saussure (1740-1799) e ao xeógrafo, naturalista e explorador prusiano Alexander von Humboldt (1799-1859). O cianómetro é un círculo de cartolina cunha escala graduada de azuis que permite estimar a intensidade da cor azul do ceo. Desconcertado pola cor do ceo e polos seus matices Saussure tinguiu cadrados pequenos de cartolina numerados en tons degradados de azuis (azul de Prusia) que ían desde o branco ata o negro.

Von Humboldt empregou o cianómetro nas súas viaxes por América. As súas observacións e as de Saussure axudaron a comprender que a intensidade do ceo é unha medida de transparencia causada pola cantidade de vapor de auga na atmósfera.

 

Os ceos “pintados” con palabras

John Ruskin, na súa primeira obra  Modern Painters (5 volumes) incluíu un capítulo, titulado “Do ceo aberto”, no que se di sobre o ceo:

“…é, por suposto, a cor do aire atmosférico puro, non do vapor acuoso, senón do nitróxeno e do osíxeno puros e esta é a cor da masa total dese aire que está entre nós e o valeiro do espazo. Vese alterado pola diversa cantidade de vapor acuoso suspendido nel, cuxa cor, no seu estado de solución máis imperfecto e polo tanto máis visible é o branco puro (como no vapor) que recibe, igual ca calquera outro branco, os cálidos matices dos raios de sol”.

O libro culmina cunha apoloxía da obra de Turner:

“Cando [… ] collemos un ceo como o que Turner colleu en Ruán visto desde o outeiro de Santa Caterina, no libro Rivers of France, e atopamos, en primeiro lugar, que nos deu unha distancia sobre os outeiros no horizonte, distancia na que estamos cansos de penetrar, polo que debemos dar volta e regresar xa que non hai a máis remota posibilidade de que cheguemos ao final; e, cando vemos que a partir desa distancia inconmensurable ata o cénit, o ceo enteiro é un océano onde alternan vagas de luz e de nubes, tan unidas que o ollo non pode descansar en ningunha delas sen descansar na seguinte, e así ata recoñecer un cento que se perde unha e outra vez nunha espiral…”

Encontro de pensadores novos

Os días 6, 7 e 8 de xullo celébrase en Santiago de Compostela o I Encontro Galego de Novos Pensadores, organizado polo Proxecto Derriba. O marco teórico establecido para os relatorios e mesas redondas que se han expoñer durante estas tres xeiras defínese na “Xustificación” publicada a canda o programa, onde se indica o seguinte:

“Partindo da situación da filosofía desenvolverase unha reflexión máis xeral sobre que significa e como funcionan os grupos culturais e lingüísticos minoritarios na súa interacción coas correntes e linguas predominantes. Trátase pensar que tácticas de resistencia cultural poden poñer en marcha aqueles para resistir a unha situación de colonización cultural e loitar por unha interacción máis xusta coas correntes e grupos hexemónicos sen abandonar aquelas características que os definen como formas de vida orixinais e peculiares.

En definitiva, trátase de partir do exemplo da problemática que acompaña aos intentos de facer pensamento filosófico en Galicia para ir máis alá. As cuestións que se porán sobre a mesa deben iniciar un debate que partindo da discusión técnica acerca da filosofía como ámbito do saber específico […].”

Díptico-The_Woods_that_Hears_and_Sees_Bosch

Hieronymus Bosch, “A fraga que escoita e o campo que ve” (anverso e reverso), ca. 1470-1516. Inscrición superior: “miserimi quippe est ingenii semper uti inventis et numquam inveniendis”.

Tres autores do catálogo de Euseino? van intervir con cadanseu relatorio. O luns, día 6, Abraham Rubín ha ler unha conferencia sobre “Común vs. Comunidade. O diferendo entre a potencia e o poder”; na tarde dese mesmo día, Beatriz Blanco moderará, entre outras actividades, un debate arredor da “Subalternidade” e o obradoiro sobre “Outra(s) (da) Filosofía: matriarcados imaxinarios e patri-arquivos de facto?”.

Pola súa banda, o martes, día 7, Miguel Penas vai disertar sobre “Filosofías do proceso: cartografía dunha liña menor do pensamento contemporáneo”. Nese mesmo día, á tarde, Roberto Abuín, de Axóuxere Editora, ha falar arredor de “A edición como potenciación do pensamento”.

Coincidindo con este encontro de pensadores, o xornal dixital Praza pública publica unha noticia titulada “A filosofía a debate” e un artigo de Carlos Lema no que, baixo o título “¿Que é a filosofía? (Sobre a resistencia)”, se propón un debate crítico sobre a filosofía centrada exclusivamente en pensar a realidade en función da relación humano-mundo para, en concreto, abandonar o que denomina “resistencia correlacional”, concepción situada na resistencia permanente dunha filosofía negativa, ou construtivista.