O xiro especulativo

O xiro cara ao realismo e cara ao materialismo é un dos feitos máis relevantes acontecidos na filosofía durante a primeira década deste século. Malia desbotar a posición idealista tradicional, a filosofía permanecía nun estadio igualmente antimaterialista baixo a forma do que Quentin Meillassoux chama “correlacionismo”: “a idea segundo a cal nós soamente temos acceso á correlación do pensamento e do ser e endexamais a un deses termos considerado illadamente”. É dicir, que o sensible só existe como relación entre o mundo e o vivente que son eu; o sensible nin está simplemente «en min», á maneira na que estaría un soño, nin tampouco simplemente “na cousa”, á maneira dunha propiedade intrínseca, xa que é a relación mesma entre a cousa e eu. Logo o sensible soamente existe como relación dun suxeito co mundo e, como consecuencia, non podemos coñecer nada que estea alén desa relación nosa co mundo; podemos ter unha experiencia fenoménica do mundo mais endexamais podemos afirmar consistentemente nada sobre o que é independente do pensamento e da linguaxe. O coñecemento dunha realidade independente do pensamento é algo insostible.

“Ese estadio correlacionista acaba por resultar unha forma sutil de idealismo que arestora é practicamente ubicua. As orixes dese xiro correlacionista están vencelladas coa filosofía crítica de Immanuel Kant, quen, como é sabido, abxurou da posibilidade de coñecer unha realidade nouménica alén do acceso humano a ela. Segundo a famosa ‘revolución copernicana’ realizada por Kant, os obxectos xa non son os que dan forma á mente senón que é esta a que dá forma aos obxectos. A experiencia organízase a partir de categorías a priori e de formas de intuición que abranguen as bases universais e necesarias de todo coñecemento. […] Ao final, a realidade queda limitada aos seus aspectos cognitivos. […] Esta prohibición kantiana, coas súas implicacións antirrealistas, atravesa toda a tradición filosófica continental, atinguindo a case todas as súas figuras sobranceiras de Hegel a Heidegger e deste a Derrida.

Mentres que para Kant se mantén a posibilidade de pensar o nouménico (aínda que non de coñecelo), Hegel abolutiza o correlato ata abranguer todo o existente: a súa crítica do nouménico convérteo nunha pura ilusión fenoménica, ‘completando’ así a filosofía crítica ao producir un idealismo absoluto. O esvaecemento do nouménico continúa coa fenomenoloxía, en tanto que a ontoloxía se vencella explicitamente coa redución da esfera do fenoménico. […] Heidegger avanza no proxecto antirrealista ao rexeitar a posibilidade do Coñecemento Absoluto como singular e total autocoñecemento do Suxeito Absoluto. Ao cabo, con Derrida a mediación da linguaxe chega a abranguelo todo, xa que o domino fenoménico da subxectividade acaba inzado de marcas lingüísticas. Ao longo deste proceso, calquera posibilidade dun mundo independente do correlato humano-mundo é rexeitada cada vez con máis forza (tal como o simboliza axeitadamente o famoso xesto de Heidegger de riscar a palabra Ser).” [“The Origins of Continental Anti-Realism”, cap. “Towards a Speculative Philosophy”, en The Speculative Turn, páxs. 3-4.]

 Galileo-Fases da lúa

 

Realismo especulativo

Fronte a este pensamento filosófico recluído nos límites do suxeito, o xiro especulativo centra a súa atención nunha concepción nova do materialismo e do realismo, realismo e materialismo que agora xa non están condicionados polo correlato humano-mundo nin polas súas representacións.

“Inspirado pola publicación a comezos de 2006 de Après la finitude, de Quentin Meillassoux, o primeiro acto do Realismo Especulativo organizouse en abril de 2007 no Goldsmiths College de Londres. O grupo inicial incluía a Ray Brassier, Iain Hamilton Grant, Graham Harman e Meillassoux; Alberto Toscano foi o moderador en 2007 e quen reemprazou a Meillassoux no acto seguinte, realizado en Bristol en 2009″. [“Towards a Speculative Philosophy”, en The Speculative Turn, páx. 2].

Foi Ray Brassier quen cuñou o termo “realismo especulativo”; segundo conta Harman, tamén foi idea de Brassier:

“xuntar a nolos dous con Meillassoux e Iain Hamilton Grant para un acto realizado en abril de 2007. Inicialmente foi complicado atopar un termo axeitado para ese grupo. Ao primeiro, eu estaba disposto a aceptar a denominación ‘materialismo especulativo’, termo que Meillassoux escollera para a súa propia filosofía, aínda sendo eu mesmo un anti-materialista. Mais, nalgún momento, meses antes da primeira xuntanza, Brassier propuxo cambialo por ‘realismo especulativo’ e a min encantoume. A el e a Meillassoux, por razóns diferentes, o termo non lles parecía moi afortunado mais eu tíñalle achego.

‘Realismo especulativo’ é un termo abondo amplo. Ser un realista especulativo é opoñerse ao ‘correlacionismo’, tal como denomina Meillassoux o tipo de pensamento (aínda hoxe dominante) que basea toda filosofía na interacción mutua do ser humano e o mundo.” [http://doctorzamalek2.wordpress.com/2010/07/23/brief-srooo-tutorial/]

 

Correlacionismo

Nunha conferencia que pronunciou na Universidade Libre de Berlín o 20 de abril de 2012, Meillassoux parte da clarificación inicial do que cualifica como “as posicións en xogo” no pensamento contemporáneo. O seu obxectivo é fornecer “unha terminoloxía máis clara ca a empregada en Après la finitude“. Así, define correlacionismo como “cada unha das formas de desabsolutización do pensamento que, para obter ese resultado, argumenta sobre a clausura do pensamento en si mesmo e a súa subsecuente incapacidade de acadar un absoluto exterior a el”; tamén define especulativo como “toda filosofía que, pola contra, afirma acadar o antedito absoluto” e materialismo como “todo pensamento que accede a un absoluto que é ao mesmo tempo externo ao pensamento e está desprovisto de toda subxectividade”.

Mais existe outra forma de absoluto, o único que sobrevive á crítica feita polo correlacionismo, trátase do absoluto que consiste non en cuestionar a clausura do pensamento en si mesmo senón en confirmala en nome dese pensamento (ou de certas das súas características) como absoluto”, interpretando a devandita clausura do pensamento sobre si non como síntoma da súa finitude senón como consecuencia da súa necesidade ontolóxica. Este tipo de absolutismo adopta varias formas que levan á absolutización de determinados tipos de subxectividade ou do suxeito como un todo:

“A absolutización da sensación (o hilozoísmo de Maupertius e de Diderot), a absolutización da razón (o idealismo de Hegel), da liberdade (o Schelling de 1809), a da percepción (Bergson e a imaxe en si, no primeiro capítulo de Matière et Mémoire), a da vontade (Schopenhauer), a das vontades en conflito (a vontade de poder de Nietzsche), a do eu no seu estado de xerme inicial (o “eu larval” de Deleuze en Difference et Répetition), etc. Dese xeito, houbo unha proliferación de subxectivacións do real, ás veces en conflito entre si, particulamente entre o polo vitalista (do hilozoísmo a Deleuze vía Nietzsche) e o polo idealista (dominado por Hegel). Mais os devanditos conflitos camuflan un acordo fundamental: que, despois de Berkeley, non ten sentido voltar á realidade totalmente asubxectiva do materialismo epicúreo. De feito, o marxismo, cunha forma dialectizada, intentou manter a antedita concepción non subxectiva da materia mais, ao cabo, iso acabou en nada, agás para o serodio e pouco coñecido esforzo filosófico do Lenin de Materialismo e empiriocriticismo, resultado da filosofía da natureza do último Engels.”

 

Puntualizacións de Harman e Meillassoux

De aí que Graham Harman, fronte a esta acoutación clara do que é o correlacionismo, puntualice: “Cómpre clarexar que os realistas especulativos ¡non están completamente de acordo sobre o que hai de erróneo no correlacionismo! Por exemplo, o que Meillassoux rexeita do correlacionismo é o seu compromiso coa ‘finitude’, a noción de que o coñecemento absoluto de calquera tipo é imposible. Mais non lle preocupa tanto o punto de vista correlacionista segundo o cal ‘non podemos pensar un X externo ao pensamento sen pensar neste último e, polo tanto, non podemos escapar do círculo do pensamento’. (O único que pretende é radicalizar esta categoría para extraer dela o coñecemento absoluto. Meillassoux non é un realista tradicional; o idealismo alemán é o seu verdadeiro fogar, igual que o é para Zizek e, un pouco menos, para Badiou.)” […] En calquera caso, o realismo especulativo sobrevive como un termo que normalmente dá acubillo a moitos tipos diferentes de novos sentires filosóficos realistas que traballan nun idioma xeralmente común mais o grupo inicial dos catro [filósofos] non volverá facer máis xuntanzas. As diverxencias intelectuais son arestora demasiado grandes.” [Os subliñados están no orixinal.]

Pola súa banda, na antes citada conferencia de Berlín, Meillassoux argumenta que “a apelación ‘realismo especulativo’ para designar o movemento (importante de seu) co cal eu acabei asociado non cadra exactamente co meu proxecto […] Así e todo, se ese termo era o único suficientemente atinado para designar o conxunto de proxectos de catro filósofos verdadeiramente anticorrelacionistas é porque, na miña opinión, dous deles son antimaterialistas, é dicir, subxectalistas, nomeadamente Iain Hamilton Grant, que é (deleuzo-)schellingiano, e Graham Harman, que hipostatiza a nosa relación subxectiva coas cousas ao proxectala nas cousas mesmas. Harman, especialmente, desenvolve un subxectalismo moi orixinal e paradoxal, xa que hipostatiza a relación que temos coas cousas pois, segundo el, esta relación cancela decote o contacto que podemos ter con elas. Mais a forma implícita desa cancelación vén dada pola nosa relación coas cousas. Facer da nosa relación subxectiva coas cousas aquilo que anula (completamente) o noso contacto con elas, a relación universal das cousas coas cousas, é o típico xesto subxectalista transformado dun xeito novo e brillante mais que aínda forma parte do que eu chamei a ‘era do correlato’ “.

 

OOO

Esta crítica de Meillassoux poida que responda á considerable influencia que está a acadar a chamada OOO (Object-Oriented Ontology), tendencia filosófica orixinada a partir da obra de Graham Harman e que hoxe en día está moi presente tanto no ámbito académico, sobre todo en Inglaterra e nos EUA, aínda que tamén en Australia, coma na internet a través dunha morea de blogues. Precisamente é na súa bitácora onde Harman relata as orixes desta ontoloxía centrada nos obxectos:

Object-Oriented Philosophy: este termo cuñeino eu mesmo e data de 1999. […] Ningún dos outros realistas especulativos iniciais fai object-oriented philosophy. De feito, todos son bastante anti-obxecto, cada un ao seu xeito. (Mesmo Grant, cuxa posición está moito máis próxima da miña ca a dos Brassier ou Meillassoux, pensa que o mundo non se constituiría primariamente a partir de entidades individuais. Segundo el, estas xurdirían das obstrucións e retardos dunha máis primaria enerxía global.)

A Object-oriented philosophy pódese considerar como unha subespecie do realismo especulativo (malia que é sete ou oito anos máis vella). Ser un realista especulativo é rexeitar o correlacionismo pola razón que sexa. Para ser un object-oriented philosopher, cómpre manter que as entidades individuais, a diferentes escalas, son a substancia fundamental do cosmos.”

Harman enuncia os dous principios básicos do seu pensamento filosófico situándoos en 1) as entidades individuais a diferentes escalas (non soamente os minúsculos quarks e electróns) como substancia fundamental do cosmos e 2) as devanditas entidades endexamais se deben esgotar nas súas relacións, sexan estas as que sexan, nin tampouco na suma de todas as súas relacións posibles. Os obxectos considéranse á parte das relacións.

No que se refire á denominada Object-Oriented Ontology, o movemento OOO iniciouse en abril de 2010 a partir do termo cuñado o ano anterior polo filósofo Levi Bryant e desenvolve os postulados da Object-oriented Philosophy de Harman.

 

Conclusión

Así e todo, o concepto máis influente no realismo especulativo segue a ser o concepto de correlacionismo elaborado por Meillassoux, malia que, se cadra, a Object-Oriented Philosophy de Harman sexa a tendencia máis popular do pensamento especulativo. Se a obra de Meillassoux ten unha enorme potencialidade crítica, con implicacións ontolóxicas aínda non desenvolvidas completamente, de aí a súa enorme capacidade para desacougar e rachar coa tópica establecida pola filosofía do século XX, tamén para dar un pulo novo ao pensamento racionalista, pola súa banda, a filosofía de Harman ten na súa principal e aparente debilidade —a súa distinción entre obxectos reais e obxectos sensuais— a súa virtude principal. Para Harman, os obxectos reais “clausuran calquera relación”, xa que en todo encontro entre obxectos (quer humanos e animais quer obxectos inanimados), cada obxecto actúa sobre unha versión parcial do outro ou outros obxectos. Por exemplo, no encontro entre un rapaz e a pelota á que lle dá unha patada, o rapaz non ten unha experiencia da pelota na súa totalidade senón soamente da pelota que necesita para bater nela. Segundo Harman, isto é así en calquera encontro entre obxectos, encontros que non teñen que ver con obxectos reais senón só coas súas “caricaturas” parciais; esas formas parciais dos obxectos Harman denomínaas “obxectos sensuais”. Isto quere dicir que os contactos que temos sempre son con obxectos sensuais, os obxectos reais permanecen decote invisibles.

Finalmente, cómpre ter presente que Graham Harman escribiu un libro sobre a filosofía de Quentin Meillassoux. É precisamente ese diálogo entre o materialismo de Meillassoux e o realismo dos obxectos de Harman o que outorga ao xiro especulativo que se está a realizar na filosofía contemporánea a súa forza para pensar o mundo sen depender do dogmatismo das “ideas recibidas”.

 

Bibliografía

Bryant, Levi; Srnicek, Nick e Harman, Graham, “Towards a Speculative Philosophy”, in The Speculative TurnContinental Materialism and Realism, edición de Levi Bryant, Nick Srnicek e Graham Harman, Melbourne: re.press, 2011.

Harman, Graham, http://doctorzamalek2.wordpress.com/2010/07/23/brief-srooo-tutorial/, consulta do 22 de novembro de 2014.

Meillassoux, Quentin, “Iteratiom Reiteration, Repetition: a Speculative Analysis of the Meaningless Sign”, Berlín: Universidade Libre, 2012.

Entrevista con Inma Otero

En Praza pública, a xornalista Montse Dopico entrevista a Inma Otero con motivo da publicación do seu ensaio “A ficcionalización do eu” no número 6 de Anotacións sobre literatura e filosofía. Salientamos aquí un paso desta conversa sobre ficción, suxeito e xénero que se pode ler completa na ligazón: Entrevista con Inma Otero.

Ultimamente apréciase unha volta ás novelas de protagonistas. Non interesa tanto experimentar co discurso, coa estrutura da novela ou coa tipoloxía de narradores, como centrarse na construción dun personaxe conflitivo, probablemente porque cada vez estamos máis obrigados a construírnos como individuos nun mundo onde se multiplican as opcións de “ser” e “estar”. Ao mesmo tempo, asistimos nos medios de comunicación e nas redes sociais á exposición da vida privada e dos sentimentos, probablemente porque se considera que son as emocións as que nos fan seres máis humanos e únicos, á vez que nos axudarían a empatizar cos outros. A literatura non faría máis que recoller o que se produce fóra dela.

Precursoras da ilustración

A finais de do século XIX era costume, entre os artistas de Filadelfia, visitar os estudios dos pintores. Na cidade, existían clubes de arte para os homes mais as mulleres non tiñan un lugar para intercambiar ideas e expor os seus traballos.

En marzo de 1897, Emily Sartain, daquela directora da Escola de Deseño para Mulleres, organizou a primeira reunión do chamado Club Plastic. O termo plastic, suxerido pola artista Blanche Dillaye, referíase ao estado de calquera obra de arte inacabada. O clube foi creado para promover un coñecemento máis amplo da arte e para facer progresar o interese polas artistas a través de exposicións e relacións sociais.

No seu primeiro ano de existencia, o clube organizou seis exposicións, que representaban distintas facetas da arte. O Club Plastic, ademais das clases de arte e as exposicións, realizou poxas de, entre outros, impresionistas norteamericanos coma Colin Campbell Cooper e Daniel Garber, o pintor realista William James Glackens e o fotógrafo e pintor C. Yarnall Abbott; tamén se deron conferencias, das que destaca a impartida polo artista checo Alphonse Mucha, un dos máximos representantes do Art Nouveau.

Entre as artistas máis sobranceiras que formaron parte deste clube inclúense Elenore Plaisted Abbott, Paula Himmelsbach Balano, coñecida polas súas vidreiras, a retratista Cecilia Beaux, a pintora impresionista Fern Coppedge, as ilustradoras Elizabeth Shippen Green, Charlotte Harding e Frances Tipton Hunter, Violet Oakley, primeira pintora norteamericana en recibir un encargo para realizar un mural público, as irmás Emily e Harriet Sartain, Jessie Willcox Smith e a gravadora Alice Barber Stephens.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Ilustracións de Elenore Plaisted Abbott

 

Deste grupo de artistas e ilustradoras, ímonos centrar aquí en Elenore Plaisted Abbott (1875 – 1935), nada en Lincoln (Maine, EUA), que iniciou a súa formación na Escola de Deseño para Mulleres de Filadelfia, dirixida de 1866 a 1920 por Emily Sartain, a primeira muller en gañar unha medalla de ouro na Feira Mundial de Filadelfia (1876). Elenore Plaisted Abbott estaba casada con C. Yarnall Abbott, de quen colleu o apelido.

Membro do Club Plastic, completou a súa formación na Academia para as Artes de Pensilvania e na Academia de Belas Artes de París. Segundo recoñeceu ela mesma, a súa obra viuse influenciada polo ilustrador Howard Pyle, un dos seus mestres no Instituto Drexel de Arte, Ciencia e Industria. Era considerada unha das chamadas “New Woman”, segundo o termo popularizado polo escritor Henry James para referirse ás protagonistas das súas novelas Daisy Miller e The Portrait of a Lady; en contraposición ás mulleres da era victoriana, as denominadas “New Woman” participaban activamente na sociedade e foron o símbolo do modelo de independencia, profesionalización das mulleres e intervención na vida pública. Pintoras e ilustradoras como Elenore Abbott desenvolveron un papel crucial na representación artística das “New Woman” como exemplo deste novo tipo emerxente de mulleres.

A comezos do século XX, máis da metade dos subscritores das revistas eran mulleres. Coñecedores disto, os editores comezaron a contratar ilustradoras que reflectisen o mundo cunha perspectiva nova. Dese xeito, moitas mulleres artistas comezaron a traballar para revistas de renome. Elenore Plaisted Abbott traballou para Harper, Saturday Evening PostScribner’s. Realizou tamén ilustracións para a novela Kidnapped (“Secuestrado”), de Robert Louis Stevenson, para os contos dos irmáns Grimm, o Robinson Crusoe de Daniel Defoe e os Tanglewood Tales de Nathaniel Hawthorne. Tamén deseñou a escenografía da obra The Emperor Jones, do dramaturgo e Premio Nobel Eugene O´Neill.