Anotacións nº 26: “En procura da realidade”, por Brais Arribas

Anotacións sobre literatura e filosofía, nº 26, febreiro de 2021
Brais Arribas, En procura da realidade: Graham Harman e a súa OOO

Neste número, o filósofo Brais Arribas publica o ensaio “En procura da realidade”, no que se formula as seguintes preguntas: ¿de que está formado o real? ¿Que hai no mundo? ¿De que falamos cando nos referimos ao existente? A resposta a estas cuestións tena moi clara o filósofo estadounidense Graham Harman: de cousas e as súas propiedades, de entidades e as súas peculiaridades. Arribas leva a cabo, primeiro, un nidio e atinado achegamento á obra de Harman, autor de quen publicamos “Da causación vicaria” en Anotacións nº 9. Segundo, o filósofo galego salienta as peculiaridades da Ontoloxía Orientada aos Obxectos (OOO) fundada polo propio Harman, sinalando as diferenzas con outras concepcións e deténdose na influencia da fenomenoloxía e na singular lectura de Heidegger que realiza Graham Harman, especialmente nas súas primeiras obras Tool Being (2002) e ­Guerrilla Metaphysics (2005).

No artigo descríbese a elaboración teórica da OOO, como unha

“das máis arriscadas e suxestivas do panorama contemporáneo, ao considerar que a retirada dos obxectos non acontece só na esfera humana senón que afecta a toda a interacción que manteñan os obxectos entre si. A esencia das cousas non é só inalcanzable para o ser humano senón que as relacións que manteñen os obxectos tamén os deforman, impedindo que uns poidan achegarse completamente aos outros […]. A pedra que atravesa o cristal rómpeo, non obstante, iso non significa que interactúe dun modo completo con todas as súas calidades, xa que esa relación é parcial e limitada. A pedra nunca entra en contacto co “en si” do cristal. Disto Harman conclúe que a evasión dos obxectos non é un trauma especificamente humano senón que expresa a insuficiencia das relacións en tanto que tales.”

Ao se deter na distinción entre obxectos reais e obxectos sensuais, é obvio que “os obxectos reais non se corresponden cos sensuais e non os poden substituír, polo que non hai equivalencia entre orixinal e copia. De igual modo, as calidades reais e as sensuais son diferentes”. Do obxecto real só coñecemos as súas manifestacións sensibles, que nunca o consomen.

“a súa orixinalidade ao poñer de relevo que as relacións entre os obxectos […] non é exclusiva do ser humano: a relación ser humano-mundo non ten privilexio sobre outros tipos de relacións, de modo que a tensión fulcral en filosofía non é a que se produce entre humanos e obxectos senón entre obxectos reais e obxectos sensuais.”

Seguindo ese camiño para analizar o pensamento filosófico de Harman, Brais Arribas consegue situar os lectores perante unha visión ampla e pormenorizada dunha das obras fundamentais do realismo especulativo e da filosofía actual.

 

48 páxs.

Edición non venal en PDF
Descarga gratuíta

Sumario
9, En procura da realidade — 14, OOO: dos obxectos e das súas calidades – 1. Que non son: a destrución dos obxectos na historia do pensamento. – 20, 2. ¿Que son os obxectos? – 24, 3. A tensión dos obxectos – 32, 4. Do interior do obxecto: espazo, tempo, eidos e esencia — 41, Bibliografía

 


Apoie con microdoazóns (desde 1 €)
as publicacións en acceso aberto
coma Anotacións sobre literatura e filosofía.

A Fundación Euseino?,
unha organización non lucrativa independente,
agradece a súa contribución.


SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave