Publícase “Capitalismo e fascismo”, de Rebeca Baceiredo

Nos próximos días, ha chegar ás librerías Capitalismo e fascismo – Psico-ontoloxía da escravitude, o novo libro de Rebeca Baceiredo. Desta volta, a autora da Revolución non vai ser televisada leva a cabo unha análise do capitalismo como sistema que perfecciona as técnicas de poder a través dun dos seus instrumentos principais: a produción de subxectividade. O obxectivo do capitalismo, segundo Baceiredo, é moldear a subxectivación dos corpos produtivos e facelo cunha aparencia de liberdade, semellando respectar o desenvolvemento da diferenza individual.

Trátase, polo tanto, dun  libro no que se combina a potencia de intervención da filosofía coa súa capacidade de achegar, a través da teoría, unha interpretación da realidade. Como indica o subtítulo, a autora propón unha Psico-ontoloxía da escravitude para amosar o vencello nidio que une a orixe da subxectivación e a canalización sistematizada da enerxía dos corpos co fin de organizar a produción sen elementos de resistencia.

Cun estilo baseado no rigor sintético, os datos históricos e a penetración argumentativa, Rebeca Baceiredo volve achegarse ao mundo actual para reafirmar o que todo texto filosófico é: unha subversión do senso realizada coa finalidade de recuperar a vida.

Consiga o seu exemplar:

Na internet
(gastos de envío gratuítos para quen estea subscrito ou se subscriba á Carta de Información)

Nas librerías

 

Cuberta+lombo