“Enxeñería do mundo, artesanía da mente”, unha conversa entre Fabio Gironi e Reza Negarestani

Número duplo de Anotacións sobre literatura e filosofía

No número duplo 27-28 de Anotacións publícase unha conversa entre os filósofos Fabio Gironi e Reza Negarestani. Centrada na obra deste último pensador iraniano, que reside dede hai anos no Reino Unido,  “Enxeñería do mundo, artesanía da mente” é unha extensa entrevista traducida para o galego por Santiago López.

Na conversa, Fabio Gironi percorre os eixos biográfico e bibliográfico de Negarestani, comezando pola súa formación e a súa vida no Irán, continuando coa marcha ao Reino Unido deste pioneiro do xénero da teoría-ficción e impulsor da corrente de pensamento do inhumanismo racional.

Negarestani afirma que o inhumanismo define o humano sen necesidade de recorrer a unha esencia, unicamente en termos da súa capacidade para entrar no espazo das razóns —cognicións teóricas e prácticas—. Na súa obra, o filósofo iraniano explora a posibilidade de que o razoamento se poida desvencellar das limitacións biolóxicas e se poida reinventar en formas diferentes fornecidas polos sistemas de procesamento da información e polos procesos computacionais descubertos.

Gironi comeza a entrevista cun repaso á traxectoria de Negarestani antes e despois da publicación da obra que o daría a coñecer en 2008, a Cyclonopedia, unha novela de ficción-teorética que sería seleccionada pola revista Artforum de arte contemporánea como un dos mellores libros do ano.

En Anotacións nº 27-28, con gran capacidade, Gironi analiza, ao fío da conversa, o pensamento do autor da Cyclonopedia sobre a educación, a política e as correntes de pensamento actuais ata chegar ao seu libro Intelligence and Spirit, unha amálgama sen precedentes dos programas da Intelixencia Artificial Xeral co idealismo alemán.

Durante a entrevista, Negarestani explica deste xeito a súa postura política:

“Abofé que creo na loita de clases que postula a esquerda mais iso non é en realidade unha postura política senón unicamente unha toma de consciencia da realidade socioeconómica. Creo firmemente na tese de Marx e Engels que di que o comunismo ‘non é un estado de cousas que debe de ser alcanzado nin un ideal ao que a realidade ten que axustarse. O comunismo é o movemento verdadeiro para abolir o estado de cousas actual. Os requisitos dese movemento proveñen de premisas xa existentes.’ Iso é o que eu chamaría —de novo seguindo a Mark Fisher— a posibilidade de actualizar aquilo que é posible mais que dende a nosa perspectiva, aquí e agora, semella imposible.”

Matizando esta afirmación do xeito seguinte:

“Mais, outra volta, iso non se pode considerar unha postura política manifesta. Trátase meramente dunha tese filosófica sobre a posibilidade dun mundo diferente e da variedade de accións políticas coas que podemos actualizalo.”

A lectura desta entrevista convértese non soamente nun recoñecemento admirativo da capacidade de Negarestani para reinterpretar a realidade senón tamén nun sorprendente percorrido polo pensamento e a súa relación coa escritura:

“ser un grande escritor non é por si mesmo un sinal de aguda perspectiva ou de profundidade. Ben puidese ser un indicio de alguén que quere pensar mais está afectado por incesantes tics poéticos que son puramente automáticos e non-cognitivos. En contraposición […] [outros] autores pódenlle parecer aburridos ao lector, incluso intolerablemente pedantes. Mais, unha vez que neutralizas os teus prexuízos adquiridos, podes ver que son moito máis fascinantes, subversivos e rebeldes ca aqueles que se gaban de igualitarismo filosófico e de grandes miras de pensamento, sempre coa escusa de estaren batallando contra a ortodoxia, compracidos co seu conformismo, conservadorismo e galbana intelectual.”

Publicación sen periodicidade fixa, en formato PDF, a Anotacións sobre literatura e filosofía pódese acceder de balde.

Para descargar gratuitamente a conversa entre Fabio Gironi e Reza Negarestani en formato PDF, calque sobre a ligazón seguinte:

“Enxeñería do mundo, artesanía da mente”

Cuberta+lombo

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

Publícase “En procura da realidade”, de Brais Arribas

Novo número de Anotacións sobre literatura e filosofía

No número 26 de Anotacións publícase “En procura da realidade”, un artigo de Brais Arribas no que se formula as seguintes preguntas: ¿de que está formado o real? ¿Que hai no mundo? ¿De que falamos cando nos referimos ao existente?

Para responder a estas cuestións, o filósofo galego bota man da obra de Graham Harman, que responde dun xeito directo: de cousas e as súas propiedades, de entidades e as súas peculiaridades. A súa orixinalidade é poñer de relevo que a relación ser humano-mundo non ten privilexio sobre outros tipos de relacións.

No ensaio, Arribas leva a cabo, primeiro, un nidio e atinado achegamento á obra de Harman, autor de quen publicamos “Da causación vicaria” en Anotacións nº 9. Segundo, o filósofo galego salienta as peculiaridades da Ontoloxía Orientada aos Obxectos (OOO) fundada polo propio Harman, sinalando as diferenzas con outras concepcións e deténdose na influencia da fenomenoloxía e na singular lectura de Heidegger que realiza Graham Harman, especialmente nas súas primeiras obras Tool Being (2002) e ­Guerrilla Metaphysics (2005).

No artigo descríbese a elaboración teórica da OOO, como unha

“das máis arriscadas e suxestivas do panorama contemporáneo, ao considerar que a retirada dos obxectos non acontece só na esfera humana senón que afecta a toda a interacción que manteñan os obxectos entre si. A esencia das cousas non é só inalcanzable para o ser humano senón que as relacións que manteñen os obxectos tamén os deforman, impedindo que uns poidan achegarse completamente aos outros […]. A pedra que atravesa o cristal rómpeo, non obstante, iso non significa que interactúe dun modo completo con todas as súas calidades, xa que esa relación é parcial e limitada.”

Seguindo ese camiño para analizar o pensamento filosófico de Harman, Brais Arribas consegue situar os lectores perante unha visión ampla e pormenorizada dunha das obras fundamentais do realismo especulativo e da filosofía actual.

Publicación sen periodicidade fixa, en formato PDF, a Anotacións sobre literatura e filosofía pódese acceder de balde.

Para descargar gratuitamente o artigo de Brais Arribas en formato PDF, calque sobre a ligazón seguinte:

“En procura da realidade”

 

 

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

Publícase “O presente especioso”, de Mario Losada

Novo número de Anotacións sobre literatura e filosofía

No número 25 de Anotacións publicamos “O presente especioso”, un artigo de Mario Losada no que se leva a cabo unha aproximación á obra de William James, o filósofo irmán do novelista Henry James. A percepción do tempo é unha das cuestións principais da existencia dos seres humanos e concentrou gran parte da atención e dos esforzos dos pensadores desde os inicios da filosofía. Neste artigo, Losada achéganos á idea do presente especioso, ou “presente enganoso”, e á relación entre tempo, consciencia e representación.

Mediante unha penetrante análise da experiencia do tempo descrita por William James nun dos capítulos dos seus Principles of Psicology, o artigo parte da distinción entre presente da consciencia e presente puntual do tempo abstracto. Segundo Losada, James confrontou ambos os presentes sobre a base dunha caracterización do ­presente da consciencia como “presente especioso”. ­

“Segundo a primeira, dominada pola imaxe da secuencia de obxectos, o presente da consciencia estaría constituído por ‘bloques de duración’ nos que se asenta a continuidade do fluxo de consciencia. Na segunda, ilustrada na imaxe da liña, afirma que eses “bloques” fenoménicos teñen lugar en momentos instantáneos do ‘fluxo temporal real’. Segundo esta última imaxe, a duración presente da consciencia sería relativa a un modo de representación das relacións temporais do propio fluxo, representación que sería ela mesma instantánea.”

No artigo analízase a tensión entre estas dúas interpretacións e arguméntase que cada unha delas está vinculada a unha perspectiva sobre o presente especioso. Cando James se limita á descrición do efectivamente dado na consciencia, favorécese a idea de que o fluxo de consciencia se compón de bloques de duración. Cando o integra no marco máis amplo dos vínculos causais e da función representativa da percepción, gaña peso a inscrición do presente fenoménico en instantes sen duración.

A expresión “presente especioso” ou “presente enganoso” designa o presente psicolóxico ou fenoménico do fluxo de consciencia. O adxectivo “especioso” fai fincapé no feito de que o que se dá como presente na percepción do mundo externo non é o que parece. Os eventos e obxectos externos son percibidos coma se fosen simultáneos entre si e á experiencia perceptiva. O “engano” do presente especioso ten que ver co desfasamento temporal que hai entre o momento da emisión dun sinal e a produción da súa percepción consciente.

O artigo de Mario Losada, despois dunha descrición fenomenolóxica do presente especioso, céntrase nese tipo de presente como modo de representación. É importante salientar que toda a análise realizada por Losada ten unha conclusión implícita, a de amosar como a representación do tempo exerce unha mediación entre consciencia e mundo, ata o punto de situar esa correlación na orixe da ambigüidade do tempo como dimensión vencellada á experiencia. Dese xeito, ábrese a posibilidade de pensar no tempo como algo alleo á consciencia e máis propio da materia.  Desde este número de Anotacións sobre literatura e filosofía se cadra xa se pode albiscar ese tempo do ancestral, o tempo da materia, no que a consciencia humana está inmersa mais que esa consciencia, na súa relación co mundo, aínda non é quen de apreixar.

Publicación sen periodicidade fixa, en formato PDF, a Anotacións sobre literatura e filosofía pódese acceder de balde.

Para descargar gratuitamente o artigo de Mario Losada en formato PDF, calque sobre a ligazón seguinte:

“O presente especioso”

 

 

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave