“O tempo e a forma no antropoceno”, por Óscar Pazos

Transformación da materia e manifestación aparencial

O xeólogo e ensaísta Óscar Pazos volve facer neste artigo, coma antes en Tempo inerte, unha reflexión fundamental na que a ollada científica pon de manifesto a súa relación co senso metafísico. Substancia e aparencia non son necesariamente contrarios, os minerais revelan a correspondencia perfecta entre estas dúas categorías aparentemente opostas. A aparencia material reproduce o íntimo artellamento molecular dos minerais. Nesa absoluta correspondencia do hábito externo coa súa natureza íntima, atopamos un xeito de honestidade, de pureza: as calidades formais son ao tempo estruturais, non hai engano. O tempo xeomorfolóxico non se trata dunha superación do pasado senón dunha reelaboración de pasados infinitamente condensados na pura forma do relevo.

“Despois da choiva de primavera”, por László Mednyánszky (1852 – 1919)

Substancia e aspecto

Na xeoloxía as calidades aparentes son substanciais, a forma é constitutiva e o mesmo aspecto definitorio. Ás veces o barallete técnico semella ter a única función de acochar a propia trivialidade e dar carácter esotérico ao evidente. Así, a división fundamental das rochas ígneas entre leucocráticas e melanocráticas non sinala outra cousa que a súa coloración pálida ou escura. Dado que a cor branca ven en xeral determinada pola cantidade de sílice —ou seixo— na composición, que depende da orixe continental ou mantélica dos magmas e, á súa vez, confire propiedades substanciais, coma a alta temperatura de solidificación e viscosidade, a simple tonalidade das rochas ígneas revela unha extraordinaria información sobre a súa xénese e natureza. As cores brancas e luminosas dos granitos galegos infórmannos da súa orixe continental e da súa sobresaturación en sílice, evidente por outra banda nas moreas de seixais en boa parte da nosa terra, mentres que as características cores negras da Macaronesia atlántica, Os Azores, Madeira ou As Canarias, responden á orixe mantélica destes arquipélagos no medio do océano.

            En certo sentido, a calidade do “mineral” residiría na perfecta correspondencia entre aspecto e substancia. Moita da marabilla acotío sentida á vista dos espectaculares poliedros minerais dos museos e coleccións atopámola nesa perfección coa que a aparencia visual reproduce o seu íntimo artellamento molecular. Nesa absoluta correspondencia do hábito externo coa súa natureza íntima, atopamos un xeito de honestidade, de pureza: as calidades formais ao ollo son ao tempo estruturais, non hai engano.

            Tamén os mosaicos dos distintos minerais e o seu artellamento no espazo dan calidades substanciais á rocha no conxunto, do que especificamente se ocupa a petrografía. Textura e fábrica son termos petrográficos para nos referir a esas tramas que conforman a estrutura das rochas conferíndolles as súas particulares propiedades e fisionomía por riba da composición mineral. De feito, a porosidade ou fisuración —é dicir, os baleiros de calquera rocha— determinan boa parte dos seus comportamentos e calidades, de xeito que a medida e descrición das porosidades importa na práctica tanto ou máis que a composición mineral da rocha. Mais hai unha especialidade xeolóxica (disque a menos aplicada de todas) que fai da pura forma o seu campo de estudo: a xeomorfoloxía, e o que a xeomorfoloxía procura no estudo das formas da paisaxe é nin mais nin menos que a historia da Terra, as pegadas e revolucións do tempo no planeta.

Sucesión de sucesos: o actual e o inactual

            A diferenza da aproximación estratigráfica que reconstrúe a historia do planeta atravesando a secuencia de sedimentos e deste modo representa o tempo segundo a —aínda— común representación lineal, coma unha sucesión de sucesos, a mirada xeomorfolóxica enfróntase a un pasado enteiramente condensado na superficie da Terra, todo á vista no presente. Todo o novo e o vello é tan actual coma real na paisaxe. Se cada novo sedimento descansa sobre o vello, agochándoo, na paisaxe o presente aparece moldeado nas formas do pasado, outorgándolle á totalidade unha particular continuidade e significado que é o sentido do presente. O presente, de feito, aparece coma unha representación particular do pasado, inseparable del. Se o tempo estratigráfico amosa unha memoria episódica, de feitos estancos, desartellados, o tempo xeomorfolóxico amósanos unha memoria completa, desorganizada mais integrada e significativa, e moito máis real, realista ou sensitiva. Ao afondarmos no pormenor da paisaxe, en calquera punto, os eidos temporais de cada rocha ou solo concrétanse mais, de feito, acotío perdemos de vista o presente mesmo nesta operación analítica. O que conforma o presente e lle outorga sentido é precisamente aquela particular e significativa configuración do pasado no seu conxunto.

            A falta de substancia, por ser materia aínda en transformación —a sedimentar—, ou en destrución —en erosión—, é característica dos procesos xeomorfolóxicos. O baleiro de materia configura a superficialidade do relevo e dá unidade á paisaxe, impresa sobre materiais e procesos xeolóxicos diacrónicos e dispares. O baleiro funciona como unha discontinuidade que dá aparencia de unidade ao relevo, poñendo á vista materiais e suscesos moi distintos e independentes  nunha mesma superficie. O presente (que sería a paisaxe agora mesmo) é unha aparencia de continuidade sobre o que, materialmente, son cousas diversas (rochas, fallas, formacións, minerais). 

Se cadra a mellor definición desta condición xeomorfolóxica do presente a atopamos no nome que a Física astronómica dá ao límite no que luz e tempo son definitivamente atrapados polo sorbedoiro gravitacional dun burato negro e o condensan cara a el: o horizonte de sucesos. A paisaxe presente amósase como un horizonte de sucesos xeolóxicos, algúns en marcha, outros de feito rematados hai moito tempo mais que abrollan no presente coma palimpsestos. Mesmo formando un revoltallo un tanto caótico, a paisaxe do presente dá continuidade a estes pasados relevando uns procesos e suavizando outros, tendo unha función todos eles no momento actual.

Axente xeolóxico externo

            Arestora o presente da humanidade ven definido polo antropoceno, tempo dunhas  comunidades humanas convertidas de lonxe no principal axente xeolóxico externo e que afondan aceleradamente as súas intervencións na codia terrestre, de xeito que a acción humana configura hoxe o presente do propio planeta. No antropoceno, os procesos humanos son tamén xeolóxicos e, abofé, os procesos xeolóxicos viran humanos; as diferenzas esboróanse. Se a proliferación de sufixos temporais como neocolonialismo, tardocapitalismo, posfordismo, neoliberalismo, posmodernismo ou mesmo retrofuturismo nos informa da actual urxencia por redefinir os procesos humanos en función das condicións deste presente planetario globalizado, a amplitude da urxencia sinala tamén a necesidade de renovación epocal: o propio tempo precisa ser anovado. Nesta esixencia, atopo a temporalidade xeomorfolóxica moito máis adaptada a este novo presente do antropoceno que a vella temporalidade estratigráfica, secuencial, de progreso lineal, modernizador.

            O tempo segue seu devir, secasí o porvir non é a novidade senón reformulación do vello, do xa visto. No tempo xeomorfolóxico non hai progreso, os procesos son cíclicos: o planeta está a anovarse e ao tempo a avellentar. A espallada sensación de fin-da-historia resultaría desta mudanza de orde cósmica dende o tempo lineal, evolutivo, ao presente condensado, continuo, amplo, de reformulación do vello. Abofé, na nosa altura vivimos o paso dun tempo ao outro cun desacougo existencial por esa falta xeral de futuro mais cada orde temporal ven acompañada dos xuízos de valor que lle son propios e, se a teleoloxía do progreso atopou na liña da evolución unha potencia emancipadora, o tempo xeomorfolóxico dota o presente de fortes raíces. Renunciando a puxar da historia asistimos a un rexurdir da xeografía. Abofé, non é o caso de voltar aos determinismos xeográficos de hai un ou dous séculos —aínda que discursos coma os do norteamericano Robert Kaplan en The Revenge of Geography (“A vinganza da xeografía”) sexan sintomáticos— senón de ser conscientes da relevancia desas memorias formais na fábrica social, memorias que de xeito ocasional ou recorrente aparecen rexurdir coma palimpsestos sinalando a sombra das vellas institucións sociais e políticas, manifestándose nas novas. A resistencia e consistencia deses sutís gradientes xeográficos das estatísticas educativas, sociais, económicas ou mesmo electorais actuais que reproducen fronteiras de imperios desaparecidos hai séculos, ou da práctica da escravitude, ou do réxime da propiedade, amosan as vellas memorias políticas, económicas e institucionais actuando a través das novas. 

             Na mirada xeomorfolóxica, a paisaxe xa non aparece coma unha superación do pasado senón como unha reelaboración de pasados infinitamente condensados na pura forma do relevo. Fronte á orde estratigráfica de cada tempo novo construído con independencia dos pasados que sepulta, a paisaxe incorpora o novo e o vello no límite das formas. Mais a forma acumula dun xeito moi distinto do que a materia; e disque esta visión achega unha nova transcendencia. O pasado xa non vén dado por materialidades mortas, litificadas, senón que aparece nas formas incorporadas, reproducidas; tratamos hoxe con memorias topolóxicas, inmateriais.

            E velaquí a última cuestión a apuntar sobre este novo tempo condensado do antropoceno: a relación entre a forma e os límites. Porque os límites son as formas da materia no seu colapso. E efectivamente, o antropoceno é un mundo chegado aos seus límites materiais e no que o devir das formas se volve substancial.

“Tempo inerte “, por Óscar Pazos

A transformación da materia na medición temporal

O xeólogo e ensaísta Óscar Pazos fai neste artigo unha achega singular e nada habitual ao estudo do tempo na materia inerte. Ao analizar o método de medición da Fission-Track, adéntrase na maneira en que o tempo se inscribe na materia e en como ese rexistro das transformacións inflúe e acaba por determinar a representación temporal humana.

Sen título, por Hilma af Klint

Tempo material e tempo absoluto

Transitamos un mundo en crise, no que todo pode ser cuestionado e no que todo, por tanto, hai que reflexionar sobre todas as cousas. Na altura actual desta fonda crise descartiana, na que a dúbida e a reflexión asentan como ferramentas para reconstruír a realide sensible —quer dicir, o experimentado—, tócalle ao tempo constituirse en obxecto de reflexión sobre o que reacomodar a nosa percepción. De certo, modificar o calendario, medir a marcha dos astros e andar nas cuestións do devir e o porvir foron de sempre a prerrogativa do poder máximo, pois regular os tempos vividos, determinar o compás do día a día, ordenar os ciclos sociais, produtivos, económicos, reprodutivos, son a materia sobre a que opera o poder e que dun xeito básico se pode exemplificar nos actos esenciais de dar principio e fin á vida. Por tanto, alén do alcance teórico e práctico das moitas tentativas actuais de definir ou imaxinar experiencias e sensibilidades diferentes ao hexemónico tempo-valor operado nas relacións capitalistas, non cabe negar a profunda ambición política destes cuestionamentos, o seu carácter subversivo e, tentativamente, emacipador.

A través da experiencia xeolóxica do tempo nas rochas, neste artigo pretendo explorar as relacións entre o suposto inerte —o material— co tempo e, a partir destas, reflexionar sobre a experiencia dun tempo absoluto e a súa falta de significado.

Aínda lembro ben a miña perplexidade cando, de estudante, enfrontaba as realidades temporais dun afloramento calquera e o que representaba na reconstrución da Historia do planeta. Poñámonos (por concretar) fronte a unha capa de metro e medio de espesor, unha arenisca Triásico Inferior cunha forte laminación cruzada correspondente a un nivel de praia, disque unha barra areosa dun gran edificio deltaico. Esta sección, coa súa característica laminación cruzada, podía representar na secuencia temporal un periodo de centenas de miles, ou mesmo millóns, de anos mais de feito aquela barra en concreto puidera ter sido construída nun so ano, seica nunha soa borrasca. Así que o que alí enfrontábamos, memorizada na rocha, era apenas un único evento dun suceso repetido nun sen número de ocasións naquela beiramar Triásica Inferior.

Coma o río heraclitiano, sempre distinto e sempre o mesmo río, o que alí interpretabamos naquel afloramento concreto era a lembranza dun suceso repetido nun proceso cíclico de destrución e construción: a beiramar e o incesante bater das ondas que formaban e reformaban a praia, erosionando e sedimentando areas sen parar. De feito, o que permitira a conservación final daquel areal concreto fora a desaparición da beiramar naquel punto —e por tanto da praia mesma— seica por un cambio no nivel do mar ou polo desprazamento da liña de costa tras do recheo do delta con novos sedimentos. Fose como fose, a sección concreta que mirabamos non era outra cousa que un instante da vida extensa da praia, un particular amoreaento de areas conservadas polo azar na secuencia sedimentaria e litificado durante millóns de anos para ser exposto ante nós, formando parte agora do cordal Cantábrico. Algunhas estimacións consideran que a Terra conserva apenas o dez por cento do rexistro xeolóxico sedimentario mais todo ese rexistro é de seu unha caótica colección de sucesos e eventos moi parciais dun gran proceso de construción, destrución e reconstrución continua.

A Historia Xeolóxica escríbese coma un discurso unificado no temporal mais é un discurso feito a partir de retallos moi parciais, retallos que ademáis chegan até nós moi alterados no propio paso do tempo. De seu, a temporalidade é unha experiencia inexorable da materia ao constiruír a memoria dos sucesos vellos o corpo onde os novos acontecementos poden ter lugar. Isto é un coñecemento evidente en Xeoloxía, dado que o evidente carácter finito da masa terrestre obriga a unha reciclaxe continua de elementos, minerais, gases, sedimentos, fluídos ou rochas. Os chamados ciclos xeolóxicos da auga ou do carbono son os exemplos máis coñecidos desta reciclaxe. Así e todo, foi cando me aprenderon a técnica de datación da Fission-Track cando experimentei de modo pleno esta inexorabilidade do tempo para a materia.

Fission-Track, técnica de datación

A Fission-Track é unha técnica de datación sutilísima que conta as crebas minúsculas —na medida de nanómetros e micrómetros— producidas nos cristais de cuarzo polos neutróns escapados na fisión dos isótopos radiativos de uranio. O cuarzo non ten uranio mais si algúns minerais accesorios e minoritarios —como os circóns ou as epídotas— que están presentes no granito e outras rochas ígneas. Dese xeito, a estrutura cristalina destes cuarzos vai quedando marcada por finísimas rascadelas producidas no escape dos neutróns que, como as nosas enrugas na face, son experiencia do tempo vivido.

Nada material permanece sen mudar. As rochas más resistentes modifican as súas propiedades, os minerais cambian, altéranse as redes cristalinas. De xeito común, estes cambios en minerais e rochas son atribuídos a cambios nas condicións ambientais, de presión, temperatura, etc., no suposto teórico que se estas condicións ambientais fosen inmutables, a rocha ou o mineral permanecería igual a si mesma como cousa inerte que é. Porén, a descomposición dos isótopos radiativos ou as fission-tracks que a rocha provoca son a manifestación de que as condicións inmutables son unha ilusión. O tempo ten uns efectos concretos e medibles na materia, produce transformacións experimentables, sensibles e, por tanto, cambia a súa natureza. O inerte absoluto, a condición da materia pura intemporal, non existe. Non hai materia imperecedoira e non hai memoria inmutable no tempo. O perfecto-inerte é alleo á materialidade e á experiencia. A memoria fiel e eterna pertence ao mundo das ideas.

O relevante da Fission-track é a súa estreita relación coa experiencia do tempo  máis neta e directa de que dispón a nosa civilización tecnolóxica: a medida do decaimento das series isotópicas do uranio coa que construímos o noso modelo de reloxo universal. Mais a Fission-track tamén conxuga elementos espectaculares que convirten a técnica nunha metáfora moi expresiva: as tecnoloxías que permiten as medidas dos fission traks son sofisticadísimas, os procesos envoltos están nos límites do microscópico e case que do comprensible para o común de nós, ligando o subatómico ao macro-molecular, e o físico-cuántico ao cristalino; porén o efecto do bombardeo de neutróns nas redes cristalinas resúltanos estranamente familiar, pois as imaxes microscópicas dos cristais de cuarzo adoitan a forma de rañaduras nun vídrio común. O proceso temporal queda pois exposto nunha imaxe ben corrente, a do vaso ou os lentes deslucidos e escurecidos polo paso simple do tempo, mesmo sen ter sido usados.

A Fission-Track inclúese nas técnicas de medición absoluta do tempo xeolóxico mais sempre que o cristal de cuarzo funcione como un receptor impresionable de radiación, coma quen di unha película de revelado. É unha experiencia indirecta e, por tanto, dobre pois coa medida do tempo informa das condicións do propio rexistro. Dese xeito a Fission-Track tamén expresa ben o caracter activo —participativo— co que a materia experimenta o tempo, unha experiencia significativa en tanto rexeita precisamente a idea de inerte ou pasivo absoluto da materia mineral. Os cristais de cuarzo —e outros minerais— só gardan memoria permanente do paso dos neutróns por baixo dunha determinada temperatura pois, por riba desa temperatura, calquera efecto ou “dano” do paso dos neutróns ha ser inmediatamente reparado, dado que a rede cristalina ten enerxía abonda para recompoñerse.

Os fission tracks non só son usados como medida temporal, permiten reconstruír a historia térmica das rochas, é dicir, que permiten escribir unha historia xeolóxica xa que gardan memoria de eventos ou sucesos temporais, neste caso aumentos e baixadas de temperaturas en ambientes magmáticos, hidrotermais, etc.

Entre os cuarzos, ou en forma de inclusións dentro deles, están as epídotas e circóns cos isótopos de uranio en proporcións que debemos coñecer para medir os tempos das rochas. En tanto que a transformación duns isótopos noutros ten lugar de modo estatisticamente regular nun amplísimo rango de condicións, a nosa civilización asimilou este proceso —regular e relativamente autónomo no rango de condicións terrestres— ao reloxo perfecto, universal, confirmando nestas medidas o prexuizo dun tempo absoluto e teleolóxico que transcorre insensible á experiencia e á materia, un tempo áureo e patrón, un tempo de valor fixo e eterno.

Creación ou destrución da materia

A práctica real das técnicas de datación isotópicas están cheas de limitacións no que se refire ás características das mostras para medir, a efectividade e precisión das medidas ou os rangos temporais no que cada técnica é viable. Ao meu entender, o fundamental para darlles sentido a esas medidas —disque absolutas— debémolas insertar nun horizonte de sucesos no que cada medida teña significado e sentido, é dicir, debemos inserilas nunha cronoloxía, converter os tempos absolutos en datacións de sucesos, inscribir os transcursos en horizontes temporais que nos leven dun a outro suceso significativo, sucesos definidos en actos de creación ou destrucción da materia. Nas datacións por isótopos radioactivos, o suceso inicial é a creación do mineral que encerrou a materia radioactiva, sendo o momento final* o propio acto de medir, é dicir, o noso presente no que a materialidade é o tempo se funden nun continuo sensitivo.

As experiencias puras do tempo son insignificantes en tanto carecen doutra memoria que non sexa un transcurso sen rumo. Non hai experiencia dun tempo que poida ser contada de seu e para si mesma, fóra da materia que experimenta. O tempo absoluto é un abstracto sen suceso, sen historia, carente de cronoloxía, unha experiencia insignificante, unha quimera. Fóra do sensible o tempo carece de orde, de estrutura calquera. O feito de datar da significado e valor ao tempo ligándoo á creación e a destrución da materia.


* Penso que, de xeito significativo, as medidas de C14 refírense ao ano 1950, ano en que o equilibrio isotópico atmosférico referencial foi destruído polas explosións atómicas humanas. Ao transformar a atmosfera, a destrución atómica pechou un tempo vello e abriu un novo, de maneira que hoxe moitos ambientalistas consideran a data de 1950 como o inicio dunha nova era: o Antropoceno.

A fascinante complexidade da filosofía

Publícase “A orde dos obxectos”, de Mario Losada

Acaba de saír do prelo na colección Casabranca o novo libro de Mario Losada. A orde dos obxectos é un libro fóra do común, un libro escrito con conceptos. Partindo das ideas, leva a unha concreción absoluta, polo que require un xeito de ler diferente. Coma se se puidese ler unha mesa, ou ler o tempo.

Neste libro, a orde enténdese dun xeito dinámico, recuperándose así o senso primario do devir e da tempora­lidade. Seguindo a filosofía de A. N. Whitehead, Mario Losada estuda e analiza a emerxencia dos modos de ordenar o mundo. Os obxectos e as súas relacións pódense estabilizar, estender e decaer. A realidade concíbese como un proceso rítmico.

No tempo, o pasado acumulado é unha multiplicidade das entidades xa realizadas que se sintetiza nun proceso polo que devén unha unidade de experiencia. ¿Como se articula o devir? Na apropiación subxectiva de todo o pasado como obxecto.

O universo da obra excepcional de A. N. Whitehead desprégase nas mans dos lectores exposto de xeito sintético por un filósofo galego que o contrasta coa obra doutro dos pensadores fundamentais do noso tempo: Quentin Meillassoux. Un libro ao que cómpre achegarse coma quen contempla por primeira vez a realidade.

Inclúe un breve “Vocabulario de Whitehead” no que se explican os conceptos e termos máis importantes dunha obra filosófica senlleira.

O seu efecto no lector: cando se apreixa o significado, o contido parece adoptar unha presenza independente na páxina impresa, algo case palpable.

“Dialogues of Alfred North Whitehead recorded by Lucien Price”

Consiga o seu exemplar:

Compra con tarxeta

Subscritores e estranxeiro
(gastos de envío gratuítos para quen estea subscrito ou se subscriba á Carta de Información)

Nas librerías

Publícase “O presente especioso”, de Mario Losada

Novo número de Anotacións sobre literatura e filosofía

No número 25 de Anotacións publicamos “O presente especioso”, un artigo de Mario Losada no que se leva a cabo unha aproximación á obra de William James, o filósofo irmán do novelista Henry James. A percepción do tempo é unha das cuestións principais da existencia dos seres humanos e concentrou gran parte da atención e dos esforzos dos pensadores desde os inicios da filosofía. Neste artigo, Losada achéganos á idea do presente especioso, ou “presente enganoso”, e á relación entre tempo, consciencia e representación.

Mediante unha penetrante análise da experiencia do tempo descrita por William James nun dos capítulos dos seus Principles of Psicology, o artigo parte da distinción entre presente da consciencia e presente puntual do tempo abstracto. Segundo Losada, James confrontou ambos os presentes sobre a base dunha caracterización do ­presente da consciencia como “presente especioso”. ­

“Segundo a primeira, dominada pola imaxe da secuencia de obxectos, o presente da consciencia estaría constituído por ‘bloques de duración’ nos que se asenta a continuidade do fluxo de consciencia. Na segunda, ilustrada na imaxe da liña, afirma que eses “bloques” fenoménicos teñen lugar en momentos instantáneos do ‘fluxo temporal real’. Segundo esta última imaxe, a duración presente da consciencia sería relativa a un modo de representación das relacións temporais do propio fluxo, representación que sería ela mesma instantánea.”

No artigo analízase a tensión entre estas dúas interpretacións e arguméntase que cada unha delas está vinculada a unha perspectiva sobre o presente especioso. Cando James se limita á descrición do efectivamente dado na consciencia, favorécese a idea de que o fluxo de consciencia se compón de bloques de duración. Cando o integra no marco máis amplo dos vínculos causais e da función representativa da percepción, gaña peso a inscrición do presente fenoménico en instantes sen duración.

A expresión “presente especioso” ou “presente enganoso” designa o presente psicolóxico ou fenoménico do fluxo de consciencia. O adxectivo “especioso” fai fincapé no feito de que o que se dá como presente na percepción do mundo externo non é o que parece. Os eventos e obxectos externos son percibidos coma se fosen simultáneos entre si e á experiencia perceptiva. O “engano” do presente especioso ten que ver co desfasamento temporal que hai entre o momento da emisión dun sinal e a produción da súa percepción consciente.

O artigo de Mario Losada, despois dunha descrición fenomenolóxica do presente especioso, céntrase nese tipo de presente como modo de representación. É importante salientar que toda a análise realizada por Losada ten unha conclusión implícita, a de amosar como a representación do tempo exerce unha mediación entre consciencia e mundo, ata o punto de situar esa correlación na orixe da ambigüidade do tempo como dimensión vencellada á experiencia. Dese xeito, ábrese a posibilidade de pensar no tempo como algo alleo á consciencia e máis propio da materia.  Desde este número de Anotacións sobre literatura e filosofía se cadra xa se pode albiscar ese tempo do ancestral, o tempo da materia, no que a consciencia humana está inmersa mais que esa consciencia, na súa relación co mundo, aínda non é quen de apreixar.

Publicación sen periodicidade fixa, en formato PDF, a Anotacións sobre literatura e filosofía pódese acceder de balde.

Para descargar gratuitamente o artigo de Mario Losada en formato PDF, calque sobre a ligazón seguinte:

“O presente especioso”

 

 

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave