“Dixen sen máis (1)”, por Hélène Cixous

A Carta Postal

Pódense ler estes envois como o prefacio dun libro que endexamais escribín. […]
Xogamos a carta postal contra a literatura, a inadmisible literatura.
—Jacques Derrida—


Tarxeta postal (1900-1905), por Alfons Mucha

Iniciamos unha sección nova encabezada cunha cita de Jacques Derrida e cun título idéntico ao dunha das súas obras. Pódese dicir que se trata dunha homaxe á obra tan admirada por nós deste insigne filósofo, tamén literato, extraordinario lector e escritor. A palabra que marca esa cita é envoi (“envío”), ten varios significados que podemos resumir en dous conceptos contrapostos, ou non, principio e final. As cartas poden iniciar algo, pódeno rematar. As que imos incluír nesta sección non teñen final. Partimos da idea de que toda correspondencia é de todo o mundo para todo o mundo, é mundana, comeza e remata aí, na súa propia literalidade non no suxeito que a escribe nin naquela persoa á que vai destinada. Pódea ler calquera, está fóra de si, no mundo.

Non se trata, entón, de publicar correspondencias entre varias persoas nin tan sequera unha serie de cartas máis ou menos ordenadas. A Carta Postal envíase cun outro fin: deixar constancia dun momento, dunha fulguración, de algo inacabado, tamén daquilo que continuación non pode ter. A sección podería incluír desde unha carta illada a varias cartas de varios remitentes vencelladas ou non por un algo manifesto ou non tan á vista, menos ostensible e, evidentemente, máis mundano, non transcendente.


En 1983, a profesora, filósofa e escritora Hélène Cixous botou a andar un seminario de literatura e pensamento ao abeiro do recentemente inaugurado Collège International de Philosophie, concibido polos seus impulsores (François Châtelet, Jacques Derrida, Jean-Pierre Faye e Dominique Lecourt) como un centro de investigación segundo o modelo das universidades abertas, supoñía unha prolongación da súa experiencia docente no Centre Universitaire de Vincennes.

Case catro décadas máis tarde, o seminario de Hélène Cixous segue a ser un referente na vida intelectual dos campus parisienses. A Maison Heinrich Heine – Fondation de l’Allemagne acolle no seu salón de conferencias os encontros, cunha periodicidade mensual entre mediados do outono e finais da primavera. Durante unhas catro horas, a Cixous crítica literaria, lectora e pensadora tece —na máis pura tradición francesa— unha disertación sobre o tema escollido para cada sesión. James Joyce, Henry James, Jacques Derrida, Ariane Mnouchkine, Michel Foucault atravesan con frecuencia as súas reflexións. Cixous dialoga cos seus referentes ao tempo que o fai coas persoas asistentes.

Cecilia F. Santomé, estudante predoutoral e beneficiaria dunha bolsa Erasmus na Universidade París-Sorbona, foi unha delas no curso 2008-2009. Unha experiencia que tería unha pegada notable tanto nos seus futuros traballos de investigación teórico-literaria coma na súa concepción da escritura.

Década e media máis tarde, os seus camiños volvéronse cruzar cando a pandemia empurrou as autoridades a ordenar o confinamento da poboación. Suspendidos por un tempo indefinido os ritmos cotiáns, instaurado un presente abafante, Hélène Cixous procurou acougo no exercicio da palabra. Palabra dixital, transmitida por correo electrónico, substituta da presenza. Foi así como Cixous volveu forxar na distancia unha relación epistolar unidireccional co seu alumnado. Entre marzo e maio de 2020, a editora desta sección foi unha das centos de persoas que recibiron na súa caixa de correo virtual tres cartas tinguidas de melancolía, incerteza, angustia, esperanza. A última, asinada un ano máis tarde, anunciaba unha metamorfose. Publicámolas en tres entregas traducidas do francés pola propia editora.

Agradecemos especialmente a Hélène Cixous a súa xentilexa e xenerosidade por permitirnos dar a coñecer estas cartas.


Sección coordinada e editada por Cecilia F. Santomé

“Dixen sen máis (Carta 1)”, por Hélène Cixous

París, 14 de marzo

Dixen sen máis: vouvos escribir unha carta.

Coido que unha especie de voz interior me ditou estas palabras, que xa eran unha promesa. Un chimpo, tan inspirado e cheo de vitalidade coma o chimpo lóstrego intelixente de Isha ata a campá (enriba da cociña).

Unha carta-chimpo, pois. Acróbata da vida. Agás que non son gato. E pouco despois da idea —cegadora— da carta, veume unha inquietude ben humana, amolada eu pola tarefa, pola aprehensión, por un pequeno remorso, polo temor de decepcionar moitas persoas queridas. Coma sempre, perdín a graza en canto fun tocada por ela.

Cando de min se apoderou a graza, esta debía de ser coma a vella gansa todopoderosa que transporta a Nils Holgersson sobrevoando a pobre terra imperfecta mais que tamén pode deixar caer o ambicioso raparigo.

Aterro aquí. Terra! Carta! Palabra mantida! Eu, que non son Isha, a gata-voadora,1 nin Haia-a-trapecista. Non vou tras delas mais sígoas co corazón e coa cabeza o día enteiro.

Que sexan os gatos! E, se non tedes gatos, entón tede e escoitade os paxaros. E daquela sede paxaros.

Ai, mais isto é unha carta. Un monicreque. E precisa da súa cabeceira bonita. Velaquí vai:

Sábado, 14 de marzo de 2020, ás seis da mañá, a radio-carta divos: ceo aínda escuro pintado cun leito de nubes por riba mais xa

paxaros.

Vedouvides:2 eses, os xenios libres, cumpren a súa misión de anxos, carteiros, modestos filósofos sobrenaturais, sinaturas da inmortalidade. Chi, chi, chi (o chío rechouchío do Vivido).3

Por causa da miña pobre vista, non son quen de os ver. De aí que non lles vexa máis que as voces. É coma se vise coas orellas o fondo mesmo das almas, a lembranza da Vida Enteira: “Deste lado, a ledicia, a continuación, o fermoso despois, é por aquí!”

—Merlo? Merlo. Música por excelencia. E mesmo a voz de Eva, miña nai, que non pode resistir a tentación dun xogo de palabra [sic]: Merlo merlón!4 Cousa que me leva ao dicionario. Como se lle di ao merlo en alemán? Resposta: eine Amsel; e, ademais, é feminino!? Deixo que sigades o voo da Merla de lingua en lingua e que descubrades que a Merla é unha torda de loito.

En tanto que promesa, “o fermoso alén” é sempre un aquí-xa.5

A primeira vez que entrei en contacto co fermoso despois foi en 1940 ou 1941, cando souben que o período de Antes da Guerra, aquela idade dourada que durara uns cantos anos, volvería no futuro baixo a aparencia de Despois da Guerra. Entre ambos os dous, estaba a Guerra, a tebra cos ouveos dos avións e das criaturas mais co ourelo broslado do Ouro de Antes e de Despois.

A propósito disto, velaquí estamos nun Entre ourelado de Ouros. Nós, con esta separación entre nós que non impide, porén, que a carta, calquera carta, nos manteña unidos.

N.

Advirto que me gusta datar; dato ao meu xeito, así: 1940-2020 ou 2020-1940. Tamén me serve de desculpa para lembrar que vou facer oitenta e tres anos, e os que han vir.

O seminario tamén ten varias datas.

Na do 14 de marzo, todo xiraba arredor do Tema da Gaiola. O engaiolamento de Albertine.6 levando canda si todas as gaiolas de Kafka. Para o 14 de marzo, tocaba ler Informe para unha Academia (poñíame dos nervios esta tradución, así que compartín convosco o orixinal: Ein Bericht für eine Akademie).

Quedou patente a través dos barrotes que o 14 de marzo tería lugar a unha altura calquera de abril, co tempo, unha nunca sabe exactamente a hora. Algo que se dá tamén dun xeito delicioso en todo o tocante á literatura, instalada no perpetuo tempo voador.

Así que liamos o que imos ler o… Como nunca o leriamos se só o lesemos o 14 de marzo de 2020.

De onde lle veu o apoxeo repentino a esta carta? Agora seino-síntoo: foi onte á mañá, no intre no que me vin obrigada a escoitar o discurso da Responsabilidade, unha magnífica arroutada de amor. Amor por nós no noso humilde e fiel —e duro— traballo de atención ao texto, esa cociña nosa das palabras, coas especias (velaquí o Merlo intervindo desde a fiestra! Xa son as sete e media da mañá, logo hei deter o bolígrafo e ir agatuñar).

Si, sen máis causa: esta especie de amor mediopaxaro medioanimal7 mediaspalabras, frases, linguas das que nos alimentamos.

Non, non haberá Escaseza.

Imos…

Ata o…

Son as oito. Entrementres, recibín unha chamada de Adel-león-galo-touro-bebé-rir e, naturalmente, de Paxaros, Pombas de guerra

que se traducirá, quizais, un día destes, en iluminación visual.

Aquí volvo. Dicirvos,

P. D.: no 68 (1968), de marzo a outubro-novembro quedamos sen seminario; no canto, o Gran Seminario da Invención da Liberdade.

Houbo semanas nas que non abrimos un libro!

Mais en 2020, de marzo a … … … lemos, alimentáronnos, transportáronnos as nosas respectivas bibliotecas. E, para calquera, Dans le ventre de la baleine et autres essais (1931-1943) [“No ventre da balea”, edición abreviada dos Critical Essays] (Orwell) de sobremesa e Orlando (Woolf), dado que remata cunha Gansa–eira8! Salvaxe. 

P. D.: “Polo que a min respecta, dis, desconfío da palabra ‘fiable’, sobre todo cando vai pegada ao termo ‘fonte’. —Mais, retruco, es quen de distinguir se ti mesmo es fiable ou desconfiable? —Non creo”.

Seguimos

                                                                                                                                          Hélène


1    Quer intencionado quer non, hai un erro de concordancia de xénero entre o substantivo masculino chat, que é o que Cixous emprega aquí, e o artigo e o adxectivo (la, volante) que o modifican. Optamos por harmonizar o sintagma nominal e traducilo como feminino.

2    A miúdo, a autora recorre a termos homónimos ou homófonos para artellar xogos de palabras. Produce así camadas de significado que se superpoñen e multiplican a potencia evocadora do texto. Véxase, neste caso, o uso da forma verbal «v’oyez», inexistente no francés estándar mais que soa coma a segunda persoa do plural do imperativo presente do verbo voir (“ver”) e, na escritura, semella o froito da contracción dun pronome persoal tónico da segunda persoa do plural (vous) e a forma verbal oyez, da segunda persoa do plural do presente de indicativo do verbo ouïr (“escoitar”), hoxe en desuso.

3    Coma se se tratase dunha homenaxe ao seu admirado James Joyce (Hélène Cixous doutorouse cunha tese sobre o Ulises), introduce o termo c.oui (da voz familiar coui, “cocote”?) e crea una estrutura paralelística entre o contido da paréntese (“le c.oui ‒c.oui de la Vie”) e a frase (“oui, oui, oui”) que a precede. O resultado, consideramos, aproxímase á onomatopea dunha voz de ave; por iso, traducimos o fragmento reproducindo vagamente un chiar.

4    En francés, merle refírese ao noso merlo e, con menor frecuencia, a un peixe mariño da familia dos lábridos. En galego, este último recibe o nome de “merlón”.

5    Outra volta, Cixous emprega un neoloxismo para explorar os lindes da linguaxe e engadirlle á carta un pouso poético. Na medida do posible, reproduciranse estes neoloxismos respectando tanto o senso coma a grafía orixinais.

6    Albertine Simonet, personaxe de Á busca do tempo perdido, de Marcel Proust. Presentada no segundo volume desta obra, À l’ombre des jeunes filles en fleur (“Á sombra das raparigas en flor”), é unha das mozas que lle dan título. O narrador pasará da  fascinación inicial por elas a un interese particular por Albertine, que semella alentalo ata que frea en seco os seus avances. Aparecerá de novo en Sodome et Gomorrhe (“Sodoma e Gomorra”), e aquel decidirá casar con ela malia sospeitar as súas inclinacións sexuais. Esa sombra será o eixo de La prisonière (“A prisioneira”), a cuxa atmosfera opresiva fai referencia Cixous nas súas cartas.

7    Con frecuencia, elimínanse signos de puntuación coma puntos e comas. Custa distinguir entre o efecto buscado e o resultado dunha escritura rápida, urxente, non sometida a un proceso de revisión posterior. Á hora de traducir, respectamos no posible a puntuación predominante en cada unidade textual.

8    No orixinal, “Oie-seau”, que viría a ser, literalmente “Ganso-caldeiro” mais que soa coma oiseau (“paxaro”). Para manter tanto a sonoridade coma o referente dese xogo lingüístico, optouse pola solución “Gansa-eira”.

Euseino? no Culturgal

Os libros de Euseino? Editores pódense atopar no posto 18 do Culturgal grazas á colaboración de Rodolfo e Priscila. Unha selección do catálogo ao dispor das persoas lectoras o venres 25, sábado 26 e domingo 27 de novembro en Pontevedra.

Ademais de Clarice Lispector: intuicións ontolóxicas, o novo libro de Rebeca Baceiredo, nese posto 18 pódense atopar a 4ª edición de Ninguén queda, de Brais Lamela, e as 2ª edicións de O obxecto muller e o xiro ontolóxico de Inma Otero Varela, Transhumanismo – Tecnociencias e antropotecnias, de Brais Arribas, A monstruosidade moderna, de Carlos Lema, e mais da edición crítica de Obra completa. Vol. extra / m-Talá, de Chus Pato.

A carón destes títulos, tamén han estar dispoñibles a 3ª edición do álbum ilustrado Mondas, de Din Matamoro e María Infantes, e o cómic Aventuras espaciais de T e Ronni, do debuxante Maks.


Conversa “Enfiando lecturas” con Inma Otero

O venres 25 de novembro, ás 17’30 horas, no Espazo Libro:

Conversa con Inma Otero Varela arredor do libro O obxecto muller e o xiro ontolóxico, publicado por Euseino? Editores. Presenta Chus Gómez Dorrego, xornalista.

Pola nosa banda, todo o catálogo de Rodolfo e Priscila está ao dispor das persoa lectoras na sede de Euseino? en Vigo. Para quen os queira ler e mirar. Entre eles A festa equivocada, de Fran P. Lorenzo, e Conto ao carón do río, de Oihane Amantegi, traducido por Isaac Xubín.




Un outro xeito de escribir filosofía

Publícase “Clarice Lispector: intuicións ontolóxicas”, de Rebeca Baceiredo

A obra da filósofa e escritora Rebeca Baceiredo, ademais de ser unha das máis orixinais do pensamento galego dos últimos vinte anos, consegue iluminar a filosofía coa capacidade de concreción da literatura e que, ao tempo, a filosofía poña ao descuberto unha faceta da literatura que a despoxa de trucos artísticos banais. Ambas as dúas, literatura e filosofía, deixan de lado o poder do que adoitan estar investidas para, na escritura de Baceiredo, quedar á vista, sen aderezos nin dogmatismos. Como escribe na presentación de cuarta de cuberta Mario Losada, editor de Clarice Lispector: intuicións ontolóxicas, nestas páxinas “o exer­cicio da interpretación espállase desde a literatura para resoar no campo da filosofía”.

Temos, pois, a satisfacción de volver presentar ás persoas lectoras unha obra nova desta autora senlleira, coa que iniciamos a colección Casabranca no ano 2013. Sen Rebeca Baceiredo o proxecto de Euseino? Editores non sería o que actualmente é.

O novo libro de Rebeca Baceiredo non é un ensaio filosófico usual. Nel refle­xió­nase sobre conceptos coma deus, o tempo, a morte, o acontecemento e a subxectividade no horizonte da disolución do eu e da pregunta polos límites da linguaxe. O excepcional é o terreo no que se ins­criben estas ideas, que non é o propio do discurso teórico nin da análise fenomenolóxíca senón algún punto interme­dio e bastardo entre a escritura e a vivencia real. A autora extrae o pensamento do relato da experiencia íntima e filosófica que a escritora brasileira Clarice Lispector achegou a través da súa obra e dos seus personaxes. Unha intimidade que, como diciamos, mediante o exer­cicio da interpretación, se espalla desde a literatura para resoar no campo da filosofía.

Algunhas das partes desta obra transitan por mundos nos que as palabras son cousas, onde pensar é viaxar e nos que os desvíos do pensamento literario de Lispector nos achegan á pregunta ontolóxica fundamental: ¿que facer coa vida?

O resultado é unha fascinante dramatización de ideas, unha travesía na que o deus xeométrico de Spinoza asusta, a cousa en si nos dá leccións de vida e as poetas regresan das súas liortas nos límites da linguaxe. E, sobre todo, unha cha­ma­da a outro xeito de escribir filosofía.

Consiga o seu exemplar nas librerías colaboradoras ou recíbao directamente no seu domicilio premendo na ligazón:

Clarice Lispector: intuicións ontolóxicas

Col. Casabranca 13
148 páxs.
PVP 19 euros