O libro de Brais Arribas, suceso de lectura e crítica
Acaba de saír dos prelos da cooperativa Sacauntos a Segunda Edición de Transhumanismo; dese xeito, o ensaio de Brais Arribas convértese no libro de filosofía máis lido en 2021 e no que vai de 2022. Non moi lonxe del, a piques de esgotar a primeira edición, está O obxecto muller e o xiro ontolóxico, de Inma Otero, publicado a fins do ano pasado.
Ademais do suceso entre as persoas lectoras, Transhumanismo recolleu tamén unha favorable opinión da crítica. Xosé Manuel Eyré na súa Ferradura en Tránsito II, Mario Regueira en Sermos Galiza, outras dúas mencións na Tabela dos Libros, á parte da intervención do seu autor no programa de televisión Zig Zag e, recentemente, unha recensión publlicada por Miguel Vázquez Freire na revista Tempos Novos.
Se a difusión da filosofía é un dos obxectivos que están na orixe da colección, o rigor na argumentación e no pensamento, ademais da atención que lle presta a diversas correntes filsóficas, son outras das súas características, tanto ou máis importantes. A recente incorporación de Mario Losada como coordinador e editor ha reforzar e ampliar esta liña editorial de Euseino? Editores, cousa que se ha traducir nun incremento do debate filosófico en galego e na aparición de novas autoras e autores, ao abeiro tamén das actividades, coloquios e seminarios organizados por Euseino? Social.
A cuestión de xénero é un dos interrogantes aos que a filosofía feminista intenta responder desde os seus inicios. Velaquí un libro absolutamente anovador, no que a autora elabora unha concepción teórica senlleira mediante unha argumentación limpa, firme e rigorosa.
A partir do xiro que o realismo especulativo, ou o novo realismo, deu na filosofía contemporánea, trátase de pensar unha ontoloxía na que a relación de dependencia entre suxeito e obxecto desapareza ao deixar de ser a exclusiva forma de acceder ao senso, de existir. O suxeito, desta volta a muller, é un obxecto máis do mundo, ou dos mundos, dos campos de senso. Xa non hai un senso único, unha determinación necesaria e primeira, senón que son os obxectos os que, nas súas relacións, crean campos de senso continxentes e independentes. O campo de senso de xénero é un deles. E como tal é modificable, emendable. O obxecto muller xa non é o obxecto muller-obxecto; a muller non é un corpo. Ser muller non é unha natureza, é un xeito de representación que emerxe, se inscribe e accede ao seu propio senso. Existe sen condición.
A obra de Inma Otero Varela enfróntase con cuestións coma onde ser muller?, que é o xénero como campo de senso e cales son as regras que ordenan o campo de xénero para, ao cabo, discernir claramente entre o obxecto muller-obxecto e o obxecto muller como dúas realidades diferentes ao situar o ser muller como un obxecto autónomo.
Unha concepción rigorosamente nova e orixinal sobre as cuestións fundantes do pensamento feminista.
A cuestión de xénero é un dos interrogantes aos que a filosofía feminista intenta responder desde os seus inicios. ¿Que é unha muller e que implica esta determinación inicial? ¿Pódese revogar ou é unha natureza inemendable? Neste libro absolutamente anovador, no que se elabora unha concepción teórica senlleira e fundacional, Inma Otero Varela responde cunha argumentación limpa, firme e rigorosa.
Cuberta da revista De Stijl, por Theo van Doesburg e Piet Mondriaan
O ano pasado, en euseino.org iniciamos o proxecto do “Decálogo da novela” convidando algúns novelistas a escribir sobre a súa concepción da novela a través dun decálogo. Consideramos agora que había ser unha boa idea ampliar esa sección coa reflexión dos críticos literarios sobre a función do seu labor e a relación deste coa literatura. Os usos da crítica literaria: a crítica como interpretación dunha obra e tamén a crítica como literalidade, como obxecto escrito.
Comezamos con Inma Otero Varela, quen desde o realismo especulativo nos achega a unha idea da crítica literaria como obxecto. Partindo da teoría dos campos de senso de Markus Gabriele da noción de texto como inscrición na que se basea o novo realismo de Maurizio Ferraris, a autora de “O obxecto muller e o xiro ontolóxico” (en setembro, en Euseino? Editores) defende o obxecto critico como aquela cousa que existe para achegarnos á beleza.
1) Pacto. Cómpre aceptar os roles desde o comezo. Non hai negociación, só admitir a situación real de cada cousa no espazo e na existencia. A relación establécese a tres bandas, de maneira máis ou menos organizada, aínda que sen recato nin tabús. Por forza debe ser impúdica e, a poder ser, promiscua. Nesa relación a tres sempre hai un obxecto (a obra da que se parte), un suxeito (a persoa que media) e outro obxecto (o texto final).
2)Agnosticismo. A crítica ocúpase do que está xa creado, non da demiurxia. Non procura unha conexión transcendental. É o dedo na chaga, non a fe. A eséxese que refuga o sagrado das escrituras. O coñecemento parte do estímulo material que é obra literaria. E o resultado é outra obra. Os suxeitos que están detrás das obras (ou no medio dunha e outra) son secundarios unha vez que estas existen. Localízanse noutro lugar. A crítica non é un diálogo entre persoas, só é un obxecto que aparece no mesmo campo de senso que a obra literaria. Aínda que na súa orixe precisase un suxeito que despois xa non está. Como acontece para a existencia dunha culler.
3) Identificación. O obxecto literario éo porque ten unha serie de características que fan que non sexa outra cousa distinta a un algo literario. Mesmo cando rompe as regras, sempre queda un fío que o sostén para que non se disolva. Unha delas é a capacidade para xerar sentimentos. A crítica sábeo e tense que deixar mancar, sorprender, desilusionar. Sen prexuízos. Sen censuras. O que se sente tamén existe.
4) Corpo aberto. O suxeito que le aparece na interpretación. Non antes dela nin despois de que exista o texto crítico. Preséntase baleirado, coas feridas ao aire. Disposto a que se abran fendas se non as había. Tamén así se testa a obra. Cómpre mergullarse nas palabras con disciplina Stanislavski. Deixar que apousen sen xulgalas, que sexan libres, que gobernen as vísceras, que tomen posesión para que se manifesten.
5) Obxectualizar a experiencia. O que se sente e o que se pensa tamén forman parte da realidade cando se expresa. Unha vez que se exterioriza é un obxecto e como tal pódese analizar, poñelo enriba do banco de probas ao lado do texto primeiro. A experiencia lectora é unha realidade nova. Como tal, permite que se produza unha outra mediación. Aparece unha cousa que antes non había e coa que se debe interactuar; un incentivo que produce coñecemento.
6) Humildade e autocrítica. Como a crítica non é un diálogo entre persoas, aínda que as precise nalgún momento, o suxeito que se agocha no corpo aberto ao obxecto literario debe poñerse tamén en corentena. Debe establecer que cousa pertence ao obxecto e que cousa pertence a quen analiza. Ler é poñerse a proba. Saber cando apartarse modestamente pero nunca de maneira submisa, xa que se debe botar man de todos os instrumentos para afrontar a lectura, tratando de evitar a indeterminación de Heisenberg (na medida do posible) pero admitindo que se vai producir unha modificación en quen observa. O obxecto debe modificar o suxeito, non ao revés. E ese suxeito modificado debe producir un obxecto novo para logo manterse outra vez á marxe. Débese recoñecer que os suxeitos implicados son efémeros e prescindibles.
7) Recursos. No exame da experiencia lectora non hai mística, só razón. A maquinaria textual require instrumentos precisos para a inspección. A crítica adoita ter máis ferramentas na súa caixa que as que aparecen nas caixas doutras lecturas non especializadas. Debe comprobar a estrutura, a ergonomía, a aliaxe, o acabado. Como no chiste, só ten o mérito de saber mellor onde van os parafusos e para que están aí. Tamén os que moven a engrenaxe da emoción e da beleza, dúas das características morfolóxicas do obxecto literario.
8) Función. A produción do novo texto non debe perder nunca de vista cal é a finalidade. Igual que a produción dunha culler debe lembrar sempre que ten que servir para levar o líquido á boca, na produción do obxecto crítico non se pode esquecer que ten que ser útil para a recepción do obxecto literario ao que fai referencia. Esa é unha das características principais para que exista, aínda que unha vez que o texto crítico se independiza da persoa que o escribe non hai certezas sobre ata que punto cumpre a súa función. O beneficio das persoas receptoras xa se sitúa noutro ámbito alleo ao obxecto crítico. É un feito epistemolóxico, pero non por iso secundario.
9) A estética e a beleza. A crítica traballa, entre outras cousas, sobre a percepción do que é ou non é fermoso. É en si unha disciplina estética que precisa a mediación. Ten lugar no labor que se desenvolve no banco de probas. Prodúcese na interpretación e na análise. Mais é posible porque o obxecto inicial e o obxecto final teñen entre as súas calidades a da beleza, mesmo cando se quebranta. A proposta doutra beleza contraria ao canon é algo que ten a ver coa fermosura. O obxecto crítico tamén ten que posuír esta calidade para que sexa. A estética é epistemolóxica. A beleza, ontolóxica.
10) A autonomía da crítica. Unha vez que o obxecto crítico existe no campo de senso literario, aquel é independente do suxeito que o produciu. A autonomía está no texto, non na persoa. A persoa pode non selo en absoluto. Ou si. Como pode selo ou non a persoa receptora. Mais iso xa non forma parte do mesmo ámbito. Está á marxe do obxecto crítico. A autonomía da crítica existe só cando esta é obxecto. Mais éo, polo tanto a autonomía tamén é. Outra cousa é se iso é máis importante que o grao de autonomía das relacións entre obxectos e suxeitos ou entre suxeitos. Pero a importancia, isto é, a xerarquización das consecuencias, non é un feito ontolóxico. Ao contrario do obxecto crítico.
No suplemento cultural de Nós Diario, publícase este sábado, día 9 de xaneiro, unha conversa de Manuel Xestoso, crítico literario e poeta, con Chus Pato. A entrevista xira arredor da publicación da Edición do Vixésimo Aniversario de m-Taláe da edición da Obra completa da autora de Charenton. Coincidindo con esta entrevista, o xornal tamén inclúe unha recensión do poemario escrita por Inma Otero Varela.
Da interesante entrevista, salientamos a concepción da poesía no marco da arte moderna e a súa relación coa liberdade:
“creo que m-Talá é un libro moi liberador, como toda a poesía. Os sapiens temos moitas maneiras de ser libres e unha delas é a creación artística e, en concreto, a poesía. O poema, aínda que fale dos temas máis sombríos, sempre permite esa liberación.”
Sobre esa importancia do poema volve Chus Pato ao afirmar que
“O poema trata de atravesar a linguaxe instrumental para chegar a unha palabra común, unha palabra para todos e que atope a liña do sentido. Non se trata de ‘entender’ o poema, senón de que é o que fai o poema coa lingua: se non a toca, non hai poema.”
Cuestión que amplía ao responder a unha pregunta de Manuel Xestoso sobre “a lingua como produción material” e “a súa [de Chus Pato] negación da oposición entre natureza e cultura”:
“Teño escrito que a natureza sapiens é a linguaxe. Non entendo o ser humano máis alá de ser un mamífero. Non contemplo esa separación da natureza: a natureza son eu, o meu corpo. A cultura é unha tecnoloxía da natureza. A partir de Hordas de escritura [2008] este tema aparece moi frecuentemente na miña obra.”
A poeta e padroeira da Fundación Euseino?tamén fala do papel desta institución independente no panorama cultural galego:
“Euseino? non é só unha editorial, senón un proxecto de intervención cultural creo que da máxima importancia para a cultura galega.”
♦
Pola súa banda, Inma Otero, na súa recensión “Milfollas para vinte anos”, salienta as características da Edición do Vixésimo Aniversario de m-Talá:
“o estimulante que resulta a lectura con perspectiva das variantes, das características formais das diferentes edicións do poemario e dos estudos críticos que dan conta do impacto que obtivo o libro cando apareceu no ano 2000”.
O artigo continúa cunha interpretación do poemario de Chus Pato desde unha suxerente poética da crueldade, onde a crueldade sería unha metáfora da materia e, en última instancia, do Caos que esta implica e das posibilidades que, contra unha determinación transcendente, o Caos (na filosofía de Quentin Meillassoux, por exemplo) abre á xustiza:
“Tense dito que a súa obra é críptica, seguramente pola exuberancia. É rica en referencias culturais e en intensidade. E a dificultade está en conseguir que o intelectual non obstrúa a rabia, o sanguíneo, o sádico. Prodúcese unha evisceración lacerante, tamén do cerebro, que se ofrece crúa no poema.”
Relación entre materia e poema que entendemos asenta este último como cousa. De tal xeito que a produción, a poiese, non quedaría determinada pola súa orixe autorial centrada no suxeito:
“Non é un tránsito lingüístico. O poema aséntase e desde os seus alicerces mestizos só pode ser contemporáneo. […] Porque a posición do suxeito poscatastrófico xa non é central. Tampouco a do suxeito que se agoche detrás de enunciación (de aí a multifrenia) […]”
Unha lectura ben suxerente que propón unha recepción de m-Talá desde fóra dos círculos da cultura referencial e humanista do modernismo.