A actualidade do ensaio, en Sermos Galiza

O semanario Sermos Galiza, na súa edición en papel, publica hoxe (nº 306, 26-VII-2018) unha reportaxe do xornalista e poeta Daniel Salgado sobre a actualidade do “Novo ensaio crítico”.

Logo de facer un repaso das diferentes novidades editoriais, expóñense diversas opinións sobre o xénero ensaístico, entre elas as de Rebeca Baceiredo e Roberto Abuín. A autora de A verdade errada salienta que “co ensaio tes a crenza de que podes mudar o mundo”, mentres que o autor de “Ogham, ou arredor da escrita” afirma concibir o ensaio como “unha tecnoloxía de subxectivación crítica” e como “un espazo de experimentación dun dicir non literario”. Baixo o epígrafe “Editoriais abertas ao impensado”, a reportaxe sitúa a liña de Euseino? Editores na “reflexión filosófica”.

Desde euseino.org celebramos a publicación de reportaxes coma o de Salgado, que sitúan na actualidade xornalística o que Nietzsche cualificou de inactual, ou intempestivo. Esa contradición soamente é aparente pois a propia noción do actual e da actualidade é filosófica de seu. A filosofía é actual en tanto que o pensamento se realiza como tal, en tanto representa o mundo. Os “materiais para pensar” son efectivamente materia, pois o pensamento é tal porque se inscribe na materia, que é a que pensa. Cómpre, polo tanto, non restrinxir a actualidade á actualidade xornalística, tampouco á actualidade política. Como dixo Hans Blumenberg, cando todo acaba sendo política, a política deixa de existir.

De por parte, a posición da filosofía con respecto ao ensaio é fundamental, ata tal punto que é imposible escribir ensaio, mesmo ensaio de actualidade xornalística e política, sen unha base filosófica. Efectivamente, para poder actualizar as ideas, cómpre abandonar a resistencia, que é unha posición fixa, e coller posicións dinámicas para a filosofía no mundo, esa é a finalidade do pensamento filosófico. No abandono da resistencia e da súa monopolización do acceso ao mundo a través do suxeito, no rexeitamento de que o suxeito —liberado ou non, estable ou en devir— sexa o único interese do pensamento, a filosofía retoma a especulación como maneira de pensar o absoluto, como xeito de debruzarse na realidade. Non só a realidade política, que é a realidade do suxeito, senón a realidade do mundo, das cousas, da materia. O ensaio é, esencialmente, especulativo; para ensaiar un pensamento cómpre especular, como dicía Hegel.

Pensar que a realidade significa soamente estar en guerra ou cando menos dispostos a dar a batalla, é unha obsesión que reduce a “interpretación” filosófica e ensaística a un uso restrito. Abandonar ese uso non quere dicir recluír a filosofía en si mesma senón, pola contra, amosar o nexo esencial que a une coa realidade.

A filosofía non pode continuar centrada nun construtivismo xeneralizado respecto dos feitos; a positividade de algo dado e que nos é transmitido non pode ser producida. Velaí unha filosofía positiva e materialista en contraposición á filosofía poscartesiana como filosofía negativa, ou construtivista; de Descartes en diante a certeza filosófica obtense mediante unha construción do pensamento: o que está feito pola mente humana é, por iso mesmo, certo. Pola contra, para unha filosofía materialista, a realidade e os obxectos son tanto máis certos en canto son dados, i. e., en tanto se impoñen á consciencia humana en troques de seren producidos por esta.

Velaí a posición do pensamento filosófico —e, necesariamente, do ensaio con el— como cousa actual, como actualización das ideas na realidade. De feito, a revolución moderna non consiste, como sostiña Kant, en facer depender o mundo do suxeito —e, en consecuencia, da pólis— senón en integrar o suxeito no mundo.

Por outra banda, para reflexionar sobre a actualidade do ensaio, tamén coidamos necesario considerar o papel dos libros electrónicos nos seus diversos formatos (epub, PDF, etc.), que no ámbito do pensamento están cada vez máis presentes, especialmente no que se refire á edición en Acceso Aberto. Nese terreo, habería que situar a política de traducións e a introdución de novas liñas de pensamento, tal como desde Euseino? Editores estamos a facer co realismo especulativo e autores coma Quentin Meillassoux e Maurizio Ferraris.

Outra cuestión non menos importante é a da función das publicacións periódicas (tamén as electrónicas, coma Anotacións sobre literatura e filosofía) en relación coa difusión das achegas e do debate da actualidade filosófica e ensaística. Nese senso, a posición do ensaio sobre literatura pensamos que debería merecer tamén unha atención maior, atención que agora adoita concentrarse exclusivamente na crítica literaria publicada polos xornais. Pensar a literatura tamén é unha das funcións do ensaio; neste país carecemos dunha reflexión fonda sobre a estética literaria, agás achegas coma as de Miriam Sánchez Moreiras e Chus Pato. Ou artigos coma Poesía e infancia. A reflexión ensaística sobre a función da literatura na sociedade actual tamén é ben necesaria, velaí a polémica ¿Cara a onde vai a literatura galega?, así como o ensaio de Xosé Monteagudo no que se expón unha crítica da orientación exclusivamente psicagóxica do feito literario vencellado á recepción e a necesaria reflexión de Inma Otero sobre o papel das mulleres na literatura.

En conclusión, reportaxes coma a de Sermos Galiza serven de estímulo para ampliar a reflexión sobre o ensaio, situándoo en relación co pensamento actual sen condenalo a unha dependencia exclusiva da actualidade quer política quer xornalística.

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

O libro en acceso aberto entra na Tabela dos Libros

A verdade errada“, de Rebeca Baceiredo, seleccionado pola crítica

Se non nos falla a memoria, co libro de Rebeca Baceiredo publicado por Euseino? na colección Rúa do Sol, a edición dixital en acceso aberto entra na lista de libros recomendados pola crítica a través da Tabela dos Libros publicada en Criticalia.

Trátase dun feito importante, xa que consideramos que a difusión en acceso aberto é fundamental para a filosofía e tamén para o pensamento sobre literatura. O progreso da filosofía é inconcibible hoxe en día sen as publicacións dixitais a través da Internet, que en todo o mundo se converteron no medio de difusión, de intercambio e contraste de formas de pensar diferentes.

O dinamismo e capacidade concepción da filosofía deste século débese en gran parte á difusión en acceso aberto, que permite a lectores e autores unha axilidade e unha potencia de relación polo de agora nunca vista. O realismo especulativo, introducido no noso país a través de euseino.org, é un caso paradigmático, xa que esta corrente de pensamento xurdiu e se difundiu por medio dos blogues e das revistas dixitais non venais coma Anotacións sobre literatura e filosofía.

Aqueles que apoiamos o progreso sabemos que sen un pensamento con curiosidade intelectual, non dogmático e ao dispor de todo tipo de lectores ese progreso non é posible. Para iso tamén é fundamental unha cultura en contacto estreito coa doutros países e idiomas. De aí que Euseino? se esforce en traer ao galego autoras e pensadores doutras partes do mundo, labor facilitado polo acceso aberto e a difusión dixital. O acceso aberto e o libro dixital en todos os seus formatos é un medio indispensable para unha filosofía que queira amosar o nexo esencial que a une á realidade.

Desde euseino.org agradecemos a Inma Otero o seu labor de difusión e crítica, agradecemento que facemos extensible a Armando Requeixo e aos demais críticos literarios e autores de blogues que difunden as publicacións en acceso aberto e formato dixital.

SaveSave

SaveSave

“A verdade errada”, de Rebeca Baceiredo

Novidade en edición electrónica e acceso aberto

En acceso aberto e dous formatos —PDF e libro electrónico— Euseino? Editores publica A verdade errada e a representación errante de Rebeca Baceiredo, un novo ensaio no que a autora da Revolución non vai ser televisada reflexiona lucidamente sobre a función da imaxe, e polo tanto da representación e da verdade, na sociedade contemporánea.

A filósofa pregúntase se todo discurso, toda enunciación pon en perigo a interioridade do suxeito, se este realmente nunca chega a posuír o seu discurso. Se emite, reproduce o escoitado e visto, as ficcións arquetípicas, ou se podería falar desde fóra de si, desde fóra de si como suxeito, afastado da forma gramatical coa que se representa. Polo tanto, se a tal fala pode ser articulada a partir da autorreflexión ou se soamente pode ser pensamento do pensamento, palabra da palabra, representación.

O libro fai unha exposición directa, non exenta de interrogacións e cuestionamento, da modernidade e da produción de epistemes. A socioloxía, o positivismo e o marxismo, incluídas as distintas semióticas e réximes de verdade. Baceiredo analiza as imaxes, a representación e a produción de verdade, pregúntase sobre a oposición entre verdade e ficción e introdúcese na fragmentación ontolóxica da representación para logo analizar a subxectivación dixital, o ego fronte á identidade.

Nunha parte final especialmente inovadora e suxestiva, dilucida o papel da arte e a apertura de sentido, a apropiación ou cuestionamento do réxime de verdade nas linguaxes, especialmente na fotografía e no cinema.

Un libro que, como adoita facer en cada un dos seus, amplía o campo de interese da obra de Rebeca Baceiredo a unha das cuestións esenciais do noso tempo. Un ensaio que analiza e simultaneamente fai unha síntese orixinal e esclarecedora dun tema que configura e dá forma á vida contemporánea.

 

Acceda á descarga gratuíta na ligazón:

A verdade errada e a representación errante, por Rebeca Baceiredo

 

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSaveSaveSave