“Sanctuary entreábrenos abismos que nos fascinan”
No ano 1960, a pensadora e escritora Simone de Beauvoir publicou La force de l’âge (“A forza da idade”), segundo tomo das súas memorias, obra que comezara dous anos antes co volume Mémoires d’une jeune fille rangée (“Memorias dunha rapaza guiadiña”). Nese segundo volume relata o comezo da súa vida como muller emancipada da tutela familiar, son os mesmos anos nos que abrolla a vocación literaria, cos primeiros intentos de escritura, e nos que se inicia a súa relación con Jean-Paul Sartre. Algunhas das pasaxes máis interesantes destas memorias son as que o Castor, como lle chamaba Sartre (Beauvoir=Beaver. “Vostede é un Castor, dixo. Os castores van en bandada e teñen espírito construtor.”), dedica a comentar as súas lecturas, entre elas as das novidades literarias e filosóficas francesas e estranxeiras. No relato do acontecido no ano 1934, a autora do Segundo sexo fai unha análise interesante das traducións para o francés dos e das máis importantes novelistas do modernismo anglosaxón, especialmente de William Faulkner e, en concreto, de Sanctuary, novela ultimamente de actualidade no noso país por razóns que non é preciso lembrar a quen isto lea.
De seguido, ofrecemos a tradución desa pasaxe de La force de l’âge, que nos parece sumamente ilustrativa da curiosidade intelectual de Simone de Beauvoir e da súa imaxinación interpretativa, que non desbota mesmo o disenso con escritores que, coma Valéry Larbaud, gozaban de gran prestixio naquela altura. Virtude, a do disenso, que coidamos fundamental non só para a literatura e o pensamento senón para a cultura en xeral.
♦
Sartre e mais eu estabamos sempre ao corrente das novidades. Dous nomes marcaron para nós o ano [1934]. Un deles foi o de Faulkner, de quen se publicaron case simultaneamente Tandis que j’agonise e Sanctuaire. Antes ca el, Joyce, Virginia Woolf, Hemingway e algúns outros rexeitaran a obxectividade falsa da novela realista para entregar o mundo a través das subxectividades; así e todo, a novidade e a eficacia da súa técnica deixáronnos abraiados; [Faulkner] non soamente orquestraba axeitadamente unha pluralidade de puntos de vista senón que en cada consciencia organizaba o saber, as ignorancias, a mala fe,, as pantasmas, as verbas, o silencio, de maneira que mergullaba os acontecementos nun claroscuro do que emerxían cun máximo de misterio e de relevo. Os seus relatos atinguíannos á vez pola súa arte e polos seus temas. En certo xeito, Tandis que j’agonise, esa epopea brutalmente picaresca, está emparentada coas invencións surrealistas […] Mais eses equívocos [surrealistas] tiñan na obra de Faulkner unha fondura materialista; se os obxectos e os usos se descubrían ao lector baixo aspectos chocantes é porque a miseria, a necesidade, ao cambiar a relación do ser humano coas cousas, fan mudar a face das cousas. É iso o que nos seduciu nesa novela que, para a nosa sorpresa, Valéry Larbaud definía no prefacio como “unha novela de costumes rurais”. Sanctuaire interesounos aínda máis. Non entenderamos a Freud, rexeitabámolo; mais desque nos presentaron as súas descubertas baixo unha forma para nós accesible, apaixonábamonos. Rexeitaramos os instrumentos que os psicanalistas nos propuxeran para rachar esa “indestrutible cerna de noite” que se encontra no corazón de todo ser humano: a arte de Faulkner fendíaa, entreabríanos abismos que nos fascinaron. Faulkner non se limitaba a dicir que detrás da cara da inocencia pululan as inmundicias: amosábanolo; arrincaba a súa máscara á moza americana pura; facíanos tocar, por tras das cerimonias acarameladas que camuflan o mundo, a violencia tráxica da necesidade, do desexo e das perversidades que carrexa a súa insatisfacción; o sexo, na obra de Faulkner, bota sangue e lume sobre o mundo; os dramas dos individuos exteriorízanse como violacións, como asasinatos, como incendios; ese lume que, no remate de Sanctuaire, transforma un home en facho vivente só aparentemente está alimentado por un bidón de gasolina: nace desas íntimas e vergoñentas lapas que devoran en segredo os ventres dos machos e das femias.


SaveSaveSaveSave
SaveSave
SaveSave
SaveSave
SaveSave
SaveSaveSaveSave
SaveSave