“Decálogo da novela”, por Anna R. Figueiredo

O que chega escrito ás mans dos lectores é a novela dunha novela que unha vez foi. Coma o dragón dun conto narrado mil veces e mil veces igual sen deixar de ser sempre diferente. Neste oitavo “Decálogo da novela”, é Anna R. Figueiredo quen escribe esa historia que sempre é a ficción dunha ficción. A historia soterrada, coma a cidade que xace e sostén as cidades que se construíron en cada época sobre os alicerces da anterior. A contorna permanece, intramuros da novela todo semella cambiar. Para a autora de Os bicos feridos, toda novela é unha deformación, unha metamorfose inzada das metamorfoses precedentes.

Como ilustración deste artigo, visión das galaxias nunha gravura do astrónomo Thomas Wright (1711–1786).

Sección coordinada e editada por Iván García Campos. En semanas vindeiras, novos decálogos escritos por novelistas. A novela pénsase desde a novela, a ficción tamén é reflexión.

 

Metamorfoses da ficción

1) Dragóns. En toda novela hai unha viaxe. Pódese viaxar no tempo, nos sentidos ou no coñecemento. O asunto de escribir comeza naquel confín do mapa onde se establece que habitan os dragóns. O escrito que chega ás mans dos lectores, máis que a novela, é a novela da novela. A historia que naceu nas primeiras páxinas que xa ninguén lembra.

2) Baixo terra. Toda novela ten un devanceiro baixo terra do que non quere falar.

3) Exercicio de insatisfacción. Ningunha novela sobrevive á primeira lectura. Ningunha pode ser testemuña fixa do borrador que lle deu nacemento. Sen corrección constante, sen cambio, sen metamorfose, o obxecto creado pode ser ficción e pode ter estrutura de texto narrativo pero non chega a ser novela. A novelista non é un ser perseguido polos seus demos, é unha eterna insatisfeita que escolle deixar por escrito o estudo da súa teima.

4) Mudable. Ningunha novela aguanta unha segunda lectura sendo a mesma ficción. A novela, sen ínfulas de dogmatizar, permanece coma un algoritmo de decodificación do pensamento propio, proxectado entre as liñas narrativas. Forza ao diálogo e ás preguntas que non queremos facernos a nós mesmas.

5) Infidelidade. A novela non se adapta aos desexos da autora. Todo sacrificio ten que se facer en virtude do que a historia demanda e non pola comodidade de quen a escribe. A trama só responde á verosemellanza; a beleza vén despois, se é precisa. Non debemos, así e todo, confundir beleza literaria con artificio lírico.

6) Inadaptada. A novela non busca ser depurada ata conseguir a entelequia da “gran novela”. Non se adapta ao que desexen os máis dos lectores; abre camiños. Ficar na idea de novela do século XIX, ou pretender escribir actualmente coma se non houbese medios técnicos novos e non cambiase a linguaxe, é un exercicio de recuperación histórica. Mais unha novela ten entidade propia e o seu ritmo e evolución pode non ser parello ao da sociedade na que se xesta.

7) Opresión. A tendencia dunha sociedade dormente semella preferir novelas que devolvan na lectura preguntas doadas ou imposibles; dramas que lle acontezan a outros e que os salven dos medos da existencia. Nas sociedades oprimidas, as novelas soñan extremos; liberdades mesiánicas ou réximes aínda peores que a mesma realidade.

8) Deformación. Toda novela é mentira. Toda novela deforma a imaxe de quen a escribe.

9) Alusiva. O metaliterario fíltrase na novela desde a súa propia concepción como trama e control dos tempos narrativos; tanto desde o drama coma desde a narración oral. A escritora proba tecidos doutras e doutros, adapta cosendo un traxe a medida en cada intento. Todas as referencias e aprendizaxes do pasado quedan baixo as costuras, agachadas sen vontade de seren descubertas, ou visiblemente expostas como homenaxe evidente da historia da literatura.

10) Dilema. Sendo a trama importante, o motor da novela atópase nos personaxes e na capacidade de verosemellanza e coherencia de cada un deles. Non teñen por que resultar empáticos ou dignos de amor ou odio. Teñen que soster, simplemente, un dilema abondo decisivo como para acompañalos na viaxe.

 

Decálogos da novela anteriormente publicados

“Realidade e compromiso na ficción narrativa”, por Carlos Lema
“A narrativa como disciplina artística”, por Iván García Campos
“Unha teoría do inexplicable”, por Diego Ameixeiras
“A novela como forma de vida”, por Xosé Monteagudo
“Un poliedro infinito”, por Santiago Lopo
“Función e flexión”, por Antonio Piñeiro
“O nome da illa”, por Berta Dávila

Outros artigos sobre a novela en euseino.org

“Do ‘novum’ e da novela”, por Roberto Abuín

“A ficción ficticia”

“A novela, xénero literario moderno”

A posición nihilista: o nihilismo literario”

“A filosofía no obxecto retórico novela-máquina”

“A novela-máquina: enerxía, operador e materia”

 

 

 

 

 

Deixar un comentario