Publícase “Ninguén queda”, de Brais Lamela
Con esta obra que transita e hibrida as fórmulas do ensaio interpretativo e as estratexias da ficción, iníciase a nova xeira da colección Rúa do Lagarto con edición e dirección de Berta Dávila.
Entre o verán sufocante de Nova York e as montañas neboentas de Negueira de Muñiz, Ninguén queda segue os pasos dun mozo galego na metrópole norteamericana mentres rastrexa a historia dunha muller desaparecida nos asentamentos de colonización da Terra Chá levantados pola ditadura na década de 1960.
Trátase dunha obra na que Brais Lamela combina á perfección o relato en primeira persoa coa reflexión e a capacidade especulativa do ensaio sen chegar a desvirtuar o engado que ten a ficción para apreixar a atención da persoa que le. Todo o contrario, Ninguén queda logra erguer dous tipos de recursos e dous espazos ficcionais aparentemente opostos mais que chegan a encaixar dun xeito case inapreciable grazas á potencia dos personaxes, á habilidade para a dosificación da información e a un estilo áxil e fluído que non necesita prescindir das arestas. Unha forma de escribir e concibir a literatura que fai cadrar a actualidade coa penetración na historia pasada, a vida urbana do interior coa vivencia nun medio rural case extinto.
Os pisos de estudantes no estranxeiro e as comunas que, coma na década de 1960, emerxen dos restos da perdida vida comunal das aldeas galegas. Os personaxes que acumulan fragmentos de tempo esquecido e aqueloutros que, mesmo en situacións existenciais límite, se negan a deixar de actuar na realidade presente, conflúen nun relato que traza o contorno do abandono e o desposuimento mais tamén o da supervivencia obstinada.
Brais Lamela escribe unha obra sobre o arraigamento e a intersección de mundos, unha arquitectura literaria sutil que atopa novas posibilidades e asume desvíos e fracasos, un artefacto impuro, crebadizo, conmovedor.

Consiga o seu exemplar nas librerías colaboradoas ou recíbao directamente no seu domicilio premendo na ligazón:
Col. Rúa do Lagarto 2
182 páxs.
PVP 18 euros