Publícase “Do algo”, de Tristan Garcia

Novo número de Anotacións sobre literatura e filosofía

No número 21-22 de Anotacións publicamos Do algo, de Tristan Garcia. Neste ensaio, o narrador e filósofo francés realiza unha exposición sintética da súa orixinal obra filosófica, unha das máis importantes do pensamento europeo actual.

Número duplo que inclúe íntegro un dos ensaios fundamentais da filosofía contemporánea, no que Tristan Garcia desenvolve o primeiro principio da súa ontoloxía plana: deixar que todas as cousas o sexan de igual xeito, concibir o “algo” como o ser máis feble que poida ser concibido. O interese dunha ontoloxía coma esa é permitir elaborar unha metafísica para deixar atrás o construtivismo e o relativismo da tardomodernidade, unha metafísica que permita á vez a orde dos obxectos e impida a súa absolutización.

“Propoño, daquela, unha ontoloxía e unha metafísica nin clásica nin moderna, tampouco posmoderna, que reclasifique os obxectos sen xerarquizalos en absoluto, que abstraia as cousas sen deixar que varíen unhas en relación coas outras: non son absolutista, tampouco relativista. Tento facer xogar, mediante o pensamento, a planitude das cousas contra a orde dos obxectos e a orde dos obxectos contra a planitude das cousas.”

Interésalle a Garcia levar ata o final a liberalidade e o igualitarismo ontolóxicos latentes na época moderna. A súa proposta, como parte do que denomina as ontoloxías liberais, entre as que sitúa os neomeinonxianos, a OOO de Graham Harman, o realismo modal e tamén o hipercaos de Quentin Meillassoux, consiste en levantar acta do fracaso da concepción dun ser máximo, dun ser tan forte que incluiría a súa propia negación, para poder rexeitar así a renuncia moderna.

“A ontoloxía é un xogo colectivo dos seres pensantes pola cal se realiza unha impulsión liberal —no senso da “liberalidade”, da xenerosidade, e non do liberalismo político— que nos leva a deixar ser igualmente todo o que se presente, a abrir o posible ata o punto no que rache. Igual que se fan en física as probas de fluidificación dos materiais, para probar a súa elasticidade, a ontoloxía efectúa probas de fluidificación sobre o posible levando así á concepción dun maximum do posible mediante a concepción dunha cousa mínima.” (“L’être le plus faible possible”, Multitudes, vol. 65, no. 4, 2016, pp. 42-50).

O ensaio de Tristan Garcia que incluímos neste número duplo de Anotacións sobre literatura e filosofía continúa despois desenvolvendo unha “operación de desdeterminación máxima da existencia” para, como remate, expoñer as ideas da soidade ontolóxica e do pensar dobre.

Publicación sen periodicidade fixa, en formato PDF, a Anotacións sobre literatura e filosofía pódese acceder de balde.

Para descargar gratuitamente o artigo de Tristan Garcia en formato PDF, calque sobre a ligazón seguinte:

Do algo

 

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

Revisión do ano 2019

Ao comezar 2020, propoñemos unha selección do publicado en euseino.org durante o ano pasado. Trátase de revisitar artigos e temas, lembrar o que quedou pendente de ler e ofrecer a quen le a posibilidade de relacionar asuntos, trazar puntos e liñas de coincidencia, considerar o publicado coa perspectiva acumulativa que a súa mesma lectura fornece.

[Os artigos pódense ler completos ao calcar no seu título ou na ligazón co rubro “Siga a ler”.]

 

“Pompa de xabón”, por M. Rapine, a partir dunha imaxe de Alexandre-Blaise Desgoffe; prancha VI de “Le monde physique” (1882)

 

Febreiro

Lica, un personaxe fractal

A opinión do matemático Xavier Martínez Torres

O álbum ilustrado Lica, de Beatriz Fraga, un ano despois da súa publicación e logo dunha segunda edición, continúa a suscitar lecturas variadas e plurais de diferentes lectoras e lectores. Chéganos arestora a opinión de Xavier Martínez Torres, doutor en Enxeñería pola Universidade de Vigo, formado na Universidade de Santiago de Compostela na especialidade de Matemática aplicada e actualmente profesor na Escola de Enxeñería e Tecnoloxía e titor da UNED no CA de Pontevedra. A pregunta que se fai o profesor Martínez Torres ao abrir o libro é ¿como o ler,  desde que punto de vista? ¿Desde que nivel de abstracción? ¿Desde que nivel de profundidade?

[Siga a ler]

A ficción ficticia

Consideracións intempestivas sobre a novela

O ficticio na novela non é a propia ficción. A novela é un tipo de representación e, como tal, non ten obriga ningunha de acceder á verdade. Mais existe como tal representación, logo é real.

Como obxecto que representa. Ese é o senso no que a ficción narrativa é real. Non como presenza encarnada dunha verdade senón todo o contrario. Por iso, a ficción ha de ser unha presenza adiada. A representación non require presenza, de aí que permita a acción da reflexión, a distancia do lector, daquel que “recolle” e “escolle”. A ficción representada é o obxecto real da novela, non o é a verdade. Mais, ¿pode haber novelas falsas, ficcións que nos queiran engaiolar facéndose pasar por novelas auténticas?

Neste artigo pretendemos reflexionar sobre esa ficción ficticia. ¿É a daquelas novelas que se someten á verdade, a daquelas que cuestionan a súa realidade ao someterse á historiografía? ¿A das que se deixan asoballar pola actualidade para procurar convencer? ¿Ou é a daqueloutras que explican a vida de quen as escribe, que nos transmiten a súa maneira de percibir e entender o mundo? ¿A novela ha de ser a narración dunha experiencia ou algo absurdo e fantástico sen aspiración de recrear a realidade? ¿Debe ser a ficción un medio de acceder ao mundo ou unha maneira máis de transmitir unha verdade? ¿Cal é o papel do novelista, debe ser o dunha testemuña fiel ou pode finxir, enganar e seducir con tal de conseguir os seus fins? ¿Cales son estes? ¿Cal é a ficción real, cal a ficticia?

[Siga a ler]

 

Marzo

“Os obxectos eternos”, por Mario Losada

Arte e literatura no reino dos obxectos eternos

Publicamos a seguir un artigo de Mario Losada, filósofo que continúa o maxisterio de A. N. Whitehead e a súa filosofía do proceso, unha das obras do século XX actualmente máis influentes. Este artigo de Mario Losada é un adianto do que vai ser o seu libro “A orde dos obxectos”, que imos publicar o outono próximo na colección Casabranca. Losada centra a súa argumentación nos “obxectos eternos” de Whitehead, que son una versión dos universais adaptada á primacía metafísica do evento. A arte, a literatura e a crítica aos ideais van máis alá do efectivamente realizado para introducirse nas potencialidades non realizadas no “reino dos obxectos eternos”. Non se trata dun acceso puro xa que tales formas de experiencia forman parte de eventos concretos en contornas concretas, o que as condiciona como elementos de actividades sintéticas en proceso de determinación. A arte, a literatura e a crítica son “suxestións alternativas” ao efectivamente realizado, o seu punto de apoio é a actualidade, constrúense por referencia a ela. Son unha posibilidade realizada que se determina positivamente por referencia á totalidade das potencialidades non realizadas.

[Siga a ler]

“Do ‘novum’ e da novela”, por Roberto Abuín

En diálogo co publicado aquí mesmo en “A ficción ficticia”, neste artigo que reproducimos a seguir, Roberto Abuín propón unha reflexión filosófica arredor do asunto da novela, da articulación de tempo, actualidade e representación no discurso narrativo. A novela como forma do mundo que xorde dunha intención representable na que se simula, como nun reflexo —espello ao longo do camiño tal e como o colocaba Stendhal—, o presente. Un presente que o é dun suxeito e, consecuentemente, dalguén que o representa con engado. O que postula Abuín neste artigo polemiza, ao cabo, coa proposta do artigo citado máis arriba, artellada arredor dunha ficción real, reificada, producida como inscrición e fixación. Por unha banda, a vida representada, a ficción real, como posibilidade de vida e, pola outra, o acontecemento que foxe da fixación da representación e vai cara á destrución dos xéneros literarios. Nesa diverxencia elabórase o diálogo filosófico que xorde destes dous artigos e se cadra tamén se podería elaborar a representación narrativa. Sen a necesidade de fuxir eternamente do consenso mais tamén sen a seguridade permanente dunha verdade que non é tal: a da ficción ficticia. Agora, last but not least, agardamos pola opinión dos novelistas.

[Siga a ler]

 

Abril

Tonas, obxectos e personaxes

Xabier Viana escribe sobre “Mondas”

Na páxina Web conminúscula.com publícase un artigo sobre Mondas, de Din Matamoro e María Infantes, acompañado dun vídeo sobre o libro. Desde euseino.org queremos salientar esta achega singular de Xabier Viana e a súa interesante análise do álbum ilustrado publicado na serie Onocrótalo.

[Siga a ler]

 

Xullo

Apuntamentos sobre a beleza

Continxencia e sublimidade

O punto de vista estético é esencial para artellar esta argumentación. Iso débese ás implicacións cognitivas das ideas de beleza e sublimidade. Non se trata dun esteticismo vacuo nin dun sublime transcendente senón do recoñecemento da continxencia como único absoluto, dado que o sublime corresponde á posición dese recoñecemento.

O sublime, como apuntamos no seu día no artigo Xustificación estética da vida, é o que lles fai lembrar aos seres humanos a posibilidade de seren destruídos e, polo tanto, o que lles fai tomar unha posición con respecto á continxencia. O triunfo da Idade Moderna, que se comenzou a anunciar co Idealismo, significa a conclusión dun labor que ten como obxectivo facer o sublime accesible ao ser humano común.

[Naturphilosophie: ¿é posible un idealismo obxectivo?]

Apolo

A historia da arte é a historia da descuberta da súa esencia verdadeira e, nese constructo, Apolo representa o cumio da arte grega, non soamente como expresión da beleza senón como expresión perfecta da liberdade. Winckelmann emprega o mito grego para elaborar un mito moderno. A liberdade na que se alicerza o pacto social da Idade Moderna sería o equivalente á perfección da beleza e do equilibrio apolíneos. Este vencello determina, polo tanto, a preferencia dos estudosos clásicos modernos por Apolo e a súa oposición a Dionisio.

[Un mito moderno: apolíneo e dionisíaco]

[Siga a ler]

 

Agosto

Máis apuntamentos sobre a beleza

[Continuación do artigo “Apuntamentos sobre a beleza” (8-VII-2019), desta volta centrado na repetición e na representación como medios de acceso á beleza.]

 

O ideal

[…] De aí que o fracaso se vencelle co progreso pois o primeiro, ao non cumprir a acción totalmente, ao non acabala, abre a posibilidade da repetición tal como Kierkegaard a entendía, como a asunción do fracaso do actual e a súa conseguinte perda no tempo, ou fixación do virtual nunha representación.

[Siga a ler]

 

Setembro

Mario Regueira escribe sobre “A monstruosidade moderna”

Na edición impresa do semanario Sermos Galiza con data 12-9-19, o crítico literario, poeta e narrador Mario Regueira escribe unha recensión da Monstruosidade moderna, o libro de Carlos Lema recentemente publicado na colección Casabranca. O artigo comeza dedicándolle unhas liñas ao labor editorial de Euseino? para centrarse logo na análise da obra.

[…] cun estilo esixente, á altura do tema e do enfoque escollido, Lema ocúpase da figura do artista na modernidade, marcado particularmente pola mudanza de concepto en canto á produción de obras. Moi relacionado con isto, especialmente a través das reflexións sobre a loucura, pero desde un ángulo diferente, a segunda parte do libro fálanos da relación entre a poesía e o discurso infantil […]

[Siga a ler]

 

Outubro

Chus Pato: sobre o estado da poesía

Publicamos de seguido o discurso lido pola poeta Chus Pato nos XXXV Encontros de Escritores e Críticos convovados baixo o título “O estado das poesías IV (2005-2019)” e celebrados os días 12 e 13 de setembro de 2019 na Casa de Verines (Llanes, Asturias).

Chus Pato —baixo a advocación de Hölderlin— achégase á condición na que se dá a poesía, guíanos polo estado (ou os estados) da poesía. A poeta conta como Petrarca ascendeu ao cume do monte Ventoso levando as Confesións de Agostiño de Hipona (véxase tamén “Pensar a literatura, 3”) e, despois desa experiencia, descendeu para atopar o poema.

Neste discurso —lembremos o discurso “O Meridiano”, de Paul Celan—, Chus Pato entreabre a porta do poema para chegar á conclusión de que “ese paseo polos cumes, as montañas e as escrituras lévanos a soster que o natal, para un poeta, é unha escritura; que o que nace a un ou a unha poeta —o seu suxeito— é un poema ao que il ou ela ceden a súa sinatura”. Os estados da poesía levan a un poema “perdido, inmemorial, limitado e atravesado polo informe, como unha respiración”.

[Siga a ler]

 

Novembro

¿Antifilósofos?

Filosofía popular –ou mundana— fronte a filosofía de escola —ou sistemática

Hai filósofos modernos que se poderían describir como antifilósofos. Os antifilósofos non son simplemente aqueles que desconfían da filosofía senón pensadores que non están satisfeitos co estilo de filosofar dominante na súa época. Algúns, coma Soren Kierkegaard, de Dinamarca, son de nacións periféricas; outros son filósofos e literatos, coma Jean-Paul Sartre, e outros, coma Friedrich Nietzsche, renegaron do ensino académico […]

[Siga a ler]

 

Decembro

X. M. Eyré escribe sobre “A monstruosidade moderna”

O crítico literario Xosé Manuel Eyré acaba de publicar unha recensión de A monstruosidade moderna, de Carlos Lema, no seu blogue Ferradura en Tránsito II. Co título de Aproximación á Monstruosidade moderna ou o espello á fronte, Eyré comeza o artigo coa seguinte puntualización:

“A risco de non ser exhaustivo mais si fiel ao meu interese lector, en A monstruosidade moderna atopo dous núcleos temáticos que para min son de sumo interese: a concepción do artista moderno, na primeira parte do libro, e a emancipación da muller por medio da cultura, na terceira parte. Iso non quere dicir que a segunda parte ( a representación a través da poesía, da infancia e da alma) ou a conclusión ( onde a pólis moderna xa non se articula directamente sobre o cidadán senón a partir das súas decisións sobre a representación) fiquen relegadas ou me merezan menos consideración. Só que, como crítico literario que son, é lóxico que as outras dúas me interesen máis.”

[Siga a ler]

 

[Pode acceder ao resto dos artigos en “Arquivo”, na parte inferior desta páxina web. Recomendamos tamén un tipo de consulta diferente, empregando para iso as “Etiquetas” situadas tamén ao pé da páxina. Grazas pola súa lectura.]

 

SaveSave

SaveSave

SaveSave