Suso de Toro comenta “Ninguén queda”

Glosamos a súa lectura da obra de Brais Lamela

Na súa páxina de Facebook, Suso De Toro Autor Literario, os días 9, 16 e 17 de xullo, o escritor Suso de Toro comenta por extenso as súas impresións como lector de Ninguén queda, de Brais Lamela. Extractamos aquí algunhas pasaxes que nos pareceron especialmente interesantes e dialogamos filosoficamente coa interpretación que fai o escritor.


“Empezo a ler Ninguén queda de Brais Lamela (Euseino? Editores). É literatura. Non é ficción. Que cousa é pois? É literatura. Desa literatura que gusto de ler e que eu pensaba que era por causa dos anos e da fatiga de ter lido e mais escrito ficción tantos anos.”

O autor de Land Rover escribe sobre a existencia dunha literatura que, “no canto de imaxinar, quere levantar acta da existencia de quen escribe”. E pregúntase Suso de Toro pola razón de que un autor tan novo coma Brais Lamela teña necesidade de escribir unha obra na que a fantasía e as “historias imaxinadas” acaben substituídas por outro tipo de relato propio dun tempo no que a xente “gusta de lerse a si propia, ler as súas propias vidas“. ¿Pode ser narcisismo? Non, é ” Literatura, sen dúbida”, contesta.

O comentario continúa contrapoñendo ese “narrar experiencias de desarraigo en lugares aparentemente tan diversos como Negueira de Muñiz, a Terra Cha e New York” coa súa propia certeza de que “non quero vivir lonxe. ‘Lonxe’, de onde? Do meu centro, de ‘onde eu son’. […] Non marchar“. Suso de Toro acaba describindo Nova York coma “ese lugar/non lugar/ idea habitada como o lugar da súa vida [a do narrador de Ninguén queda]”.

No segundo dos tres comentarios que publica consonte vai lendo a obra de Brais Lamela, o autor de Tic-tac confesa que Ninguén queda “pide lectura lenta e atenta”, que a “historia vai mostrando os seus temas” e que iso demostra algo importante, algo salientable: “o autor tiña unha cousa para contar”.

Isto é destacable porque, para Suso de Toro, escribir é “unha maneira de estar no mundo; mundo que é a vida”. No caso de Brais Lamela, a historia que ten que contar é:

“unha historia que lle importaba. Tanto lle importaba que tiña unha relación directa coa súa vida. Ou, simplemente, tratábase da súa vida. E contala é un dos modos, ou o modo, de facela súa. Hai quen precisa contar a súa vida para ter unha vida.”

Seguramente, esta argumentación arredor do “mundo da vida” (a Lebenswelt da fenomenoloxía) é o que leva a Suso de Toro a afirmar que Ninguén queda

“É un libro intelectual, moito, mais tamén está cheo de patetismo e hai un gran centro poético, que se cobre pudorosamente con reflexións intelectuais. Un modo de evitar achegarse directamente ao lugar onde se quere ir e ao que tamén se teme chegar. O lugar da ferida.”

Está claro que, sen unha finalidade intencional, o escritor vello descobre no escritor novo a tripartición que facía Edmund Husserl da Lebenswelt, do “mundo da vida”, en Umwelt (mundo ambiente), que sería a Nova York de Lamela, Mitwelt (mundo intersubxectivo), que sería a mesma Literatura como lugar compartido polo vello e o novo escritor, no que o primeiro recoñece ao segundo como escritor literario, e Selbswelt (mundo de si), que sería “ese lugar/non lugar/ idea habitada como o lugar da súa vida” para o autor de Ninguén queda e tamén ese “centro, de ‘onde eu son’ ” do que o autor de Sete palabras afirma que se nega a marchar. Por iso, De Toro describe o libro de Lamela como “un gran centro poético, que se cobre pudorosamente con reflexións intelectuais”.

Finalmente, o terceiro dos comentarios sobre Ninguén queda xorde despois da conclusión da súa lectura.

Suso de Toro reafírmase en que se trata dun libro que sen dúbida “ten un carácter moi persoal e autobiográfico”, e en que ten, tamén, “un aspecto xeracional, dunha xeración universitaria que experimentou e experimenta na súa carne un vivir internacionalizado“, experiencia na que detecta “un aquel amargo” que o escritor vello cre orixinado por unha “vida newyorkina fatigosa” e “sen un Norte aparente, como se fose un espello suxo no que se reflectise ese gran tópico cosmopolita. Ou o espello está limpo?”. Ten a impresión de que Brais Lamela non puido “baixar até o lugar que é centro da historia por un motivo sen solución, o lugar está asulagado, cuberto pola profundidade escura dun encoro”.

O remate deste terceiro comentario é tallante no que se refire ao valor da obra e, así mesmo, no que se refire á diferenza xeracional, que para Suso de Toro ten un carácter “local”, de lugar. Ter ou non ter un lugar no mundo, no mundo da vida.

Neste punto cómpre volver a Husserl, quen distingue entre dúas versións diferentes do que el denomina epokhé (poñer entre parénteses, ou en suspenso, o que presupoñemos do mundo), dúas versións que non están tan afastadas unha da outra como cabería agardar. Unha, a epokhé universal” e, outra, máis feble, non tan contundente, a epokhé local”. A primeira require poñer entre parénteses todas as presuposicións do suxeito respecto do mundo exterior, mentres que a versión máis feble, ou “local”, soamente require poñer entre parénteses as presuposicións propias da existencia particular do suxeito.

Obviamente, o narrador de Ninguén queda pon en suspenso, entre parénteses, o que se presupón como realidade. Trátase esta dunha característica propia do modernismo narrativo anglosaxón iniciado por Henry James e que James Joyce leva ao extremo máximo no Finnegans Wake. A realidade, segundo eles, non se pode contar, só se pode amosar como un efecto, como resultado de poñela en cuestión; a realidade só é subxectiva e, polo tanto, relativa, non algo obxectivo, claro e distinto.

Esa suspensión da realidade, coidamos que é o que Suso de Toro ve en Ninguén queda. Así e todo, o vello novelista apenas repara na figura de dous personaxes que fan fracasar a visión relativista e correlacionista (só existe o mundo como algo pensado polo ser humano) do narrador, visión que con tanta habelencia manexa Brais Lamela na súa obra. A de Leonita e a do pai do propio narrador, personaxes que teñen unha función esencial na segunda parte do libro, a de aceptar a continxencia do mundo como único xeito de saír da clausura do pensamento en si mesmo. Logo toda representación, e a literatura éo, asume unha impotencia que é o límite do mesmo pacto que lle permite existir.

O que parecen albiscar os personaxes de Leonita e do pai do narrador é que o mundo en-si subsistiría á abolición de toda relación-co-mundo, que o mundo subsiste malia a desaparición de quen o pensa, ou de quen o escribe. De aí que Suso de Toro bote man da idea de “lugar” como a daquilo que subsistiría á desaparición de quen o habita. Isto coa condición de que o novelista non conciba ese lugar como un lugar na Historia ou como unha esencia, como unha nación, senón como un lugar no mundo da vida, como a ancoraxe ou protección que a representación —e con ela a literatura— dá á posibilidade humana de existir.

¿Pódense ler os comentarios de Suso de Toro verbo de Ninguén queda como unha confirmación do que a fenomenoloxía estableceu como principio para pensar o mundo? ¿Existe unha relación entre a Literatura e a intersubxectividade ou recoñecemento da existencia de diversas consciencias todas elas co mesmo rango ontolóxico?

A pertinencia destas preguntas explícase se temos en conta que da fenomenoloxía e da idea de epokhé xorde gran parte da filosofía do século XX, na que se pon entre paréntese toda a herdanza kantiana e de onde xorde tamén o nihilismo tardomoderno. Martin Heidegger, que marcou toda a filosofía posterior a el, foi o discípulo máis importante de Edmund Husserl.

Para Suso de Toro, Ninguén queda representa, daquela, “estoutras vidas modernas. Vidas de persoas que non teñen lugar ao que pertencer, mais tampouco son exiliadas.” Persoas sen lugar, ese “lugar” que segundo o escritor é fundamental para a “construción da identidade persoal”. E conclúe:

“Este é un libro importante e que merece permanecer porque, como dixen, o autor tiña unha cousa para contar. E contouna. Non é unha ficción dun narrador, é un relato poético moi contemporáneo.

Unha narración tan nosa e tan universal como a vida.

No tempo dixital reclamar un lugar para vivir será a bandeira contra o nihilismo e a desesperanza.

Un lugar que amemos, un lugar que nos alimente e que coidar. Un lugar que nos teña. Chámenme pailán, os renegados.”

“Ninguén queda” recibe o Premio da Crítica

A obra de Brais Lamela chega á 7ª edición

O Premio da Crítica, a proposta da Asociación Galega da Crítica, outorgouse a Ninguén queda, a obra de Brais Lamela publicada por Euseino? na colección Rúa do Lagarto, que dirixe Berta Dávila.

A Asociación Española de Críticos Literarios organiza este premio nos catro idiomas oficiais do Estado español para obras de poesía e narrativa. O xurado destacou en Ninguén queda a “hibridación discursiva derivada dunha aparencia de provisionalidade […] que esperta inmediatamente a empatía do público lector”. Do mesmo xeito, salientou a capacidade da obra de Brais Lamela para “facernos preguntas existenciais así como a orixinalidade do punto de vista con que trata a vida rural en Galicia, moi afastada dos tópicos habituais”.

Simultaneamente, a sétima edición de Ninguén queda xa está dispoñible nas librerías e en euseino.org.

A Asociación Galega da Crítica, que fai un labor sobranceiro na difusión da literatura no noso idioma, confirma e engádese á excelente recepción da obra de Brais Lamela nos medios de comunicación, acompañada tamén pola boa e fundamental acollida das persoas lectoras. Diferentes xeitos de amosar a satisfacción lectora e o entusiasmo de quen le Ninguén queda están reflectidos nas fotos e opinións recollidas nas redes sociais.

Este apoio das persoas lectoras, da crítica e dos medios de comunicación coidamos ten unha relevancia senlleira, tanto por se tratar dunha opera prima coma polo tipo de colección e literatura á que está dedicada (col. Rúa do Lagarto). Tamén polo que significa de esteo para o proxecto de Euseino? Social: un lugar para as persoas que escriben e len. Para a literatura e a cultura concibidas desde a independencia e cunha finalidade non lucrativa.

Acceda ás críticas publicadas sobre Ninguén queda na ligazón A opinión da crítica.


“Ninguén queda” chega á 4ª edición

A obra de Brais Lamela, recomendada pola crítica e as librerías. Acollida polas persoas lectoras.

A obra coa que Brais Lamela iniciou a nova xeira de colección Rúa do Lagarto, dirixida por Berta Dávila, chega á súa cuarta tiraxe, que sae esta semana dos prelos da Cooperativa Sacauntos.

Recollemos neste artigo un resumo das críticas e entrevistas publicadas. Desde blogues coma o prestixioso Ferradura en Tránsito II, de Xosé M. Eyré, a artigos de opinión coma o de David Rodríguez en Nós Diario, entrevistas e reportaxes na prensa, entre elas en Fugas, da Voz de Galicia, por Carme D. Prol e no Diario Cultural da Radio Galega.

Na reportaxe na que Ana Abelenda incluía Ninguén queda entre os sucesos deste verán, salientábase a opinión das librerías, coma Numax, de Santiago, e Trama, de Lugo. Ademais, as librerías colaboradoras de Euseino? e moitas outras de vilas e cidades están a axudar á difusión do libro. Tamén a profesora Dolores Vilavedra sumábase a esta boa acollida desde a súa crítica no Diario Cultural da RG.

A excelente recepción dos medios de comunicación vese acompañada pola boa e importante acollida das persoas lectoras que, nomeadamente a través das redes sociais, expresan o seu apoio a esta primeira obra de Brais Lamela. Diferentes xeitos de amosar a satisfacción lectora e mesmo o entusiasmo de quen le Ninguén queda están reflectidos nas fotos e opinións recollidas en EuseinoEditores, nas historias e fotos de euseinosocial e euseino.

Este apoio das persoas lectoras, da crítica e dos medios de comunicación coidamos ten unha relevancia senlleira, tanto por se tratar da opera prima dun autor coma polo tipo de colección e a literatura á que está dedicada. Tamén polo que significa de esteo para o proxecto de Euseino? Social: un lugar para as persoas que escriben e len. Para a literatura e a cultura concibidas desde a independencia e cunha vontade non lucrativa.


crítica de NINGUÉN QUEDA, de Brais Lamela, na nova colección Rúa do Lagarto, de Euseino?, por Xosé Manuel Eyré, en Ferradura en Tránsito II, 28 de xullo de 2022.

“… a literatura se non é multiformal…entón si que temos que preocuparnos… é positiva a reflexión a que se nos convida. Sería unha parvada establecer ou requirir cotas de ficción na narrativa, a narrativa non só é ficción.”


Brais Lamela: «Vivir nun lugar propio pode ser un acto de vangarda, por Carme D. Prol, Fugas, La Voz de Galicia, 29 de agosto de 2022.

“A última sorpresa da literatura galega é unha historia entre dúas realidades, a obra dun autor novel que xoga co ensaio e a ficción.”


Crónicas do desarraigo, por David Rodríguez, Nós Diario, 19-VIII-2022.


“Os 15 grandes sucesos literarios do verán en Galicia”, por Ana Abelenda, Fugas, La Voz de Galicia, 12-VIII-2022.


Brais Lamela, autor de ‘Ninguén queda’: “O que queda non é politicamente neutro, pódese activar”, Diario Cultural, Radio Galega, 8 de agosto de 2022.


Colonos que se desorientan na noite, por Jaureguizar, Galiciaé, grupo El Progreso, 9-VIII-2022.


‘Ninguén queda’, a primeira novela de Brais Lamela, por Dolores Vilavedra, Diario Cultural, Radio Galega, 20 de setembro de 2022.

“Unha narración orixinal e mestiza, tecida cos vimbios da memoria, da (auto)ficción e do ensaio, na que resoan as voces asulagadas polas enxurradas da Historia.”