“Decálogo da novela”, por Diego Ameixeiras

 

 

Por proposta de Iván García Campos, que queda ao coidado desta nova sección de euseino.org, continuamos a serie do Decálogo da novela agora coa colaboración de Diego Ameixeiras, ao que han seguir outros e outras novelistas. O autor de A crueldade de abril continúa a reflexión sobre o xénero novelístico e a función que ese tipo de ficción exerce na literatura actual. A relación entre realidade fáctica e realidade ficcional, a transmisión do tempo do escritor ao tempo da narración, a responsabilidade de quen escribe e a súa relación cos que o antecederon no xénero e cos que, como lectores, o seguen en busca desa teoría do inexplicable que é toda novela, son algúns dos asuntos deste novo decálogo.

 

 

Unha teoría do inexplicable

1) Memoria. Unha novela existe grazas á memoria. Todo o que se escribe garda relación co vivido. Cada páxina, aínda que estea disfrazada, é unha crónica tensa da nosa vida. Os desexos aprazados polo paso do tempo, pero vivos no recordo, instigan todo tipo de ficcións.

2) Perplexidade. Unha novela procede dunha organización de materiais (personaxes, espazo, trama) que non difire demasiado do esforzo que supón enfrontarse a unha mudanza. Hai que estar disposto a soportar un alto grao de perplexidade ante ese caos en movemento.

3) Esixencia. A literatura é máis fermosa que a vida. No proceso da escrita é innegociable poñer ao límite o propio corpo.

4) Imposibilidade. Unha novela é o resultado infrutuoso da procura dunha voz. Pode ter aspecto de obra rematada pero apenas toca coa xema dos dedos a identidade de quen a escribe. Pretende ser unha teoría do inexplicable, unha posta ao día do que permanece en sombra. Un intérprete en formación.

5) Razón intuitiva. No desvío a tempo está a solución. Improvisar sobre seguro, coas cartas marcadas, forma parte da súa esencia como organismo en expansión. Quen escribe cun mapa, tamén sabe que hai que chegar a un territorio salvaxe.

6) Pulcritude. Unha novela debe estar en busca e captura polos moralistas do seu tempo. Aspira a reflectir o volume máximo da vida, empequenecendo toda doutrina e ideoloxía. Camiñar á marxe de catecismos, sen máis responsabilidade que un compromiso coa pulcritude do texto.

7) Lexibilidade. Unha novela está obrigada a ser lexible e a non perder de vista que hai un lector que lle ofrece o seu tempo. Non pode permitirse o luxo de aburrir nin pedir esforzos esaxerados. Establece un pacto de precisión e honestidade con quen a sostén nas mans. Debe revelar a complexidade con sinxeleza.

8) Copia orixinal. Unha novela resulta orixinal se saquea sen pudor os tesouros da tradición. Hai que ser brillante na arte de imitar. Os mestres piden ser emulados.

9) Desacougar. Unha novela podería activar o desexo de subverter a personalidade do lector. Se non consegue esas alteracións, polo menos debería ambicionar un par de liñas que conteñan unha pequena dose de sabedoría.

10) Odite auctor. Por poñer palabras aos pensamentos máis inconfesables do lector, unha novela debe provocar odio cara a quen a escribe. Un odio que ao momento se converta en amizade inquebrantable.

 

Decálogos da novela anteriormente publicados

“Realidade e compromiso na ficción narrativa”, por Carlos Lema
“A narrativa como disciplina artística”, por Iván García Campos

Outros artigos sobre a novela en euseino.org

“Do ‘novum’ e da novela”, por Roberto Abuín

“A ficción ficticia”

“A novela, xénero literario moderno”

A posición nihilista: o nihilismo literario”

“A filosofía no obxecto retórico novela-máquina”

“A novela-máquina: enerxía, operador e materia”

“En resposta a Harold Bloom: ¿que é “radicalmente novo”?”

 

Deixar un comentario