Caleidoscopio dos contos, 15

Un gran dominio das cores complementarias: entre o vermello e o azul, aparece o púrpura, sen que o branco deixe de estar presente e ilumine a escena, dotándoa de harmonía cromática. Velaí o logro do pintor de ascendencia irlandesa John Anster Fitzgerald (1819-1906), que consegue dotar os seus cadros dunha atmosfera chea de luces e sombras para captar así o interese do espectador.

AdditiveColorMixiing

Mestura aditiva de cores primarias: no centro, o branco e o púrpura.

Mestúranse na obra do pintor, entre flores, paxaros exóticos de longas colas e coloridas plumaxes con insectos e animais da fraga. Eses seres, que se ven mellor no crepúsculo, están vestidos por Fitzgerald cuns traxes etéreos que, grazas ás veladuras, semellan tecidos cunha gasa vaporosa como se de aire solidificado se tratase.

As escenas dos cadros de Fitzgerald rematan ao amencer xa que, como tal, a atmosfera que as envolve deixa albiscar unha luz que ilumina a noite e precede as primeiras raiolas do día. A obra de Shakespeare, as fadas e as lendas forman parte dos temas da súa pintura. Tamén os soños, como unha linguaxe que amplía o territorio do racional para permitir ao ser humano debruzarse no aparentemente inexplicable.

Fairies in a Bird's Nest

Algúns dos seus “dormentes”, coma no cadro de “The Artist´s Dream” ou en “The stuff dreams are made off”, parecen descansar placidamente mentres os seus temores asexan, con formas de pequenos diaños e trasnos, arrededor daqueles que soñan. Lonxe de mostrar unha face temerosa, as “dormentes” parecen deixar libres os seus pesadelos, permitíndolles traspasar a porta do real, para que poidan rexurdir no mundo e liberarse así dos temores.

Inspírase nas obras de distintos pintores, concretamente no “Soño de Hécuba”, de Giulio Romano (1499-1546), fresco do Palacio Ducal de Mantua, no “Soño” de Goya (1746-1828) (National Gallery de Dublín) e no “Pesadelo”, coñecido tamén como “Íncubo”, de Johann Heinrich Füssli (Instituto da Arte de Detroit, outra versión do mesmo cadro, actualmente no Goethes Elternhaus de Frankfurt). Todos estes cadros, igual ca os “dormentes” de Fitzgerald, amosan a presenza do soñador ou soñadora e a visión do soño como parte constituínte do mundo, como unha realidade atinguible pola linguaxe artística, non como un ultramundo transcendente.

John Anster Fitzgerald: harmonía cromática

O pase de diapositivas require JavaScript.

Joseph Noel Paton: momentos da vida dun fauno

O pase de diapositivas require JavaScript.

Richard Dadd (1817-1886)

O pintor Richard Dadd naceu en Chatham, no condado de Kent, Inglaterra, en 1817. Desde neno amosou un gran talento para o debuxo. Aos catorce anos de idade foi instruído polo director da escola de pintura de Chatham, amigo do seu pai, e posteriormente, en 1837, ingresaría na Royal Academy of Arts.

Entre os profesores que ensinaban na Academia e que exerceron gran influencia sobre el atopábanse Daniel Maclise (1806-1870) e Henry Howard (1769-1847). Ambos os dous, igual que Dadd, tratarían nos seus cadros os motivos de fadas e temas da obra de Shakespeare. Xustamente no cadro de Dadd titulado Puck (1840) atópanse claras semellanzas na composición co de Daniel Maclise O fauno e as fadas (1834). Algúns alumnos da Academia formaron unha agrupación denominada The Clique (“a panda”). Integraban esta agrupación Augustus Egg, Alfred Elmore, William Powell Frith, Henry Nelson O´Neil, John Phillip (cuñado de Dadd) e Edward Matthew Ward. Este grupo de pintores compartían unhas ideas comúns: rexeitaban o academicismo en favor dunha pintura de xénero coma a traballada anteriormente polos artistas William Hogarth e David Wilkie. Segundo eles a arte debía de ser xulgada polo público e non pola conformidade dos académicos.

Dadd_-_Fairy_Feller's

Pese a ser coetáneos, algúns dos membros deste grupo declararíanse contrarios á Irmandade Prerrafaelita, agás Augustus Egg, que compartía con William Holman Hunt as ideas sobre a teoría da cor.

Aínda que formaba parte do grupo, Dadd, afeccionado á lectura de Shakespeare e aos libros de Teosofía, inicia a partir de 1841 unha serie de pinturas con motivos de fadas inspirados na obra do dramaturgo, cadros nos que prevalece a fantasía mesturada cos temas góticos e oníricos.

En 1842, Richard Dadd recibe a encarga do entón alcalde de Newport, Sir Thomas Philipp, de acompañalo a unha viaxe polo Oriente. O grand tour, no que visitarían Italia, Grecia e o Oriente supuña unha oportunidade para que Dadd desenvolvese o seu talento. Desta viaxe consérvase correspondencia entre Dadd e Frith e tamén co pintor orientalista David Roberts. Durante a travesía por Exipto, o pintor comeza a amosar síntomas de fatiga e, nunha carta a Frith, Dadd menciona pesadelos e visións nocturnas. Desde Damasco escribe a David Roberts dicíndolle que mil cousas chaman a súa atención pero que todo parece ocorrer de forma irreal.

De volta da súa viaxe, e despois dun grave empeoramento da súa enfermidade, os xornais da época informan sobre o parricidio cometido por un pintor distinguido chamado Richard Dadd, que fuxiu a Francia. Detido e extraditado a Inglaterra, Dadd foi ingresado no Hospital de Bethlem (coñecido tamén como Bedlam), onde permaneceu vinte anos. En 1864 sería transladado a outro hospital, o de Broadmoor, nos arrabaldos de Londres, onde permaneceu ata a súa morte. Pese a todo, Richard Dadd continuou coa súa producción artística. Destacan as trinta e tres acualelas tituladas Sketches to Illustrate the Passions (“Esbozos para a ilustración das paixóns”).

Mentres, o grupo The Clique iría diluíndose como tal tras a doenza do seu fundador.

Indubidablemente, a obra mestra de Dadd, froito de nove anos de traballo, desde 1855 ata 1864, é The Fairy Feller’s Master-Stroke. No cadro, un leñador, de costas a quen contempla a imaxe, disponse a dar un golpe co machado a unha castaña (ou a unha abelá, segundo outras interpretacións). Ao seu redor, nunha acumulación obsesiva, entre margaridas e canaveiras, numerosos personaxes de fábula, con aspecto petrificado, parecen observar a escena esperando que a acción se execute e os devolva á vida.

No capítulo 20 de El mono gramático, Octavio Paz evoca a pintura de Richard Dadd coma se ofrecese unha entrada poético-teórica á experiencia fantástica. Segundo o poeta mexicano, o cadro representa a esencia da experiencia fantástica. Por que? Que é o que o ocorre? Afirma que, para o espectador ou receptor, acontece o mesmo que para o practicante espiritual antes do samadhi (estado de consciencia): a recollida dos esforzos, a dirección das actividades mentais cara un centro ben definido (obxecto de meditación). A espera é a máxima concentración coa axuda dun obxecto simple. “A espera é eterna: anula o tempo; a espera é instantánea, está ao asexo do inminente, daquilo que vai a ocorrer dun momento a outro: acelera o tempo”.

En palabras de Octavio Paz, “Dadd pintou a visión da visión, a mirada que mira”. Poderíase dicir que hai un acto nulo, a espera, onde os pensamentos dos personaxes que forman parte do cadro quedan paralizados. Mentres, na meditación, quen está concentrado en executar a acción  —o leñador— baleira a súa mente buscando o grao cero que se atopa antes dos sucesos.

Dadd escribiu en 1865 un extenso poema para este cadro. Titulouno Elimination of a Picture & its Subject – called the Feller’s Master Stroke. O poema parece referirse a todas as escenas e figuras por separado. Segundo o autor, o cadro é obra da fantasía e sería unha composición baseada en asociacións libres.

“Dilatory, dull, absorbing, rapt
In the sort of a kind of a –
something mapped
While struggling reason roams away
Nor will in such dull fetters stay
But leaves the author out of himself
To make his fame or gain his pelf
If so he may or can –
But to the common mind
The meaning thus, let’s find –
For idle pastime hither led
Fays, gnomes, and elves and suchlike fled
To fix some dubious point to fairies only
Known to exist, or to the lonely
Thoughtful man recluse
Of power a potent spell to loose”

No centro do cadro aparece semioculta unha figura con barba branca e cun sombreiro ou coroa enorme; na súa aba, bailan fadas e trasgos diminutos. Dadd chama a este personaxe “O patriarca”. Xusto debaixo está o leñador, esperando a orde de partir a abelá en dous anacos. As dúas metades, segundo o poema de Dadd, serán empregadas na construcción dunha carroza para a Raíña Mab (alusión á raíña Mab de Romeo e Xulieta). Por riba da figura do “patriarca”, aparecen dous personaxes do Soño dunha noite de San Xoán, Titania e Oberón.

O cadro, segundo Dadd inacabado, foi un agasallo do pintor a un dos seus enfermeiros.