“Ogham, ou arredor da escrita”, por Roberto Abuín

Novo número de Anotacións sobre literatura e filosofía

No número 15 de Anotacións publicamos un ensaio, en forma de diálogo, escrito polo filósofo e editor Roberto Abuín. En Ogham, ou arredor da escrita, dous personaxes innominados, dúas voces que se alternan no pensar, dialogan sobre a escritura como técnica, sobre a súa significación, e sobre a relación da vida coa representación. Dialoxía e pensamento, oralidade e escrita, finitude e infinitude, o texto flúe nunha alternancia na que a forma platónica do diálogo filosófico se transforma en dialéctica, glosa e complementación, nun xeito novo de filosofar.

O diálogo establecido neste ensaio é un intento de achegarse —de tentear a relación— ao lugar neutral que xorde das dúas voces: non o que os dialogantes comparten senón o que circundan sen acabar de arrodear. O que entrega Roberto Abuín neste texto é a representación do límite tinguido, luxado, esluído, entre oralidade e escritura. Ambas as dúas, como representacións, intentan meter na bouza da linguaxe aquilo que non é propiamente dela: o corpo.

espazo limítrofe entre o ordenado e o desordenado, no limes inexacto [da] borrosa dialéctica intermedia [do] verídico e o falaz, o oculto e o manifesto… e talvez sexa aí, nese momento suspendido entre dúas realidades contrapostas, onde se vexa a ausencia de tal dualidade, inventada, construída…

Unha dialéctica que está presente ao longo de todo o traxecto histórico da metafísica continental. Así , a “realidade debería ser vista dun xeito tal que toda determinación estrita fose quebrantada, rota”, pois, de feito, un dos dialogantes chega a dicir que deberiamos, máis ca crear mundos perfectamente completos, ver en procesos técnicos coma a escrita algo que sería connatural a un todo inacabado.

Pregúntamonos se Abuín está a suxerir unha idea da representación como realidade, como un en-si, ou se nos quere guiar cara a algo que se podería albiscar mais non adoptar. A virtualidade deste ensaio é precisamente a súa capacidade de abrir o diálogo a outras voces, outros ámbitos, máis mundos nos cales lectores e lectoras envorquen os seus signos, os nosos signos, nun pensar acomún, de todos e de ninguén.

Publicación sen periodicidade fixa, en formato PDF, a Anotacións sobre literatura e filosofía pódese acceder de balde.

Para descargar gratuitamente o ensaio de Roberto Abuín en formato PDF, calque sobre a ligazón seguinte:

Ogham, ou arredor da escrita

Revisión do ano 2016

Propoñemos a seguir unha selección do publicado en euseino.org durante o ano pasado. Trátase de ofrecer a quen le a posibilidade de relacionar temas, trazar puntos e liñas de coincidencia, considerar o publicado coa perspectiva acumulativa que a súa mesma lectura fornece, detectar interseccións e, para quen escribe, atopar relacións coas que iniciar artigos aínda non escritos. Toda revisión, máis se inclúe unha escolla, é clausura e, ao tempo, declaración leda de todo o que aínda queda fóra.

[Os artigos pódense ler completos ao calcar no seu título.]

 

Febreiro

O xardín en movemento

[En París], tivemos ocasión de achegarnos ao museo do Quai de Branly co obxectivo premeditado de visitar o seu xardín, deseñado polo xardineiro Gilles Clément, por cuxo traballo sentimos admiración desde hai xa anos.

As ideas de Clément sobre o xardín, principalmente a súa noción de xardín en movemento, permítennos pensar a materia continxente sen xebrala necesariamente dunha idea da estética non como estudo da arte e da representación senón como ontoloxía dos obxectos materiais […]

 

Marzo

Catálogo do mundo, 1

Todo pode ser documento, iso é o que afirma o filósofo Maurizio Ferraris. Tal constatación é a que lle permite elaborar un ambicioso e suxestivo catálogo do mundo partindo dunha necesidade: a necesidade de deixar pegadas. Para que que se poida facer un catálogo ten que haber restos, marcas, ou inscricións do que existe e do que existiu. Esa é a tarefa que se propón realizar Ferraris no seu libro Documentalità – Perché è necessario lasciar tracce (Editori Laterza, 2009), é dicir, pensar a forma na que se pode catalogar o mundo […]

 

Ao leste do sol e ao oeste da lúa

En 1833 publicase en Noruega Norske Sagn, o primeiro libro no que se recolle a tradición oral e que foi escrito polo crego e historiador Andreas Faye (1802-1869). Aínda que os traballos deste historiador foron moi importantes á hora de recoller, estudar e publicar o material literario oral en Noruega, non son comparables á transcendencia das publicacións de Peter Christen Asbjørnsen e Jørgen Engebretsen Moe, pois os contos de fadas recollidos por estes tiveron maior influencia no resto de Europa.

A figura do poeta e naturalista noruegués Peter Christen Asbjørnsen (1812-1885) vai unida á do seu coetáneo, o poeta e teólogo Jørgen Engebretsen Moe (1813-1882). Amigos desde 1826, Asbjørnsen e Moe comezaron a recompilar contos a partir das fontes orais, transcribíndoos e […]

 

Abril

Crítica da saudade humanística

Por unha filosofía aberta ao posible

Un xornal español publica hoxe un especial titulado Nadie quiere a los filósofos, no que as argumentacións se centran na vella e periclitada oposición entre humanidades e técnica, entre filosofía e ciencia. Xa hai moito tempo que sabemos que esa oposición é falsa xa que, máis que unha oposición é unha posición: a de quen se dedica a facer profecías autocumpridas.

É falsa porque as humanidades, e a filosofía con elas, son unha técnica, isto é, unha habelencia para pensar, unha tekhne. Máis aínda hoxe en día, cando a tecnoloxía —nomeadamente a Internet, por exemplo este blogue e moitos outros blogues dedicados á filosofía e ás humanidades en todo o mundo— é a aliada das humanidades grazas a esa noción nova que é o Acceso Aberto. Por fin as humanidades, tamén a filosofía, ao alcance de todo o mundo.

Precisamente, desde Euseino? tratamos de combinar o rigor e o método propios do ámbito humanístico e científico coa difusión do pensamento a toda a sociedade a través das librerías, da Internet […]

 

Maio

Catálogo do mundo, e 2

Tres tipos de obxectos

Neste artigo, imos continuar o percorrido polo catálogo do mundo que comezamos a describir neste mesmo blogue hai unhas semanas seguindo o libro Documentalità. Perché è necessario lasciar tracce, do filósofo italiano Maurizio Ferraris. Centraremos a atención agora nos obxectos, que son precisamente aquilo que é posible clasificar, exemplificar, describir e experimentar como partes do mundo.

Mentres a ontoloxía de Kant soamente se ocupaba dos obxectos naturais, a estes engádelles Maurizio Ferraris outros dous tipos de obxectos máis: os ideais e os sociais. Se os obxectos naturais son aqueles que, sen depender do suxeito, existen porque ocupan un lugar no espazo e no tempo, os obxectos ideais non ocupan lugar no espazo nin no tempo mentres que os obxectos sociais, ocupan lugar no espazo e no tempo mais dependen do suxeito […]

 

Xullo

“¿Percibindo a percepción?”, por Ben Woodard

Publicado a comezos do mes de maio pasado no blogue Naught Thought, traducimos este artigo do filósofo Ben Woodard, subtitulado “Unha recensión de Positive Realism, de Maurizio Ferraris”. En euseino.org xa dedicamos anteriormente dous artigos á obra do pensador italiano, concretamente Catálogo do mundo 1 e 2; agora esta análise realizada por Woodard parécenos fundamental non só porque complementa os anteditos artigos senón porque enuncia o debate de fondo no que os filósofos do realismo especulativo están comprometidos. Ese debate é a demostración de que a filosofía do realismo novo contribúe, en efecto, á crítica do nihilismo e do dogmatismo, asumindo a súa función de pensar grazas precisamente á mesma “falta de cohesión” que o materialismo ou realismo especulativo amosa. Debate de fondo que Woodard sintetiza deste xeito: “a cuestión de como a mente (humana ou non) utiliza o dado ou o non dado para gobernar o mundo sen suplantar o fundamental. Trátase de algo de grande importancia para o punto de vista externalista da ciencia cognitiva (malia que, conforme se investiga nel, ese campo semelle enormemente desorganizado e sen comunicación interior máis alá de ser anticartesiano)”. Velaí a función da representación como aquilo que non é o que acriticamente poderiamos entender como a funcionalidade que reempraza o mundo senón aquilo que permanece nos límites da percepción e da interacción humana (ou mesmo potencialmente non humana) co mundo, aquilo que pode ampliar a nosa maneira de acceder ao mundo; a función do senso e da súa relación coa percepción e a experiencia. En resumo, unha concepción nova da estética non como epistemoloxía senón […]

“Un monstro”, por Carlos Lema

A Adrià Targa e a Francisco Cortegoso
na noite de Casabranca

Por primeira vez, este ano a feira do libro de Vigo celébrase pé do Sireno. Por primeira vez, esta escultura parécenos unha estatua, a estatua dun monstro cunha identidade que é toda e soamente representación. Non hai nada na estatua do Sireno que nos remita a algo non representado, que non teña senso. Así, decatámonos de que se trata da estatua do monstro moderno por excelencia: a efixie verdadeira do Artista Moderno. Do suxeito que todo el é representación.

O Sireno é o Artista Moderno que preside a cidade moderna. A representación faise así definitivamente real sen perder o seu vínculo co sublime: ¡alá na altura a representación albíscanos, os seus ollos enormes vixíannos coma nun panóptico de Bentham!

Non en van foi Jeremy Bentham quen escribiu que, na sociedade moderna, a ficción é a mediación. O pacto social moderno é unha ficción, unha representación sancionada libremente […]

 

Agosto

“O azul morpho, a cor tímbrica das feras”, por Beatriz Fraga

Durante o ano 2015, en euseino.org publicamos unha serie de tres artigos de Beatriz Fraga sobre a cor azul. No primeiro deses artigos, sobre a Teoría do azul, realizábase un compendio das investigacións sobre a percepción do azul, especialmente a partir do efecto Tyndall de reflexión e refracción da luz branca do sol; no segundo —A materia do azul—, expoñíanse os métodos de síntese material da cor azul, para, no último artigo da serie —Azul Parrish—, rematar cunha introdución á obra do ilustrador Maxfield Parrish e o seu traballo sobre esa mesma cor.

Publicamos agora un artigo novo, no que a autora do libro O Rei Portador e outras historias nos introduce na noción de cor tímbrica, que relaciona coa bolboreta Morpho azul e coa concepción cromática de pintores coma Matisse, O’Keeffe e Rothko. Salientamos que estes artigos sempre parten dun obxecto, ou da materia, para estudar a súa transformación cando é percibido […]

 

Setembro

O esmorecemento da ambición literaria

O xornal El País publica unha entrevista —breve mais sintomática— co escritor e editor italiano Roberto Calasso na que este se lamenta da falta de ambición da literatura actual: 

“Semella que a literatura entrou nunha fase de latencia, nos últimos cincuenta anos estreitouse. É difícil encontrar sorpresas. Sen dúbida hai cousas boas mais poucas son realmente grandes. Cuando miro a literatura ata os anos setenta vexo que era algo vencellado a unha ambición enorme, agora iso xa non é o usual, evidentemente”.

En euseino.org publicamos hai un tempo un artigo no que recolliamos e respondiamos a unhas declaracións semellantes dun influente crítico norteamericano: En resposta a Harold Bloom: ¿que é ‘radicalmente novo’?”A elas súmanse agora estas de Calasso no que parecen ser os derradeiros intentos de defensa da literatura modernista e “experimental” xurdida a comezos do século XX. “Os obxectivos desmesurados que eran tan comúns a escritores tan opostos coma Musil e Joyce non parecen estar hoxe de actualidade [e, incluso], esvaeceron”, afirma o editor de Adelphi.

No artigo seguinte, analizamos estas afirmacións, relacionándoas co contexto literario galego e […]

 

O contrafío das mulleres

Entre 1770 e 1900 prodúcese o triunfo, espallamento e consolidación da figura do artista moderno: Johann Christian Friedrich Hölderlin (1770–1843), Robert Schumann (1810-1856), Emily Brontë (1818–1848), Richard Dadd (1817-1886), John Ruskin (1819-1900), Emily Dickinson (1830–1886), Vincent van Gogh (1853–1890), Friedrich Wilhelm Nietzsche (1844–1900).

historia das mulleres insírese tamén nesa liña de produción do disenso, liña na que a pragmática da arte interfire co acontecemento histórico. O discurso das mulleres, ou a súa representación, subsúmese no consensus incluso baixo o modo de existencia da loucura: the madwoman in the attic [1]. Dese xeito, a inactualidade do pensamento das mulleres vólvese activa, ou actual, desde o momento mesmo da súa reivindicación, pois toda reivindicación é representación dunha cousa, dun obxecto que queda fixado polo discurso, entendendo por este último o inactual que irrompe para adquirir significado en función […]

 

Outubro

“Sobre ‘Endless’, de Frank Ocean”, por Carlos Lema

Adversus homo faber – O caso de Frank Ocean e o seu álbum visual

A través de The Pinocchio Theory, o blogue do filósofo Steven Shaviro, sabemos da útima obra de Frank Ocean, o “álbum visual” titulado Endless, de 45 minutos de duración.

Non se trata dun vídeo musical senón dunha obra na que a relación entre música e película acada autonomía plena. A imaxe en movemento non ilustra a música nin esta última está concibida para dramatizar, subliñar ou acrecentar o efecto visual da imaxe. Ese é o motivo polo que, como apunta Steven Shaviro no seu artigo, “o vídeo é demorado, así que esixe paciencia”; esa paciencia é consecuencia da autonomía da obra, na que non se explicitan instrucións para a súa recepción nin, agás no título, se postula un carácter performativo. A súa estética —no senso amplo da palabra— require un traballo perceptivo que ten a mesma duración da obra aínda que parece propoñer que a súa finalidade sexa precisamente a negación da finitude, do acabado, de aí ese endless que suxire a inexistencia de calquera caste de teleoloxía. Estamos perante un amosar que se configura como o triunfo […]

 

Novembro

A polémica sobre a ambición literaria

O crítico literario Xosé Manuel Eyré escribía hai uns días na súa bitácora Ferradura en tránsito un artigo no que comentaba o publicado previamente en euseino.org co título de “O esmorecemento da ambición literaria”. Baixo o rubro “Dialogando”, o autor de Nin che conto (Para coñecer e gozar a micronarrativa) contestaba á nosa reflexión sobre a heteronomía dominante, como diaciamos, “en xéneros coma o da novela, máis expostos a influencias alleas á literatura, [entre elas] o control establecido por un repertorio temático e estilístico sometido ás necesidades de difusión [que se acrecenta] na literatura galega como consecuencia da alianza aparentemente inextricable entre cultura nacional e política, alianza ao abeiro da cal tamén se sitúa a […]

 

Decembro

Edipo e a esfinxe

Para celebrar o primeiro ano de existencia da Fundación Euseino?, o pintor Manolo Figueirasrealizou unha serie de 12 gravados cunha versión do tema de Edipo e a esfinxe.

[…]

A Fundación Euseino? e a súa liña de publicacións —Euseino? Editores— agradécelles a todas as lectoras e lectores, autoras e autores, colaboradoras e colaboradores a súa axuda entusiasta para “difundir e promover a Filosofía e o pensamento non dogmático en idioma galego mediante a distribución e a transmisión libre das ideas”, segundo se indica no artigo 6.1 dos seus Estatutos.

 

“A modernización do contexto: as novas ‘imageries’ nos contos de fadas”, por Beatriz Fraga

Warja Lavater e os libros de artista

Os libros de artista son libros de especial coidado na edición, concibidos como obxectos artísticosque amplian o sentido da lectura máis alá da linealidade do texto. Haberá quen se ha preguntar se son libros “ilexibles” porque carecen de texto, ou “pouco literarios”. Non é así, son libros que combinan elementos iconográficos e textuais, polo que teñen unha enorme carga visual que proporciona unha experiencia estética coa que se enfatiza o valor da descuberta e a capacidade de abstracción.

En palabras de Guy Schraenen, editor e fundador da Galería Kontakt, que funcionou en Antuerpen entre 1965 e 1978:

O libro de artista non é un libro de arte. O libro de artista non é un libro sobre arte. O libro de artista é unha obra de arte.

Poderíase dicir que os traballos da artista Warja Lavater (1913-2007) acadan a categoría de libros de artista. Na súa obra, os elementos gráficos cumpren unha función expresiva e comunicativa semellante á das palabras. […]

 

[É posible acceder ao resto dos artigos en “Arquivo”, na parte inferior desta páxina web. Recomendamos tamén un tipo de consulta diferente, empregando para iso as “Etiquetas” situadas na columna lateral. Grazas pola súa lectura.]

Bo Aninovo 2017


O pase de diapositivas require JavaScript.

O pase de diapositivas require JavaScript.