Como diciamos no artigo anterior, interésanos a parte final do libro de Auerbach precisamente porque, como indica o seu título, nela bota “Unha ollada ao último século”, ao século XX e ás condicións singulares que nel acadou a recepción e a escritura de obras literarias. Que esta Introdución aos estudos de filoloxía románica sexa un libro emininentemente sintético non significa, máis ben todo o contrario, que careza de pulo analítico. Dicimos que todo o contrario porque a síntese, ao que leva é, precisamente, á análise como consecuencia da anagnórise realizada sobre a historia das linguas e literaturas romances.
Auerbach comeza esta parte do seu libro describindo a Idade Moderna a través de dúas das súas características principais: a participación de todos os cidadáns na vida pública —agás as mulleres, que ían tardar bastante en conseguir que se lles recoñecese a plenitude de dereitos do cidadán, cómpre lembralo aquí—, é dicir, o denominado pacto social, e a noción fundamental de progreso, especialmente referida á autonomía do saber respecto da relixión ou substitución da teoloxía pola ciencia na ordenación do mundo.
“A restauración da dinastía dos Borbóns en Francia (1815) e a política reaccionaria que en moitas partes de Europa seguiu á caída de Napoleón non puideron deter o desenvolvemento da vida moderna e a súa evolución política e económica. As ideas da Revolución francesa difundíranse; dúas institucións de orixe revolucionaria e napoleónica, a educación elemental e o servizo militar foron adoptadas pouco despois en moitos países europeos e contribuíron a mobilizar as masas e a facelas participar conscientemente na vida pública. O progreso científico e técnico modificaba rapidamente os ritmos e as condicións da vida material, fornecía un benestar crecente e un crecemento demográfico inmenso”.

Consecuencia directa dese progreso no saber e no ensino, salienta Auerbach, é a “enorme produción literaria”, que modificaría notablemente o tipo de recepción das obras e dividiría a literatura no que posteriormente se clasificaría como “gran difusión” e “difusión restrinxida”.
“Desde o século XIX, en case todos os países de Europa, todos len, todos queren ler e os progresos técnicos da imprenta permiten satisfacer esa necesidade de lectura. Os xornais, con edicións que se esgotan unha, dúas, tres veces ao día e nas que, a carón da información política, se atopan artigos literarios, novelas, relatos, contos; os periódicos literarios ou semiliterarios, xornais ilustrados, revistas, etc., ao cabo, os libros: libros de poesía, teatro, novelas, coleccións de ensaio, estudos críticos… calquera que algunha vez traballase na administración dunha das grandes bibliotecas europeas podería ver cos seus propios ollos a masa enorme de papel impreso que nelas entraba cada día e non había deixar de experimentar certa sensación de esgotamento.”
Nese punto da súa argumentación, o autor de Mímese introduce unha prolepse co obxectivo de dirixir o seu pensamento sobre a literatura cara ás condicións de produción e de recepción que aínda perduran hoxe en día, en pleno capitalismo serodio:
“Así e todo, desde hai preto de trinta anos o cinema e a radio están comezando a suplantar a lectura, estámonos afacendo a substituíla coas impresións vivas e auditivas e a non recorrer á lectura para instruírse e informarse. Mais no século XIX líase polo pracer de ler e era inevitable que o nivel estético das producións literarias destinadas a unha masa tan grande de consumidores decaese, sobre todo se esa masa aínda non tiña consciencia clara de si; o que pedía e o que se lle subministraba non era unha literatura verdadeiramente popular senón unha cativa imitación da literatura culta na que imperaban a falta de elegancia, o melodrama, o pouco verosímil e os lugares comúns sentimentais.”
A importancia dese tipo de produción de ficción —que vai alén da produción literaria— é, polo tanto, característica primordial de toda a Idade Moderna, non só do período recente como podería parecer. Cómpre salientar que Auerbach repare singularmente nos “lugares comúns sentimentais”, xa que no pacto social que establece a modernidade o papel do amor como expresión da liberdade do individuo ha ser unha ficción fundamental, se non a ficción suprema, na que se estea a liberdade como cerna do suxeito contemporáneo.
Consecuentemente, a ficción literaria ha exercer a función de afirmación do suxeito como elemento fundamental do pacto social, de aí o seu papel como produtora de subxectividade, primeiro a través da narrativa realista, logo mediante a narrativa reflexivo-experimental. A primeira vai centrar a súa difusión nos medios de comunicación de masas —os xornais no caso da novela por entregas durante o século XIX— e asegurará a súa efectividade ao basearse tanto na convencionalidade retórica fornecida pola cultura e a educación elemental universal (historia, símbolos e referencias comúns) e na convencionalidade temática (subxéneros coma o policial, a novela histórica e a novela de formación xorden nese momento) coma na actualidade argumental (asuntos collidos das mesmas páxinas dos xornais nas que primeiramente se publican as novelas) e na actualidade estilística (recursos retóricos compartidos co xornalismo e moi familiares para quen le) ; a segunda, que desde unha difusión restrinxida inicial ha colonizar a novela da segunda metade do século XX en diante, elaborada a partir das coordenadas axiolóxicas establecidas polas instrucións normativas 1) “ter unha voz propia”, 2) focalización narrativa (perspectivismo) e 3) autopoiese ou reflexividade (representación do proceso de escritura, produción do eu autorial). Véxase a este respecto, por exemplo, a análise realizada no número 1 de Anotacións sobre literatura e filosofía.
[Continúa en Pensar a literatura, 3.]